Asociación de profesionais dos CIM – ASOCIM G94.134.038
PROPOSTA RESPECTO DO FUTURO REGULAMENTO LEXISLATIVO DA CORRESPONSABILIDADE PARENTAL NOS CASOS DE CESE DA CONVIVENCIA
Coñecedores da IPL -número de rexistro 331-, sobre a custodia compartida, as persoas que integramos a Asociación de profesionais dos CIM cremos necesario expoñer alguns dos criterios que, ao noso parecer, deben ser as bases sobre as que se fundamente a redacción da norma. Tamén consideramos que é a nosa obriga expoñer algunhas das realidades, ás veces dramáticas, coas que nos atopamos día a día no desenvolvemento do noso traballo e que non poden ser esquecidas polo lexislador, toda vez que provocarían unha clara discriminación e aumentarían o sufrimento das mulleres máis vulnerables, principalmente as vítimas das diversas violencias machistas. En España, a custodia compartida non é unha novidade; está regulada no artigo 92 do Código Civil, modificado pola lei 15/2005, que esixe o acordo entre as partes que a solicitan. En Europa, non é a pauta. En Francia e Bélxica existe esta modalidade sempre que sexa acordada. En Finlandia, Noruega, Austria, Italia, Alemaña, Inglaterra e Escocia, nos supostos de separación ou divorcio, as proxenitoras e proxenitores poden chegar a un acordo sobre a responsabilidade parental e, se non o conseguen, o asunto terá que ser resolto polos tribunais. Irlanda non recolle en ningún caso este suposto. En Australia, pola contra, a lei obriga a xuíces e xuízas a considerar o reparto igualitario do tempo dos e das menores entrambos proxenitores, o que levou a un incremento dos casos de residencia compartida. Máis de dez anos despois de práctica os resultados son desalentadores: detectáronse importantes problemas de comportamento en menores polo estrés padecido co cambio continuo da persoa coidadora, derivados da dificultade de comprensión da súa nova situación. Ademáis tense constatado que o continuo traslado dun fogar a outro pode ocasionarlles, en moitas ocasións, desequilibrios psicolóxicos importantes. Daquela considerouse que a residencia compartida era a mellor opción, o que conlevou un incremento da casuística alí onde menos conviña, dando lugar a situacións moi prexudiciais para os e as menores implicadas. Así pois, a reforma australiana está a ser amplamente críticada por tratar de dar unha sensación de xustiza e de igualdade primando a defensa dos intereses dos pais e as nais fronte aos da súa proxenie. Por outra banda, en EEUU existen dende hai tempo asociacións de fillos e fillas que viviron a custodia compartida e non puideron desenvolver con normalidade as súas vidas. Estas experiencias deberían levarnos a actuar con cautela na aceptación dunha norma legal tan cuestionada. 1