UNHA CONVERSA CO CIM DE MACEDA "Somos un concello rural do interior, cunha poboación de 2.932 habitantes e 54 núcleos de poboación, dispersión xeográfica que dificulta o acceso aos recursos, e unha alta porcentaxe de persoas maiores de 65 anos"
Seguindo a liña de entrevistas a persoal técnico dos CIM galegos, ASOCIM entrevista a Ana Álvarez, psicóloga e directora do Centro de Información á Muller do Concello de Maceda, para coñecer de preto as particularidades do traballo nun CIM do rural ourensán onde as maiores trabas para achegar este servizo ás mulleres son a dispersión xeográfica, a falta de transporte regular e axeitado e o envellecemento da poboación.
O CIM de Maceda atende unha media anual de 150 consultas sendo as problemáticas máis frecuentas as relacionadas con dereito de familia e situación vitais que deriven en dificultades para a xestión e impacto emocional das mesmas. Os servizos que proporciona o CIM van desde a información sobre recursos ata o asesoramento xurídico pasando pola atención psicolóxica, a atención específica a mulleres vítimas de violencia de xénero e a realización de actividades. Neste CIM, situado nunha área xeográfica que conta cunha alta porcentaxe de poboación maior de 65 anos, coñecen moi ben as barreiras que imposibilitan que as mulleres vítimas de violencia de xénero desa idade decidan denunciar a súa situación: a dependencia económica, o descoñecemento, a falta de apoios e unha xustiza que non sempre as acompaña nos delicados pasos deste proceso, son muros difíciles de derrubar pero grazas ao traballo de xente como Ana Álvarez son máis febles cada día que pasa.