UNHA CONVERSA CO CIM DE OURENSE "É evidente a insuficiencia de persoal no CIM de Ourense. Aínda que cumpre cos requisitos mínimos de persoal esixido, ao ser a terceira cidade galega en número de habitantes, a demanda excede a capacidade de resposta ás necesidades das usuarias" Continuando coas entrevistas ao persoal técnico dos Centros de Información á Muller, conversamos nesta ocasión con María Elena De Jesús Rodríguez, psicóloga e directora do CIM de Ourense, sobre o traballo e as necesidades deste centro que leva activo desde 1988, cando se puxo en marcha baixo o nome de Centro Asesor da Muller. Dada a dimensión e a diversidade da poboación a atender, demandan máis traballadoras cunha formación especializada que lles permita prestar un servizo con todas as garantías. Catro de cada cinco usuarias que atenden no CIM de Ourense son mulleres en situación de violencia de xénero. Durante o 2019 contabilizaron 999 consultas correspondentes a 176 mulleres con expedientes abertos. Así mesmo, destinan unha parte importante dos recursos dos que dispoñen a programas que facilitan a conciliación, acompañan a mulleres e menores vítimas de violencia de xénero ou de índole educativa a prol da igualdade, como tamén a estudos e publicacións. Por poñernos en situación, cales son as especificidades do voso CIM? O centro de Ourense abriu as súas portas a finais de 1988 coa denominación de Centro Asesor da Muller, sendo, polo tanto, un dos primeiros recursos destas características na nosa comunidade. Recibía daquela apoio económico do Instituto de la Mujer e contaba cunha psicóloga, unha asesora xurídica e unha auxiliar administrativa. Co tempo foi sentando as bases para converterse nunha Concellaría de Igualdade, onde está integrado o CIM, se ben na práctica o persoal da dita concellaría case é o mesmo que o do CIM: psicóloga-directora, asesora xurídica, xefa