A COLINA SILENCIOSA Fátima Burés Mario Lorenzo Javier Louzao María sabugueiro 4º ESO A
Hai cinco anos que a miña mellor amiga morreu de forma misteriosa nunha colina preto da nosa cidade, chamada “A Colina Silenciosa”. Desta misteriosa colina dise que, calquera que a pise, non pode regresar xamais sen o consentimento do seu dono. A colina está sempre chea de nubes e con temperaturas baixas. Conta a historia que, antigamente, vivía xente alí, pero un día unha treboada catastrófica arrasou con todo. Ninguén sobreviviu, pero dise que as almas das persoas que antes vivían seguen camiñando pola colina sen rumbo fixo e coa ilusión de ver algún mortal que lles explique o porqué do sucedido cos seus fogares. O dono de “A Colina Silenciosa” é a alma do alcalde da cidade destrozada que existiu na colina. A miña mellor amiga non era consciente do que lle esperaba cando me preguntou se quería ir con ela a explorar a famosa colina da que falaba todo o mundo. A ela encantáballe o medo e o risco, pero eu sempre fun máis parado e temeroso. Aínda cos meus pensamentos negativos cara á súa proposta, aceptei ir con ela porque, ao fin de todo, Alana era a miña mellor amiga. Aínda que aceptei acompañalade de moi mala gana, non podía deixala ir soa a aquela colina tan terrorífica. Así que cando ao día seguinte empezou a preguntar canto tempo poderiamos estar alí arriba, que comida poderíamos levar, se pasaríamos alí a noite… eu non podía evitar sentir un gran desacougo. Despois de falalo, quedamos en que iríamos ao rematar a escola, comeríamos un bocata de camiño e estaríamos alí ata o atardecer, pois eu non quería estar alí cando anoitecese. A noite antes da nosa “Gran Expedición”, non podía conciliar o sono do medo que xa estaba a sentir, e non podía parar de preguntarme se Alana non sentiría o mesmo ca min. Chegada a mañá, fomos á escola, e case non estivemos atentos a clase, eu dos nervios e Alana das ganas que tiña de ir dunha vez por todas alí. E cando por fin tocou o último timbre, a miña mellor amiga empurrábame cara á saída para non perder máis tempo do necesario. A colina quedaba lonxe, pois primeiro había que ir ata ela, e logo, como pretendía ela, subila para investigar. De camiño, Alana e mais eu entretiñámonos con pasatempos, quebracabezas ou xogos. Ao final, paramos para xantar, e o ceo comezou a nubrarse, cousa que a min non me fixo nin pizca de graza, pois iso dáballe á colina un aspecto aínda máis tenebroso do que xa tiña. Pero eso non fixo cambiar de opinión a Alana.
Retomamos o camiño e ela seguía tan faladora coma na mañá mentres que eu ía pouco a pouco encontrándome peor. Cando ao fin chegamos, (como dixo a miña amiga) á entrada da colina, xa era ben pasada a tarde, pero isto non a fixo minguar. Comezamos a subir así a colina, que tiña árbores altísimas, no que só me fixei cando estábamos moi preto, polo que as polas destas, facían aínda máis escura a nosa pequena viaxe. Alana miraba por acá e por acolá, buscando algo interesante, mais nin eu nin ela encontraramos nada. E así foi cando o camiño se dividiu en dous. Alana empeñouse en que nos separáramos e nos reunísemos na parte de arriba da colina, onde os camiños, segundo ela, volvíanse a unir. Pois así, teríamos máis posibilidades de encontrar algo interesante. Moi ao meu pesar, acabei por aceptar ante a insistencia da miña querida amiga. Se chegase a saber o que ía a pasar a continuación, xamais a volvería a deixar soa. Así foi como comecei a camiñar só. Non podía evitar asustarme ante calquera ruido, sexa o cruxir dun pau, coma o piar dos paxaros. Xa comezaba a atardecer, pero non faltaba moito para chegar onde tiñamos que reunirnos. Así que, sacando coraxe onde non o hai, seguín o meu rumbo, esperando que Alana non se entretivese moito no camiño, pois sabendo como era, podíase parar con calquera parvada. E ao fin cheguei, ao cume da colina, as árbores esparcíanse, xa que había dúas grandes rochas, que se subías a elas, podías ver todo o bosque da colina. Non había nin rastro de Alana , aínda que xa o esperaba, pois ben podía ser capaz de ficar entretida mirando unha mosca. Pero eu esperaba que non tardase moito, pois non era que estivese moi agusto eu só alí arriba. Máis esperei, e esperei, e o atardecer xa estaba a acabar, pouco faltaría para que empezara a anoitecer, e ía moito frío; non trouxera nada de abrigo, pois os nosos plans non eran quedarnos ata tan tarde na colina. A miña mellor amiga Alana seguía sen aparecer e cada vez estaba máis seguro que a idea de ir explorar aquela maldita colina, non fora boa idea, moito peor que a ocorrencia de separarnos polo camiño. E foi entón, cando escoitei un terrible berro. O berro era terrorífico. Máis que un berro, parecía un ruxido e non era humano. Volvín a escoitar o mesmo son, e un calafrío percorreume as costas. Semellaba que proviña do outro lado do outeiro.
O medo paralizoume uns minutos. Eu só quería correr. Correr sen mirar atrás ata alonxarme daquela tenebrosa colina. Pero cando quixen facelo, no puiden. Pensei en Alana. O berro non fora dela, é certo; mais, e se estaba en perigo? E se o que proferirá aquel son atopara a miña amiga? Co medo no corpo, comecei a andar, vixiando as miñas costas. Camiñei durante un tempo, na dirección onde soara o berro. De sócato, tropecei con algo. Como era xa noite pecha, ao principio non distinguín o que era, pero ao collelo na man souben o que atopara. Era un dos zapatos de Alana! Tiña pingas de sangue, ainda sen secar. Case ao lado, atopei o outro. Tras comprobar ben o camiño, vin que os zapatos non eran o único raro no sendeiro. Observei as enormes pegadas que entraban por un lado do camiño, facían unha pequena revolta no lugar onte atopara eu os zapatos, e volvían a mergullarse na escuridade da noite, entre a herba. Decidín seguir as marcas: tiña que atopar a miña amiga. De cando en cando, as pegadas tiñan no seu interior pequenos rastros de sangue. Mentres camiñaba, procurando ver na escuridade, os sons da noite facían que o medo medrara máis e máis no meu interior, mesturando cos tremores que sentía polo frío penetrante. Podíase escoitar o vento soprando entre as follas das árbores, o son das ramas que cruxían ao romperse baixo os meus pes, o piar dos mouchos, que me miraban cos seus grandes ollos… O medo transformouse en auténtico terror cando volvín a escoitar aquel berro sobrehumano, máis preto esta vez. Comecei a correr, e non parei ata quedar sen alento. Diante miña atopei a entrada dunha cova que, non sei por qué, chamábame a atención. Paso a paso, case sen querer, entrei na caverna. Había luz ao fondo, así que continuei. Segundo me achegaba, o acougo medraba dentro de min. Cheguei ata onde estaba a luz, que resultou ser unha primitiva fogueira. Non había ninguén, pero volvín a ver as pegadas. Seguinas coa mirada, e o que vin ao final xeoume o sangue. A enorme figura observoume cuns grandes ollos vermellos, que parecían sorrir con desexo. Soltou un ruxido, momentos antes de desaparecer nun corredor da cova, que baixaba ás profundidades da colina. Levaba a miña amiga Alana ás costas.
Tardei en reaccionar uns instantes, e para cando o fixen, xa era tarde, a besta coa miña compañeira desaparecera. Pese a pouca visibilidade, puiden observar que o grande robusto ser movíase con áxiles e fluidos movementos, semellantes aos dun felino. Non o dubidei nin un instante, e adentreime na corredoira que anteriormente “El” surcara con Alana. Percateime de que levaba unha lanterna no peto, pero por desgraza quedáballe pouco tempo de vida e a luz tintineaba, facendo aínda máis aterrador o silenzo que me penetraba polos oídos. Aínda así, tiña que continuar, Alana era o amor da miña vida e non o podía perder. Sí, era o amor da miña vida, intentara pensar que non, pero gústame dende había tempo, e cando a levou, deime conta da verdade. Tras dúas longas e estremecedoras horas deambulando por aquel túnel frío e húmido, vin unha luz ao lonxe, desta vez non se volvería a escapar. Acerqueime amodiño, sen facer ruído, e ocultándome na escuridade para que non me vise, se era que estaba alí. A medida que avanzaba, a luz facíase máis densa, ata que cheguei a ela. O estreito túnel abríase nunha inmensa galería que tiña coma un altar no centro. Nel estaba tumbada Alana, e non observaba a besta por ningún sitio. Cando me dispoñía a ir xunto ela, apareceu e regardeime tras unha rocha. Por fin puiden ver por completo todos os trazos do misterioso ser. Era aínda máis grande do que pensaba, estaba recuberto dun pelo loiro e denso, manchado polo barro da cova, as súas mans eran de persoa, pero con unhas gadoupas afiadas, semellantes ás dun tigre. Tiña o fociño alongado, cheo de dentes coma os dun depredador, os seus ollos vermellos eran enormes, e a súa mirada penetrante non che deixaba pensar con claridade. Non percibiu a miña presenza e dirixíase directamente cara a Alana, disposto a arrebatarlle a vida. Non o podía permitir. Peguei un berro. Miroume. Xa non podía facer nada, todo estaba a piques de rematar…