I CONCURSO HUMANÍSIMOS DE FOTOGRAFÍA DE BIBLIOTECA Entidade convocante: Universidade da Coruña (Campus Industrial-Ferrol) Xénero: Fotografía de Biblioteca. Aberto á participación de: Estudantes de ESO e Bacharelato matriculados nalgún centro de ensino da comunidade galega durante o curso 2017-2018. Bases: O Campus Industrial da Universidade da Coruña convoca o I Concurso Humanísimos de Fotografía de Biblioteca, co obxectivo xeral de divulgar a importancia das Humanidades e, en particular, dos estudos de Biblioteconomía, ademais de promover o hábito da lectura. Establécense dúas categorías: unha para alumnos/ as da ESO e outra para alumnos/as de Bacharelato. Os traballos deberán ser orixinais e de creación propia do autor/a, inéditos e non ter sido premiados noutro certame. Están expresamente excluídas as fotomontaxes. Só se poderá presentar unha fotografía por concursante e necesariamente deberá gardar relación coa temática das bibliotecas. Enviarase preferiblemente por correo electrónico á dirección oficina.campusindustrial@udc.es, facendo constar no asunto I Concurso Humanísimos de Fotografía de Biblioteca e a categoría na que concursan (ESO ou Bacharelato). Deberá incluír: -Arquivo nomeado co título elixido para a fotografía, que conterá a propia imaxe en formato JPG, TIFF ou PNG, cunha resolución mínima de 300 ppp e un tamaño mínimo de 20x24 cm (vertical ou horizontal). -Arquivo en PDF nomeado co mesmo título elixido para a fotografía. Deberá incluír un breve texto explicativo da imaxe así como o lema ou pseudónimo elixido. -Arquivo en PDF nomeado co lema ou pseudónimo elixido. Incluirá os datos personais do autor (nome, apelidos, DNI ou pasaporte, dirección postal, correo electrónico, número de teléfono e centro ao que pertence). Este terceiro arquivo só se abrirá cando o xurado teña emitido o seu dictame. As fotografías poderanse presentar tamén en papel fotográfico. Neste caso poderanse entregar en man ou enviarse por correo postal ou mensaxería á Oficina do Campus Industrial. R/ Dr. Vázquez Cabrera, s/n. Campus de Esteiro 15403 Ferrol. Nun sobre grande que especifique no seu exterior I Concurso Humanísimos de Fotografía de Biblioteca e a categoría na que concursan (ESO ou Bacharelato) deberase incluír: -Tres copias da fotografía, en tamaño mínimo de 20x24 cm (horizontal ou vertical) e montadas sobre paspartú. -O título da fotografía e un breve texto explicativo e un lema ou pseudónimo, sen incluír firma nin nengún outro elemento que puidera desvelar a identidade do autor/a. -Un sobre á parte nomeado co título da fotografía e o lema ou pseudónimo elixido. Dentro incluirá os seus datos personais (nome, apelidos, DNI ou pasaporte, dirección postal, correo electrónico, número de teléfono e centro ao que pertence). O prazo de presentación estará aberto ata as 14.00 horas do día 31 de maio de 2018. O fallo do xurado será inapelable. O xurado estará formado por a vicerreitora do campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres; o director do Campus Industrial, Ginés Nicolás Costa; a fotógrafa Helena Segura Torrella (premio Descubrimientos de PHotoEspaña, Shots Young Photographer, Isaac Díaz Pardo e Mostra de Arte Gas Natural Fenosa); Jesús Cardenal, profesor da UDC, e Suso Basterrechea, artista plástico, profesor e concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol. Actuará como secretaria, con voz pero sen voto, María Ares, xefa do gabinete de comunicación da UDC. Os premios poderanse declarar desertos se o xurado así o estima oportuno despois de avaliar a calidade dos traballos presentados. O Campus Industrial da UDC realizará unha publicación sobre o concurso Humanísimos na que se incluirán as dez mellores fotografías (cinco por cada categoría). Os autores/as recibirán, ademais dun exemplar desta publi-
cación, un diploma, e os premiados en cada categoría terán un agasallo conmemorativo, así como unha copia do vídeo que se gravará no acto público de entrega de premios que se celebrará no Campus no mes de xuño. Neste acto estarán expostas as fotografías seleccionadas. A participación no concurso supón a aceptación das presentes bases. A UDC é competente para resolver aquelas cuestións que non estean incluídas nas bases e interpretar as dúbidas que poidan xurdir na súa aplicación.