Teses ANC Isca!

Page 1



::: Sumario :::

[ Tese política ] [ 5 ] [ Análise da situación do BNG ] [ 11 ] [ Princípios ideolóxicos ] [ 17 ] [ Resolucións ] [ 19 ]



Galiza, clase, suxeito, nacionalismo e representatividade A mocidade non é un sector estanco da sociedade. A mocidade galega é parte da sociedade galega e como tal sofre as consecuencias da dependencia colonial da nosa nación. A definición de mocidade ven dada en primeiro lugar pola idade, mais fundamentalmente polo grao de integración na estrutura social concreta, isto é, no mundo laboral, e nas relacións de tipo familiar. Estamos polo tanto perante unha parte da sociedade especialmente sensíbel aos procesos de cambio social xa que esta composta por persoas que están a iniciar a súa andaina cara a autonomía persoal, isto é, están a cabalo entre dúas realidades, entre dous tempos, a dependencia (familiar, educativa, etc) e a autonomía (vida laboral, emancipación familiar, etc..). Unha situación como a que o noso país esta a viver actualmente (cambio social, terciarización da súa economía através da destrución de sectores produtivos básicos, precarización do emprego, relacións complexas entre o mundo urbano e o rural, masificación da cultura de consumo...) converte a mocidade nunha parte extremamente vulnerábel da nosa sociedade. Entre outras cousas porque para as clases hexemónicas no actual sistema a mocidade coas súas particularidades supón un excelente “coello de indias” na súa ofensiva neoliberal. O fomento da “luita interxeracional” interesa aos sectores hexemónicos para dividir a clase traballadora (precarízase o emprego xuvenil, rebaixanse os salarios, temporalízase o emprego: a mocidade convértese en mao de obra máis barata) e os povos (introdúcense através da mocidade modas estranxeirizantes...). Neste sentido a “criminalización da xente moza” é máis un paso que favorece a hexemonía das clases dirixentes endóxenas e exóxenas. O neoliberalismo é unha realidade na nosa nación. E non porque veña imposto desde instancias exteriores, como desde unha visión nacional interclasista se pode querer facer ver, senón porque conta no seo da nosa nación con sectores político-sociais que son a súa representación na nosa realidade concreta. Se ben a clase social hexemónica beneficiada pola política neoliberal no noso país ás veces actúa favorecendo intereses das faccións dominantes do capital máis do que os seus proprios (como, aliás, sucede tamén na escala internacional onde o proxecto neoliberal supón a primacía da facción financeira frente ao capital industrial e comercial), son actores claramente secundarios na dinámica xeral do sistema e non son plenamente autónomos (están subordinados ao capital español e trasnacional); non podemos dicer que o neoliberalismo non teña bases proprias na nosa nación, que ben podemos identificar co que foi a política do Partido Popular de “Galicia”: un neoliberalismo “galego”, acoplado a tácticas


caudillistas e, ao menos eleitoralmente, hexemónico na nosa sociedade. Este neoliberalismo conservador que representa o Partido Popular, non é por suposto o único. Unha corrente menos conservadora autodenominada “socialista”, unha vez producida a mutación da terceira vía no seo da socialdemocracía oficial (da que foi pioneiro o Partido Socialista Obrero Español), agora no governo da Xunta, desde logo non vai pór en perigo os avanzos que nestes anos de autonomía acadou a clase social hexemónica en Galiza. Avanzos produto da baixa nos salarios, da temporalidade do emprego, do aumento da xornada laboral... avanzos que redundan nun aumento do nível de vida do empresariado. Desde os anos 60 operaron unha serie de cambios na estrutura social e económica nacional que fixeron que dunha economía e unha sociedade esencialmente agrarias pasásemos a unha terciarización da economía e a unha maioría de asalariados na populación ocupada. Este cambio operou dunha maneira destrutiva nos sectores estruturais anteriores, o agro e o sector industrial (reconversión...), se ben nos vai colocando “perto” de outras realidades europeas. As relacións salarias estendéronse á maioría da populación ocupada, por volta dun 75%, o que configura unha realidade social distinta á anterior en que o nível das famílias galegas depende maioritariamente da súa renda monetaria. Os cambios sociais que tiveron lugar no noso país afectan tamén o nível educativo dos galegos e galegas (aceso á universidade), a incorporación das mulleres ao mercado de traballo (feminización do desemprego) e a extensión de determinados servizos a toda a populación. Este cambio veu axudado tamén pola relativa importancia dun sector público (funcionarial na administración, especialmente) xerador de rentas (tamén nas pensións). Se ben existiron unha serie de avanzos que afectaron o conxunto dos habitantes da Galiza, a relación conflitiva entre as clases así como o avazo neoliberal criaron tamén, e de cada vez máis, unha proletarización maior das clases traballadoras do noso país. En primeiro lugar porque a transformación estrutural non foi endóxena e foi destrutiva dos sectores produtivos básicos coa conseguinte perda de empregos e aumento da dependencia económica do país. En segundo lugar porque se ben as relacións salariais son maioritarias, estas son de carácter de cada vez máis precario (así o empresariado extrae maior gaño nunha economía dependente como a galega, sobre explotando a clase traballadora galega: salarios menores, maior temporalidade, longas xornadas laborais, mantemento dunha economía sumerxida...), xerando ademais altas cotas de desemprego (especialmente entre a xente moza e as mulleres). No caso galego, ademais, contamos cunha particularidade derivada da nosa dependencia colonial (da nosa situación como nación periférica dentro do sistema) que fai con que a sustitución da emigración polo desemprego non sexa total, xa que para unha parte da nosa sociedade (especialmente para a mocidade) a primeira é a única saida posíbel. Por último existe unha tendencia a facer desaparecer o pequeno comercio en benefício das


grandes áreas comerciais de consumo. Do mesmo xeito, e ao desaparecer o peso que anteriormente tiña a produción agraria, configura unhas relacións complexas entre o mundo urbano e o rural (ainda maioritario no noso país). Polo que se refere á lingua galega, depois de 25 anos de autonomía a súa situación é dramática. Ainda o é máis se analisamos o comportamento lingüístico da mocidade. O problema xa non se resolve simplesmente con medidas legais, que sen dúbida algunha son un avanzo, mais que de nada valen se se continuan a perder falantes. Na República de Irlanda o gaélico é a primeira língua legal mais os seus falantes son unha minoría. Se ben é certo que unha língua minorizada debe ser útil e necesaria para que poida sobreviver, no actual marco neoliberal as relacións coa administración non son as únicas que ten a cidadanía. A precariedade laboral, a sociedade de consumo que enche o país de produtos estranxeirizantes... favorecen o retroceso do galego. O cuestionamento do actual sistema vai acompañado da defensa da lingua e non se reduce a meros formalismos democráticos baseados en criterios de maiorías ou minorías xa que pode que nun futuro de seguirmos así os galegofalantes sexamos unha minoría. Neste sentido, no noso país sobreviven dous tipos de diglosia, unha que relaciona o galego co español, e outra interna, provocada pola situación colonial, que estigmatiza as variantes proprias do idioma, prestixiando como galego aquelas falas máis aproximadas ao español. Esta división entre o modelo oral estándar escollido e os falantes tradicionais incide na división de clases e refórzaa, marcando as falas populares como vulgares. Isto non só estratifica clasísticamente a nosa lingua, senón que colabora no proceso de substitución lingüística do galego polo español. Imponse a construción desde abaixo dunha alternativa lingüística que cuestione a hexemonía esmagadora do español na súa totalidade (música, industria editorial, ocio...) e que se acompañe do cuestionamento da orde económica neoliberal (oposición á precariedade, á agroindustria, ao concepto de propriedade intelectual...) e que teña en conta a estrutura de clases nacional e que redimensione as relacións mundo urbanomundo rural, fundamentais para entender a nosa realidade particular. Por todo o dito anteriormente emerxen pois uns suxeitos polítcos, que se ben non son novos, no noso país cobran unha especial importancia e forza a partir de agora para calquer tipo de organización política transformadora: os traballadores/as, as mulleres e a mocidade. Nos últimos tempos estase a producir unha distancia cada vez maior entre as forzas políticas e a sociedade que estas din representar. Se ben esta distancia é normal que exista coas forzas políticas do sistema non o debería ser tanto no que se refere ás forzas de carácter transformador: progresistas e de esquerdas. Desde a esquerda tradicional téndese a identificar o dito de “todos os políticos son iguais” con posicións ideolóxicas que exclusivamente favorecen o avanzo da direita. Isto pode ser certo, mais o que realmente leva implícita esta sentenza é unha percepción que as clases populares extraeron tamén da


experiencia histórica que lles tocou viver e que cada vez máis corre o risco de se transformar en realidade. Hoxe por hoxe na maioría dos “políticos profisionais” en activo existe unha tendencia á homologación do discurso (a existencia dun discurso político único en que semellan non existir diferenzas ideolóxicas de fundo) e, o que é ainda máis grave, á exercer unha prática moi semellante unha vez que se acada o control institucional. A tendencia xeral nos grupos situados en posicións teóricas progresistas e de esquerdas é a de se converteren en meros “xestores do existente”, burocratizando as súas organizacións políticas, verticalizando a dirección e conservando as relacións entre representantes e representados típicas das democracias formais. Ao reducir o direito de participación política do conxunto da cidadanía ao exercicio eleitoral interpartidario transfórmase o povo en espectador de si proprio, e efectivamente pode ser usado polo poder para guiar cara ao apoliticismo, co fin de excluir os sectores populares da participación política; os sectores populares fican cunha aceitación resignada ou con débeis e esporádicas manifestacións de resistencia. O nacionalismo galego maioritario non é unha excepción xa na Europa. A ollos de cada vez máis sectores do povo galego o BNG é unha forza política tradicional máis no panorama partidario institucional galego. O carácter representativo das demandas das clases populares, de sectores da mocidade, etc está a deixar paso a unha liña política cada vez máis interclasista (ocultando a realidade da luita de clases na nosa nación) e que dilúe as súas reivindicacións máis claramente nacionalistas e populares en beneficio da mera xestión. Isto estase a producir nun momento especialmente grave en que amplos sectores populares descontentos coa situación actual non atopan as vías políticas que canalicen o mesmo. O nacionalismo actual corre o risco de deixar de representar a aqueles suxeitos que máis estan a sofrer a situación actual de dependencia nacional, que son tamén os máis dispostos a luitar por transformar o actual estado de cousas. Neste sentido o nacionalismo hoxe representado polo BNG parece dirixirse especialmente ás capas medias da populación (vinculadas aos asalariados dependentes da administración: nomeadamente ensinantes e funcionarios), que son curiosamente as que estan a dirixir neste momento a Frente. Estas capas medias beneficiáronse relativamente do reparto da renda nos últimos 20 anos: non suportan os níveis de precariedade laboral ao que están suxeitos o resto dos asalariados, en muitos casos elevaron o seu nível de vida e atoparon un oco relativamente cómodo no actual marco. A conformación actual do nacionalismo corre o risco, polo tanto, de deixar de ser representativa para aqueles sectores que fixeron posíbel o seu medre eleitoral. Detras das análises extremamente pesimistas que a dirección da frente realiza após cada resultado eleitoral insatisfactorio (externalizando a crítica), agóchase un enorme pesimismo coas potencialidades que realmente o noso país ten (que o povo galego ten) e que posibilita estraños “compañeiros de cama”: alianzas


estratéxicas entre “familias ideolóxicas” supostamente diverxentes no BNG. Unha visión que centra todas as análises nunha coxuntura internacional e estatal negativa para os movimentos transformadores atopa os seus “compañeiros de viaxe” en posicións “pragmáticas” e mornamente nacionalistas encantadas cunha situación de xestión do escaso espazo político autonómico. Estase a dar por tanto unha análise falsa desde a dirección da fronte de que a sociedade galega non entende a nosa posición porque é sumisa ao poder establecido, ao que lle ven desde fora, etc., afirmando incapacidade mesmo para reivindicar cambios, e por iso, imposibilita que o noso discurso poda ser entendido por unha maioría da sociedade galega. Isto significa, máis unha vez a falta de autocrítica desde o seo do BNG, tirando balóns fora e chegando a ridiculizar a sociedade galega no seu conxunto. Somos nós, como nacionalistas os que temos que ser capaces de crer no noso pobo e así poder defendelo e luitar desde as bases pola súa mellora e benestar. Por outra banda visións pretendidamente “ortodoxas” no que se refere á relacións entre organización política-movimentos sociais non fan máis que dificultar o camiño de transformación da realidade. Unha visión que asume o movimento social como mera correa de transmisión das decisións da organización política non é capaz de articular tras de si os diversos suxeitos transformadores, unha das tarefas prioritarias neste momento histórico. Hoxe en día impóñense, máis do que nunca, relacións de horizontalidade entre as organizacións políticas e os movimentos sociais nacionalistas, relacións en que cada un dos axentes traballe o seu espazo sen interferir no dos demais e que se baseen no desenvolvimento dun programa estratéxico de maior alcance que o dos catro anos interelectorais. Continuar coa vella idea de non respeitar a autonomía dos movimentos sociais supón perpetuar a idea (hoxe en día conseradora) de que só fan política as organizacións que participan no xogo representativo parlamentario, os ventos en Galiza e no mundo están a ir xa noutra dirección. Sen avanzos na movilización social, sen a criación de bases de poder político proprio desde a base, non poderá existir nengunha transformación real por muito que unha forza progresista controle a administración do poder institucional. Un dos obxectivos fundamentais dunha organización nacionalista e de esquerdas, polo tanto, debe ser a de criar instrumentos de representación popular directos e fomentar a súa participación na vida pública das organizacións populares, non o mero eleitoralismo e o utilitarismo do movimento social. Unha organización nacionalista e de esquerdas debe ser absolutamente democrática no seu funcionamento xa que a construción do poder desde abaixo comeza pola propria organización. Do mesmo xeito o debate político e de ideas e non a mera xestión debe ser o debate fundamental nunha organización política transformadora que, ademais, non debe ser impermeábel ás demandas dunha sociedade á que di representar. É necesario acadar un novo tipo de militante, que use todas as súas enerxías en organizar o povo que vive e traballa, que mantén a


coerencia entre medios e fins, que constrúe un novo modo de vida sen ruptura entre o pensamento e a acción. Neste momento urxe a construción dun espazo político transformador no seo do Bloque Nacionalista Galego. Un espazo que articule as demandas da clase traballadora, da mocidade e das mulleres, isto é, da maioría da nosa nación. Este espazo debe construír un programa de transformación socialista en clave soberanista da nosa nación. Nós como mocidade revolucionaria e socialista vamos aportar a nosa contribución ao mesmo en base aos seguintes pontos: Autodeterminación: O dereito irrenunciábel de todos os pobos a decidir o seu futuro é eixo básico do traballo político nunha nación colonizada como a nosa. A conquista da soberanía nacional só é posíbel nun proceso en continuo andamento, que non pode ficar limitado á loita por un ou outro marco xurídicopolítico decidido por referendo. Socialismo: Recollemos as ideas de Marx, Engels e Lenine apartir das cuais se funda unha teoría política que interpreta a realidade concreta de cara á súa transformación revolucionaria. Un movimento autenticamente transformador só pode levar á democracia participativa como forma de governo, e recíprocamente, o obxectivo dunha democracia que sexa tal só pode ser a transformación radical da sociedade, no noso caso a liberación dun país oprimido. Construción de poder desde abaixo: A transformación revolucionaria da nosa realidade comeza agora. Criaremos, participaremos e fomentaremos aqueles organismos e organizacións populares realmente democráticas e compremetidos co país. Antiimperialismo: A luita pola liberación nacional de Galiza incrébese dentro da luita mundial dos povos contra o imperialismo e o capitalismo.


Análise da situación do BNG Nos últimos anos, o BNG avanza con paso firme no camiño da súa equiparación ás demais forzas políticas do sistema. Asúmese desde a dirección da organización nacionalista o dogma de que existe unha soa forma de facer política , baseado no electoralismo, na mercadotecnia e no non cuestionamento do “status quo” vixente, e é dentro desas coordenadas onde aspira a consolidarse a actual dirección do BNG. Por medio dunha mudanza progresiva, sen que existise até o momento nengún punto de inflexión que explicitase a viraxe (pois esta nin sequera se recoñece formalmente), deuse unha evolución que ainda continúa e que aspira a situar ao BNG como un actor máis no cenario político do sistema, que actúe ao servizo deste e abandone o proxecto de ruptura democrática que orixinariamente defendeu. Por contra, reitérase recentemente os chamamentos ao papel de garante da estabilidade ou centralidade que supostamente lle corresponde xogar ao BNG e ao nacionalismo no contexto do Estado. Nesa liña, no discurso oficial renúnciase xa a exercer o poder sobre nós proprios, a construir poder proprio, só aspiramos a determinar o que outros teñen sobre nós. Por exemplo, a condicionar o governo de España, e como moito a que nos concedan certo recoñecemento simbólico como “autonomía de primeira”. Internamente xustifícase isto en base ás etapas que teoricamente deben darse no proceso de autodeterminación, máis na práctica o discurso e a praxe soberanista desaparaceron da linguaxe e o axir diario dos dirixentes do BNG, nen sequer como alternativa a curto prazo, renunciado a ligar os “pequenos pasos” co suposto obxectivo final. Enténdense, entón, as institucións como un terreo en que xestionar o existente mais desde as que se renuncia a transformar a sociedade, ou a sentar as bases para esa transformación, ou a utilizalas para xerar contradicións no sistema e respaldar as mobilizacións sociais. Renuncíase a calquer xesto que poda ser entendido fora da "normalidade institucional", do que se supón que ten que ser a actuación correcta dunha forza responsábel. O desexo da actual dirección do BNG de participar no “xogo político” deriva na lexitimación dun fascista como Fraga, no acatamento da bandeira española, en que non se denuncie o papel do exército ou das forzas de ocupación na Galiza ou non se cuestione unha instución tan reaccionaria e antidemocrática como a monarquía... Nesta liña, prodúcense alianzas preferentes con outras organizacións xa


plenamente instaladas nesas dinámicas, e de carácter xa non só claramente conservador, senón dubidosamente nacionalistas, como CiU, organización á que, xunto o PNV, se reducen case exclusivamente as relacións internacionais do BNG na actualidade. O obxectivo do sobredimensionamento que se lle dá a estas relacións é claro: equiparar de cara á opinión pública ao BNG a estas outras formacións centradas, responsábeis e moderadas. Abandónase voluntariamente á criación de consciencia nacional desde abaixo, e usando o como argumento esa mesma falla de consciencia no país, prodúcese unha clandestinización da ideoloxía, que fica limitada ao ámbito interno como autoxustificación continua ante a militancia. Entramos entón nun círculo vicioso: non se poden dicer determinadas cousas porque a sociedade non está preparada mais simultaneamente renunciamos a sermos nós quen a prepare, facendo pedagoxía nacionalista sen ocultar os nosos obxectivos. Como consecuencia disto, a mensaxe acaba por diluirse na mercadotecnia, dándolle máis importancia á forma que ao proprio contido, que acaba por ser camuflado ou deturpado en beneficio das estratexias publicitarias. Esta renuncia veu parella á asunción do eleitoral e institucional como eixo de traballo prioritario e case exclusivo. A actividade política do BNG planifícase só en base ás citas eleitorais de maneira que a organización parece estar nunha eterna precampaña en que se enmarcan mesmo datas como o Día da Patria. Isto podería ter certa xustificación se o ascenso (cando tal existiu) eleitoral fose parello a un aumento de consciencia nacional, mais parece evidente que non foi así. Medramos (no seu momento) en votantes mais non en nacionalistas. Eis o fracaso histórico do BNG. Non se limita, senón que mesmo se fomenta o personalismo (extremo no caso do portavoz nacional) e téndese a un modelo en que o arribismo é un hábito ao que non se lle pon límites e os políticos profesionais son o modelo en alza, dando como resultado a acomodación de boa parte dos cargos nos seus postos, o que condiciona ao cabo súa acción política. O frentismo deixou de ser unha confluencia de diversos sectores sociais obxectivamente interesados na liberación nacional para ser unha confrontación de lobbies de presión moitas veces máis enfrontados polo poder interno que por intereses ideolóxicos. Deste xeito, o espazo revolucionario dunha organización socialista que defenda as clases traballadoras no camiño da superación do capitalismo está agora baleiro. É ese espazo, que traballe por unha reconstrución da frente desde parámetros antisistémicos, o que nos corresponde ocupar. No terreo organizativo é tamén palpábel a progresiva equiparación coas forzas do sistema. Por unha banda liquídase de facto o asemblearismo, por outra poténciase un modelo de militante (máis ben de "filiado") totalmente distanciado do axir diario da organización, acrítico e pasivo, que só ten contacto co colectivo en procesos eleitorais e en determinadas asembleas conflitivas. No entanto, nas


asembleas o debate político queda relegado a un papel marxinal, cando non se substitúe pola simple información das decisións tomadas en instancias superiores. As decisión tómanse de arriba a abaixo, e reléganse as asembleas, ou mesmo o proprio Consello Nacional a un papel de ratificación de acordos xa tomados, polo xeral sen nengún debate previo. Desta maneira é a Executiva a que marca o rumo da organización (excedendo as funcións que o seu propio nome indica), e non o Consello Nacional e moito menos as Asembleas, cuxos escasos debates serven máis para desafogo da militancia que para recoller propostas e críticas e trasladalas aos organismos superiores. Instálase finalmente unha sorte de pensamento único dentro da organización, na que determinadas críticas desde a esquerda son deslexitimadas xa de partida cos adxetivos de ideoloxistas ou esquerdistas. Estatuto de Autonomía O BNG, a raiz dos debates abertos noutros pobos (Cataluña e País Basco) situouse no seu momento como principal impulsor dun novo marco de decisión para Galiza. O discurso arredor desta proposta inicial foi evoluindo e mudou bastante desde os comezos da súa xestación até o momento actual, en que ficou reducida a unha simples reforma do actual Estatuto, vía que o nacionalismo até o momento desprezara. Deste xeito, o obxectivo defendido no seu momento por algúns líderes no BNG (sobre todo internamente) de un novo status que recoñecese a Galiza como nación e por tanto o seu direito á autodeterminación, acabou por ser unha fraude que levou á organización política do nacionalismo a lexitimar un modelo que até o momento fora frontalmente rexeitado: a dos estatutos de autonomía como medio en que o Estado Español permite aos pobos xestionar parcialmente a súa dependencia, mais sen cuestionala. A asunción desta vía podía terse presentado como un primeiro paso, mais tamén se renunciou a isto pois en nengún momento se escoitou publicamente a líder nengún do BNG ligar este primeiro paso con os que supostamente virán despois. Deste xeito, xeráronse unhas expectativas que a todas luces non podían ser cumpridas, e priorizando un debate que xa á partida oferecía poucas esperanzas. Renunciábase de partida ao recoñecemento explícito do dereito de autodeterminación na propria proposta nacionalista. Falouse de Estatuto de Nación ao tempo que se pactaba co PSOE un acordo que reducía o recoñecemento nacional a unha parábola similar ou inferior á proposta catalá. O apoio parlamentario dos deputados do BNG ao Estatuto catalán pactado por Mas e Zapatero sinalaba ás claras cal era o teito que o BNG asumía para o noso proprio texto. O proceso de reforma estatutaria (se o PP modifica a súa postura de total intrasixencia e acepta unirse a un consenso arredor dun texto ainda máis rebaixado)


traerá como consecuencias para o noso pobo por unha parte a lexitimación total (da que agora carecía) do actual sistema autonómico, e por outra, a prolongación do actual estatus de dependencia durante varias décadas máis.

>>Por un nacionalismo revolucionario É preciso un referente político-eleitoral para os movementos sociais transformadores que traballan no noso país. Ese papel é o que debe cumprir o BNG, ser unha ferramenta de cambio que vaia máis alá do eleitoral (sen renunciar a este terreo, máis redefinindo a súa funcionalidade) funcionando como catalizador das loitas que día a día se dan no noso povo e que son as que realmente construen un poder alternativo. Debemos recuperar o perfil antistémico, alternativo e revolucionario que caracteriza o nacionalismo nun país como o noso, e que nos permita oferecerlle ao pobo galego un proxecto claramente diferenciado das forzas políticas do sistema. Acreditamos firmemente na necesidade dunha fronte de unidade nacionalista, unha frente ampla e de carácter democrático e asemblear en que teñan cabida todas as sensibilidades que asuman o proxecto liberador e revolucionario do soberanismo de esquerda. Acreditamos en que é posíbel unha outra forma de facer política, un modelo alternativo ao tradicional. Un modelo que fuxa dos personalismos e dos verticalismos, que renove os métodos de incidencia social e que actúe no cotidiano, nas reivindicacións diarias, mais ligándoas cos obxectivos estratéxicos do nacionalismo: a liberación nacional e a xustiza social. Un modelo que asuma a democracia interna non só como unha ferramenta útil para tomar decisións colectivamente, senón como un exercicio de coerencia co modelo de democracia participativa que defendemos para a sociedade. O mellor xeito de que a militancia se implicar no traballo diario é implicala tamén en todo momento na tomada de decisións. É preciso volver mobilizar e ilusionar a militancia nacionalista, instalada na pasividade ou na indiferencia. Que o nacionalismo poña en valor o papel de cada militante e que se asuma o traballo colectivo como un eixo de actuación. Que se fomente o debate constante desde a base, tanto de carácter ideolóxico e estratéxico como sobre cuestións coxunturais ou de carácter táctico, así como a formación interna. A autonomía das organizacións sociais (sindicais, estudantís, culturais...) que traballan en parámetros de construción nacional debe ser plenamente respectada como garantía do seu futuro, mais sen por iso renunciar a unha coordenación e a unhas relacións fluidas, abertas e en base ao respeito mutuo, tendo como guía a definición dun proxecto transformador común de carácter estratéxico. Do mesmo xeito, cuestións de carácter táctico (como o actual debate sobre o status


da Galiza) deberan ser tamén continuamente postas en común co conxunto de movementos sociais e organizacións nacionalistas. Non se entende que se pacte antes co PSOE que coas proprias organizacións do nacionalismo nun tema de tanta importancia como é o marco político legal da Galiza. Nun momento como este, en que se está debatendo sobre a configuración do Estado e sobre o nivel de autonomía (que non de soberanía) da Galiza, o BNG debera ser quen de introducir nesa dialéctica a reivindicación da soberanía nacional como dereito inalienábel, como si están a facer outras organizacións do nacionalismo. Non hai mellor momento que este para criar realmente consciencia de país e facer avanzar o proxecto nacionalista, polo que sería moi grave deixar pasar esta oportunidade. É este un proceso que non pode quedar reducido ao ámbito institucional, senón que tamén (e principalmente), debe darse na rúa, acompañándoo por meio da mobilización e da acumulación de forzas arredor do proxecto soberanista. Como organización frentista, o BNG precisa de se dotar (como xa o fixo na súa fundación) duns puntos mínimos que funcionen como eixo unificador e orienten o traballo diario. Un destes mínimos (moitas veces tratado como un máximo) é a defensa do dereito da autodeterminación, campo dentro do cal deben respeitarse todas as opcións, tamén a que avoga pola constitución dun estado galego independente, alternativa até o momento sistematicamente negada e mesmo deostada. Non cremos que o BNG, como proxecto unitario que é, teña que definirse como independentista, mais debe recoñecerse a plena lexitimidade de tal opción. En conclusión, apostamos por retomar o proxecto histórico do nacionalismo popular, recuperando o modelo frentista (entendido como alianza dos sectores populares obxectivamente interesados na liberación nacional) e democrático. Un proxecto que en vez de lexitimar o actual sistema traballe pola súa ruptura, sen complexos e co horizonte posto nunha Galiza ceibe e con xustiza social. Aspiramos a mobilizar a boa parte da base social nacionalista, hoxe instalada no desencanto e na pasividade ante a deriva do proxecto ao que confiaron boa parte do seu tempo e ilusións. Nese obxetivo centraremos, de hoxe en diante, os nosos esforzos.



Principios ideolóxicos de ISCA [extracto dos Estatutos] Art.1. ISCA é unha organización xuvenil asemblear e democrática que luita pola liberación nacional de Galiza de acordo cos seguintes principios: NACIONALISMO: Galiza é unha nación colonizada, e por tanto ten direito á súa autodeterminación. Entendemos esta como un proceso que conduza á independencia nacional, entendida como o exercicio da soberanía plena, tanto no institucional como no económico. ANTICAPITALISMO: Consideramos o capitalismo un sistema inxusto por definición, e só desde a súa superación poderemos construir alternativas viábeis para o noso povo. Traballaremos pola construción de modos de vida alternativos á lóxica do capital. MARXISMO: Cremos que só cun sistema socialista poderemos ser realmente soberanos. Recollemos as ideas de Marx, Engels e Lénine a a partir das cuais se funda unha teoría política que interpreta a realidade concreta de cara á súa transformación revolucionaria. Entendemos o socialismo como a conxuncion dunha teoría (materialismo histórico) e dunha praxe revolucionarias en construción. Pretendemos a transformación profunda e radical da sociedade galega mediante un proceso de revolución democrática, baseado na participación directa de todos os galegos na tomada de decisions políticas e económicas. ANTIIMPERIALISMO: A loita pola liberación nacional de Galiza incrébese dentro da loita internacional dos povos contra o imperialismo. Art.2. ISCA asume o programa e os principios ideolóxicos da Frente Patriótica.



Resolucións aprobadas >>Por unha nova actitude feminista O movemento feminista no noso país vive na actualidade un momento crítico. Con escasa renovación e moi enfrontado e distanciado entre si, sobrevive con grandes esforzos. Partimos da multiplicidadade de teorías feministas e de práticas, de feminismos: non é que sexamos moitas mais desde logo si moi diversas. Na actualidade hai varios temas que plantexan auténticos retos para o movemento feminista e que expomos a continuación. - Desde as Administracións fálase de “grandes avanzos” na situación das mulleres: fálase da paridade, fálase de conciliación, fálase de igualdade, que tan só resta dar un paso máis. Estas políticas públicas, case sempre de carácter lexislativo e carentes de recursos sociais, non alteraron os alicerces da desigualdade. - Por unha banda, estarían as cuestións máis visíbeis, máis comprobábeis en termos numéricos, como é a cuestión da discriminación laboral. As mozas galegas lanzámonos a un mercado laboral totalmente precarizado, ao que optamos con clara desventaxa. Non só cobramos memos e sufrimos esta precarización en maior grao senón que tamén somos quen nos encargamos en maior medida do sostemento do ámbito privado, cuestión de facto invisibilizada, de coidar e manter a vida día a día, polo que é preciso unha revisión sobre o concepto de coidado e o lugar que ocupa na sociedade. Faise necesaio un debate sobre o recoñecemento da necesidade do coidado para o sostén da vida, para que as vidas das mulleres non sexan o prezo da vida dos outros. - Outras problemáticas non aparecen cifradas en estadísticas, mais coas que convivimos, son cuestións como a apresentación dae modelos imposíbeis aos que se nos “convida” a parecernos por parte dos medios de comunicación, unha historiografía que en moitos casos nos exclúe, ou unha linguaxe que nos invisibiliza. - A violencia contra as mulleres convertiuse nun boom mediático e, en certo modo, nun recurso partidista. Un problema tan complexo que ten que ver coa mesma estrutura social e a educación machista, e outros factores sociais, non só de xénero, como o concepto do amor presente na mocidade e na sociedade ou a estrutura familiar, é reducido ao momento tráxico da agresión ou a morte. Resulta preocupante neste sentido o desenvolvemento dunha excesiva tutela


lexislativa e penalista na vida das mulleres para solucionar problemas como o da violencia e tamén outros como combater a desigualdade, xa que se convirte nunha certa actitude proteccionista por parte das administracións cargada de tintes “progresistas”, que o que volve é a considerar as mulleres como persoas incapaces de exercer a súa autonomía. Hai que abordar os problemas das mulleres non só desde o ámbito lexislativo, senón desde unha perspectiva social, coa mobilización, a educación, a toma de concienca individual e colectiva, tanto de mulleres como de homes, para acadar esa igualdade real. - Asumimos que queda moito camiño por percorrer, moitos dereitos por conquistar, a comezar polo dereito a viver nunha sociedade laica, onde se garanta a nosa autonomía e liberdade de acción e decisión sobre a nosa vida, sexualidade e identidade. - Aínda así, sendo conscientes dos atrancos, consideramos fundamental reafirmar os espazos de autonomía e liberdade que temos conquistado as mulleres, e crear feminismo desde esa autonomía conquistada e non desde a instrumentalización institucional. Partimos dun feminismo que superou o revanchismo interxéneros e que transmite unha visión do home e da muller onde non haxa un enfrontamento, senón un traballo común cara a equidade através dun cambio de conducta polas dúas partes. Afastámonos da percepción victimista dalgúns feminismos xa que hai bastantes mozas que somos donas propias do noso destino. Os nosos intereses como mulleres ás veces dispérsanse mais as nosas vontades deberían vencellarse para cuestións concretas. Neste sentido, é preciso rachar co illamento, a desconfianza, o sectarismo, e o minifundio que en boa medida ateiga ao feminismo(s) galego, e apostar por unha nova actitude feminista. Así, consideramos que é posíbel e necesario construir desde as diferencias, mais para iso hai que visibilizalas, recoñecer a posición das outras. Estamos a falar de respecto, escoita e diálogo, e non de paternalismos tolerantes que usurpan a palabra, nin de utilización instrumental das mulleres nas listas, nin dos grupos de mulleres que repiten os esquemas de confrontación dos grupos de presión aos que representan, senón de ter en conta a pluralidade das reivindicacións e criar momentos de riqueza na reflexión e de forza nas exixencias. Recuperar a capacidade expresiva e viva da que sempre se caracterizou o(s) feminismo(s), a cooperación con outras, a decisión activa como suxeitos políticos, suxeitos dun(s) feminismo(s) vivo e non asistido. Feminismos entendido como a prática política que en certo modo cada unha de nós xa inventamos cada día. Porque é preciso deixar atrás os tabús e discriminacións e escoitar outras voces dos feminismos que tamén existen e que falan dos dereitos das traballadoras sexuais, que explican a necesidade de escoitar as auténticas protagonistas, as prostitutas, e de loitar contra o estigma e as discriminacións.


Porque é preciso entrar en conversa con feminismos non europeos e non brancos que tamén forman parte destes feminismos. Estamos a falar de recoñecer culturas diferentes, e deste xeito, concebindo de modo máis amplo as diversidades que nos conforman, responder as necesidades de colectivos específicos de mulleres e de non entender as diferencias como deficiencias.


>>Solidariedade antiimperialista Como anti-imperialistas, solidarizamonos coa loita de todos os pobos do mundo pola súa propria soberanía e xustiza social. O dereito á autodeterminación é un piar ideolóxico fundamental para a construcción dun mundo xusto e en paz. No Estado no que estamos integrados - á forza-, compartimos a loita cos pobos basco e catalán; no continente, con todos os pobos negados pola Europa dos Estados; e , noutras latitudes, recoñecemos especialmente o pobo iraquí que resiste á ocupación, ao heroico pobo palestino que se enfronta ao terrorismo de estado sionista, ao povo saharaui, entregado desde o colonialismo español ao marroquino, os pobos indíxenas de todo o mundo; manifestamos tamén a nosa solidariedade cos procesos revolucionarios en curso en Cuba, Venezuela e Bolivia.

>>Paremos a ofensiva contra o pobo palestino Resolvemos condenar os recentes asasinatos indiscriminados, a destrución de infraestruturas civís e os castigos colectivos do estado sionista sobre o pobo palestino, sabendo que a paz na zona só virá dunha solución xusta baseada na retirada da potencia ocupante, o retorno dos refuxiados e o estabelecemento dun estado palestino viábel con capital en Xerusalen.




Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.