1 1 xeracions da ed

Page 1

Cooperación Galega: O mundo que queremos

As cinco xeracións da Educación para o Desenvolvemento

O mundo que queremos é un proxecto de Educación para o Desenvolvemento (ED). Como xa vimos na lectura obrigatoria sobre os conceptos, a ED é un proceso educativo e socioafectivo encamiñado a xerar unha conciencia crítica sobre a realidade mundial. Porén, esta non foi sempre a concepción da Educación para o Desenvolvemento. A continuación, ofrecémosvos un breve resumo da evolución do concepto.

A Educación para o Desenvolvemento é un dos instrumentos da política española de cooperación internacional, recoñecida así nos diferentes documentos lexislativos que regulan esta política (lei de cooperación e plans directores). A evolución da ED, tal e como a presentou a pedagoga Manuela Mesa, pódese explicar entorno a un modelo de cinco xeracións que permite clasificar distintos momentos e enfoques da Educación para o Desenvolvemento, desde as súas orixes ata o presente. As ONGD tiveron un papel clave na orixe e evolución da ED. Falar da historia temperá da ED é, en grande medida, o mesmo que falar da historia das ONGD. A ED foi evolucionando na medida no que o facían os discursos destas entidades, uns posicionamentos marcados polo ritmo do contexto social e internacional e polos debates en relación ao propio concepto de desenvolvemento que marcou tamén o camiño da Cooperación Internacional. Imos falar de cinco xeracións, pero este modelo non debe ser entendido de forma lineal ou “por etapas” de forma que unha xeración substitúa á anterior. Máis ben, podemos falar dun proceso acumulativo no que o discurso e a práctica da ED foron evolucionando de xeito un tanto desigual, de maneira que nas actividades dun actor determinado pódense atopar simultaneamente trazos dunha ou outra xeración.


A primeira xeración: o enfoque caritativo - asistencial

Nos anos 40 e 50 os problemas do desenvolvemento e a fractura Norte-Sur apenas aparecía na axenda das relacións internacionais nin como tema de interese público. As organizacións deste período son, na súa maioría, humanitarias e/ou de adscrición relixiosa. A súa actuación céntrase en situacións de conflito e de emerxencia, nas que interveñen cun horizonte de moi curto prazo. As primeiras actividades de sensibilización social e recadación de fondos xurdiron nesta época. Non poden ser consideradas estritamente ED debido ao seu limitado alcance e á ausencia de obxectivos propiamente educativos. Constitúen, non obstante, un importante precedente que se conseguiu proxectar ata o presente dotándose de novas formas e estratexias. A ED a miúdo ten relacións moi estreitas coas actividades de sensibilización social e coas campañas de recadación. Un exemplo claro de campañas desta xeración (que están moi vixentes hoxe en día) son os apadriñamentos.

CASO PRÁCTICO Visualizar o seguinte vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=u9jnPkECP3I Pregunta aberta: Como son as imaxes visuais e narrativas? Posibles respostas: -

Catastrofistas: apelan á caridade e á xenerosidade individual

-

Paternalista

-

Falan da pobreza de recursos económicos pasivizando ás persoas

-

A solución vén do Norte

-

Solucións “máxicas”

-

Contidos limitados con grande sesgo: non se fala nin de causas nin de contexto internacional

-

Non se fala dos cambios estruturais que favorecen o desenvolvemento na comunidade e no país no que viven eses nenos e nenas


As accións realizadas polas ONGD centradas neste enfoque asistencialista persisten ata o presente debido, principalmente, a razóns institucionais. Algunhas ONGD perciben a recadación de fondos e a aparición en medios de comunicación como a vía para a supervivencia institucional, unha supervivencia que depende deste tipo de imaxes e mensaxes e dunha combinación a miúdo agresiva de campañas de marketing.

A segunda xeración: o enfoque desarrollista e a aparición da ED

Nos anos 60, aparece na axenda internacional o tema do “subdesenvolvemento” como problema dos países do chamado Terceiro Mundo. Estamos na época na que empezan a xurdir os novos estados poscoloniais e a crecente orientación das organizacións internacionais cara estes países. É o inicio da mentalidade “desarrollista” e, é precisamente nesta década, cando xorde a Axuda Oficial ao Desenvolvemento. O “desarrollismo” que emerxeu no decenio de los sesenta tivo distintas fontes. No ámbito económico, alimentouse das novas teorías do crecemento “por etapas”. Estas alegaban, a partir duns supostos pretendidamente “científicos”, que cos axeitados aportes de capital, coñecemento e tecnoloxía, todas as sociedades experimentarían un “despegue” económico e un rápido proceso de modernización conducente á industrialización e á sociedade de consumo de masas, conforme ao modelo dos países industrializados. O subdesenvolvemento era entendido como “atraso”. O modelo a seguir era a industrialización que levaron a cabo os países occidentais. Deste xeito, o desenvolvemento é entendido como crecemento económico. Cal é o modelo educativo que responde a esta concepción do mundo?

-

Sensibilización dende o asistencialismo e a beneficiencia

-

Etnocéntrico, eurocéntrico

-

Modelo educación bancaria de Paulo Freire

-

Coñecemento único: masculino , singular

-

Educación que pon énfase nos contidos

-

Ao entender o tradicional como “atraso”, desbótanse todos os saberes tradicionais das culturas e pobos


No plano das ONG, a mentalidade “desarrollista” deu paso a novas ONG “de desenvolvemento” (ONGD) xurdidas como evolución das organizacións misioneiras ou humanitarias clásicas. No seu traballo no Sur, estas organizacións adoptaron os proxectos de desenvolvemento e a participación comunitaria a partir da estratexia da “auto-axuda” como ferramenta básica de intervención. Adoptaron un enfoque de longo prazo deixando atrás o asistencialismo.

CASO PRÁCTICO Visualizar o seguinte vídeo: http://www.youtube.com/watch?v=5JFTkkJNCVQ Pregunta aberta: Como son as imaxes visuais e narrativas? Posibles respostas: -

Xa non é asistencialista: “cooperación” entendida como actividade a través da que se “axuda a que quere axudarse a si mesmo”

-

Máis dignidade das persoas: están facendo unha actividade (estudar)

-

Énfase en coñecer as circunstancias locais do medio no que actuaban as ONGD e as comunidades beneficiarias

-

Non se pon en tela de xuízo o modelo dominante

-

Non se identifican obstáculos ao desenvolvemento de carácter transnacional

-

Non se fala de corresponsabilidade

Vemos que hai unha diferenza importante co modelo anterior. É neste contexto, nos anos 60, no que se configura a ED como tal. O punto de partida, como é o caso deste vídeo, foron as actividades de información relacionadas cos proxectos das ONGD e os esforzos das comunidades para progresar por si mesmas. A recadación de fondos seguiu sendo un obxectivo importante, pero, como vemos, nestas actividades ponse a énfase en dar a coñecer as circunstancias locais do medio no que actuaban as ONGD e as comunidades beneficiarias. Pero, non podemos esquecer con que concepto de desenvolvemento se está a traballar (como vimos antes) e as mensaxes e contidos transmitidos por este enfoque teñen un carácter eurocéntrico, ademais de toda esa mensaxe acrítica que comprobamos no vídeo.


A mensaxe dominante neste enfoque podería resumirse do seguinte xeito: os países industrializados deben facilitar as súas técnicas e coñecementos para que as sociedades “atrasadas” deixen atrás a guerra, a pobreza, se “modernicen” e acaden por si mesmas os niveis de benestar dos países do Norte. A partir de aquí, as imaxes e as campañas xa comezan a ser máis difíciles de catalogar, pero veremos igualmente o proceso histórico de transformación do discurso para ver en que momento nos atopamos.

A terceira xeración: unha ED crítica e solidaria

A finais dos sesenta iníciase un período caracterizado pola aceleración do proceso de descolonización

e

polo

crecente

activismo

internacional

dos

países

en

desenvolvemento. Nos países industrializados, a oposición á guerra de Vietnam e a revolución antiautoritaria de maio de 1968 xeran un clima de grande efervescencia social e intelectual. Os novos movementos sociais prestarán atención e apoio aos Movementos de Liberación Nacional. E unha nova teoría sobre o desenvolvemento xorde nos países do Sur. Un conxunto de analistas vinculados á CEPAL (Comisión Económica para América Latina e o Caribe), deron forma ao que hoxe coñecemos como Teoría da Dependencia que defende que o subdesenvolvemento non é unha etapa na liña que conduce ao desenvolvemento, senón que é unha realidade en si mesma. Trátase dunha idea moi potente que expresa como desenvolvemento e subdesenvolvemento son dúas caras dunha mesma moeda, son dúas situacións dun mesmo momento histórico. O desenvolvemento duns países só se explica polo subdesenvolvemento doutros, a través de relacións de explotación entre o “centro” e a “periferia”. Defínese nesta época, un novo escenario para a ED caracterizado polos enfoques máis críticos e unha crecente toma de conciencia sobre a responsabilidade histórica do Norte. É a época tamén dos movementos de renovación pedagóxica (Paulo Freire, por exemplo) que incorporan estas cuestións e ofrecen propostas educativas e metodolóxicas moi innovadoras.


Deste xeito, nos 70 prodúcese unha explosión de iniciativas de ED, orientadas na súa maioría a abrir os currículos escolares aos problemas mundiais, a reflectir na educación as cuestións do desenvolvemento e a incorporar as propostas críticas e emancipatorias das correntes de renovación pedagóxica. Centros educativos dos Países Baixos, Alemaña, Francia, Reino Unido e Italia tratan de poñela en marcha apoiándose nun documento da UNESCO de Recomendación sobre educación para a comprensión da cooperación e a paz internacionais.Trabállanse aquí os contidos da ED que poderiamos resumir nas seguintes palabras: -

Aprendizaxe da interdependencia

-

Fomento de actitudes favorables á Cooperación Internacional (movemento 0,7)

-

Enfoque crítico ao modelo de desenvolvemento occidental

-

Coherencia entre fins e medios (desenvolver a participación no proceso educativo)

-

Enfoque socioafectivo (coñecementos, actitudes e habilidades)

-

Importancia da avaliación

Posible exemplo: http://www.youtube.com/watch?v=IU7dSdrJJLc A grande diferenza co resto de xeracións que quedan é no relacionado ás temáticas. Nesta xeración, traballaranse exclusivamente sobre a dimensión socio-política e económica das relacións Norte-Sur e sobre o propio desenvolvemento.

A cuarta xeración: a Educación para o Desenvolvemento humano sustentable

A década dos 80 estivo dominada polo bipolarismo e a confrontación Crise do desenvolvemento: motivada pola crise da débeda externa: esta débeda marcou a chamada “década perdida” dos países do sur. A crise da débeda, os plans de axuste estrutural do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial, e os crecentes problemas humanitarios (a fame en África subsahariana) significaron unha dramática reversión dos procesos de desenvolvemento. Neste contexto xurde nas Nacións Unidas unha nova forma de entender o desenvolvemento: o desenvolvemento humano (ano 1990). O desenvolvemento humano pretende responder á pregunta como viven as persoas? Nesta liña de traballo


créase o Índice de Desenvolvemento Humano, no que se traballan as seguintes variables: esperanza de vida, nivel educativo e ingreso per cápita. A ED explosiona neste contexto con grandes temas, pois foi incorporando enfoques e contidos doutras educacións sobre problemas globais que se foron configurando nos anos oitenta (a educación para a paz, ambiental, para os Dereitos Humanos), e tamén incorporou a práctica dos movementos sociais (pacifismo, feminismo, ecoloxismo e antirracismo, entre outros) Así, na dimensión cognitiva, a ED ampliou e diversificou a súa axenda temática, tocou moitos máis paus para favorecer unha mellor comprensión da interdependencia global e dos nexos entre o Norte e o Sur. Nocións chave desta xeración: A interdependencia, o desenvolvemento humano e o desenvolvemento sustentable.

A quinta xeración: a Educación para a Cidadanía Global

A mediados dos 90, o máis significativo é a constatación de que a crise do desenvolvemento xa non é só un problema do chamado Terceiro Mundo. Os países do Sur quedaron endebedados e empobrecidos, pero tamén empezan as crises do “Estado do benestar” no Occidente industrializado que proseguiron ao fracaso dos réximes do Leste. Xa non existen “imaxes obxectivo” do desenvolvemento válidas nin no Terceiro Mundo nin no Primeiro, e mesmo estas categorías de división do mundo quedaron totalmente obsoletas coa fin da guerra fría. O principal desafío para o desenvolvemento, tanto no Norte coma no Sur, é o acelerado

proceso

de

globalización

e

privatización

da

economía

mundial,

particularmente na orde monetaria e financeira. O proceso de erosión da soberanía dos Estados/Nación e o proceso de desregulamento das economías nacionais correspóndese, ademais, co crecente poder e mobilidade dos actores transnacionais privados. Ao debilitar a soberanía nacional, os procesos de privatización e globalización económica cuestionan directamente a noción e a práctica da democracia representativa. O paradoxo é que a democracia expandiuse e é


recoñecida case de xeito universal como a mellor forma de goberno xusto no momento histórico no que a súa eficacia como forma nacional de organización política comeza a ser cuestionada polas dinámicas da globalización. Desde a perspectiva da ED, estas dinámicas presentan retos formidables. 1) Redefinir os contidos de xeito que permitan a comprensión crítica do fenómeno da globalización. 2) Reafirmar o vínculo entre desenvolvemento, xustiza e equidade, agora a nivel global. 3) Promover unha conciencia de cidadanía global e, a partir dela, definir pautas de participación e acción cidadá fronte a estas dinámicas. A ED dos 90 configurouse coma unha educación global fronte á globalización. Os cambios fixéronse especialmente visibles nas estratexias de intervención. A ED estivo cada vez máis vinculada a grandes campañas de incidencia política sobre temas globais das ONGD máis evolucionadas. Campañas que intenta ir “da protesta á proposta” presentando cambios realizables a curto prazo, e non só críticas absolutas. Exemplo: http://www.youtube.com/watch?v=AxOhVOH9S6o Esta é unha campaña de Intermón que é unha organización que representa bastante ben este enfoque máis integral que caracteriza á quinta xeración e que combina a sensibilización e a formación coa investigación para o desenvolvemento e a mobilización social. Tamén se prestan atención aos espazos informais, incidindo nos medios de comunicación de masas. O traballo en rede a niveis locais, nacionais e internacionais posibilitou este cambio, pois foron as entidades máis reivindicativas do Sur ás que presionaron ás ONGD do Norte para que abandonasen paulatinamente a súa “cultura de proxecto” e reorientasen as súas actividades de cara á incidencia política. Isto podería entenderse coma unha mostra da madurez acadada pola ED que, nos casos máis evolucionados, atópase moi lonxe das tradicionais campañas de recadación.


Onde estamos agora? Son cada vez máis as persoas que pensan que o “desenvolvemento humano e sustentable” é unha proposta que traslada unha falsa imaxe solidaria dende posicionamentos ecolóxicos que resulta moi atractiva e comunicable para a clase política, o sector empresarial e o financeiro. O capitalismo con rostro humano, a empresa verde, son algúns dos eufemismos aos que estamos chegando para lexitimar o sistema desde postulados solidarios. Non se está recollendo a incompatibilidade do crecemento no modo de produción do sistema económico actual e o grado de consumo e sustentabilidade dos recursos naturais. Chega un punto no que o desenvolvemento xa non aporta máis beneficios tornándose prexudicial. Coñecedes o decrecemento? Desde a premisa de que o planeta terra non é infinito e os seus recursos tampouco, preséntase o decrecemento coma unha proposta de vivir mellor con menos, e que o futuro dos países do Sur non sexa unha copia do modelo que fracasou nos países do Norte. O decrecemento explicado nun minuto: http://www.youtube.com/watch?v=Ypgrq_4Aj84

Cal é o modelo educativo que pode querer construír unha educación que se sitúe baixo este paraugas de ideas? É un paradigma en construción polo que podemos soñar un chisco.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.