Curso 2020-2021
PLAN DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO DA COVID-19 NA BIBLIOTECA. CEIP DE PRÁCTICAS LÓPEZ FERREIRO.
1.- XUSTIFICACIÓN A biblioteca do CEIP López Ferreiro pretende continuar a ser no curso 2020-21, o espazo de referencia para a lectura, a información e as aprendizaxes, ofrecendo material e oportunidades á comunidade educativa para que estes obxectivos poidan levarse a cabo de acordo ao noso Proxecto lector. Mais o funcionamento da nosa biblioteca escolar, ha de adaptarse ás especiais circunstancias nas que se desenvolverá a actividade académica da nosa comunidade educativa perante o presente curso. Así pois, de acordo ao Protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto da Covid 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-21, que establece no seu punto 18 as normas xerais para o uso da biblioteca; tendo en conta, asemade, as Instrucións do 30 de xullo de 2020 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, en relación ás medidas educativas que se deben adoptar no curso 2020-2021 nos centros docentes de Galicia; e incorporando as Instrucións para a organización e o funcionamento das bibliotecas escolares do 1 de setembro, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, o Equipo de dinamización da biblioteca do CEIP López Ferreiro, na súa reunión do 4 de setembro de 2020, adoptou as medidas que deseguido se expoñen. 2.- MEDIDAS A TOMAR NA BIBLIOTECA ANTE A NOVA SITUACIÓN. 2.1. AFORO DA BIBLIOTECA. - No punto 18.1 do Protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto da Covid 19 nos centros de ensino non universitario, especifícase que non poderá permanecer na sala da biblioteca máis do 50% do seu aforo, polo que non nun espazo de pouco máis de 50 metros cadrados, establécese como aforo máximo quince persoas. - No CEIP López Ferreiro todas as clases exceden deste número, polo que o Equipo de dinamización da biblioteca establecerá quendas para o seu acceso e uso, tal e como se especifican nos puntos 2.5 e 2.6, respectivamente. 2.2. DISTRIBUCIÓN DE ESPAZOS. -O mobiliario da biblioteca readaptarase para crear o espazo máis amplo posible. Neste senso, retiraranse as mesas redondas, o sofá e a alfombra, que se substituirán por tallos específicos de lectura. -O alumnado só poderá sentarse nos puntos de lectura sinalizados, que respectarán a distancia mínima de 1,5 m entre eles.
-Haberá catro zonas de exposición de material, que, convenientemente desinfectado, será ao que se pode acceder e retirar para ser levado en préstamo. Polo tanto, o alumnado non poderá acceder libremente ao material dos andeis, a non ser que conte coa autorización da persoa de garda, que será quen, preferiblemente, manipule o material solicitado. -A zona de administración na sala da biblioteca queda reservada para uso exclusivo do profesorado. - A ludoteca, debido ás circunstancias especiais causadas pola situación pandémica, non poderá usarse este curso. - Estábase en proceso de habilitación dunha “biblioteca creativa”, mais o seu espazo houbo que destinalo a aula. Procurarase establecer quendas no segundo trimestre para que o noso alumnado poida manipular este material na biblioteca. 2.3.- ENTRADAS E SAÍDAS. -Para acceder á biblioteca, o alumnado debe estar acompañado en todo momento por un profesor ou profesora. Durante os recreos, será a persoa docente de garda da biblioteca quen recolla na aula ao grupo que lle corresponda segundo as quendas previamente establecidas, e tamén quen acompañe ao grupo de volta ás aulas. Pode que nese momento, e con carácter excepcional, non poidan respectarse os camiños sinalados de movementos polo centro, pois ao estar a biblioteca no terceiro andar, haberá que establecer itinerarios para non coincidir coas subidas e baixadas doutros grupos. -O alumnado de primaria, como en calquera outro espazo do centro, ha de entrar coa máscara correctamente colocada. Será obrigatoria a limpeza de mans con xel hidroalcólico, que estará colocado xusto na entrada. En todo caso, favorecerase que o alumnado poida ir aos baños, mais neste caso sempre será individualmente, pois do contrario sería imposible garantir que se respectan as distancias de seguridade. - Antes de regresar ás aulas, o alumnado deberá limpar o seu punto de lectura e, novamente as mans con xel hidroalcólico. 2.4. FUNCIÓNS DO PROFESORADO. - O Equipo de dinamización da biblioteca, xunto coa Xefatura de estudos, establecerá as quendas do profesorado de garda durante os recreos.
Este profesorado será o encargado de recoller na aula ao grupo estable que lle corresponda, ou de acompañalo de volta cando remate o recreo. Asimesmo, velará polo correcto cumprimento das normas establecidas, tanto de distancia física como de hixiene. Tamén será quen se encargue dos servizos de empréstito e devolución, tal e como se indica no apartado 2.6 -O profesorado titor facilitará ao Equipo de dinamización da biblioteca a relación de alumnado do seu grupo que irá á biblioteca, segundo as quendas establecidas. -A biblioteca permanecerá aberta durante o período lectivo, polo que calquera profesor ou profesora pode acceder a ela. En calquera caso, será obrigatorio indicar nun rexistro específico o momento no que se estivo. Deste xeito, en caso de xurdir algún abrollo, será máis doada a información de posibles contactos para o seu rastrexo. - O Equipo de dinamización da biblioteca debe recoller, e incorporar na medida do posible, as suxestións que o profesorado lle formule en canto á adquisición e o uso do material da biblioteca, así como calquera outro aspecto da normativa deste espazo. Para facilitalo, estableceranse representantes entre as súas membros, que preferentemente se coordinen co ciclo de educación infantil, con 1º e 2º; con 3º e 4º e con 5º e 6º. 2.5.- USO DA BIBLIOTECA. - A biblioteca debe promover situación pedagóxicas que favorezan unha metoloxía de aprendizaxe activa, inclusiva e igualitaria. Así pois, os seus recursos estarán a disposición da comunidade educativa, segundo o exposto no punto 2.6. -Para situacións de aprendizaxe que así o requiran, as diferentes clases poderán acceder á biblioteca, sempre e cando se respecten as normas de aforo (véxase o punto 2.1), o distanciamento físico e, por suposto, as normas de hixiene. -En calquera caso, no deseño das actividades para este curso primaranse os medios tecnolóxicos. As comunicacións coa comunidade educativa realizaranse por medio do correo electrónico a través do correo corporativo do centro, ou do da biblioteca, para casos particulares; os blogs da biblioteca (que tamén están na páxina web do centro), ademáis de seren expositores das diferentes actividades e propostas, serán punto de referencia para a difusión de recursos. Deste xeito, continuarase na liña establecida de comunicación durante o confinamento, buscando a implicación de toda a comunidade educativa.
2.6.- EMPRÉSTITOS E DEVOLUCIÓNS. Durante estes cursos, e debido ás características arquitectónicas do noso centro que imposibilitaban o libre acceso do alumnado durante os recreos, os empréstitos realizábanse nesta franxa horaria, ademais de cando se acudía co profesorado á biblioteca. O sistema empregado era o Meiga, mais a maior parte do profesorado prefería anotar as súas escollas nunha libreta disposta ao efecto. Polo tanto, e tendo en conta as especiais circunstancias derivadas da pandemia, haberá que reorganizar este sistema: -
A asistencia á biblioteca durante os recreos establecerase por cursos, tendo en conta a franxa horaria que lle corresponde (acordo de Claustro do 3 de setembro).
-
As quendas serán organizadas polo Equipo da biblioteca, mais procurarase respectar unha semana para un mesmo nivel.
-
Este curso, o alumnado pode levar dous fondos da biblioteca en préstamo durante dez días.
-
Cando remate a súa quenda, o Equipo de biblioteca entregará a cada titoría unha listaxe co material reservado polo seu alumnado, así como a data na que debe de ser devolto. Como este material debe pasar unha cuarentena mínima de corenta e oito horas antes de ser empregado por outras usuarias e usuarios, cada clase recibirá unha caixa para que se garde o material devolto. Tamén será o Equipo de dinamización da biblioteca quen se encargue da súa devolución automatizada.
-
Queda a criterio de cada profesor ou profesora o número de nenas e nenos que poden ir á biblioteca (sen exceder de trece), segundo os criterios establecidos nas respectivas programacións. Se houbera algún grupo ou curso que por calquera circunstancia non vai facer uso da biblioteca na quenda que lle corresponde, debe comunicalo ao persoal encargado para que o seu posto sexa ocupado por outros grupos.
-
Asemade, cada clase e especialidade terá o seu número de biblioteca. O profesorado poderá retirar, empregando o sistema informático da biblioteca, ata quince libros durante quince días.
-
Para o coñecemento sobre como usar o catálogo e realizar as reservas, o Equipo de dinamización da biblioteca elaborará unha presentación e facilitará os contrasinais preceptivos. En caso de que lle resulte máis cómodo, o profesorado poderá elaborar unha listaxe co material necesario para a aula, que lle será reservado polo Equipo da biblioteca.
-
Enviarase información tamén ás familias sobre como usar o catálogo para coñecer o material do que dispón a biblioteca. Así, poden solicitar por correo electrónico un determinado exemplar que se lle reservará a nome do seu fillo ou da súa filla a quen, por outra banda, se lle fará entrega. Para a súa devolución, procederase do mesmo xeito que no exposto no terceiro parágrafo deste mesmo punto.
-
En caso de que unha determinada clase, ou mesmo todo o centro, teña que suspender as clases presenciais, poderase reservar material por correo electrónico. O equipo da biblioteca seleccionará o fondo solicitado, e avisará, respondendo ao correo electrónico, en que franxa horaria poden pasar a recoller o material, no que se incluirá a data e as normas para a súa devolución.
2.7.- EVENTOS. Debido ás características de escolarización deste curso en grupos estables de alumnado, e mentres non varíen as actuais circunstancias, non se poderán organizar eventos ou celebracións entre dous ou máis grupos. Mais nunha biblioteca distribuída como a nosa, dispoñemos de zonas para realizar e gravar diversas actividades que logo se darán a coñecer á comunidade educativa por medio dos blogs da biblioteca ou, no seu caso, polo correo electrónico. En todo caso, os medios audiovisuais primarán no deseño das actividades neste curso. E sempre e cando non se sobrepase o aforo da biblioteca, e se respecten as distancias, poderá usarse o seu espazo para a realización de determinadas actividades baixo a vixianza dun profesor ou profesora.
2.8.- DESINFECCIÓN DO ESPAZO. -As ventás da biblioteca abriranse antes de comezar a primeira sesión. Só se pecharán polo profesorado que estea na biblioteca se este o considera oportuno. -Tal e como se acordou na reunión de claustro do 3 de setembro, as merendas realizaranse nas respectivas titorías, polo que non se poderá acceder con comida nin con auga aos espazos da biblioteca. -Antes de entrar, as usuarias e usuarios desinfectarán as mans con solución hidroalcólica, e no caso de que o profesorado de garda permita manipular material que non estea nos expositores de empréstitos, débense colocar as luvas.
-Ao rematar, cada usuaria e usuario ten que limpar con produto desinfectante o seu posto de lectura ou traballo.
2.9. CASOS SOSPEITOSOS. Ante a aparición de calquera caso sospeitoso durante o uso da biblioteca, procederase segundo o exposto nos puntos 28 e 29 do Plan de adaptación para o COVID-19 no 2020-21 para o noso centro.
Estas liñas foron acordadas polo Equipo de dinamización da biblioteca na súa reunión do 3 de setembro de 2020; visada pola Xefatura de estudios e o Equipo Covid do centro, e presentadas ás coordinacións de nivel o 29 de setembro de 2020.
.