ESTRATEXIAS PARA CREAR POESÍA

Page 1

21 de marzo DÍA DA POESÍA ALGUNHAS TÉCNICAS PARA CREAR POESÍA. EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA BIBLIOTECA. CEIP LÓPEZ FERREIRO. www.bibliolulu.blogspot.com (CURSO 2014-15, REFORMADAS NO 2020-21).


• •

O 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía, unha data que serve para lembrar a importancia da Palabra poética, e para espallala, promovendo a súa ensinanza, fomentando os recitais poéticos, e creando unha imaxe positiva desta forma de manifestación artística. O Equipo de dinamización da biblioteca, considera, ademais, que a poesía representa unha das mellores mostras para desenvolver o gusto pola lectura e pola escritura creativa: as rimas, a linguaxe figurada, as repeticións sintácticas e morfolóxicas para a fixación de estruturas linguísticas e vocabulario, o ritmo que todo poema representa..., supón que a poesía sexa un recurso insubstituíble nas aulas. Mais tamén é unha maneira de representación de sentimentos, das emocións, da beleza, da tradición..., eixos temáticos que nunca deberían esquecerse na práctica docente. Así pois, desde este Equipo achéganse algunhas técnicas para que as nenas e os nenos se inicien na práctica poética ou a desenvolvan.

Todos os exemplos dos poemas que aparecen a continuación, proceden de libros existentes na biblioteca do CEIP López Ferreiro, ou ben de mostras de tradición oral recompiladas polo noso alumnado entre as súas familias.


POR ONDE EMPEZAR? • É probable que che xurdan ideas para escribir un conto, para contar unha historia, para expresar unha información, pero… Como expresar unha idea cunha linguaxe poética? • Con algunha destas técnicas, comprobarás que todos levamos un poeta ou unha poetisa agochados. • Que che parece se empezamos?


TÉCNICAS DE REPETICIÓN. • A repetición (dunha frase, dun retrouso, dunha palabra, de preguntas, dunha onomatopea...), é un dos recursos máis empregados na linguaxe poética • Esta técnica dálle ao poema ritmo, inquietude , alegría ou dramatismo segundo os casos. E na lectura, permite realizar exercicios de modulación de voz, ata ir creando intensidade na recitación.


Repetición dunha frase ou pregunta. Neste caso García Teijeiro usa unha pregunta para marcar un ritmo que dá impresión de cansazo. Polo camiño amarelo A onde? Polo camiño vermello A onde? Polo camiño do ceo A onde? Polo camiño do vento A onde? Estou canso e teño sono Sento aquí para agardar a chegada do Outono. A. García Teijeiro: As catro estacións.

Para seguir esta técnica, pensa nunha pregunta e tenta contestala. Volve a formular a pregunta e respóstaa. Se inventas un final sorprendente…Composición feita!

E onde vas? Vou ao río. E onde vas? Vou ás estrelas. E onde vas? Vou aos planetas. E onde vas? Vou aos camiños. E onde vas? Vou aos océanos. E de quen es? Son dun sono esperando un outono…


REPETICIÓN DUNHA ONOMATOPEA Uú-Uú, Un moucho vai en autobús., Uú-Uú, Leva un traxe azul de plumas. Uú-Uú, E de manicura, as uñas. Uúuuuuuu…!

Trátase dunha técnica moi similar á anterior, pero coas onomatopeas conséguese un maior ritmo e musicalidade.

Gloria Sánchez : Rimas con letra.

Chis-chis, cantaba o martelo.

Chis-chis, no tempo das pipas.

Chis-chis, debaixo do medo.

Chis-chis, xogaba ás canicas.


Repetición dun retrouso A dama que ía no branco cabalo levaba un pano de seda bordado. Na verde fror As letras van de amor! O cabaleiro do cabalo negro levaba unha fita colléndolle o pelo. Na verde fror As letras van de amor! No meio do río cambiaron as vistas, el para o pano i ela prá fita. Na verde fror As letras van de amor! Álvaro Cunqueiro.

• Neste caso, o que se repite é unha expresión (retrouso) que imprime misterio ao poema. E Carapuchiña non tiña nada con que comer. E nas follas daquel bosque vai medrando unha ilusión. Dérallo todo ao lobo e ela soíña quedou. E nas follas daquel bosque vai medrando unha ilusión.


Técnica do encadeamento Neste caso, a última palabra dun verso, empeza o seguinte. Para que teña máis ritmo e musicalidade, pode repetirse a mesma estrutura sintáctica e rematar cun encadeamento (recollida dos Antonio Machado. elementos enumerados).

La plaza tiene una torre, la torre tiene un balcón, el balcón tiene una dama, la dama una blanca flor.

Cando ti cantas, canta unha rosa. Cando ti choras, chora unha rosa. Cando ti soñas, soña unha rosa. Cando ti ris, rise unha rosa.

Cando ti cantas, cando ti choras, cando ti soñas, cando ti ris… Alumea unha rosa!


As definicións • •

Para definir algo o mellor é exemplificalo cunha comparación (é coma, semella, lembra…). Por exemplo: “As nubes brancas son como la de ovella”. Se o que facemos é identificar chegamos á metáfora, coas que podemos crear preciosos versos. As nubes brancas son la de ovella nun prado azul cheo de estrelas.

H. Villar Janeiro: A campá da lúa.


Preguntas e respostas encadeadas Combina tamén as técnicas anteriores; é moi empregada na literatura popular para facer recitados.

Fíxate nesta composición extraída da páxina web de Orella pendella, e que podes seguir.

- Chucuruchú, onde vai a vella? - Chucuruchú, a Redondela. - Chucuruchú, que foi facer? - Chucuruchú, buscar o sal. - Chucuruchú, para que serve o sal? - Chucuruchú, para facer o caldo. - Chucuruchú, para que é o caldo? - Chucuruchú, para lle dar ó can. - Chucuruchú, para que é o can?

--------------------------


As adiviñas Verde foi o meu nacemento de amarelo me vestín e todos os que me cortan choran por min. Para estas composicións o mellor é comezar facendo comparacións, e intentar buscarlle unha rima:

Son longo coma un cempés, e pola vía sempre me ves.

As comparacións podemos transformalas en metáforas: Son un cempés; camiño ao dereito, camiño ao revés, mais pola vía sempre me ves.


O aleluia É unha das técnicas máis sinxelas: hai que compoñer pareados, mesmo con palabras inventadas, e pódense enlazar. Fíxate o efecto que produce na seguinte poesía popular, que aparece recollida na páxina web de Orella pendella.

Tantarantán, tantarantiña, o que non pensa non ten cabeciña. Tantarantán, tantarantola, o que non pensa non ten cabezola.


O limerick ❖ É unha técnica proposta por Rodari. Trátase de ir definindo un protagonista, indicar as súas características e contar o que fai, as reaccións… ❖ Os resultados, achéganse á poesía do absurdo, polo que son composicións realmente creativas. ❖ Fíxate como no poema da dereita se resposta a estas cuestións: o Quen? o Cando? o Onde? o Como? o Que fixo? o Con quen?

Bartolo é un triste tolo, un tolo louco semafórico. Cando lle falas ponse colorado. Cando che fala ponse verde. Cando conversa co semáforo póñenselle Ollos laranxa intermitente, ollos de Bartolo, o tolo. F. Alonso: Cidades.


Acrósticos Nestas composicións, coa primeira letra de cada verso, fórmase unha palabra. Para realizalos, é mellor pensar a palabra e logo ir compoñendo cada verso. A este acróstico de Fran Alonso, que aparece no libro O meu gato é un poeta parece que lle falta algo, non si? Proba a completalo.


Trabalinguas • Nos trabalinguas abundan as palabras inventadas para dar sonoridade. Nós tamén podemos formar palabras diferentes. • Fíxate na composición da dereita que seguro vos recorda outra moi coñecida. • Recoñeces as palabras inventadas?

Nun niño de conchagarfos, dous conchagarfiños hai. Quen os desenconchagarfizare bo desaconchagarfizador será.

M. Ginesta e X. Cobas Brenlla: Trabalinguas para xogar.


Chistes • Para buscar o humor, as rimas chocantes son un bo recurso, ou as comparacións hiperbólicas. Polo A, amoriños, polo E, pequeniños polo I, pirulí, polo O, potoploff!! polo U, ai meu cú!

Ana Mª Fernández: Rimas con letra.

Teño uns zapatiños novos ferrados con chocolate e as biqueiras son de azucre; ¡mire “usté” que disparate! Era un home tan pequeno, tan pequeno, tan pequeno, que subiuse a unha canica e dixo: “O mundo é meu!”


Caligrama • Pódense convertir as adiviñas en debuxos que representen o que se ha de averiguar. Hai que falar do obxecto sen nomealo: describilo, comparalo, definilo… • Á esquerda, tes un exemplo que Antón Cortizas presnta en Vaia Tropa!


Xogamos a cambiar Arrolos son cancións de berce , :

axeitados para cambiar as accións, ben por contrarios ou por sinónimos

Este neniño pequeno quen o vai aturular. Súa nai vai no muíño e seu pai vai traballar. (Leilía)

Este neniño pequeno quen o virá espertar. Súa nai está lavando e seu pai vai navegar. (Poema transformado)

Se cambias os substantivos e, ou, os adxectivos, comprobarás como se transforma este poema:

Ai, lúa nena! Flor caprichosa. Flor exquisita. Flor xenerosa. A. García Teijeiro: Lueiro de papel.

Ai, lúa pequena! Flor vaporosa. Flor transparente. Flor ben fermosa. (Poema transformado)


Completamos • Trátase de escribir complementos ou finais para versos que parecen incompletos: Medrou unha planta. Medrou un amor. Medraron tres flores no teu corazón. A. García Teijeiro: As catro estacións.

Medrou nos teus beizos unha planta de ilusión. Medrou nos teus ollos un fermoso amor. Medraron na vida tres flores coma tres soles no teu , e no meu, corazón. (Poema transformado).


Cambiar por contrarios Merco cunchas satinadas. Vendo ondas brincadeiras. Vendo lúas prateadas. Vendo toxos e silveiras. Vendo ventos, treboadas, Horizontes ferruxentos. Merco . Vendo. Vendo Merco e, por iso, nada teño. A. García Teijeiro. Lueiro de papel.

• Cos contrarios pódense compoñer versos que expresen ideas opostas. Neste caso, García Teijeiro xoga cos verbos merco e vendo, pero pódense empregar centos: entro-saio; teño-dou; collo-deixo…


Poemas surrealistas Podes coller un xornal e elixir un artigo. Recortas cada unha das palabras que forman o artigo e mĂŠteas nunha bolsa. Agora saca cada recorte un tras outro.Copia na orde en que saĂ­ron da bolsa.

O poema parecerase a ti: e ti es un escritor ou escritora infinitamente orixinal e dunha gran sensibilidade.


COMPOSICIÓNS CON FIGURAS RETÓRICAS

Pode que queiramos centrarnos en como se crea poesía a partires de certos recursos. É unha boa técnica para así identificar tamén esas figuras literarias na audición ou lectura, e comprender como as e os poetas, ou a xente en xeral, fan uso da linguaxe.


Aliteración Esta figura consiste na repetición dun son para achegarnos ao contido do que se quere expresar. ❖ Ao ler a primeira cantiga popular, predomina o son do “b” e do “t”, co cal reproducimos o batemento do leite para facer a manteiga. ❖ No segundo caso, o “s” e “t”, lévannos ao movemento de amasado do pan. ❖ Proba a facer listaxes de palabras con “r”, con “l”, con “s”…Logo forma versos con algunha das técnicas anteriores. Verás que resultados sorprendentes!

Bate meu leite na cántara nova, con tres pelouriños e mais o da roda. Bate meu leite se te has de bater, que na casa teño quen te ha de comer.

Así se amasa, así se peneira, así se lle dá a volta ao pan na maseira.

Toco e retoco co puño puñete; toco e retoco, e amaso o molete.


ANÁFORA •

Os versos comezan coa mesma expresión, e así conséguese darlle ritmo ao poema. Fíxate como A. García Teijeiro reproduce esta técnica da tradición oral no seu libro Aloumiños.

Durme, meniño fermoso, que te está chamando o sono. Dúrmete meu queridiño, pecha tranquilo os teus ollos. Durme, luceiro da alba, que o teu pai chega do mar. Dúrmete meu queridiño. ¡Haille que dar de cear!


PARALELISMO Os versos presentan a mesma estrutura sintáctica. Por exemplo, nesta composición popular hai paralelismo nos cinco primeiros versos, porque sempre se repite o esquema: artigo + substantivo + verbo.

O luns mollo, o martes lavo, o mércores seco, o xoves saco, o sábado amaso e o domingo que eu fiaría, todos me din que non é día


PERSONIFICACIÓN O piolliño e maila pulga andaban sempre da man; andaban moi collidiños garimeiros polo chan. Cruzaban montes e fragas; xogaban coas formigas. Bolboretiñas douradas dedicábanlles cantigas.

Pero un vento miserable soprou e soprou moi forte, e mandou á parelliña lonxe ben lonxe ben lonxe. A. García Teijeiro: Aloumiños.

Con esta figura, engádense calidades humanas a animais, plantas, obxectos en xeral…É moi recurrente tanto nos contos coma na poesía para nenas e nenos. Fíxate na composición e seguro que o entendes.


SÍMIL OU COMPARACIÓN Este recurso emprégase moi a miúdo na linguaxe oral: é tan alto coma…; de cor branca igual que…; tan áxil que parecía... Na linguaxe poética aparece para conseguir imaxes máis expresivas. Fíxate como Helena Villar Janeiro describe a mobilidade dun esquío.

E salta saltarín baixo da chuvia, como o gran trapecista colgado á lúa. H. Villar Janeiro: A campá da lúa.


METÁFORA Con este recurso, identificamos dous elementos que, xeralmente, teñen relación. Por exemplo, na adiviña seguinte, que representará a “fontela aberta”, ou “as fontes que están a deitar”…? Seguro que quen a inventou, pensou primeiro nunha comparación, e logo xa lle chamou así a esas partes da cara.

NESTA CARA DE REBOLA hai unha fontenla aberta, un marco con dous furados, dúas fontes a deitar cando o neno está a chorar. Palmira G. Boullosa: Adiviñas.


ANTÍTESE • Coa antítese opóñense dúas ideas ou realidades. Nesta cantiga popular utilizaron os contrarios: frío-calor e día-solpor.

Cando ti tes frío, eu teño calor; Cando ti ves o día, eu vexo o solpor.




Para saber máis… • • • •

Benegas, M.: 44 poemas para leer con niños. LIT- ERA. Huertas, R.: Poesía popular infantil y creatividad. Ed. CCS. Ginesta, M. e Cobas, X: Trabalinguas para xogar. Ed. Edelvives. Luengo, R: Animar a Leer… también poesía. Ed. Luis Vives

http://juego-poetico.blogdiario.com/

https://issuu.com/chanosp/docs/obradoiro_poes__a.odt_1_

• •

https://sites.google.com/site/diapoesiarecursos/ http://menos-lobos.blogspot.com.es/2014/02/barquito-de-papel.html


EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA BIBLIOTECA. www.bibliolulu.blogspot.com www.lulunasondas.blogspot.com

• CEIP LÓPEZ FERREIRO. XANEIRO DE 2021.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.