ORIENTACIÓNS PARA ESTIMULAR A LINGUAXE
CEIP ALFONSO RODRIGUEZ CASTELAO Rúa Pedra Seixa, nº 35 Navia - Vigo Teléfono-fax: 986 24 15 85 e-mail: ceip.castelao.vigo@edu.xunta.es Web: http://www.edu.xunta.es/centros/ceipalfonsorodriguezcastelao/
A familia e o ámbito do neno/-a, xunto coa escola, son os principais axentes na práctica totalidade das aprendizaxes dun neno/-a. Os pequenos pasan a maior parte do tempo durante a súa infancia coa súa familia, e as nosas actitudes e condutas teñen unha grande influencia sobre eles. Por este motivo, ninguén mellor que a familia para, cunha serie de principios e pautas doadas de levar á práctica á hora de comunicarse co neno/-a, converterse nun elemento de vital importancia para o bo desenvolvemento da linguaxe. 1.- En primeiro lugar, cando nos dirixamos ao noso fillo/-a, procurar facelo coa maior claridade posible, pausadamente e sen elevar a voz, de forma que sexa doado captar a mensaxe para el. Non se trata de empobrecer a nosa expresión ou de que falemos de forma infantil, senón máis ben de facelo de forma axustada e precisa. Tampouco debemos berrar excesivamente, hai persoas que lles falan desta forma, aínda que sexa cariñosamente, e non son conscientes de que están a crear interferencias que impiden que a comunicación se produza correctamente. 2.- Dedicaremos o maior tempo posible a falar co noso fillo/-a. Deixando que se exprese e se sinta cómodo e seguro ao facelo. Hai que ter paciencia, e mostrarse atento ante o que nos está a contar, aínda que teñamos mil cousas que facer. Provocaremos o máximo de intervencións pola súa banda durante a conversación facéndolle preguntas, solicitándolle aclaracións, etc. 3.- Non falar en ambientes ruidosos, porque isto distorsiona a comunicación. Apagar a tele cando vaiamos manter unha conversación. Sería moi interesante que a tele permanecese apagada durante os anacos que a familia está reunida. Isto podería considerarse unha norma máis da casa. Por exemplo, tela apagada durante as comidas fomenta o diálogo, e reduce as situacións tensas entre os membros da familia. Ademais, teñamos en conta que, se dende pequenos acostumamos os nosos fillos/-as a contarnos as cousas, cando sexan maiores, é posible que recorran a nós cando teñan un problema. 4.- Non deixar que vexa demasiadas horas de tele, ela nunca pode substituír o diálogo do neno/-a cos seus pais. O seu uso indiscriminado entorpece o desenvolvemento da comunicación. Elixamos coidadosamente os programas que vai ver, xa que, desgraciadamente, os horarios infantís non se respectan, e os nenos/-ás están expostos a toda clase de contidos inapropiados. É mellor estar preto del, para poder servir de catalizador ante estes programas lixo aos que pode acceder. Se lle explicamos o que está a ver, e os motivos polos que non nos gusta que o escolla, comprenderao mellor, e acostumarase a expresar as súas opinións dende pequeno. 5.- Aproveitar calquera circunstancia e ocasión para ensinar ao neno/-a palabras novas: no baño, na cociña, vendo un libro de fotografías... Comentar
aquelas cousas que lle chamasen a atención. Para fomentar que o neno/-a constrúa ben as frases, podemos axudarlle con preguntas como Como se chama? Para que serve? Quen o fai? Como o fai? Onde está? Ante temas novos, podemos acostumalo a buscar máis información en libros ou en Internet, e deste modo, ensinalos a usar o ordenador e a Rede como unha ferramenta de coñecemento, e non só de diversión e dependencia. 6.- Non interromper ao neno/-a cando estea a contar algo, aínda que non o faga de forma moi clara, a non ser que sexa para solicitarlle máis información, e seguindo as pertinentes normas de cortesía. Se o cremos necesario, cando non dixo algo ben, nós repetirémolo correctamente de forma lenta e clara. Non se enfadar se o pronuncia mal. Hai que ter moita paciencia. Por exemplo, se o noso neno/-a di "Mia, un pedito bapo", nós podemos responderlle, "Si, un perro muuuuy guapo". 7.- É beneficioso non se anticipar á vontade do neno/-a. Cando queira algo, debe pedilo oralmente. Hai nenos/-as que, sinxelamente, non teñen necesidade de falar, porque cun só xesto, berro ou choro, teñen todo o que desexan. 8.- Evitemos, polo menos mentres el estea presente, contar os seus erros como algo gracioso... pois isto pode ter varias repercusións. Ante as burlas, o pequeno pode retraerse, e esquivar as conversacións por medo a quedar en ridículo. Ou pola contra se ve que é gracioso, persistirá nos seus patróns infantís por máis tempo, xa que pensará que se fala como os maiores, ninguén lle fará caso. 9.- Contar contos aos nenos/-as, e ensinarlles cancións populares, adiviñanzas, poesías, rimas... é un costume que se perdeu, e que axudaba moito a desenvolver o ritmo do fala. 10.- Evitar as comparacións con outros nenos/-as da súa idade. Cada un é único, e evoluciona a un ritmo diferente. Ante a dúbida, consultar con profesionais. Potenciemos a súa autoestima. Se o noso fillo/-a se sente valorado, sabe cales son as cousas que fai ben e observa a nosa satisfacción ante os seus logros, estará moito máis aberto ante as novas aprendizaxes. Non debemos premelo con comentarios como "pois Pepito é máis pequeno ca ti, e mira como fala". 11.- Evitar o uso de chupetes e biberóns, así como a alimentación triturada. A partir dos 24 meses, salvo excepcións, os nenos/-as non deben utilizar chupetes. Deben beber en vaso, e comer o mesmo que os adultos. Isto axuda a desenvolver a musculatura implicada no fala, e así prevéñense algúns problemas de pronunciación.
12.- En caso de que o neno/-a tatexe, mostrarse tolerantes. Non ser ríxidos nin perfeccionistas. Na primeira infancia, o tartamudeo é algo moi frecuente. Se acontecese, isto é o que hai que facer. Non facer observacións sobre a súa forma de falar. Non se enfadar polos seus erros ou bloqueos, nin o facer repetir aquilo que non dixo correctamente. Darlle todo o tempo que necesite para expresarse, non rematar as palabras por el, nin nos mostrar impacientes. Cantarlle cancións e ensinarlle poemas, rimas ou adiviñanzas, xa que axudan moito. Intentar que se sinta seguro de si mesmo, resaltando as cousas que fai ben, ante el e ante os demais. Facerlle preguntas que requiran respostas curtas, e ensinalo a dividir a súa mensaxe en frases máis curtas, con palabras doadas, para evitar as situacións que desembocan nun bloqueo. Na maioría dos casos, os síntomas desaparecerán espontaneamente.
O IMPORTANTE É QUE XOGUES E FALES CO TEU FILLO GOZA DEL E CON EL