FAI UNS 25 ANOS…. Rebuscando no baúl dos recordos atopamos a seguinte "historia dun futuro colexio", a cal consideramos acertada para unha revista como a deste curso. Historia dun pasado moi presente no 25 aniversario do colexio e dun futuro onde xa se fala de ampliación………pero isto xa é outra historia de Navia.
“A RECOMPENSA DO ESFORZO Historia dun futuro colexio Nun pobo da Costa Oeste, chamado San Pelaio de Navia, onde nunca pasaba nada en especial, coa súa xente traballadora, laboriosa en faenas agrícolas, cumpridora cos seus oficios relixiosos, levando unha vida máis ou menos monótona e cotiá, viron un día os seus intres de lecer cheos dunha historia realmente preocupante. Facendo xa algún tempo que o colexio tiña unha serie de gretas ás que non se lles daba demasiada importancia, nunha Inspección rutineira do servizo de mantemento do Concello de Vigo, os técnicos decatáronse de que o problema agudizárase e podía ser realmente perigoso para a integridade física dos ocupantes. Ante a magnitude dos acontecementos, o concello decide encargar a unha empresa especializada nestes temas o estudo do problema, acordando esta O PECHE DO COLEXIO. A Señora directora, que no seu momento tiña que notificar a gravidade do caso e non o fixo, atópase ante uns pais que lle piden responsabilidades e ao observar estes a actitude pasiva da docente, acompañada dun grave enfrontamento
cunha profesora compañeira súa, sen dubidalo, piden a súa dimisión desviándose o problema do colexio cara a leste outro punto. Os pais, que non se conforman coas desculpas que se lles dan, tratan de chamar a atención da opinión pública e as autoridades, manifestándose e facendo asembleas para concienciar do problema. Chégase a un preacordo, facendo dobre quenda dos nenos en aulas que aínda estaban en “condicións”; así uns cursos daban pola mañá e outros pola tarde. Pero a solución non chegaba. Como os pais non estaban de acordo coa dobre quenda, o Delegado Provincial de Educación, despois de moitas pescudas e de coñecer o problema “in situ”, propón que se habiliten o ximnasio, o laboratorio, os vestiarios e a sala de profesores para facer unha soa quenda de clases. Ante todas estas vicisitudes, a un grupo moi reducido de pais, preocupados polos seus fillos e polo futuro dos nenos de Navia, ocórreselles a idea de propoñer que se faga un NOVO COLEXIO, pero fóra da praza pública. A tarefa non é fácil, posto que para iso non existían terreos onde poder edificar. A forza de vontade destes pais increméntase cando escoitan as palabras do Delegado dicindo que en canto consigan os terreos, Navia terá un colexio novo. Estes pais puxéronse de inmediato ao choio e despois dunha infinidade de problemas, tropezos, malas contestacións e falta de colaboración dalgún propietario, lograron ao fin que o Concello de Vigo adquirise estes terreos, para acto seguido cederllos á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para a construción do colexio. Deuse o primeiro paso pero o Sr. Delegado, quen pensaba que o colexio ía para longo, atópase coa gran sorpresa de que estes pais facilitáranlle enormemente a tarefa ao Concello e agora era a súa quenda e debía cumprir a promesa que fixera. Este Señor, trata de desculparse que non tiña orzamento, etc, etc e que, por tanto, había que esperar.
Esta solución, que dubida cabe, non satisfai aos pais, quen trata por todos os medios legais chegar máis aló e para iso reúnense con algúns concelleiros do concello de Vigo para, a través deles, poder chegar ao Conselleiro de Educación. Celébrase unha reunión co Conselleiro decidindo estudar o asunto conxuntamente co Director Xeral de Construcións da Xunta, quen, vendo as condicións nas que se atopaba o colexio, decide que realmente hai que facer un novo. Fíxanse prazos, prometendo que antes de finalizar o próximo curso terían a obra adxudicada a unha empresa construtora. Para axilizar a tramitación das obras no aspecto económico, inclúe os orzamentos no Fondo de Compensación Internacional, tendo que esperar a que o arquitecto termine o proxecto, para expoñelo publicamente e que as empresas construtoras envíen as súas ofertas. Outro punto para ter en conta son os accesos aos devanditos terreos, onde os pais atopan de novo problemas debido á neglixencia dalgún propietario para ceder uns metros de terreos (recoñecidos polo concello a todos fins urbanísticos), quedando a pesar de todo e grazas á perseveranza dos pais, resolto como sempre o problema e en espera de que o Concello de Vigo, mande a maquinaria necesaria para facer o ensanche do camiño Pedra Seixa e dotar os terreos de auga e luz eléctrica. Todas estas xestións de papeis, reunións, visitas a propietarios e demais dilixencias foron realizadas por uns pais que traballaron incansablemente pero cheos de ilusión, agarimo e fe. Vendo polo menos culminados os seus propósitos e pensando que grazas ao seu tesón, mañá Navia e TODOS OS SEUS NENOS TERÁN UN COLEXIO NOVO.
Non só hai que dar ideas, elas por si soas non andan. Hai que achegar axuda e colaboración; traballando todos xuntos con firmeza esas ideas lévanse a cabo e o resultado da colaboración é un ben para toda a comunidade. Estes pais queren expresar o seu máis profundo agradecemento ao Concelleiro de Educación D. Manuel Castedo; ao Concelleiro de Vías e Obras D. Agustín Arca e sobre todo ao seu veciño e concelleiro do Concello de Vigo D. Antonio Neto Figueroa “Leri”, quen se prestou incondicionalmente a colaborar desde o principio, brindando a súa inestimable axuda e poñendo a súa man en todos aqueles temas que estaban ao seu alcance para conseguir entre todos, este colexio que tantos desexamos. UNS PAIS” Fonte: Navia-Crónicas de un lugar en la costa Oeste. Nº9 Cuaderno informativo editado pola AVNavia Novembro 1989. (Traducida ao galego desde a súa versión orixinal).
Esta é a historia do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao contada por uns pais que fai anos traballaron para conseguir un novo colexio en Navia. Moitas das cousas desta historia sóannos moi afastadas, pero moitas outras seguen estando moi presentes na actualidade, e 25 anos despois desde a directiva do ANPA gustaríanos subliñar unha delas: “Non só hai que dar ideas, elas por si soas non andan. Hai que achegar axuda e colaboración; traballando todos xuntos con firmeza esas ideas lévanse a cabo e o resultado da colaboración é un ben para toda a comunidade.”
ANPA “O MUIÑO” Vigo, maio 2016
EDICIÓNS CASTELAO LETRAS GALEGAS MAIO 2016