3 minute read

Pepe Cáccamo

Next Article
Menchu Lamas

Menchu Lamas

IG: @pepe.caccamo

Obradoiro matriz

Advertisement

O meu obradoiro é maiormente lugar de acougo, espazo matriz, ámbito da xestación, atributos que supoño comúns cos das estancias de traballo de moitos artistas. No meu cuarto de labor síntome protexido, defendido das ameazas do mundo e mesmo dos meus propios perigos interiores. Os procesos de criación no obradoiro responden aos ritmos naturais do corpo nai, os latexos regulares do sangue, a mecánica da respiración, as pautas do pensamento. Acelérase ás veces o movemento da máquina inventora. É o momento do achado sorpresivo, da aparición da idea reveladora, do entusiasmo. Noutras ocasións atempérase o fluído do discurso, detense e cesa. O estado de acougo dá paso á inquedanza da páxina en branco, ao baleiro do non saber, mesmo á negación do valor do traballo de varios días, meses, anos, de toda unha vida de interrogante procura. Cómpre recuperarse canto antes de tal estado de carencia. Daquela sitúome fronte á materia sen labranza en actitude de alerta contemplativa. Ou abro caixas onde gardo obxectos, aparellos, ferramentas, restos que fun amoreando ao longo do tempo. Dispoño algúns deles enriba da mesa, pregúntolles polo seu sentido, agarimo as súas superficies en persecución de fragmentos de significado, emparello organismos de diferente especie, persigo os rumbos do azar e déixome levar polas incitacións da sorte.

E paso horas sentado fronte aos meus anacos de materia en vagaroso fervellar de pensamento combinatorio. Traballo con obxectos encontrados, vellos libros, brinquedos, figuras de modelismo, aportacións do sedimento natural ou fabril, pezas naturais ou manufacturadas que ás veces traen propostas case completas de sentido. Cando é así, xogo a adiviñar o que pretenden dicirme. En caso contrario tento construír un significado para as formas que se me ofrecen. Combino, desmonto e reelaboro. Ou sexa: dedícome a xogar desde a mesma disposición de rigurosa inocencia con que xogaba cando neno coas miñas arquitecturas infantís. O obradoiro é o cuarto dos xogos, onde se nos permite lixar as roupas, a vestimenta axeitada para tal caste de ocupacións, e converter en campo de desorde e confusión as mesas, os andeis, o chan. Eu, que son teimoso recolector e maniático da orde, disfruto co panorama provisorio do caos, co espectáculo de ferranchos, trebellos e fragmentos espallados, axitándose en azaroso amoreamento. A fruición da desorde é placer rebelde, afirmación na desobediencia á severidade da norma autoimposta. De tal estado de desconcerto –como do incontrolado fluír de conciencia para a escrita do

poema discursivo- surxe ás veces o fulgor da revelación, o primeiro impulso para unha nova creación obxectual. Pero non podo abandonar o meu obradoiro no remate do labor do día sen devolver a cada elemento o seu dereito de residencia no andel ou na caixa que lles corresponden por lei.

Casa matriz, espazo da intimidade, laboratorio do pensamento experimental e cuarto de xogos, no obradoiro complétase un proceso que, con frecuencia, comezou antes nesa outra factoría mental da intuición e da inquisición reflexiva, funcións que a min se me activan, inesperadamente, en horas de paseo, baixo o chorro da ducha, en momentos imprevistos de descuido e abandono, co meu ser en estado de espontánea receptividade. A mesma espontaneidade receptiva que procuro manter vixente no tempo máis activo do meu labor no obradoiro da casa, espazo modulado e modelado tamén pola impronta do meu propio corpo, os meus ollos a traballar na superficie e no volume dos obxectos e as mans, ese instrumento inimitábel, no soño construtivo de novos significados.

This article is from: