2 minute read
Antón Patiño
IG: @anton.patino
Espazo experimental
Advertisement
Taller como lugar ingrávido onde todo pode acontecer. O taller do artista é o lugar onde convocar o xogo. Alí todo está aberto (inzado de posibilidais). Tamén é certo (como dicía Gilles Deleuze) que todo o noso mundo está ateigado de sedimentos iconográficos previos. Un denso palimpsesto (a xeito de horror vacui) gravita sobre as nosas mentes. Sobre ese mesto depósito colectivo é onde hai que escarvar deica atopar zonas liberadas (espazos de seu). Cómpre acadar territorios de silencio. Ocos onde sedimentar as emocións. A imaxe vai nacer aí: nesa zona liberada.
Escoitamos o aroma da materia, sentimos a cor na mente, vibramos co recendo dunhas combinacións insospeitadas. Hai unha xeira de sinestesias Experimentos, rotacións, mesturas e fusións. A importancia dos procesos vai estar sempre presente. Temos que atopar vectores que alén da angustia das influencias poidan establecer unhas liñas de acción, reparando nos sobresaltos, facendo esculcas no asombro.
Trátase talvez de atopar impulsos, nun lugar onde han suceder cousas. O espazo onde a materia fala a súa linguaxe. O sitio onde ás veces atopas un sentimento que expresa as túas inquedanzas. Hai un anceio libertario, daquela sentimos un determinado ritmo compartido. A imaxe ten a sonoridade do movemento poético. A cor figura mergullar no sentido insondábel. Todo figura casar (mesmo o máis misterioso).
Figura o obradoiro como lugar-acougo, hábitat simbólico onde remexer nos sinais-raíz. Como construir unha atmosfera? Como acadar un clima singular? A materia cos relevos, os pigmentos e mais as transparencias. A fluidez líquida dun material que figura case intanxíbel. As formas nacen e fuxen no intre como intervalo fenoménico. A cartografía sensorial establece uns vieiros. Cada anaco da superficie do cadro ten ese ritmo propio, amosa unha mestura de experiencias intuitivas. Os procesos oníricos de condensación (nunha síntese paradoxal) han xerar unha amálgama. Desprazamentos, pulsións, acción da metamorfose (figuran estar presentes na irrupción da imaxe).
O taller é un lugar onde un anaco dun cadro esquecido pode dialogar con fragmentos dunha obra de recente elaboración (establecendo novas sintonías). Tal vez hai unha fértil desorde creativa, un devalo orgánico que establece correntes de sentido aleatorio. A intuición fai eses cortocircuitos, establece certas ensamblaxes. Hai latexos a vibrar no murmurio das formas. Sentimos a presenza dun ecoar silandeiro. En calquera momento pode xurdir o novo: cómpre estar alerta!