pepe cáccamo IG: @pepe.caccamo
Obradoiro matriz O meu obradoiro é maiormente lugar de acougo, espazo matriz, ámbito da xestación, atributos que supoño comúns cos das estancias de traballo de moitos artistas. No meu cuarto de labor síntome protexido, defendido das ameazas do mundo e mesmo dos meus propios perigos interiores. Os procesos de criación no obradoiro responden aos ritmos naturais do corpo nai, os latexos regulares do sangue, a mecánica da respiración, as pautas do pensamento. Acelérase ás veces o movemento da máquina inventora. É o momento do achado sorpresivo, da aparición da idea reveladora, do entusiasmo. Noutras ocasións atempérase o fluído do discurso, detense e cesa. O estado de acougo dá paso á inquedanza da páxina en branco, ao baleiro do non saber, mesmo á negación do valor do traballo de varios días, meses, anos, de toda unha vida de interrogante procura. Cómpre recuperarse canto antes de tal estado de carencia. Daquela sitúome fronte á materia sen labranza en actitude de alerta contemplativa. Ou abro caixas onde gardo obxectos, aparellos, ferramentas, restos que fun amoreando ao longo do tempo. Dispoño algúns deles enriba da mesa, pregúntolles polo seu sentido, agarimo as súas superficies en persecución de fragmentos de significado, emparello organismos de diferente especie, persigo os rumbos do azar e déixome levar polas incitacións da sorte. E paso horas sentado fronte aos meus anacos de materia en vagaroso fervellar de pensamento combinatorio. Traballo con obxectos encontrados, vellos libros, brinquedos, figuras de modelismo, aportacións do sedimento natural ou fabril, pezas naturais ou manufacturadas que ás veces traen propostas case completas de sentido. Cando é así, xogo a adiviñar o que pretenden dicirme. En caso contrario tento construír un significado para as formas que se me ofrecen. Combino, desmonto e reelaboro. Ou sexa: dedícome a xogar desde a mesma disposición de rigurosa inocencia con que xogaba cando neno coas miñas arquitecturas infantís. O obradoiro é o cuarto dos xogos, onde se nos permite lixar as roupas, a vestimenta axeitada para tal caste de ocupacións, e converter en campo de desorde e confusión as mesas, os andeis, o chan. Eu, que son teimoso recolector e maniático da orde, disfruto co panorama provisorio do caos, co espectáculo de ferranchos, trebellos e fragmentos espallados, axitándose en azaroso amoreamento. A fruición da desorde é placer rebelde, afirmación na desobediencia á severidade da norma autoimposta. De tal estado de desconcerto –como do incontrolado fluír de conciencia para a escrita do 24