Querido papá:
Escríboche esta carta para agradecerche que lle pegaras a mamá. Debinche escribir hai moito tempo, pero tardei en decatarme do afortunada que son pola forma en que me tocou medrar. Adoitaba envexar a todos os meus amigos que tiñan familias “normais”. Con pais que rara vez discutían, onde tiñan ceas familiares todas as noites á mesma hora, e onde o ruído de fondo era o do son dos cubertos tocando os pratos de porcelana. No noso apartamento, ata cando prendiamos o televisor mentres comiamos a nosa comida de microondas con cubertos de plástico, o ruído máis forte sempre fuches ti. Agora agradezo todas as noites nas que chegaches bébedo e armando escándalo.
Grazas a ti, xamais vou saír con alguén que beba de máis ou grite moi forte. Agradezo cada vez que o choro da miña nai me mantivo esperta. Grazas a ti, xamais vou casar con alguén que non me faga feliz. Agradezo poder ser testemuña do difícil que foi para mamá marchar da casa.
Eras tan encantador cando estabas sobrio... e pedías perdón cunha convicción que ata ti mesmo crías. Grazas a ti, sei que a frase “síntoo” non é máis ca un par de palabras que se usan por comenencia, e dúas palabras xamais serán suficientes para que eu quede onde non deba quedar. Cando vexo como as miñas amigas ignoran os sinais que se amosan unha e outra vez, agradézoche que me tiveras amosado cada un deles.
Quero agradecerche porque xa non me queda espazo para odiarte. A miña irmá máis vella aínda non consegue chegar a ese punto, e esa dor acompáñaa en todo momento, lugar e relación. Vin os efectos que ten o aferrarse ao pasado, e é por iso que decidín deixalo atrás. A violencia doméstica é un mal transversal ás xeracións; ti aprendíchela do teu pai, e á súa vez el aprendeuna do teu avó, pero na nosa familia quero ser eu quen acabe co ciclo.
Fago uso do meu pasado como unha insignia, pero non como unha cicatriz. E espero que así poidan facelo todas as vítimas de violencia doméstica. Cando isto pasa, non existe un aspecto positivo. Por suposto que desexaría que xamais tiveras batido en mamá, pero hai unha luz ao final do túnel: podemos utilizar as nosas experiencias para fortalecernos e axudar a outros. Papá, quero agradecerche que lle pegaras a miña nai porque iso converteume na persoa forte e reflexiva que son hoxe en día. Podo ver a tristeza que esconden os ollos dos outros, tal como a vin nos de mamá. Tamén podo ver a alegría, e todo o que quero facer é aumentar a alegría no mundo. É grazas a ti que eu me podo asegurar de que moitos outros non medren como me tocou a min. Polo xeral, as leccións que os nosos pais nos ensinan sen propoñéreno, son as que máis nos marcan. As túas accións ensináronme sobre como querer ao resto e a min mesma.Para rematar, tamén lle quero agradecer a mamá que se armara de valor e te abandonara. Perder o amor da túa vida foi o que te liberou das cadeas herdadas de teu pai. Deixaches de beber,
casaches outra vez e transformácheste no mellor pai e marido do mundo. Agora... segues sendo o máis ruidoso da casa, pero agora o ruído provén da túa risa. A autora deste post quixo permanecer no anonimato, pero podes contactar con ela no enderezo: immorethanaminority@gmail.com.