Patente de corso (Pequeno dicionario pirata) Rafa Vilar © do texto orixinal: Rafa Vilar © das ilustracións: Gemma Capdevila © desta edición: Edicións Embora, 2012 R/ Galiano, 63 - 1º. 15402 Ferrol www.edicionsembora.es Calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación desta obra só pode ser realizada coa autorización dos seus titulares, salvo excepción prevista pola lei. Diríxase a CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) se necesita fotocopiar ou escanear algún fragmento desta obra (www.conlicencia.com; 91 702 19 70) Impreso en Gráficas Lasa Primeira edición: 2012 ISBN: 978-84-92644-45-2 Depósito Legal: C 1225-2012
edicións embora
PREMIO ARUME DE POESÍA 2011
Levamos dez anos convocando o Premio Arume de poesía para nenos. Nese tempo foron galardoados, entre outros poetas, Xosé María Álvarez Cáccamo, Helena Villar, Marica Campo, Concha Blanco e Xoán Babarro. Publicáronse os libros premiados, para disfrute de nenos e nenas de toda Galicia. Na sexta edición, o premio foille outorgado a Rafa Vilar polo seu poemario Patente de corso(pequeño dicionario pirata), que agora publica Edicións Embora. Trátase duns piratas bos, encantadores, moi atractivos para o lector infantil. Non son violentos, non son agresivos, senón máis ben inxenuos e despistados, pois ata se esquecen de cargar os canóns e libran unhas batallas nas que non firen a ninguén. Coma quen di, uns piratas pacíficos e alegres. Todo un xogo. O autor logra imprimirlle a estes versos, guiados polas letras do abecedario, un ritmo áxil nun estilo moi axeitado. Aparecen referencias sobre Benito Soto, Os camiños da vida, a Internacional… En suma, unha poesía que entretén e informa. Salienta o seu vocabulario no que se mesturan termos tradicionais cos utilizados no mundo da
piratería. O resultado é que estes versos dinnos moitas cousas ó tempo que poñen en solfa a aqueles aventureiros que percorrían os sete mares cometendo tropelías a eito. Rafa Vilar, nado en Cee, en 1968, é Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, integrou o Batallón Literario da Costa da Morte, traballou no Servicio de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, foi asesor lingüístico da Televisión de Galicia e ven desempeñando outras responsabilidades, ó tempo que foi cimentando unha obra literaria que abrangue uns doce títulos e que o sitúa pola súa calidade entre os primeiros creadores líricos do seu tempo. Acuarela é o título dun anterior poemario seu para nenos e nenas. O xurado de Arume outorgou tamén dúas Mencións de Honra: a Yolanda Castaño por Verdedades, e a Alberto Calvín por Flores de abruñeiro. Tras seis edicións, o Premio Arume de poesía para nenos ten un espacio de seu entre os concursos literarios do noso país.
Xosé Neira Vilas
Non hai pirata piratón que non teña na abordaxe a máis brava das accións
Feramente combatemos co ceo por testemuña non se sabe canto tempo
Barco vese a sotavento que promete un gran botín e alá imos ben contentos
E tras loita desigual un dos buques é vencido pero non se sabe cal
Do mar somos como anguías navegando ben lixeiros no lusco-fusco do día
Vanse eles mar adiante a vitoria celebrando nesta feroz abordaxe
Renxen os barcos chocando con ruído que mete medo inda que o mar está calmo
E nós quedamos alí sen sabermos que facer ou se chorarmos ou rir.
Negra coma a escura cascuda así é a nosa bandeira no medio do vento mareiro E no centro unha caveira por dous ósos cruzada Bandeira que as xentes temen en toda parte do mundo Bandeira que se esfiaña polo tempo que vai medrando na súa tea cosida De chorar case dan ganas ao vela tan desfeitiña sucando os mares da terra Só que os piratas non choran ou choran ás agachadas.
O mundo fica pequeno pra este barco barcalés que por ter tenvos de todo de trinquete a bauprés De pirata leva o rumbo coa mellor tripulación corsarios que somos todos do abrente ata o solpor Barco que andou os mares destes cinco continentes que damos en chamar Terra cousa pouco intelixente Suca as augas sen desmaio que dá xenio velo así co seu porte fachendoso este barco bergantín Cando é de entrar en batalla semella non ter igual Tanto que todos liscan pra evitaren máis mal Orgullosos del estamos do seu mascarón de proa que ten forma de serea mais a ollada de ladroa Outro barco eu non quero pra facer piratería que este meu barquiño vello camiño á chatarrería.
Burla Negra é o navío Benito Soto o capitán os ingleses que os perseguen nunca saben onde están Pirata galego el da parte de Pontevedra valoroso coma ningún mar a dentro ou en terra Foi mariño amotinado sendo case un rapaz pirata co que ninguén quería bater no mar Curta foi a súa vida grande a súa sona foi non hai porto coñecido que del non saiba o valor A morte ollouna de fronte nos pagos de Xibraltar A Historia xa non esquece o seu rexo navegar Adeus a Benito Soto pirata dos arrecifes A Burla Negra inda espera capitán da súa estirpe.
Compoñen o noso botín moedas, xoias e ouro que haberá que repartir A partes iguais din uns outros non queren así e os máis fan tururú Xa está a liorta argallada e inda que apenas hai luz vese o choque das espadas Non destacan os corsarios por falar só con palabras si por seren agarrados A ver se se impón a paz nesta rifa chafalleira que vai durando de máis Xa se senten na madeira os pasos do capitán berrando con voz troneira Parece mentira en vós piratas de tanto brío esta pelexa en babor no medio do mar bravío Mellor botín non hai que a lealdade que nos temos camaradas do mesmo mar que navegamos co vento Deixade xa esta porfía ás espadas dade fin brindade con alegría polos futuros botíns.
Pola banda de babor os canóns xa deitan fume Pola banda de estribor máis que diso botan lume A batalla comezou no medio e medio do mar Zafar ninguén zafou do ruidoso trafegar Os paxaros asustados baten ás sen ningún xeito Pra lugares mellor dados a escaparen non dan feito Os peixes peor o teñen xa que nin poden saír das augas que van e veñen nin se poden evadir E nós piratas cativos dos canóns non nos libramos Nin os que sodes furtivos nin os que vos disparamos Batalla igual nunca vin tal era o fume que había Antes de chegar á fin un dos navíos fuxía Seica ninguén se lembrara de levar a munición nin por suposto cargara ningún dos doce canóns Á nova piratería dodemo se hai quen a entenda Fáltalles ben de porfía mais non lles sobra fachenda.
O capitán évos home en mil batallas curtido cicatrices o delatan e mais un cofre escondido Agora que a súa memoria xa erra máis do que atina andan a dicir algúns que a ver cando se xubila El ganas non ten ningunhas de ir deixando de mandar e menos debe de ter de non poder piratear Tanto lle presta o oficio que nada aprendeu a facer Por preguiza ou non se sabe nin lle deu por pórse a ler Decátase xa indo vello do erro que cometeu non sabendo nin as letras do seu nome de xudeu E dise que polas noites durmida a tripulación adica horas e horas a escribir cun seu plumón Despois dorme satisfeito ata a hora do xantar Logo soñando en cuberta fai as letras sobre o mar.
Teño un mapa do mar que nos di onde ir eu tamén navegar Sei de portos e illas e de terras remotas desde China ás Antillas Navegamos lixeiros océanos infindos e por novos vieiros Mais perder non perdemos os rumbos indicados nin xa nada tememos Tracexado o camiño avanzamos seguros polo mundo mundiño E se o tempo acompaña a aventura iniciada con bo tino e con maña chegaremos con ben de Galiza ao alén.
A espada que empuño con xesto gallardo ten punta redonda e gume afiado Mais o ferreiro que a fixo o seu defecto non dixo Falar non falou sequera de paso dos días en que esta non quere traballo E ponse rabuda a moi espilida De aquí non me movo e raño a barriga Espada non vin en sitio pirata así preguiceira e mal encarada De vela ben lonxe xa me tarda o día Que a ature se quere alguén da familia Pois eu xa vou farto da súa nugalla Que máis ca unha espada Parece navalla Mais o ferreiro que a fixo o seu defecto non dixo.
Un valor incalculábel pra min sempre posuirá Dunha primeira viaxe que na acordanza vai xa Dígovos que non existe pirata digno de aprecio que nun cofre non agoche o máis gardado segredo
E foi nos mares do sur onde o puiden conseguir A un inglés foille roubado pirata de sona alí
Haivos cofres de madeira ou de ferreño metal que sen a chave axeitada abrir ninguén poderá
Pois se alguén ten interese e do que se di non sabe non abandone a lectura deste libro ata o remate.
Este meu cofre é pequeno coa súa tampa dourada O que nel gardo moi dentro dicirvos non teño ganas
O garfo do que falo non é o de comer Este ten unha punta e serve pra coller O primeiro que eu vin onde a man ten o sitio levábao un pirata nun porto perdido O nome xa nin lembro do dito bucaneiro que onde acaba o brazo levaba un garfo feo Non é que dera medo se tal algo de grima mirar pra aquel ferrancho que orgulloso lucía Cun paniño de seda que o facía brillar gustaba de limpalo que ata daba solaz Un día non se sabe sequera o porqué sentimos o pirata a discutir con el O garfo non quería que o bucaneiro vello del sempre se servira no lugar do coitelo Pedía dignidade aquel garfo tan vivo Non nacín pra cuberto nin nada parecido E o pobre do pirata que non podía máis vendeullo a un ferralleiro de alá de Portugal.
Grumetes do mundo unidos a protesta comezamos Se caso non queren facernos en folga nos declaramos Folga de brazos caídos A cuberta non fregamos non mondaremos patacas e se queremos pasmamos Saiba ben o capitán as condicións que nós damos pra volvermos aos labores aos que agora nos negamos Queremos que non nos berren inda que algo mal fagamos Nós estamos aprendendo este oficio no que andamos Pedimos cada domingo durmirmos o que queiramos e os sábados á tardiña coa cana na man pescamos Que non haxa represalias se algunha vez nos negamos a facer cousas ingratas ou cando nos despistamos A última petición das que nós consideramos case dá risa dicila mais así o acordamos Os grumetes destes mares que tan claro vos falamos queremos o compromiso e senón non negociamos de que unha vez ao mes dúas xa non reclamamos unha onza de chocolate levar á boca poidamos.
Pingas de terra semellan as illas todas do mar E nunhas disque hai tesouros Noutras nada haberá Illas coñezo perdidas nas que nin nós os piratas ousamos poñer os pés nin pra collermos a auga Pois delas cóntanse lendas de monstros que alí habitan que poden deixar sen fala a quen vaia de visita Illas existen tamén nas que sempre vai calor unha calor tan terríbel que nin hai vexetación Lembro un día tempo hai en que nunha destas illas un noso capitán vello houbo queimar a barriga Todo por quedar durmido sen protección nin nada baixo un sol abrasador despois dunha boa farta A min as que máis me gustan das illas que eu coñezo son as dos mares do sur que nelas non pasa o tempo Son illas esparexidas no océano máis grande ao que alguén chamou pacífico se cadra foi Magalhães Illas que sempre hei lembrar no medio e medio do mar.
Mapamundi meu mapiña que sempre o levo comigo polos camiños da vida Como corsario que son pola noite e polo día non quero perderme non Pra iso teño o meu mapa vaia frío ou vaia sol que consulto ás agachadas Así teño que facer que non vexan os piratas que ás veces non sei volver
Ou que ir ao sitio esquecín E non é a primeira vez que me hai que corrixir Vergoña moito me dá que pasen cousas así sendo eu o capitán A que se vai entendendo por que non lonxe da man o levo en todo momento Mapamundi meu mapiña que sempre comigo o levo polos camiños da vida.
Outra vida non coñezo que non sexa navegar Outra vida xa non quero se non é andando o mar Sete mares ten o mundo É un xeito de falar Cinco océanos seguro que vos quero nomear Ártico Antártico e Índico pero inda quedan dous máis son Atlántico e Pacífico e temos os cinco xa A bandeira é testemuña do meu rumbo sen igual Non foi por facer fortuna que fixen barco o meu lar E pirata acabei sendo Non está de todo mal se non fose por este medo que non podo dominar Medo que non teño pouco cando se pon bravo o mar e dáme voltas o estómago e teño que vomitar Ben sei que non vos son cousas de andar sequera a contar Non vexades a vergoña que agora estou a pasar Mais isto crédeme ben non é falar por falar que se volvera nacer o mar iría sucar E aseguro que nada detería a este capitán da piratería.
Papagaio falangueiro que tal eu nunca vira ata toparme con este pola parte das Antillas
E despois de feito isto pechámolo nun dos cofres onde as riquezas gardadas van lembrando a nosa sorte
Lareta que te lareta estavos así todo o día Por parar nin para á noite É cousa de tolería Todos estamos tentados de calquera estremonía Desde andarlle co pescozo a deixalo sen comida
A súa boa fortuna fixo que o capitán espertase e puidese liberalo xusto antes de que acorase
E avisado ben que está para que cambie de conduta Mais indicios non se ven e sae sempre coa súa
Desde aquela o paxarelo con malos ollos nos mira e anda todo temeroso de que perda fala e vida.
Espelido non é pouco Sabe as nosas intencións Dos ombros do capitán non se separa o lambón Só o pillamos distraído unha noite aló no inverno na que o seu gardián estaba cunha chea das do demo Collemos o papagaio e o peteiro lle amarramos ben forte que nin puidera abrilo sequera un algo
O parche que no ollo ves non é fachenda nin moda e tanto ten se me cres
Non foi boa a caída de maneira que co golpe sentín na cara a ferida
Cousa dun tempo pasado dos meus comezos no mar que case nin dou lembrado
Máis que na cara no ollo batín con algo do chan e así che quedei birollo
A culpa foi dun pirata portugués el de nación pero con alma de rata
Velaí a razón do parche Non resulta moi valente mais outra non podo darche.
Alma de rata rateira das que polos sumidoiros semella que andan á xeira O tal pirata langrán de min sempre daba parte ao forzudo capitán Se unha cousa eu facía nunca ben podía estar e alá el a acusarme ía E se por calquera razón non daba acabado o choio repetía a operación Era acusón empedernido o pirata da Lusitania que me tiña aborrecido Por iso un día xa farto collino polos colares que case lle dá un infarto Así foi que o levantei pero con tan mala sorte que na enxarcia tropecei
Traca traca Traca traca É de pau a miña pata Unha perna eu perdín Outra teño pra fuxir Pra fuxir se detrás miña van soldados da raíña
Traca traca Traca traca É de pau a miña pata
Da raíña de Inglaterra Esa si que é mala herba
De pau de madeira de buxo Éche pra min un orgullo
Mala herba de verdade que me segue polos mares
Outros piratas envexan pata de pau coma esta
Traca traca Traca traca É de pau a miña pata
Débolla e non o esquezo a un amigo carpinteiro
Xa nin lembro cando foi a desgraza que pasou
galego da Fonsagrada e bo amigo de piratas
Con dúas pernas fun nacer As mesmas ca ti ou el
Traca traca Traca traca É de pau a miña pata.
Delas estaba ben ledo que corrían coma o vento Mais un día nada alegre fiquei sen perna pra sempre
Son pirata bucaneiro corsario de mar a dentro e alma de filibusteiro De terras galegas veño e de aí esta afouteza e a teimosía que teño Dun barco estou eu ao mando con leal tripulación e así imos navegando Unha nova singradura cada día comezamos sen medo nin atadura Só nos ollos o horizonte na procura dun destino que nun futuro alguén conte Alguén con palabra precisa que queira falar de nós e que non lle dea a risa Digo isto sen ironía Non é cousa de que a xente me colla logo manía Nada mal había estar que algunha nosa fazaña se puidese relatar Relatar ben relatada Que dese medo ao primeiro e ao final non fose nada Pois piratas destemidos si que o somos abofé e no mundo coñecidos Que ha falar de nós a historia Por moito que algúns de vós non teñades boa memoria.
É a pólvora nos mares o ruído do combate Os barrís van sempre cheos e o seu cheiro chega ao ceo Enxergado o inimigo os canóns deixamos listos O caso é ter puntería senón é loita perdida Barco a por barco imos non temos outro destino pois piratas é o que somos piratas dos máis afoutos Cando é comezada a loita o ar transfórmase en pólvora E os nosos ollos xa brillan mentres empardece o día A por eles meus piratas Á abordaxe coas espadas Que son poucos e covardes e de loitar pouco saben Cae a noite silenciosa e no alto a lúa asoma Xa a pólvora é lembranza desta contenda librada Vencedores e vencidos emprenden rumbos distintos Hoxe a batalla é finita e mañá será outro día E se cadra ocasión hai desta derrota vingar E restablecer a honra que se perdeu entre pólvora.
Se pirata queres ser dos da mellor condición requisito indispensábel é saber algo do ron Do Caribe disque vén o que máis presta ao padal Aos poucos hai que tomalo pra non acabar moi mal De nenos non é bebida nin de grumetes sequera O seu gusto é traizoeiro pode enganar a calquera Faise de cana de azucre que hai que destilar con xeito Despois pasa a un pipote pra lle tirar o proveito
En botella ou en garrafa así se adoita vender O prezo varía moito Todo é cousa de saber Un pouquiño dá contento Algo máis xa solta a risa Pero se de aí pasamos mellor que nos dea a brisa Que a cabeza se pon tola Logo doe sen parar Todo comeza a dar voltas no medio e medio do mar De vomitar entran ganas e non é cousa agradábel O corpo quedan sen folgos e un dá en sentirse culpábel Isto todo évos o ron Bebida marabillosa e de piratas querida Tan ruín como gustosa.
É o sextante instrumento útil e necesario pra navegar ao vento Úsase pra situar coa maior precisión calquera barco no mar Este noso barquiño vai por todos os mares da súa gloria camiño Barquiño que é corsario e que por diante ten o seu rumbo diario Nas mans o leme frío Nos ollos o horizonte No corpo un calafrío E vénme hoxe á lembranza o día en que o sextante foi parte de cobranza Dun inglés foi botín este sextante fráxil que veu parar a min Nun cofre está gardado Non vaia ser o demo que o dean por roubado Outro non vou querer pois aprender o manexo dá moito que facer Meu sextantiño lindo Se non fose por ti como hei chegar ao Pindo?
Para nós piratas dos mares a maior satisfacción é procurarmos tesouros mar adiante con tesón E de todos é sabido que as mellores marabillas se falamos de tesouros adoitan estar nas illas Fanse mapas valiosos para chegar ao ben prezado que indican cal é a rota e onde este fica enterrado Disque moitos son aínda os que están sen descubrir Eu son dos que vou na busca e por iso ando a bulir Que ganiñas non me faltan sexa na terra ou no mar de bater cun gran tesouro pra me poder xubilar
Pois esta vida é ben cansa e a idade xa non perdoa Os ósos todos me renxen e a vista non é moi boa Así que se tes un mapa deses que leva a un tesouro eu por min estou disposto a pagarcho a prezo de ouro Que o retiro xa me tarda e do barco xa vou cheo máis desta vida pirata á que xa quero pór freo Outra profesión non tiven nin máis oficio aprendín E agora que vou vellote teño que mirar por min Que inda que pobre non son nin paso necesidade comer quente hei querer e vestir con dignidade.
Cando é que un pirata xura con sangue o seu compromiso podedes estar ben certos de que segue o seu destino Se vai entrar en combate será sempre solidario e leal se ha comportar cos seus colegas corsarios Cousa non revelará se por acaso o capturan que poña en risco os seus homes inda que sufra tortura Ha manter a dignidade pola noite e polo día e se por beber lle dá farao con gallardía Aos maiores con respecto terá sempre que tratar e se así non o fixer gran falta cometerá Combatendo os adversarios ou en calquera situación o código que nos une ten que cumprir con paixón E se o oficio abandonase antes que os anos lle pesen deberá de ter ben claro que nada dirá á xente Ese será o seu segredo e con el irá prá cova Xa se hai vida máis alá poderá arranxar as contas Pois se rompe o xuramento había quedar marcado e o saúdo perdería de calquera outro corsario.