A Ledicia de Ler - O aforro en Galicia

Page 1

A LEDICIA DE LER “O aforro en Galicia” CARLOS CASARES La Voz de Galicia. 13 de xullo de 1975

DOCUMENTOS DA FUNDACIÓN CARLOS CASARES

A LEDICIA DE LER é unha sección que Carlos Casares publicou en La Voz de Galicia de 1975 a 1980, onde trataba temas literarios e lingüísticos, ademais de dar conta das novidades editoriais da época. O texto está adaptado á normativa galega actual. Queremos agradecerlle a La Voz de Galicia a cortesía manifestada en todo momento e as facilidades para achegar este material ao público.


O aforro en Galicia CARLOS CASARES – LA VOZ DE GALICIA. 13 DE XULLO DE 1975

Cada día son máis as persoas que senten curiosidade e interese pola literatura dedicada aos problemas económicos. Incluso resulta xa moi difícil manter opinións políticas sobre a comunidade á que un pertence, sen contar cunha cultura mínima baseada no coñecemento destes mesmos problemas. O que ocorre xeralmente é que neste, como en todos os eidos das demais especialidades, se utiliza unha linguaxe específica que converte a súa simple comprensión nunha tarefa penosa e non demasiado atraínte. Asistimos así a unha contradición máis: a necesidade de coñecer a realidade para poder actuar sobre ela, e as dificultades crecentes para entender a lingua case que mandarinesca de quen se dedican ao seu estudo. De aí que resulte agradable enfrontarse cunha obra dedicada a estes temas e cuxa lectura non só non require un esforzo grande senón que incluso chega a turrar do interese do lector profano non demasiado informado. Este é xa un mérito para destacar do libro O segunda andadura, considerablemente revisado e aumentado respecto da primeira. Os demais méritos terán que ser salientados por quen polo seu estudo coñezan en profundidade os problemas aquí tratados. O libro de Barral Andrade arrinca dunha conferencia dita en Pontevedra en xaneiro de 1972, e axiña publicada sen o aparello crítico necesario. Pero entre aquel traballo e este, a diferenza é considerable. Agora trátase dun estudo amplo da problemática financeira de Galicia, estruturado en trece capítulos que abranguen

A LEDICIA DE LER. “O aforro en Galicia” La Voz de Galicia. 13 de xullo de 1975

aforro e a inversión na Galiciai de Ramón Barral Andrade, que acaba de iniciar a súa

1


cento setenta e sete páxinas, amén de dous anexos, cincuenta e un cadros, doce gráficos e cinco mapas. Nos tres primeiros faise unha análise dalgúns caracteres da economía galega: a poboación, a renda per cápita e a emigración. Os tres seguintes encerran en si a noz do libro: neles faise o estudo do sistema de captación de aforro galego a través das redes das Caixas de Aforros (Populares e Rurais) e da Banca Privada, que en conxunto tiñan abertas no ano 1973 un total de 878 oficinas, sen contar as das Caixas Postais; a análise do aforro voluntario durante o período 19641973, que no derradeiro dos anos citados acadou a cifra de cento noventa e sete mil millóns de pesetas depositadas nas distintas entidades dos intermediarios financeiros; e finalmente a pescuda sobre o investimento feito en Galicia polos Bancos e Caixas de Aforros, que nos descobre unha realidade aldraxante: só polo que se refire ás Caixas, arredor de vinte mil millóns de pesetas de aforro galego están financiando a industria privada española, en detrimento do noso despegue económico. Por outra parte, os chamados “préstamos de mediación” que conceden as Caixas de Aforros como distribuidoras de fondos do Banco de Crédito Agrícola, veñen sendo soamente o 0,64 por cento do monto dos recursos alleos, fronte ao 1,6 por cento no conxunto español, tendo ademais en conta a importancia da agricultura na realidade económica

Esta inxusta situación denunciada por barral Andrade (da que facemos aquí un esquemático resumo) adquire a súa tráxica claridade no capítulo IX, onde o autor fai consideración sobre cómo tería cambiado a nosa situación económica e social, se Galicia tivera poder decisorio sobre o investimento desta cantidade enorme de miles de millóns de pesetas aforradas grazas ao esforzo produtivo dos galegos, e puidese cortar esa auténtica sangría de capital financeiro que sofre e que lle impide pórse de pé. Rachar esta roda é tarefa difícil, pero en todo caso, no libro que comentamos

A LEDICIA DE LER. “O aforro en Galicia” La Voz de Galicia13 de xullo de 1975

de Galicia.

indícanse solucións. No capítulo derradeiro, e a xeito de conclusión, estímase que é

2


necesaria unha nova ordenación do sistema financeiro baseado (a) nunha maior flexibilidade dos investimentos das Caixas que permita volver investir en Galicia os fondos que aquelas entidades colocan en Títulos de Débeda, (b) na implicación, no desenvolvemento do país, da Banca non galega que opera aquí, esixindo ao mesmo tempo á Banca autóctona que a totalidade dos seus investimentos sexa feito en Galicia, (c) na potenciación das chamadas “Sociedades financeiras rexionais” e (d) nun trato prioritario para Galicia por parte de Entidades Oficiais de Crédito. Naturalmente que o autor é consciente de que unha verdadeira acción contra a realidade arrepiante por el descrita pasa imprescindiblemente pola autonomía política, administrativa e económica de Galicia. O seu libro axudará sen dúbida a crear, como el desexa no prólogo, unha auténtica conciencia galega sobre o problema.

* *

Ramón Barral Andrade, O aforro e a inversión na Galicia (Aprosimación ao estudo da estrutura do capitalismo galego). Editorial Sept, Santiago de Compostela, 1975. Leva un prólogo de Xosé Manuel Beiras. i

A LEDICIA DE LER. “O aforro en Galicia” La Voz de Galicia. 13 de xullo de 1975

*

3


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.