O R I G I N A L E S
(1886-1950)
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950) ORIGINALES Del 4 de febrero al 4 de marzo, 2016
Galeria Montenegro c/ Marqués de Valladares, 37 36201 VIGO
Horario: de Lunes a Viernes de 11 a 14 h. y de 17 a 21 h. Sábado: de 11 a 13,30 h. . Tardes previa cita Telf. 986430744 . 629257717 info@galeriamontenegro.com
www.galeriamontenegro.com
EXPOSICIÓN CASTELAO
A Galería Montenegro súmase con esta mostra á celebración do Ano Castelao, que coincide co centenario da creación das Irmandades da Fala, movemento onde o artista, escritor e político rianxeiro tivo un papel sobranceiro A obra plástica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Buenos Aires, 1950) comeza entre o rexionalismo e o simbolismo realizando escenas de forte costumismo. Figura chave do pensamento, a literatura, a política e a arte galegos, el mesmo desenvolvera o primeiro grande paso da pintura galega de preguerra tendente a superar os modelos rexionalistas. A súa obra evoluciona, superando o inicial dominio da anécdota costumista e a influencia modernista, cara a un realismo social de influxo popular e expresionista. A súa preocupación popular non é xa a da visión distanciada, esteticista e burguesa dun Sotomayor ou da maioría da pintura galega máis anecdótica, senón que o artista proxecta unha ollada que parte dunha identificación co representado. A obra de Castelao salienta pola captación psicolóxica do home galego, do mundo cotián, e pola súa inquietude polos problemas das camadas populares con que sente unha identificación que é froito dun achegamento e comprensión dunha intensa fondura, intelectual, político e afectiva ao tempo, da que son boa proba debuxos do Album Nós (1916) ou os de Cousas da vida (1926-1933). Mais estas preocupacións elabóranse por medio dunha coidada construción plástica. A súa obra delata unha constante atención á linealidade cunha notoria evolución estética que parte das formas modernistas para chegar a un expresionismo singular. Arte popular, primitivismo e expresionismo son algunhas das constantes da súa obra. A recepción do expresionismo de corte centroeuropeo percíbese nos seus debuxos sen que desapareza a linealidade e o tratamento de superficies de influxo modernista e referentes simbolistas. As paisaxes dos anos vinte son obras en que prima a captación emotiva da natureza, debedoras deses influxos modernistas e en que se poden observar ecos das estampas xaponesas, tan de moda na arte europea desde finais do século XIX, estes trazos tamén se poden percibir nos seus debuxos. A súa obra culminante son os álbums de guerra Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos (1938-39), en que atende máis ao claroscuro, con textos moi breves, chegan tres palabras para significar e subliñar a escena debuxada, cunha influencia expresionista ben explícita, e que abala nos seus elementos referenciais entre o Goya das pinturas negras e a arte alemá das primeiras décadas do século XX, que el tivo ocasión de coñecer de primeira man nos anos vinte.
Texto: CARLOS BERNARDEZ
Vera Effigies Tinta 20 x 15 cm. O debuxo reproduce a face de Valle-Inclán, homenaxeando a influencia literaria de raíz simbolista que exerce o escritor sobre o artista nos anos finais da primeira década do século XX. Presenta a Valle como un Ecce Homo, vítima da incomprensión social mais tamén icona reverenciada. A tinta está directamente relacionada co óleo Retrato de Castelao (ca. 1909, colección particular), do pintor Xesús Rodríguez Corredoyra (1887-1939). Para ambos, moi amigos nestes anos, Valle-Inclán é un referente e un influxo na súa arte. Hai que entender ambas as obras desde o simbolismo que quere salientar o individuo singular encarnado no escritor.
Emigrantes Tinta 22 x 26 cm.
Tinta de comezo dos anos dez, recolle un tema recorrente no autor: a emigración. Nesta altura aínda mantén certo anecdotismo caricaturesco que irá dando paso a un tratamento máis marcadamente social en obras posteriores. A obra de Castelao toca o tema migratorio deste unha fonda sensibilidade social, el mesmo fora emigrante na súa infancia na Arxentina. As súas pinturas e debuxos destacan pola comprensión da psicoloxía do home galego, do mundo cotián, e pola súa inquietude a respecto dos problemas das clases populares coas que sente unha identificación que parte dunha preocupación social e dun coñecemento directo da realidade representada.
Que bonito vas, meu hirmanciño c'o traxe d'as romarías! Tinta 35 x 24 cm.
Este traballo é unha variante do número 36 do famoso Album Nós, que leva o seguinte pé: “-Ay meu homiño, e que bonito vas co traxe das romerías!”. A diferenza é que o tratamento visual desta tinta é menos dramático que na versión publicada no coñecido album, editado en 1931, pero que foi elaborado e exposto entre os anos 1916 e 1918. Este aspecto pódese constatar comparando as figuras femininas que fan o pranto ou a figura masculina do primeiro plano coas mesmas representacións da obra do Album Nós.
Estudos de cabeza Tinta Lapis 15 x 10 cm.
Castelao, con dimensións pequenas e con formas bosquexadas, tenta nestes debuxos captar os trazos do xeito máis sintético posíbel para verificar e comprender os aspectos esenciais do modelo, con vontade caricaturesca mais sen acritude. O resultado, como en calquera artista de personalidade, revela a comprensión do representado. O debuxo é, pois, unha maneira de penetrar no mundo real e comprendelo mellor, un exercicio que se converteu en esencial en Castelao desde os seus tempos xuvenís na súa época universitaria. Cómpre salientar que entre as figuras caricaturizadas está o rei Afonso XIII.
Camiño da festa, 1908. Acuarela 41 x 29 cm.
Obra característica da primeira etapa de Castelao prenacionalista. Domina a anécdota costumista e o influxo da planimetría modernista. Este tipo de acuarelas ilustraron os primeiros números da revista Vida Gallega, que aparece en Vigo en 1909 dirixida polo escritor Jaime Solá. Camiño da festa, en concreto, serviu como imaxe para a capa do primeiro número da revista en xaneiro de 1909.
“O crego” c. 1915 Acuarela 46 x 34 cm.
Nesta acuarela presenta unha figura humana rotunda, un sacerdote de fasquía popular. É un exemplo dos temas costumistas e folclorizantes galegos, tan cultivados por Castelao nos anos dez. O pintor combina con grande estilización elementos modernizadores no uso da cor e na planimetría e un manifesto decorativismo. Neste sentido cómpre situar esta obra en relación cos seus numerosos traballos de ilustración gráfica que realiza neste tempo.
Ojo clínico Acuarela Outro exemplo de acuarela que ilustra, nun ton marcadamente humorístico, unha publicación. Os personaxes populares e as escenas chocalleiras, como a presente, son típicas do traballo de ilustración gráfica do primeiro Castelao, como xa sinalamos ao falarmos de Vida Gallega. Esta obra pertence, inequivocamente, ao mesmo mundo referencial.
El hidalgo Don Tirso de Guimaraes, Tinta 23 x 31 cm.
Esta obra está directamente ligada á ilustración da capa do libro El hidalgo don Tirso de Guimaraes de Luis Antón del Olmet, ilustrado por Castelao en 1915. O tema, presente en abondosas obras literarias e artísticas galega destes anos, é o da decadencia da fidalguía, patente na pintura de Xesús Corredoyra ou Castelao e na literatura de Valle-Inclán, Otero Pedrayo ou o propio Castelao. Nesta obra é explícito este mundo ao aparecer o vello fidalgo en primeiro plano e o pazo escanastrado ao fondo.
Cousas da vida Tinta y acuarela 31 x 21 cm.
Nos debuxos de Cousas da vida agroman todas as contradicións, conflitos e esperanzas do home común do convulso e esperanzador período que viviu o autor, sendo en boa medida este traballo espello do seu tempo. Os seus debuxos representan con moita variedade as características físicas máis acentuadas do home galego, hai que ter en conta que Castelao sempre estivo preocupado por plasmar do xeito máis eficaz posíbel as cuestións que afectaban á ética ou aos problemas políticos da sociedade que lle tocou vivir, cunha forte carga solidaria: a inxustiza das leis, a emigración, o caciquismo, a problemática lingüística, a cuestión nacional, a forma de estado... O protagonismo central desta serie téñeno personaxes populares: meniños, cegos, mulleres, homes do mar, labregos empobrecidos... e en contraste con eles burgueses e caciques, para en todos os casos o autor facer salientar as características máis notábeis deles. Todas estas obras foron publicadas no Faro de Vigo nos años 1930 e 1931.