Moción Ferrol En Bici

Page 1

GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Ferrol, a través da súa voceira, Natividad González Laso; conforme ao disposto no regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta ante o Pleno da Corporación a presente MOCIÓN INSTANDO AO GOBERNO LOCAL A IMPULSAR O SERVIZO PÚBLICO DE BICICLETAS, ó obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno Ordinario e debatida en base ás consideracións seguintes: EXPOSICIÓN DE MOTIVOS O Grupo Municipal Socialista cre e aposta por un modelo de cidade cun espazo público máis habitable e de calidade, complexo pola súa diversidade, compacto, eficiente e socialmente cohesionado. Para avanzar nese modelo, que supón dar prioridade ao cidadán, foi necesario elaborar un diagnóstico e establecer uns obxectivos e unhas liñas estratéxicas dende o punto de vista ambiental. Resultado dese traballo, o Concello dispón dende o ano 2009 dun documento estratéxico e de futuro, o Plan de mobilidade e Espazo Público, que fixa varios obxectivos: a redución da dependencia do automóbil, o incremento dos medios alternativos de menor impacto ambiental, a recuperación da convivencia no espazo público, a reconstrución da proximidade como valor urbano, e a autonomía dos sectores sociais que non dispoñen de vehículo privado. A bicicleta é actualmente unha das alternativas de transporte cara a modelos de mobilidade máis sostibles. A mellora da mobilidade nas cidades deben engadir actuacións de promoción e incentivo do uso cotiá da bicicleta nos desprazamentos urbanos: unha infraestrutura axeitada de carrís bici seguros e conectados, accesibles a toda a cidade, aparcamentos e lugares de estacionamento seguros para as bicicletas e o desenvolvemento de medidas complementarias que faciliten o uso das mesmas aos cidadáns, como o servizo de bicicletas públicas que o Concello implantou a finais do ano 2007. O Concello de Ferrol conta con potencialidades para o uso da bicicleta, xa que o núcleo urbano presenta unhas características morfolóxicas favorables, ao tratarse dun tecido que polas súas dimensións non xera largos desprazamentos internos e conta cunha orografía que permite circular en bicicleta na maior parte do seu viario. Ademais, unha elevada porcentaxe dos desprazamentos que se realizan diariamente son inferiores a 5 km, o que supón un dos factores máis favorables ao uso da bicicleta como vehículo, por tratarse do modo porta a porta máis rápido para os traxectos inferiores a esta lonxitude e permite evitar as dificultades asociadas ao aparcamento. Por todo elo o Plan de mobilidade sostible establece como obxectivo consolidar unha rede de bicicletas e de carrís bici establecendo unha serie de eixos principais e percorridos que permita a máxima utilización da bicicleta como de medio de transporte urbano.

1


GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA

O servizo conta na actualidade con nove estacións de préstamo de bicicletas situadas estratexicamente, no porto de Curuxeiras, A Malata, Cantón, Esteiro, Caranza, Inferniño, Serantes, Estacións de tren e autobuses e Canido. Así mesmo dispón dunha Oficina municipal do servizo de préstamo de bicicletas Ferrol en Bici en Porta Nova, e unha páxina web que permite xestionar o servizo. Solicitada reiteradamente información do devandito servizo dende o Grupo Municipal Socialista, os únicos datos facilitados datan de febreiro do ano 2013 e reflicten que o número de persoas usuarias que figura no padrón (1.396) é superior ao número de persoas usuarias que efectivamente pagaron a tarifa anual (821). As causas da infrautilización se atopan na ausencia dunha verdadeira política que potencie a bicicleta como unha máis das alternativas posibles para a mobilidade urbana, o que repercute en que unha gran parte da cidadanía siga considerando a bicicleta como elemento de ocio e deporte, e non como verdadeira alternativa de transporte para a mobilidade diaria. Ao que se suma un mantemento escaso da infraestrutura e do parque de bicicletas polo que non cumpre as necesidades e expectativas das persoas usuarias. É patente que o servizo leva sufrindo un deterioro que repercute negativamente no mesmo como o amosan as continuas baixas de abonados. Os últimos datos, obtidos das entradas no rexistro municipal, sinalan que dende o 1 de xaneiro ata o 1 de maio deste ano non se produciu nin unha soa alta no servizo, en cambio se produciron 58 baixas e 12 solicitudes de reintegro do recibo por terse dado de baixa con anterioridade, que veñen a sumarse a caída de anos anteriores. Para revertir esta situación faise necesaria unha iniciativa política clara a prol dunha mobilidade sostible, cun compromiso na promoción dos medios de transporte alternativos ao vehículo privado, consolidando a rede de carrís para bicicletas coa extensión dos actuais tramos e a creación de novos eixos que articulen a mobilidade, así como a ampliación do servizo tanto en número de vehículos como de estacións. Tamén é necesario continuar dotando á cidade e en concreto a determinados puntos de referencia como colexios, bibliotecas, mercados, instalacións deportivas, edificios municipais e tódolos servizos públicos en xeral, de infraestructuras axeitadas de aparcamento de bicicletas co fin de crear unha verdadeira cultura da mobilidade sostible. Por outra banda os “aparcabicis” son algunhas das infraestructuras máis modestas, baratas e menos impactantes do mobiliario urbano, pero pese a súa modestia resultan fundamentais á hora de crear unha cultura da bicicleta, razón pola que consideramos prioritaria a inversión neste equipamento. O anterior non pode ir illado da necesidade de situar na educación ambiental a bicicleta como recurso educativo e o seu uso como transporte para ir combatendo o actual abuso do automóvil que se da na nosa cidade o efectuar calquera tipo de desprazamento. 2


GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA

As campañas de concienciación que propoñemos deben ir dirixidas a un espectro amplo da sociedade co obxectivo de crear unha alternativa sostible e unha cultura da bicicleta para mellorar a habitabilidade da nosa cidade e educar dende tódalas perspectivas en hábitos saudables para todas as persoas. Por todo o que estamos a expoñer solicitamos do Pleno do Concello de Ferrol a aprobación da seguinte PROPOSTA DE RESOLUCIÓN: PRIMEIRO.- Desenvolver a Axenda 21 e o Plan de Mobilidade coa a extensión da rede de carris-bici no Concello continuando cos previstos na zona urbana de Esteiro-A Malata, e no rural dende a zona de Outeiro ata San Xurxo. SEGUNDO.- Implantación de novas bases de bicicletas e mantemento axeitado das existentes, correxindo as deficiencias detectadas e completando a páxina web do servizo para ofrecer a maior información as persoas usuarias. Así como a instalación de aparcamentos de bicicletas nas proximidades de todos os servizos públicos. TERCERO.- Realización de campañas periódicas de educación ambiental, que fomenten a concienciación e promoción do uso do servizo público de bicicletas. CUARTO.- Conquerir a financiación doutras administracións, nomeadamente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Insfraestruturas, para a procura da extensión do servizo de préstamo de bicicletas e das infraestruturas necesarias, tanto no Concello coma na mancomunidade, establecendo ademais unha tarxeta cidadá única.

En Ferrol, 23 de xuño de 2014

Asdo. : Natividad González Laso Voceira do Grupo Municipal Socialista

3


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.