Moción Lei Orgánica do Poder Xudicial

Page 1

Grupo Municipal Socialista

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Ferrol, a través da súa portavoz, Natividad González Laso, conforme ao disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta ante o Pleno da Corporación a presente MOCIÓN PARA O MANTEMENTO DO PARTIDO XUDICIAL E CREACIÓN DA SECCIÓN 7ª DA AUDIENCIA PROVINCIAL EN FERROL, ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo, en base as consideracións seguintes: EXPOSICIÓN DE MOTIVOS A Constitución sinala como valores superiores do ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político. Compre lembralo nun intre en que os mesmos, que deberan estar garantidos de xeito indubidable, están a sufrir os envites das políticas do Partido Popular. Así, segundo o recente informe da OCDE España é o país da mesma onde máis teñen aumentado as desigualdades sociais, o que ven a ser unha consecuencia directa dos últimos cambios lexislativos. Claro exemplo é a Lei 10/2012, do 20 de novembro, pola que se regulan determinadas taxas no ámbito da Administración de Xustiza e do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses, cun obxectivo recaudatorio desproporcionado e supón unha limitación grave do dereito de acceso á xustiza, e se converte nun obstáculo para a obtención da tutela xudicial efectiva, así como nun mecanismo que incrementa a desigualdade entre as persoas. Continuando co camiño trazado, o día 4 de abril o Consello de Ministros aprobaba o anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial que proxecta modificar por completo o mapa actual da xustiza. O Goberno vén de anunciar a supresión dos partidos xudiciais existentes en Galicia, para concentrar aos xuíces nas capitais provinciais e crear un único tribunal de instancia provincial, fronte a proposta do anterior Goberno socialista de que se crearan en cada partido xudicial. En Galicia esa medida suporá a desaparición de 41 partidos xudiciais dos 45 existentes, e na provincia da Coruña 13 dos 14 que hoxe existen. Trátase dunha fonda alteración do funcionamento da xustiza, da accesibilidade dos cidadáns e dos custos asociados, ademais de privar a moitos concellos dunha importante fonte de ingresos indirectos. O Goberno popular, no seu propósito de facer unha xustiza para poucos, paralizou os procesos de modernización tecnolóxica, de posta en funcionamento da nova oficina xudicial e de creación de prazas, pretende privatizar o Rexistro Civil e agora proponse tamén a desaparición dos partidos xudiciais e a concentración da actividade xurisdicional nas capitais de provincia. Mesmo cidades como Ribeira, Santiago ou Ferrol perderían as súas sedes xudiciais. Deste xeito o Goberno de Rajoy, co respaldo da Xunta de Galicia, continúa a labor de afastamento dos cidadáns da xustiza. Primeiro promulgaron unha nova lei de taxas, disuasorias pola súa contía e restritivas para as persoas con menos recursos. Agora a supresión de partidos xudiciais incrementará os custos de desprazamento. Fica esquecida a defensa dos dereitos dos cidadáns. O anteproxecto non garante nin a independencia xudicial, nin o xuíz ordinario predeterminado pola lei. A Asociación de xuíces para a democracia cualifica a estrutura plantexada como “militarizada” e que bate frontalmente coa garantía dun xuíz natural. 1


Grupo Municipal Socialista

A proposta do goberno limita a liberdade de expresión, establecendo que as asociacións só poderán facer comentarios de índole doctrinal ou científica en publicacións e foros especializados. Xunto a liquidación dos partidos xudiciais o anteproxecto fai desaparecer tamén as Audiencias Provinciais, servizo que é unha unánime reivindicación desta cidade e que consideramos necesario seguir reclamando. Ademais suporá un grave impacto sobre a vida cotiá dos cidadáns e das cidadás, alonxándoos deste servizo básico que no caso do partido xudicial de Ferrol, afectará aos veciños e veciñas dos concellos de Ares, Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda, As Pontes, San Saturniño, As Somozas e Valdoviño. Por todo elo o Grupo Municipal Socialista presenta esta MOCIÓN diante do Pleno da Corporación de Ferrol, para que se tome o seguinte acordo de resolución: 1º. Trasladar á Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e ó Goberno de España o rexeitamento do anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial que propón a supresión de partidos xudiciais. 2º. Instar á Xunta de Galicia e a FEGAMP a reclamar do Goberno de España o mantemento do partido xudicial de Ferrol. 3º. Instar ao Goberno de España ao mantemento do partido xudicial de Ferrol. 4º.- Instar á Xunta de Galicia e a Goberno do Estado a adoptar as medidas que permitan a constitución da sección 7ª da Audiencia Provincial de A Coruña con sede en Ferrol.

En Ferrol, a 11 de abril 2014

Asdo.: Natividad González Laso Voceira do Grupo Municipal Socialista

ILMO.SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL 2


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.