Moción transporte público.- NOVEMBRO2013

Page 1

GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA Tel. 981-944034 Fax 981-945198 psoe@ferrol.es

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Ferrol, a través da súa voceira, Natividad González Laso, de conformidade co disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta ante o Pleno da Corporación Municipal a seguinte MOCIÓN SOBRE A IMPLANTACIÓN DUNHA NOVA REDE DE TRANSPORTE PÚBLICO NO CONCELLO DE FERROL, COMPATIBLE CUNHA MOBILIDADE SEGURA, FLUÍDA, SOSTIBLE E EQUITATIVA, en base ós motivos e consideracións expresadas na seguinte: EXPOSICIÓN DE MOTIVOS “ O espazo público é un lugar simbólico onde a cidade, a democracia a política e a filosofía se atopan”... “Onde non existe espazo público pode falarse de urbanización pero dificilmente de cidade”…. “Se un espazo público é en esencia a cidade, a cidadanía o é enteiramente cando ocupa ese espazo público”. Así se expresan, na introdución, os relatores da Axencia de Ecoloxía Urbana, na proposta de implantación de supermazás no barrio de A Magdalena, sinalando que na cidade de Ferrol o espazo público destinado ao automóbil ocupa o 63% . Nas propostas de implantación das supermazás, consideran como liña estratéxica nº 1 a mobilidade sostible e a integración das novas redes de autobuses e bicicletas, de acordo coas pautas establecidas no Plan de Mobilidade e Espazo Público de Ferrol, do ano 2009. Certamente, xa van 6 anos dende que o Concello de Ferrol tomou a iniciativa de encomendar á Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona un Plan de Mobilidade e Espazo Público da nosa cidade. Diferentes corporacións teñen traballado sobre ese documento e mesmo no mandato anterior se produciu un importante impulso no deseño de dito plan. Un plan integral que pretende mellorar a funcionalidade e organización do sistema urbano da cidade de Ferrol, para que a nosa poboación dispoña de máis calidade urbana e, por ende, de mellores condicións de vida, no entorno máis próximo. Dando prioridade aos peóns e reducindo a preponderancia do tránsito vehicular co fomento de modos de transporte alternativos, que minoren as emisións contaminantes e o ruído, de xeito que as nosas rúas volvan a ser un espazo amable e recuperen o seu papel de intercambio e relación. Pois, non en vano, a enquisa de mobilidade realizada no ano 2009, reflectía que o 35,5% dos desprazamentos internos do noso municipio, se realizaban en vehículo privado, cun índice de motorización crecente da poboación, estimado nun 51%. 1


GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA Tel. 981-944034 Fax 981-945198 psoe@ferrol.es

O Plan, busca a racionalización e o disfrute do espazo público, recuperando a súa habitabilidade coa dotación de mobiliario urbano, a colocación de especies arbóreas e un alumeado público axeitado. Un espazo público compatible cunha mobilidade segura, fluída, sostible e equitativa, na que tódalas persoas teñan as mesmas oportunidades para desprazarse. Para elo existe un relatorio de propostas que, co consenso, a sensibilización e a participación cidadá, posibilitan a posta en marcha de actuacións para acadar un espazo ben comunicado mediante transporte público, que sexa rápido e frecuente. Pois non en vano, na citada enquisa, só o 3,9% dos desprazamentos internos do municipio se facían en transporte público, por mor das escasa frecuencias de paso da maioría das liñas, que provocan un impacto negativo, na percepción deste modo de transporte, que acaba por disuadir á cidadanía do seu uso. Neste senso, faise necesario avanzar cara un novo modelo de mobilidade sostible, e replantexar o actual sistema de transporte público urbano, ordenando e integrando as distintas redes de transporte. Certamente as redes de transporte colectivo, e especialmente a rede de autobuses, teñen un papel clave neste modelo de mobilidade. Actualmente, no concello de Ferrol, a rede de autobuses esta pensada e deseñada como unha suma de liñas, cun sistema radial, a maioría de confluencia co centro urbano. Pero a nova mobilidade require unha planificación en rede circular, que circule pola rede viaria básica, interconectada con eixos horizontais e verticais, que se transforme nun verdadeiro sistema de transporte de viaxeiros de alta capacidade, innovadora e competitiva. Esta rede pivotaría sobre as actuais estacións de tren e autobuses, a modo de intercambiador modal, coa vantaxe de que se atopan situadas no centro xeográfico do núcleo urbano. Por esa estación intermodal pasarían a maioría das liñas de autobús e sería o engranaxe de todo o sistema de transporte público, interconectando o sistema interno do concello, urbano e rural, co resto do territorio metropolitano, autonómico e nacional, tanto por estrada como por tren.

2


GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA Tel. 981-944034 Fax 981-945198 psoe@ferrol.es

Unha rede de transporte que se planifique e dimensione en función da densidade de poboación de cada zona e dos elementos que condicionan a diario os fluxos de viaxeiros no concello, como son os distintos equipamentos sanitarios, administrativos, docentes, deportivos, culturais ou recreativos. O certo é que na actualidade, temos asinado un Convenio de colaboración coa Xunta de Galicia en materia de transporte, que vence en decembro de 2015, si ven ó seu vencemento ou prórroga deberá ser acordade e maio de 2015. Moitas son as actuacións dese convenio que precisan ser melloradas, tanto nos Servizos de Interese Municipal, como nos Servizos de Interese Metropolitano, nomeadamente as que se refiren ao Programa para mellorar a conectividade entre as redes de transporte público, o Programa de incremento da oferta de transporte público, e o Programa de mellora na información e nas infraestruturas asociadas ao transporte colectivo. Así, vemos como ningunha liña de autobús chega ao Hospital Naval, a pesar da súa integración no SERGAS dende fai varios anos, un exemplo da falta de coordinación e adaptabilidade do deseño actual ás necesidades reais da cidade e da cidadanía. A ausencia de marquesinas de carácter informativo que sexan verdadeiras e-info-terminais , dificultan a garantía da información, a confianza dos usuarios e usuarias, e a fidelización co servizo publico de transporte. Seguramente estas e outras deficiencias son a causa de que, mentres en cidades como A Coruña ou Santiago, os resultados do Plan de transporte son positivos, pola contra , na cidade de Ferrol, os resultados son claramente negativos, cun continuo descenso no volume de viaxeiros , tal como acredita a propia Autoridade de Transporte Metropolitano de Ferrol. Por todo elo o Grupo Municipal Socialista presenta esta MOCIÓN diante do Pleno desta Corporación para que se tomen os seguintes acordos de resolución: Primeiro.- Abordar na vindeira Comisión de seguimento do citado Convenio, na que participa a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, a necesidade de implantar unha nova rede de transporte público, acorde coas necesidades de mobilidade detectadas no plan de mobilidade redactado no ano 2009, negociado coas empresas concesionarias e o concello de Ferrol, que aumente a cobertura e as frecuencias, con criterios de mobilidade segura, fluída, sostible e equitativa.

3


GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA Tel. 981-944034 Fax 981-945198 psoe@ferrol.es

Segundo.- Transformar e adecuar as paradas de autobuses en puntos de información cidadá e en verdadeiras e-info-terminais, para garantir a confianza no servizo público de transporte. Terceiro.- Instar a Xunta de Galicia a resolver, coa máxima celeridade, mediante a colaboración das empresas concesionarias, a cobertura de liñas de transporte no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, prolongando as liñas que chegan ao CHUF e ao CAMF, ata o Hospital Naval.

En Ferrol, a 20 de Novembro de 2013

Asdo.: Natividad González Laso Voceira do Grupo Municipal Socialista

ILMO.SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL

4


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.