A Gran Guerra As cartas da esperanza II

Idea e organización: Alba Payo
Coordinación: Alba Payo e Biblioteca
1. Álvaro Gómez Moure
2. Amparo Dobarro Leal
3. Ana Palmou Otero
4. Aroa Amorín Negro
5. Diego Lalín Barreiro
6. Gabriel Castro Carral
7. Guillermo José Pérez Gómez
8. Joel Porto Alejandro
9. Julieta Ramos Sosa
10. María Luyza Ribeiro Mendes
11.María Pichel Gómez
12.Mariña Casal De la Fuente
13.Michelle Mato Mazzoccoli
14.Natalia Montoto Fernández
15.Paula López Bonilla
16.Sara Mato González
17.Sergio Iglesias García
18.Sheila Fernández Fernández
A edición do volume 2 d’As cartas da esperanza, actividade desenvolvida, coma no curso anterior, polo alumnado de 4º da ESO, coordinado pola profesora de Xeografía e Historia Alba Payo, proponse como obxectivo, unha vez máis, achegar o alumnado ao coñecemento da traumática experiencia vivida por aqueles mozos que viron truncada a súa vida por mor da Gran Guerra, poñéndose na pel dos mesmos, a fin de reflectir e asimilar nas cartas a dureza da situación nas trincheiras.
A exposición das cartas realizouse o pasado mes de marzo no vestíbulo do instituto, recollendo neste volume dous unha selección das Cartas da esperanza que agardamos contribúan a sensibilizar sobre o sufrimento inherente ás guerras.
Ao igual que a anterior edición, o realismo expresionista das Cartas da esperanza é verificable non só a través do populismo ortográfico e semántico, senón que tamén do deteriorado estado das mesmas, abundando na máxima de que coñecer o pasado é a mellor maneira de afrontar o presente.
A historia hai estudala, lembrala e sentila. Hai que achegarse a ela dende varios ángulos que nos permitan a plena comprensión dun acontecemento como a Primeira Guerra Mundial, dende as causas que o producen ata as súas crueis consecuencias. A intención é aprender para evitar repetila. Así, o alumnado, nun xogo de empatía puxo a súa voz nas cartas que os soldados enviaban á casa dende aquelas trincheiras da Gran Guerra infestas de ratas e piollos, cubertas de lama e con cheiro a gangrena, dor e morte.
Alba Payo FroizWilliam escríbelle a John, coa esperanza de que todo remate e poder volver á casa. Así mesmo, dá conta dos amigos mortos e da camaradería que se vive na trincheira ante a agoniante situación que están a vivir.
Alphonse escríbelle á súa dona Amandine dándolle conta das penurias que está a pasar na trincheira. Ao final a lembranza dos seus é a forza necesaria para seguir adiante, co desexo de se encontrar de novo xuntos, canto antes.
A nai é a destinataria a quen o fillo se dirixe co medo de non regresar. Así mesmo, cóntalle como foi operado sen anestesia e como dous coñecidos caeron mortos. Por parte, coméntalle cun ton pesimista que a guerra non é como pensaba ou lle facían crer.
Emotiva carta dun pai á súa filla na que lle expresa o profundo amor que sente por ela. Carta que soa a despedida e na que lle dá folgos para coidar da nai e do irmán que está por nacer. O cariño que sente pola filla compárao coa intensidade dos canóns. E a foto familiar lévaa decote apegada ao corazón, como estímulo de vida.
Diego escríbelle á súa muller unha estarrecedora carta que fala de morte e desolación. Ao mesmo tempo, séntese estraño, pois dos seus coñecidos xa non queda ningún con vida. Por parte, desacóugao non saber cando lle poderá escribir de novo.
Arrepiante carta de Gabriel á súa amada, na que dá conta da carnizaría e das miserias da que é testemuña. Séntese só e desesperado, describindo con realismo atroz a morte dos seus amigos de alistamento. Só quere volver e sentir a calor do amor.
Antoine diríxese á súa querida Marie relatándolle a crueza da guerra, o feito de sobrevivir rodeado de cadáveres pasto das ratas, e de procurar a tranquilidade baixo as bombas grazas a se lembrar dela. A despedida ao fillo agocha a esperanza do regreso.
Joel escríbelle a seu irmán confesando a presión psicolóxica á que está sometido, o que o mergulla nun estado de depresión incontrolábel: non é quen de durmir, os mortos fican en fosas comúns... Remata a carta aconsellándolle a seu irmán que faga todo o posíbel para non ir á guerra e desexando poder ler a súa resposta.
Dramática carta dirixida a unha nai. O fillo, amosando certa inxenuidade, cóntalle a terríbel situación que están a vivir nas trincheiras. Ende mal a nai recibe a carta dun amigo que lle dá conta da patriótica morte de seu fillo.
Depresiva carta dirixida á irmá por parte dun soldado, que lonxe do patriotismo inicial, se amosa angustiado pola fatalidade mortífera e a posibilidade de non regresar. Malia todo, aínda mantén un pouso de esperanzador reencontro cos seus.
Richard escríbella á irmá dándolle conta do duro inverno que están a soportar que acrecenta a gravidade da situación nas trincheiras, sometidas a constantes bombardeos, a enfermidades, carencia de alimentos... Por parte, confésalle que o feito de ser o único que sabe ler e escribir sérvelle de vía de escape. Remata rogándolle que non lle conte a verdade nin a pai nin a nai.
Traumática carta dirixida a un primeiro amor, na que se expresa a convicción de non regresar ou de no querer regresar mutilado ou deforme, e na que os pesadelos de metralla e morte se apoderan do angustiado soldado.
O soldado Gulliver escríbelle á súa muller, Anneke, laiándose de que a guerra non lle permita ver medrar as súas fillas. Só o consola o feito de loitar por defender ante todo a familia. Ao final amosa certa desesperación por non poder abrazalos.
Desesperanzadora carta dirixida á muller na que a esperanza do reencontro fica esquecida ante a perspectiva dunha presentida morte próxima, que testemuña na despedida.
Carta a un pai do fillo soldado que, malia a terríbel situación que relata, tenta que seu pai estea orgulloso del. No fondo todo o fai pola familia, non pola patria; sendo consciente de que probabelmente non regrese, pois todo é morte e desolación.
Carta dirixida a calquera que a teña nas súas mans, na que se amosa un espírito antibélico, testemuñado co fusilamento dun soldado que non quixo acatar a orde que o levaría a unha morte certa, canso de vivir un verdadeiro inferno.
Carta a María, a muller de Miguel, un soldado aparentemente afouto mais co medo no corpo, coma todos, alimentado este pola desaparición de dous amigos en combate.
Carta á irmá e sobriños na que un soldado lles confesa a verdade da situación bélica, moi lonxe das falacias oficiais e manipuladoras da prensa. Abofé que o espírito que deita a misiva é claramente antibélico, alicerzado na nula esperanza de regresar san e salvo á casa; e de logralo manifesta ser consciente de que vivirá co trauma da guerra o resto da súa vida.
Edición e Maquetaxe: Biblioteca Mario Pereira
Portada, ilustración : Elba Couso Patiño
IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín)
Abril 2023
Biblioteca Mario Pereira do IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín)