X Concurso Literario Mª Vitora Taboada

Page 1

Mª VITORIA TABOADA 2023

X CONCURSO LITERARIO

X CONCURSO LITERARIO Mª VITORIA TABOADA 2023

POESÍA:

1º Premio:

Aroa Amorín Negro

Prométeme máis cousas. Namorei hai tempo. Moitas veces quixen que vivises

Accésit:

Raquel Montoto Gómez

Un mundo sen min. Cinco liñas e catro espazos. Desesperación

RELATO CURTO:

1º Premio:

Miguel Salgado Abráldez

Isto é

Accésit:

Noelia Iglesias Vázquez

O galego e eles

SKETCH TEATRAL:

Deserto

PORTADA:

Sara López Rodríguez

ILUSTRACIÓNS:

Paula Pájaro Romero

Ana Victoria Pérez Vallejos

Jesús Alexander Oro Atencio

Elba Couso Patiño

Coordinación ilustracións:

María Armada Rodríguez

7
Poesía: 1º Premio Aroa Amorín Negro

Prométeme máis cousas que nunca vas cumprir.

Prométeme que farás algo para que deixe de cargar co peso dos teus pecados.

Prométeme tamén que merezo esta carraxe, respirar incerteza e vivir do pasado.

Xúrame, de paso, que todo isto é por min. Mírame aos ollos.

Sen burlarte.

Sen enfadarte.

Sen ofenderte.

Sen impoñerte. Quero berrar tan forte esas palabras en forma de dor que se tatúan na miña pel con agullas de marfil. Estoupar como medio de comunicación.

11

Namorei hai tempo de non sei que nome. Da incomodidade, da confianza. Namorara eu de alguén que me quixo. De alguén que me quixo tanto.

Eu namorara.

E namoraba e desnamoraba todos os días.

E saltaba da alegría, e ría.

E sentía que tiñamos telepatía, xúrocho.

E eu era eu, e el... dicía que eramos iguais.

E foi o meu primeiro poema de amor.

E era tan cómodo falar do incómodo.

E quixen tanto a ese nome.

E foi tan intenso, que non volvín namorar.

E foi tan bonito ese algo que nunca acabou de chegar.

E arrepentiuse.

E bautizou “Tóxico” o noso querer intermitente.

E marchou.

E con el levou o meu cariño.

12
...

E agora é unha pantasma nas rúas, da que recordo os bicos máis castos. Da que recordo as mans, as apertas.

E Deus queira que non me atope xa máis con pantasma ningunha; teño medo de volver querela, co que loitei por odiala.

Comecei aos quince co seu bico na alma.

13

Moitas veces quixen que vivises detrás do meu espello, ou no seu defecto, dos meus ollos.

Moitas.

Por puro egocentrismo, vitimismo. Por querer aquela aceptación utópica que estou disposta a dar sempre e cando non teña que facelo. Vaste.

Vanse.

E non sei se quedo quieta ou son eu quen marcha. Quen vos bota.

Pero tampouco importa, eu son o eixe das miñas poucas e moitas expectativas andantes, e son un cravo roto que mantén firme nada máis nin nada menos que a ilusión de quen pode manter firme algo.

Aroa Amorín Negro

14

Prométeme máis cousas

Namorei hai tempo

Moitas veces quixen que vivises

15
Paula Pájaro Romero
16

Poesía: Accésit

Raquel

Montoto Gómez

Un mundo sen min

Non, non quedes aí coma se nada, pensa agora no que podías ter feito, recorda todo o que quixeches facer: aquilo que parou en vinte segundos.

Máscara de pestanas, lapis de ollos, beizos vermellos e todo a punto para marchar por unha porta que semellaba non ter saída.

Alí estabas ti; esperando por un remate imaxinario, pensando nunha acción futura que o cambiaría todo, matinando en como sería un mañá sen esa presenza.

Comezaches coas túas fachendosas palabras diarias, quixeches que eu te escoitara con atención pero, por primeira vez non o fixen e marchei, fuxín sen mirar atrás. Algo me dicía dentro de min que tramabas algo.

19

Ese día tomei a mellor decisión da miña vida e ti, con esa cara pálida e fundida polo rancor, viches marchar o teu obxectivo: conseguir un mundo SEN MIN.

20

Cinco liñas e catro espazos

Sete elementos invariables, cinco liñas sen medida: sentimentos espertos polo seu significado, vocacións achadas sen sentido aparente.

Nun tempo que corre sen permiso, atópanse sucesións de sons repetitivas. Un metrónomo que fai tictac, tictac, e unha melodía que se repite con intensidade.

Afastándose do mundo real con facilidade cun traballo que fai dubidar con frecuencia: confusión entre labor e entretemento, tecidos melódicos con moita abundancia.

Visións diferentes pero cun mesmo destino, debuxos redondos claramente representativos, plicas que poden unirse formando un cadrado, delimitacións fronteirizas marcadas por un dous por catro.

Así contaba a súa historia apaixonada: valéndose de notas que levaban a un sentido, cunha linguaxe universal e única, cunha profesión que o absorbera sen decatarse.

21

Desesperación

Cara a onde se encamiñan os pensamentos? A miña cabeza tentaba concentrarse pero, os sentidos voaban cara a dirección equivocada.

Nada podía facer que me esquecese daquel momento, dese recordo que me parecía atormentarme. No fondo, sabía que me acabaría acostumando: sería algo que me acompañaría para sempre.

Quería borralo da mente canto antes, pero algo poñía atrancos para facelo; probablemente se volvese algo imposible.

Ao mellor só era unha cuestión de tempo, pero seguramente de moitos anos, e iso era algo que me levaba por varios camiños: menos polo da tranquilidade.

A miña cabeza daba voltas sen sentido, o meu corpo seguíaa como se para el fose unha obriga: todo me levaba ao mesmo destino.

Sabía que viría comigo ata a fin, posiblemente un remate que non estaba lonxe; o que non sabía era que sería inmediato.

Raquel Montoto Gómez

22

Un mundo sen min Cinco liñas e catro espazos Desesperación

23
Ana Victoria López Vallejos
24

Relato curto: 1º Premio Miguel

25
Salgado Abráldez
26

Isto é San Clodio, unha aldea ourensá na que nunca ocorre nada importante.

Por poñer un exemplo, un día saíron os veciños con coitelos nas mans cando escoitaron un chifre -pensando que fóra estaba o afiador- mentres que en realidade o asubío que oían procedía dun home que chamaba polo seu can.

O caso é que teño dezaoito anos e, a estas alturas da vida, como todos os que estamos aquí, sigo unha rutina de xubilado. Non me preocupo por nada e o único que fago é comer, durmir todo o día e dar un paseo.

Gústame estar con amigos pola noite e pelexar con eles mentres as mozas miran e elixen como noivo o máis forte.

Tamén saímos de caza e logo imos comer o que nos deixaron no mesón da Branca e do Guillerme.

Cando nos aburrimos poñémonos alcumes uns aos outros.

27 Isto é

A min chámanme “Triki” (porque así me puxo Zoila, a muller que me coidaba cando era pequeno); ao meu mellor amigo chamámoslle “León” (porque é moi feroz e eficaz cando cazamos).

En resumo, levamos unha vida tranquila, cos hábitos de xubilados que nos corresponden a uns gatos que viven na rúa e que non a rañan porque son ben mantidos polos veciños de San Clodio.

28
Miguel Salgado Abráldez Jesús Alexandre Oro Atencio
29
30

Relato

31
curto: Accésit Noelia Iglesias Vázquez
32

O galego e eles

O galego e eles víronse na praia de Canelas unha mañá de brétema, e coma se se coñecesen dende sempre, sorriron. As pegadas na area marcaron a proba do seu encontro, as marcas innegables de cando, sentíndose unidos por un vínculo, se achegaron e se presentaron.

Podería ser aquilo un plan concertado por Deus, quen estaba a escribir unha historia na que os dous serían os seus monicreques. Comezouse a escoitar unha melodía ao lonxe, unha que lles encheu o corazón de morriña e os arroupou sen querer soltalos, con forza, coma quen sente a vida irse, o tempo pasar, as agullas do reloxo avanzar. O galego e eles bailaron a carón do mar, porque aínda que non fosen as “ondas do mar de Vigo”, unha muiñeira de Chantada non se lle negaba a ninguén. Riron ata quedar cansos, ata que un home que pasaba por alí vestido de peliqueiro e que se facía chamar Dialectos, cativado pola parella, se parou a falar con eles. Conversaron un bo anaco, antes de que Dialectos tivese que marchar, e o galego e eles aprenderan que é igual de fermoso dicir “pantalóns” ca

33

“pantalois”.

Si, gustáronse, coma a Castelao lle gustaba a súa terra querida, a súa xente, a súa historia, os seus trazos, que enchían as follas de tantos cadernos de debuxo. Sen saber que formaban parte dunha mesma familia, o galego e eles bicáronse, con agarimo e tenrura; quizais as súas raíces indoeuropeas llo perdoasen. Coma se tivesen medo de ser separados, estreitáronse, pero sobre todo, quixéronse.

Aquel día, fumaron flor de toxo a carón dun hostal de Sanxenxo, no que durmiron xuntos. Percorreron os corredores en busca da súa habitación, eles no colo do galego, deixando atrás con cada paso cadros que retrataban a algúns dos membros das Irmandades da Fala, que dende as paredes vían pasar os namorados; a través da pintura hai quen podía notar un sentimento de orgullo e tranquilidade asomarse.

O galego e eles espertaron cando comezaba a alborexar, enrodelados nas sabas de liño, e aburridos xogaron coa colocación do pronome, antes de terse que erguer para baixar a almorzar o que recendía a filloas. Entón, eles preguntaron:

- Véxote apesarado, en que pensas?

- En que algún día renegaredes de min e me deixaredes no esquecemento. - Respondeu o galego.

34

- Discrepamos. Xa es unha parte de nós, nunca te deixariamos botar a perder.

- A xente cambia. - Dixo enfadado.

Calmáronse, e con tristura nos ollos miráronse, aloumiñándose aínda na cama. Logo, tratando de aferrarse un ao outro, apertáronse, amigáronse e, con paixón, bicáronse.

Porque o galego e os seus falantes amábanse, pero a lingua sentía como se afastaban pouco a pouco, aínda que esta tratase de tirar deles ata volver achegalos. Quizais a comezasen a mirar con outros ollos, quizais a acabasen desprezando, ou quizais simplemente houbese outra. Fose o que fose, o galego tiña medo.

Noelia Iglesias Vázquez

35
Elba Couso Patiño

Portada: Sara López Rodríguez

Maquetaxe: Biblioteca Mario Pereira

IES Ramón Mª Aller Ulloa

Lalín, abril 2024

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.