30-X : Día da Ilustración Ilustrando literatura
30-X : Día da Ilustración Ilustrando literatura
Coincidindo co día do nacemento de Castelao, cada 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración, coa finalidade de lembrar e reivindicar o papel das e dos profesionais da ilustración na industria cultural e de homenaxear a un ilustrador ou unha ilustradora que sobresaíse na historia da ilustración galega. Consonte o devandito, o protagonista deste ano é Reimundo Patiño. A celebración vén sendo unha iniciativa da Consellería de Cultura Educación e Universidade da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). E para conmemoralo, a partir dunha idea orixinal da profesora Mª Carmen Frade Gómez e coordinado pola propia Carmen e as profesoras María C. Armada Rodríguez e Begoña Vizcaíno Sanmartín e o profesor Francisco Otero Janeiro, o alumnado de 1º a 4º da ESO agasallounos cunhas ilustracións que nos ofrecen, en perfecta harmonía, unha simbiose entre imaxe e texto literario, das que seleccionamos dez, entre as moitas que no seu momento estiveron expostas no vestíbulo do instituto.
Cidades (1) Cando choro, fágoo sempre sobre os mapas, para que chova sobre as cidades preferidas. As cidades dos mapas, aquelas que se poden percorrer co perfil perdido da mirada, e viaxar dunha a outra nun segundo, abarcalas todas, ou vivir en todas e en ningunha. Son as cidades dos mapas, as urbes sobre as que sempre choro cando estou desconsolado Fran Alonso (1997)
Ilustración: Cidades (1) Autor: David Fuentes Diéguez 1º ESO A Técnica: Lapis de cor
Cidades (2) Os camións entran na cidade pola estrada principal abaneando o seu corpo torpe de elefantes feridos buscando malembe. Gústame velos no porto, ó atardecer, enchendo de sardiña os seus estómagos baleiros.
Fran Alonso (1997)
Ilustración: Cidades (2) Autor: Mateo Gutiérrez Romero 1º ESO A Técnica: Lapis de cor
Cantigas dos setenta Por amor nacín da terra. Por amor son o que son. Por amor canto o meu canto, por amor. Por amor sángranme os pulsos e ábreseme o corazón. Por amor dóenme os ollos. Por amor, só por amor. Dario Xohán Cabana (1975)
Ilustración: Cantigas dos setenta Autora: Miriam Rodríguez Seijas 2º ESO C Técnica: Tinta e gouache
Cousas Chámanlle a Marquesiña e os seus peíños endexamais se calzaron. Vai á fonte, depelica patacas e chámalle a Marquesiña. Non foi á escola por non ter chambra que pór, e chámanlle a Marquesiña. Non probou máis lambetadas que unha pedra de azucre, e chámanlle a Marquesiña. A súa nai é tan pobre que traballa de xornaleira na casa do Marqués. E aínda lle chaman Marquesiña! Castelao (1926)
Ilustración: Cousas Autora: Aroa Amorín Negro 3º ESO A Técnica: Tinta e lapis de cor
Máis alá! O xesto Non nos erguemos do xeito que o fan a maioría dos que noutras terras publican manifestos máis ou menos literarios. Case todos eles tencionan arrecadar adeptos pra algún novo “ismo” que aparece querendo ser a derradeira verba da moderna Estética cando, en verdade, non son máis que unha nova proba de que un snobismo operetesco invade a Literatura. Nós tencionamos tan só facer unha protesta forte, densa e implacábel contra os vellos. Os vellos Os vellos non son os que escribiron fai moitos anos - aqueles son os devanceiros. Os vellos son os que escriben hoxe como si vivisen no antonte dos séculos. Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro (1922)
Ilustración: Máis alá! Autora: Claudia Casalderrey López 3º ESO B Técnica: Lapis de grafito
Onde o mundo se chama Celanova Xaneiro 1972, II Cando quero vivir digo Moraima. Digo Moraima cando semento a espranza. Digo Moraima e ponse azul a alba. Cando quero soñar digo Moraima. Digo Moraima cando a noite é pechada. Digo Moraima e ponse a luz en marcha. Cando quero chorar digo Moraima. Digo Moraima cando a anguria me abafa. Digo Moraima e ponse a mar en calma. Cando quero surrir digo Moraima. Digo Moraima cando a mañá é crara. Digo Moraima e ponse a tarde mansa. Cando quero morrer non digo nada. E mátame o silencio de non dicir Moraima. Celso Emilio Ferreiro (1975)
Ilustración: Onde o mundo se chama Celanova Autora: Daniela Castro Rielo 3º ESO C Técnica: Lapis de cor e tinta
Cantigas dos setenta Por amor nacín da terra. Por amor son o que son. Por amor canto o meu canto, por amor. Por amor sángranme os pulsos e ábreseme o corazón. Por amor dóenme os ollos. Por amor, só por amor. Dario Xohán Cabana (1975)
Ilustración: Cantigas dos setenta Autora: Elba Couso Patiño 3º ESO A Técnica: Lapis de cor
Que me queres, amor? Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame con ollos cálidos, de pecado, mentres fai súa a carne. De repente, bícame e devólvema coa lingua. E eu que marcho tocado para sempre, o óso da cereixa todo o día rolando no teclado dos dentes como unha nota musical, silvestre. Manuel Rivas (1995)
Ilustración: Que me queres amor? Autora: Inés Benito Pérez 4º ESO C Técnica: Acuarela
Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete -Atopei uns papeis nunha caixa!... Nunha caixa que non sei de quen sería. O esquelete tiña na calivera un ollo de vidro que me fitaba con xenreira. E o enterrador sacou de a rentes do coiro uns papeis engurrados. O enterrador non sabía ler e deumos a min pra que llos lese. Eran cachos de periódico, papeis de fumar… todos numerados, e no primeiro campaban istas verbas: “Memorias dun esquelete”. Aquela letra era traballosa de ler e estaba feita cun garabullo. Cando rematei a lectura xa escomenzara o entre fusco e lusco e o enterrador, moi amocado, xurou que se non fose por Deus íñase ó esquelete e escacháballe a calivera cun sacho. Despedinme dil e cando xa iña pola estrada, camiño da cidade, oín que me chamaba dende a porta do cemiterio. -Oia, veña acó! E dispois quediño e moi solermiñamente deitoume na orella ista pregunta: -Vostede, que é médico, non sabería onde mercan ollos de vidro? E por catro cartos fíxenme dono do ollo de vidro e das memorias. As memorias do esquelete é o que ides ler. Escoitade, pois a un home do outro mundo, pregándovos por adiantado que non me fagades solidario das súas ideas. Castelao (1922)
Ilustración: Un ollo de vidro. .. Autora: María González Faílde 4º ESO B Técnica: Lapis de grafito
Velaí vai o verme Ao pé dunha lagoa, un peixe grande do que non se di o nome, berraba a todo berrar cunha ra. Ao peixe faltábanlle dúas escamas por colocar e a ra roubáralle o fío de prata con que se cosen escamas. -Eu non fun, eu non fun -dicíalle a ra, que se chamaba Marisa. Ela estaba empeñada en que co fío de prata se podía atar un feixe de luz para poder ler pola noite. Mario Pereira (2000)
Ilustración: Velaí vai o verme Autora: Cora Pereira Seda 4º ESO B Técnica: Rotulador, tinta e acuarela
Índice de textos e ilustradoras e ilustradores 1º da ESO: Cidades (1), Fran Alonso: David Fuentes Diéguez. Cidades (2), Fran Alonso: Rebeca Ojea de Pinho. 2º da ESO: Cantigas dos setenta, Darío Xohán Cabana: Miriam Rodríguez Seijas. 3º da ESO: Cousas, Castelao: Aroa Amorín Pérez. Máis alá!, Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro: Claudia Casalderrey López. Onde o mundo se chama Celanova, Celso Emilio Ferreiro: Daniela Castro Rielo. Cantigas dos setenta, Darío Xohán Cabana: Elba Couso Patiño. 4º da ESO: Que me queres amor?, Manuel Rivas: Inés Benito Pérez. Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, Castelao: María González Faílde. Velaí vai o verme, Mario Pereira: Cora Pereira Seda. Curso 2021-2022
30-X. Día da Ilustración Ilustrando literatura Biblioteca “Mario Pereira”. IES Ramón Mª Aller Ulloa
Coordinación: María Armada Rodríguez, Begoña Vizcaíno Sanmartín e Francisco Otero Janeiro Maquetaxe: Biblioteca “Mario Pereira” Xaneiro 2022
IES Ramón Mª Aller Ulloa