OLA, RAPACIÑAS E RAPACIÑOS!!! Xa ando de novo por San Cosme! Ben sabedes que me leva uns días instalarme e retomar a miña rutina, pero agora xa estou preparada para un novo curso. Mais chego tarde por un motivo: asistín ao Festival de Cine de San Sebastián, que se celebra no mes de setembro. Rematou o Sábado, 26, coa entrega de premios ás mellores películas en distintas categorías. Estiven cun montón de actores e actrices moi famosos, pero tamén con directores, produtores, técnicos de son, etc. Non vos imaxinades o elegante que me puxen para tal ocasión!!! E vós, que tal? Seica andades todos preguntando cal será o tema do proxecto deste ano. Pois xa o teño decidido! Pero antes de dicirvos de que vai, quería contarvos o que me pasou durante as vacacións, xa que ese é o motivo polo que decidín que era unha boa proposta. No mes de xullo recibín algunhas chamadas de personaxes relacionadas co mundo do cine para felicitarnos polo traballo realizado durante o curso pasado. É máis, algúns incluso chegaron a dicir que se tiveran cartos suficientes montaban unha compañía cinematográfica co noso nome: "Rosiña films". Que vos parece? Chamaron varios actores e actrices, pero tamén algúns directores, directoras, e mesmo persoas encargadas de festivais de Galicia e doutros lugares. E, no medio do verán, decidiron facer unha festa á que me invitaron para agradecerme todo o esforzo realizado. Eu ía moi nerviosa, porque non sabía como había que actuar, como tiña que ir vestida para a ocasión, se sería bo que levase un agasallo ou non,... E por enriba, todo o mundo de vacacións: vós, os mestres e mestras, as cociñeiras, o conserxe... Non tiña con quen ir!!! Ao final todo saíu de marabilla e eu levei unha enorme sorpresa. A festa consistía nun maratón de cine!!! Nunca tal vira. E vós, sabedes o que é iso? Pois si, é ver varias películas seguidas, unha tras doutra!!! Quedamos ás 4 da tarde e estivemos ata as 12 e pico da noite vendo películas de todo tipo: longametraxes, curtas, documentais... Menuda enchenta!!! Pero paseino moi ben e aprendín moitas cousas! Tanto foi así que ao rematar as proxeccións dixen: "E podedes crer que estou cansa?" E contestáronme: "Diso se trata; se non, non sería un maratón. Ou é que non sabes o que significa ese termo?" Eu de sempre escoitei o dos maratóns que se celebran en grandes cidades, nos que corren moitos quilómetros seguidos, pero non tiña nin idea de onde viña iso de "MARATÓN". E vós, sabédelo? Pois xa podedes comezar a investigar, porque este curso os vosos proxectos irán xirando ao redor de maratóns e dos xogos que se celebrarán o próximo verán en Brasil. Porque non quero que os vexades sen coñecer todo o que poidades sobre... os XOGOS OLÍMPICOS!!!
Rosiña