Ola rapaces e rapazas! Menuda chuvieira, eh? Parece que o outono este ano chega con présa. Aínda fai nada que andabamos co biquini e mira agora xa coas catiúscas postas e poñéndonos pingando. E co outono chega o tempo do SAMAÍN. Si, si, xa estamos á volta da esquina e temos que ir preparándonos para as celebracións. Este ano a biblioteca volve organizar o Concurso de Relatos de Medo. Apetécevos participar?? Como xa sabedes, durante este curso o tema do noso Proxecto Integrado é a gastronomía, así que ímosvos pedir que as vosas historias de medo tamén estean relacionadas con este tema. Ben sabedes que moitas das mellores historias que coñecedes teñen na comida e na cociña un dos seus máis destacados protagonistas: Brancaneves caeu desvanecida cando mordeu unha mazá envelenada, o lobo de Carapuchiña zampouse á rapaza e mais a súa avoíña, nunha deliciosa Casiña de Chocolate vivía unha meiga mala malísima que quería comerse a Hansel e Gretel preparados ao forno, as meigas cociñan pócimas e velenos perigosos.... Pois xa sabedes! Nas vosas historias a comida e a cociña deben ser tamén protagonistas. Deben estar escritas en galego. Non se poden presentar a lapis: debedes rotulalas unha vez corrixidas, ou pasalas a bolígrafo. Valorarase moito a presentación: gústanme os traballos limpiños, curiosos, escritos con boa letra, con títulos moi adornados. Encántanme as historias que traen debuxos e ilustracións feitas por vós (tamén deben vir perfiladas con rotulador...) Todos os traballos deben ter unha portada chula. Se sodes de Educ. Infantil ou 1º Ciclo podedes escribir unha historia colectiva entre todos os rapaces e rapazas da mesma clase. Se sodes de 2º ou 3º ciclo os traballos deben ser individuais. Entregarase un premio por ciclo. Cando teñades os traballos rematados, metédeos no meu buzón que, como ben sabedes, está na entrada da biblio. O prazo de entrega remata o martes 29.