Non des ao esquecemento

Page 1

O patrimonio cultural: un recurso endóxeno esquecido Premio da Fundación Antonio Fraguas.2006 IES Ponte Caldelas

Introdución Quen somos? Onde estamos? Que pretendemos? Que temos? Tipoloxía dos elementos patrimoniais Do Camiño: sendas, pontes, pontellas, pasos, valados. Dos animais: foxos, currais, sesteiros, pombais. Da auga e vida: presas, levadas,fontes, lavadoiros

De produción e almacenamento: hórreos, palleiras, muíños, eiras, batán. Desta vida e da outra:torreiros, cruceiros,petos As ameazas Un futuro posible Quen nos axudou?


Quen somos?

IES Ponte Caldelas

O IES de Ponte Caldelas é un centro de ensino secundario e bacharelato que comezou a súa existencia no curso 98-99. Na actualidade hai 375 alumn@s e 46 profesor@s. A súa actividade docente abrangue tres concellos: Ponte Caldelas, onde se sitúa o edificio, A Lama e Fornelos de Montes. En total, 281 km²habitados por 11.577 persoas que se distribúen en 26 parroquias e 178 entidades de poboación, datos que evidencian unha notable dispersión do poboamento. Un dos puntos fortes do proxecto de centro é o de reforzar a nosa acción educativa dentro do contorno máis próximo ao alumnado. Somos conscientes da necesidade de revalorizar os sinais de identidade e formar cidadáns críticos para garantir un futuro sostible e respectuoso cara ao patrimonio herdado. A actualización na defensa do propio, inserta nun mundo globalizado, convértese en imprescindible e contribúe a presentar unha oferta máis creativa.


Froito da preocupación por unha educación en valores e por unha potenciación daqueles elementos configuradores da paisaxe, historia e identidade, este centro significouse no traballo sobre o Camiño Real de Ribadavia a Pontevedra ata convertelo nun dos eixes vertebradores do desenvolvemento rural da comarca de Pontevedra. Outra actuación importante foi a denuncia sobre o estado dos petroglifos de Tourón e o seu contorno, que derivou na creación dun parque arqueolóxico a cargo da Consellería de Cultura.

Camiño Real perto de Forzáns

Ponte de Berducido

Pontillón nos arredores da Laxe

Quen somos?


Continuando nesa liña, o IES de Ponte Caldelas durante o curso 2006-07 estivo traballando para ofrecer a todos os interesados un estudo sobre o seu patrimonio cultural. Entendemos que estes elementos poden constituír un bo recurso para capitalizar o despegue dunha sociedade rural respectuosa e orgullosa do seu pasado. Os magníficos exemplos que expoñemos corren perigo. De nós depende o seu futuro.

Lavadoiro en Gramil

Muíño en Gramil

Pasadoiro entre Antas e Covelo

Cruceiro en Covelo

Quen somos?


Onde estamos? Os concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes están situados no interior da provincia de Pontevedra. Delimitados, no oeste, por municipios costeiros das Rías Baixas e, no leste, pola serra do Suído son terras de transición nas que paulatinamente se perde a influencia da costa. Ponte Caldelas e A Lama están dentro da comarca de Pontevedra, mentres que Fornelos pertence á comarca viguesa. Dos tres, Ponte Caldelas é o concello máis poboado e de maior densidade. Pola contra, A Lama e Fornelos presentan unhas cifras moi modestas tanto en poboación absoluta como en densidade, o que denota unha maior dificultade na ocupación do territorio. A presenza da Serra do Suído, a maior altura, os numerosos desniveis e o histórico illamento de comunicacións explican estes datos.

3.022 hb. 75 hb/km²

27 hb//km² 6.513 hb. 24’5 hb/km²

2.042 hb.


Dous elementos configuran a nosa paisaxe: os ríos e o monte. Unha enorme rede de drenaxe, pertencente ás cuncas dos ríos Verdugo e Oitavén, articula todo o territorio. Isto orixina un numeroso repertorio de vales de maior ou menor amplitude que obrigan a unha dispersión do poboamento humano e marcan profundamente o sentir das súas xentes. Río Verdugo

Se a auga dos regatos é un constante fluír, a nobre presenza do Suído transmite permanencia e solidez. A vella resistencia desta suave mole granítica exerce de barreira para as frontes húmidas que nos chegan do Atlántico. Isto converte esta terra nunha das máis regadas de Galicia. Val e monte como positivo e negativo dunha fermosa película natural que introduce ao ser humano nun territorio á vez hostil e amable. A Laxe e A Airoa ( Fornelos de Montes) vistas dende o Suído. No fondo os relevos costeiros que delimitan a Depresión Meridiana.

Onde estamos?


Moitas son as pendentes e pouca a superficie apta para ser cultivada. Condicións naturais difíciles ás que tivo que adaptarse unha economía agro-gandeira e forestal de corte autosuficiente. A emigración e o final do ciclo produtivo tradicional trouxeron a decadencia e o abandono. No seu lugar apareceron os cultivos forestais e unha prolífica matogueira de degradación que converte os campos en almacéns de biocombustible. A economía actual orbita arredor do sector servizos, industria e construción, dándolle as costas a séculos de economía rural.

Onde estamos?


A pesar de estar moi próximos ao dinámico Eixo Urbano Atlántico, a complicada orografía e as seculares dificultades de comunicación illaron esta zona sumíndoa nun proceso semellante ao experimentado polas terras do interior de Galicia: •Abandono progresivo de moitas aldeas. •Regresión demográfica. •Desorientación e perda de identidade ante os cambios operados nunha sociedade netamente urbana.

Casas do lugar do Campo en Covelo ( A Lama)

•Incapacidade para vender os seus recursos agás para servir aos intereses da produción enerxética.

Onde estamos?


Carballeira en Taboadelo

Río Parada

Sen embargo, tamén é un territorio que garda lugares cun encanto incrible que orgullosamente pide respecto e admiración. Fervenzas que loitan por manterse vivas, carballeiras protectoras dun microcosmos militante na resistencia e na biodiversidade, ríos limpos nos que continúan a habitar as troitas, e máis aínda, un patrimonio arquitectónico de grande calidade resultado do vagar do tempo e a intelixencia humana.

Pontillón sobre o río San Vicente

Camiño de Laxoso

Muíño de Arriba. As Redondas

Río Verdugo en Abelaído

Onde estamos?


Que pretendemos? 1.

Potenciar o coñecemento do patrimonio etnográfico entre o alumnado.

2.

Facer un achegamento a un inventario dos elementos patrimoniais existentes en cada parroquia.

3.

Introducir ao alumnado no uso das técnicas da investigación social.

4.

Propiciar un achegamento á realidade, utilizando un enfoque máis científico, pero sen esquecer a importancia fundamental dos aspectos afectivos ou emocionais. Neste senso é vital redescubrir a paisaxe.

5.

Denunciar as agresións que padecen estes elementos.

6.

Favorecer o coñecemento e diálogo interxeracional entre o noso alumnado e os seus maiores.

7.

Valorar este tipo de elementos culturais e patrimoniais como dinamizadores dunha política de desenvolvemento rural harmónica.

8.

Recuperar a memoria. Fomentar o orgullo de ser herdeiros dunha cultura secular que no seu proceso de adaptación a un medio complicado foi decantando unhas formas e unha sabedoría que se debe valorar.

9.

Elaborar unha modesta relación de ideas para afrontar mellor os retos dunha sociedade globalizada.


Que temos?

Infraestruturas na paisaxe:

cami帽os, pontill贸ns, pontes, pasadoiros e valados.


Os camiños A enorme dispersión dos núcleos de poboación e do parcelario agrícola precisa dunha rede viaria bastante tupida que conecte os espazos domésticos cos espazos de produción. A pesar de que na actualidade quedan poucas corredoiras a salvo da invasión do asfalto, na nosa zona, en especial nas áreas máis illadas, aínda se conservan numerosos camiños rurais empedrados e limitados por muros de cachotería e noutras ocasións por cómaros. A beleza e a integración destas modestas realizacións nun marco natural moitas veces espectacular debería facernos reflexionar sobre a necesidade de restauralos e potenciar as actividades de sendeirismo.

Camiño de Gramil

Camiño de Laxoso

Camiño de Abelaído


De entre todos destaca o Camiño Real dos Arrieiros. Durante moitos anos foi ruta do transporte do viño dende a comarca do Ribeiro ata Pontevedra. O seu trazado é rectilíneo e corta transversalmente o Suído e varios cursos de auga. Este camiño carreteiro dun ancho aproximado de 2’50 metros e flanqueado por muros grosos de cachotería percorre pola aba media dos relevos, evitando así as pendentes e fuxindo da humidade dos regatos. O seu firme non presenta empedrado salvo nos lugares onde haxa perigo de enlamarse. Varias pontes e pontellas permítenlle salvar os ríos e regatos. O seu estado de conservación varía moito, pero os exemplos seleccionados amosan a beleza dalgúns tramos que deberían ser preservados para sempre.

Camiño Real entre Verducido e Forzáns

Camiño Real chegando á ponte de Verducido.

Perto de Forzáns

Camiño Real entre Verducido e Forzáns

Ponte Casariños, en pleno Suído


Os valados Demostración dunha técnica depurada no traballo de asentar pedras de diferente tamaño, os valados son hoxe algo máis que un límite. O esforzo paciente de colocar miles de cachotes coa forma precisa para que aquel muro fora consistente convértese co paso do tempo nunha obra admirable, integrada na paisaxe e digna de recoñecemento. Na zona consérvanse diferentes tipos de valados.

Valados na parroquia de Calvos ( Fornelos)

Resto dun valado en Taboadelo ( Ponte Caldelas) Valados na Insua ( Ponte Caldelas)


Os muros de cachotería adoitan ter uns 50 cm de largo e entre 1 m. – 1’5 m. de altura. Construídos a maioría quizais a base dun simple amoreamento de pedras de diferente forma e tamaño, hainos tamén máis consistentes e elaborados. Algúns presentan dúas ringleiras exteriores de cachotes culminados por laxes de maior tamaño sobre as que ás veces aparece unha levada de auga. Se o camiño ten tendencia a enlamarse, acostuma incluír pasos.

Muro en Cuñas (Ponte Caldelas)

Na actualidade, a falta de mantemento de moitos destes muros pon en perigo a súa supervivencia. Estamos ante un dos elementos que máis encanto dá á paisaxe rural galega.

Pasos nun muro nos arredores de Laxoso (Ponte Caldelas)

Muro nos arredores de Verducido

Muros en Regodobargo (Ponte Caldelas)


Os pontillóns A presenza de numerosos regatos nas nosas terras obríganos a ter que salvalos a través da construción de diferentes obras de enxeñería popular. Unha destas realizacións son os pontillóns. Repartidos por todo o territorio, hainos de diferentes tamaños. Están construídos a base de grandes e alongadas lousas graníticas e os seus soportes ou cepas presentan o mesmo deseño que os tallamares das pontes. Os mecanismos utilizados para neutralizar a forza da auga son dous: unha proa recortada en ángulo e enfrontada á dirección da corrente, e unha popa redondeada no lugar onde se crean os remuíños. A calzada leva as lousas dispostas de modo transversal ás cepas.

Pontillón sobre o río Couñago. Nos arredores de Verducido, entre os concellos da Lama e Fornelos de Montes. Obsérvese o mal estado da cepa.


Ruína pontillón de San Vicente

Pontillón do Piornal (fronte)

Pontillón do Piornal (Calzada)

De entre todos os exemplos posibles debemos destacar catro pontillóns sobre o regato de San Vicente, no concello de Ponte Caldelas. De diferentes tamaños, estes pontillóns presentan un estado de conservación bastante bo. Agás o pontillón de S. Vicente, hoxe convertido nunha morea de pedras tiradas no leito do río, os demais demostraron unha forte resistencia ante as últimas enchentes. Sen embargo, os troncos arrastrados pola corrente e atrapados nas cepas crean unha presa moi perigosa que cómpre eliminar de contado.

Pontillón

de

Campo do Río

Pontillón pequeno do Campo do Río

Pontillón Porto a Canedo


Os pasos Ás veces para atravesar os ríos e regatos non aparecen pontes, nin pontillóns, senón unhas pedras separadas entre si a unha distancia dun paso humano. Son os chamados pasadoiros ou pasos que aparecen en zonas onde o leito non é moi profundo. Nos tres concellos hai magníficos exemplos. Os máis salientables están no concello de Ponte Caldelas.

Pasos no regato de Porta Cerdeira, na confluencia co río Oitavén. Moledo, Regodobarbo. (Ponte Caldelas).

Pasos sobre o río Verdugo nas Redondas. Taboadelo (Ponte Caldelas). Servía para unir as parroquias de Taboadelo e a Insua

Pasadoiro fermosísimo sobre o río Verdugo que une as parroquias de Covelo e Antas, no concello da Lama


As pontes Alí onde o curso de auga ten forza, amplitude e as condicións topográficas o permiten, construíronse obras de maior envergadura. As pontes son realizacións vencelladas a unha rede camiñeira de maior rango, polo xeral, de traza moderna. A maioría son obras do século XIX, o que demostra a tardía incorporación destas terras a unhas comunicacións máis modernas. Durante moitos anos os únicos camiños que existiron eran os de ferradura. Para este traballo desbotamos aquelas pontes de enxeñería ligadas ás estradas modernas e pousamos a ollada noutras hoxe adormecidas no esquecemento-, que son magníficas obras e, sobre todo, están enclavadas en contornos naturais de calidade. De entre todas destaca a ponte sobre o río Parada en Verducido, A Lama. Outro exemplo é a ponte da Laxe.


Que temos? Elementos patrimoniais relacionados cos animais:

Foxo do lobo, currais, sesteiros, pombais


Os foxos do lobo

Indicios obtidos da presenza de lobos no Suído.

Foxo do lobo nas proximidades de Pigarzos (A Lama). Os foxos están precedidos dun espazo cercado moi amplo en forma de V que se estreita cada vez máis ata desembocar sobre o fatal burato. Imaxe extraída do SIXPAC

Imaxe do foxo. Cunha altura de 3 metros e un diámetro aproximado de 4 metros era unha trampa definitiva para o lobo.

O lobo sempre foi un animal temido polo ser humano. Depredador coma nós, compite polo mesmo espazo e recursos. Recluído nas áreas de montaña, a súa presenza preocupou notablemente ás comunidades de gandeiros que levaban a pastar os seus rabaños ao monte. Para evitar a súa presenza, no pasado, organizábanse batidas. En poucos lugares de Galicia consérvanse mellor as construcións polas que despenaban este animal. Cercado debidamente, na súa fuxida, o lobo era guiado cara á dirección dun foxo no que inevitablemente acabaría tirándose. Unha vez atrapado e sen saída era presa fácil dos cazadores.


O foxo do lobo de Estacas ( Fornelos de Montes)

Muros ciclópeos de cachotería de grande dimensión. Hoxe presentan unha perda de altura motivado pola desaparición dalgunhas pedras. A súa altura tivo que ser notable para impedir a fuxida do lobo.

Parede exterior do foxo

Situado no límite co concello de Mondariz, este foxo ten a peculiaridade de ser dobre. O plano deste espazo describe un W. Enclavado a uns 750 metros de altura, os muros delimitan un terreo de matogueira en lixeira pendente cara ao leste e sueste que se precipita a dous foxos duns 4 metros de diámetro cada un.


Os currais

Estas construcións, características do Suído, servían de acubillo aos pastores que coidaban o gando en réxime extensivo. Os currais máis coñecidos son os da aba oriental do Suído. De planta rectangular e grosos muros de cachotería, estes edificios presentan como trazo particular unha cuberta de laxes a dúas augas que descansan, no interior, sobre arcos faixóns reforzados no exterior por contrafortes. Esta cuberta non se atopa nos currais da aba occidental. O resultado é unha arquitectura resistente adaptada a un contexto natural de fortes ventos e temperaturas extremas.

As imaxes corresponden co ben coidado Chozo de Cernadas, no concello de Avión, a moi pouca distancia do límite co concello de Fornelos de Montes. Felicitamos aos impulsores da recuperación dos chozos e a creación dun roteiro polos pastos da aba oriental do Suído.


Os currais de Vilán no lugar de Carballo Branco. A Laxe.(Fornelos de Montes). Os currais da aba oeste do Suído teñen unha traza máis rústica que os veciños de Avión (Ourense). Estes currais aproveitan os penedos e a protección que lles proporciona un pequeno outeiro para distribuír as diferentes dependencias adxectivas: cortes, valados e parideiras. Gando vacún e, segundo algunhas fontes, ovellas e cabras terían aquí a súa protección fronte aos ataques de depredadores tan temidos como o lobo. Muros de cachotería e teitos por aproximación de laxes planas son técnicas construtivas simples, pero funcionais. Dada a rareza destes elementos patrimoniais da cultura gandeira resulta lamentable o estado actual de abandono. A construción do Salto da Laxe sería a súa fin definitiva.


Os currais de Forzáns. A Laxe (Fornelos de Montes)

Os currais de Forzáns, coma os de Vilán, recibían esta denominación como referencia ao lugar de procedencia do gando e dos pastores que neles se acubillaban. A maioría abéiranse nun marco natural protexido por un outeiro con enormes penedos. Porén, algúns deles atópanse fóra dese espazo e menos resgardados dos ventos do norte.


Chozos de Campo Largo. A Laxe ( Fornelos de Montes)

3

1

2

Na imaxe 1 podemos ver o control visual que se exerce dende o recinto dos currais de Campo Largo. Unha enorme depresión idónea para pasto percorrida polo río Valdohome.

4

O recinto ocupado por estes currais (3) ten a particularidade de estar delimitado por un valado de planta circular sobre o que se van inserindo os pequenos casetos (2). En medio queda un espazo central libre de edificación a modo de curral. O debuxo resultante semella unha coroa de casetos. O seu estado actual de conservación (4) non precisaría dunha actuación custosa. Resulta vergoñenta a desidia na que permanecen estes elementos patrimoniais. A diferenza co acontecido no concello de Avión é moi evidente.


Os sesteiros

As imaxes corresponden a un sesteiro localizado nun outeiro moi próximo ao foxo do lobo de Pigarzos. De planta irregular, os muros cercan os lados norte, oeste e leste, mentres a cara sur carece de cerca ao facer esa función o rochedo existente no lugar.

Os sesteiros eran espazos expostos aos ventos e cercados por muros moi rústicos a base de laxes dun notable tamaño. Servían para que o gando extensivo estivera aliviado da mosca no verán. Emprazados nos cumios de outeiros moi ventilados, son lugares onde repousaba o gando. Os cachotes de pedra que forman o paramento do muro están amoreados dunha forma moi primitiva sen a consistencia dos valados que arrodean as leiras. Semellan construídos para acoutar un espazo ocupado de forma moi temporal.


Os pombais

Exterior e interior do pombal de Xosé na aldea de Parada (Ponte Caldelas)

Son construcións pensadas como lugar de acubillo e cría das pombas, complemento alimenticio este moi restrinxido a sectores privilexiados da sociedade do Antigo Réxime, de aí que aparezan localizados en casas labregas ricas ou en pazos. Nos tres concellos, especialmente en Ponte Caldelas, atópanse fermosos exemplos destas construcións. Os pombais rexistrados na zona son de corpo cilíndrico, con paramentos de cachotes de granito, podendo presentar unha cuberta cónica de tellas ou truncados cunha cuberta a unha auga. Próximo ao seu remate, o muro presenta un beiril do que arrancan os buratos para a entrada e saída das pombas. No interior aparecen múltiples nichos divididos en pedra, o que lle confire un carácter pétreo e de solidez.

Pombal no eido do Pazo de San Ramón, Tourón. (Ponte Caldelas)

Pombal con vertente a unha auga na aldea de Sobreiro, Xustáns (Ponte Caldelas)


Que temos?

Infraestruturas para o aproveitamento da auga: Fontes, lavadoiros, presas, levadas.


As fontes Galicia evoca auga. As abondosas chuvias converten en caudalosos os ríos e regatos, alimentando un manto freático xeneroso, disposto a abrollar por calquera fenda das rochas. As fontes son un factor fundamental á hora de asentarse, polo que cada aldea dispón de unha propia, que se converte así nun lugar importante para os seus habitantes, non só como subministro de auga, senón tamén como punto de encontro, de parola. A súa relevancia viña marcada pola construción dunha arquitectura que adornaba e urbanizaba o abrollo natural do líquido elemento. Dentro dos múltiples exemplos cos que contamos podemos diferenciar dous tipos. A máis primitiva, moi frecuente na zona, non é máis que un cano metido na fenda da rocha. A outra, máis urbana, é posuidora dun traballo de cantería máis coidado.


Os lavadoiros Moitas fontes teñen ao seu carón un lavadoiro. Nunha época na que non había auga corrente, nin lavadoras, acudir ao río a lavar era unha necesidade. Nunha sociedade tradicional este era un punto de encontro obrigado para as mulleres. Aquí non só se lavaba a roupa, tamén había unha posta ao día dos acontecementos da aldea. Estes lugares de encontro forneceron, sen dúbida, o noso patrimonio inmaterial. A beleza destas construcións queda patente nestas fotografías.

Lavadoiro en Antas

Lavadoiro en Gramil

Lavadoiro na Lama

Lavadoiro en Forzáns

Lavadoiro en Calvos


As presas e levadas

Presa dos barcos. Fornelos

Son elementos patrimoniais que, frecuentemente, forman parte da estructura de funcionamento dun muíño ou dun batán. Aproveitando as condicións naturais que ofrecen os pequenos saltos existentes no leito fluvial, o ser humano canaliza a auga que necesita, conducindoa polas levadas ata o muíño emprazado augas máis abaixo. A diferencia de altura entre a presa e o muíño imprime a forza e velocidade necesarias para que a auga poida mover o rodicio e a moa. Outras veces as presas e levadas están creadas para garantir a rega dos prados. Na actualidade, estas obras de enxenería popular atópanse abandonadas e en mal estado.

Levada na Insua . Ponte Caldelas

Levada en Ventín. Fornelos


Que temos?

Elementos e espazos de produción e almacenamento:

Hórreos, eirados, muíños, palleira, batáns.


Os hórreos Xunto cos muíños, eiras e fornos, este elemento patrimonial representativo do noroeste peninsular forma parte da chamada arquitectura do pan. O extraordinario desenvolvemento do cultivo do millo e a pataca fixeron desta construción un almacén imprescindible e moi numeroso. A tipoloxía existente é moi variada. Hainos que teñen os costais de madeira, mentres que outros empregan a pedra. A maioría teñen seis ou oito pés, pero algúns, cun tamaño extraordinario, chegan a catorce. Hoxe en día moitos están abandonados, pero outros están sendo rehabilitados. Non podemos esquecer algunhas reformas moi peculiares que propoñen a súa utilización para usos espurios.


Os muíños A presenza de ríos e regatos poderosos, o cultivo do millo e o illamento favoreceron a numerosa presenza de muíños nos tres concellos. A súa localización en espazos agrestes e moitas veces de difícil acceso dota a este elemento patrimonial dun encanto extraordinario. Remontar a beira dos ríos na procura destes enxeños fariñeiros constitúe unha aventura. A inmensa maioría foron abandonados na década dos setenta. O seu estado actual de deterioro crea ao seu redor unha atmosfera de nobre melancolía. Falar sobre eles coas persoas de maior idade permitiunos imaxinar un tempo, non moi afastado, en que o noso mundo rural estaba moi vivo e o muíño erguíase como un dos escenarios centrais. Uns eran muíños de herdeiros, outros muíños de maquía, a maioría nutridos por unha canle, uns poucos a través do sistema de cubo. Artefactos de estudada tecnoloxía que souberon integrarse nun medio fluvial do que se alimentan, pero ao que evitan incomodar. Desprenderon sabedoría e discreción e agora, que xa non son útiles, é a propia natureza en agradecemento a que se encarga de vestilos de edra e silvas.


Os Eirados

Barcia do Seixo (A Lama)

Imaxe da eira de María do Cañamazo en Calvos.Fornelos de Montes

Eira de Celia. Chan do Casal. Xustáns. Ponte Caldelas.

Os eirados eran espazos abertos destinados aos labores de malla para debullar o cereal. De planta cuadrangular, poden estar lousados con pedras de tamaño regular ou sen lousar. Ás veces, rodeando ese espazo, aparecen hórreos para gardar o gran debullado. Nestes casos, os de maior beleza adoitan indicar un nivel de compromiso colectivo maior. Porén, na zona, a maioría das eiras son particulares, sobre todo, nas casas de mellor fábrica. O enclave elixido para localizar un eirado adoita ser un lugar aireado e soleado, xeralmente á entrada ou saída da aldea, aínda que ás veces pode aparecer no centro. Na fotografía podemos observar o eirado térreo na Barcia de Seixo (A Lama), nun extremo da aldea. É un conxunto arquitectónico de bastante harmonía, especialmente se temos en conta que ao seu carón está o adro da igrexa, o espazo comunitario por excelencia na vida parroquial.


A palleira de Laxoso Esta construción singular na zona aparece localizada na parroquia de Laxoso ( Ponte Caldelas). Trátase dun entramado de madeira afrontado sobre o que se encaixan feixes de herba seca. Actualmente, o espírito práctico do noso rural utiliza para a cuberta pequenas pranchas de fibrocemento a dúas augas para facilitar a escorrentía, sen embargo, sabemos que ata non hai moito empregaban o colmo para facer o tellado. Esta construción vén ser unha fusión entre o alpendre e o palleiro tradicional. Comentan algúns veciños que esta palleira pode ter unha procedencia portuguesa.

Palleira de Saladina Mouta. Laxoso. Ponte Caldelas.


Batáns

Batán e muíño de Pereira. A Insúa. Ponte Caldelas.

No concello de Ponte Caldelas, na parroquia da Insúa, quedan cando menos as paredes do que no seu día foron catro batáns. Estas construcións, de planta cuadrangular, contiñan cada unha un enorme mazo de madeira que batía contra as teas de la de buriel e liño para facer delas panos e mantas. Este mazo era movido pola forza da auga a través dunha serie de engranaxes semellantes ás dun muíño. De feito, moitas veces estas dúas construcións aparecen asociadas no mesmo edificio como acontece co muíño e batán de Pereira na Insua, Ponte Caldelas. Os catro batáns localizados nesta parroquia nutríanse a través dunha levada que transportaba a auga dende as proximidades de Ponte Caldelas ata o lugar de Silvoso. Auténticas fábricas téxtiles son un eco da importancia da industria doméstica galega do século XVIII. Esta actividade, conxuntamente coa de curtidos de pel, son indicativas da rica industria rural que había no pasado en Ponte Caldelas.

A ruína do batán de Barreiro . Insua. Ponte Caldelas


Que temos? Elementos de vida espitirual e espazos de vida mundana:

Cruceiros, petos, torreiros


Os cruceiros

Nos tres concellos estudados hai numerosos e magníficos exemplos destes traballos encadrados dentro da denominada arte relixiosa popular. Realizacións de artistas anónimos que dominan o traballo da pedra, estas obras son formalmente unha manifestación de relixiosidade cristiá, pero en liña de continuidade coas crenzas pagás anteriores. O cruceiro vén así a substituír os anteriores símbolos que protexían aos camiñantes e delimitaban ámbitos da vida colectiva. Demostración dunha ligazón transcendente do pobo galego cara á súa terra e os seus devanceiros, o rural galego está inzado de cruces, cruceiros e petos. Nuns casos, cando as cruces son rústicas, evocan un mundo máxico relixioso en perfecta comuñón coa natureza. Noutros casos, cando a calidade escultórica é evidente, aparece a dúbida de se realmente estamos ante un produto da arte popular. Na análise dos cruceiros e petos do concello de Ponte Caldelas faise imprescindible nomear a laboriosa publicación que sobre este tema teñen elaborada as mestras Mercedes Martínez Plasencia e Teresa Sánchez Cora.

Magnífico cruceiro en Covelo (A Lama).

Cruz nun camiño cara a Laxoso de Arriba ( Ponte Caldelas)

Cruceiro camiño da Vincurda (A Lama)

Cruceiro da Mouta.Calvos (Fornelos de Montes)


Exemplos de detalles escultóricos en diferentes cruceiros. De esquerda a dereita: Cruceiro en Gramil ( Ponte Caldelas), na Lama, camiño da Vincurada (A Lama), e no adro de Barcia do Seixo (A Lama).

Escolma de simples cruces chantadas sobre a rocha granítica en perfecta integración coa natureza. De esquerda a dereita: Cruz en Cimadevila, Calvos (Fornelos);cruz de S. Antonio, Freaza. Traspielas (Fornelos); cruz no camiño entre Estacas e Ventín (Fornelos).

Afortunadamente, hoxe recoñecemos en todas estas obras unha riqueza patrimonial a conservar, como queda reflectido nos inventarios dos diferentes concellos. Lograron un estatus que supera o significado simbólico do credo relixioso ao que pertencen, converténdose nun elemento fundamental da paisaxe rural galega.


Os petos Moitas veces asociados aos cruceiros, outras veces sós, os petos son unha manifestación da relixiosidade popular, auténtico monumento de lembranza, respecto e agradecemento de todos os que nos antecederon. Dispersos polas parroquias, establecen ligazóns entre o pasado e o presente, entre o territorio herdado e os seus actuais moradores. Representación da necesidade espiritual do ser humano, transmiten a fugacidade da vida corpórea fronte á presenza etérea e eterna da ánima. Esperanza noutra existencia que compense o sufrimento de domar unha terra difícil. Contrariamente ao que se puidera pensar, dos petos brota a vida non a morte.

Peto en Calvos (Fornelos)

Peto na Candeira ( A Lama) Peto na Vincurada ( A Lama)


Os torreiros

Torreiro de Calvos. Fornelos de Montes

Situados a carón da igrexa, os torreiros son os lugares de encontro para a festa do patrón, para a música, para o baile. A súa estrutura adoita ser rectangular ou cadrada e mesmo algúns están rodeados dun valado que pola súa parte interior leva acaroado un poio corrido. Ás veces nun extremo do torreiro construíase un palco de pedra para acoller as bandas que amenizaban as festas, hoxe substituídos por plataformas de cemento de máis que dubidoso gusto estético.


As ameazas

O abandono

Usos espurios

Incendios forestais

Vandalismo

O mundo rural tradicional que sostiña e daba sentido a todos estes elementos chega ao final da súa prolongada crise na década dos setenta. Os muíños deixan de moer, as levadas non se limpan, moitas eiras e vellos camiños son asfaltados, os valados ou as presas deixan de manterse... precipítase o final. Estes elementos perden a súa función e son abandonados. O feito de lembrar moito unha vida sacrificada e en moitos casos de miseria produce unha negación vergoñenta do seu valor, o valor da memoria. Non se aceptan como elementos identitarios, construtores dunha cultura depurada pola historia. A falta de sensibilidade trae como resultado o abandono, a destrución e os usos espurios.


As novas ameazas O repertorio de ameazas, consecuencia do abandono e perda do valor de uso destes elementos, vese agravado polo plan de construción de minicentrais. Esta forma de producir enerxía non só causa impactos formidables na vida dos ríos e da paisaxe en xeral, tamén supón un perigo adicional para moitos elementos patrimoniais que habitualmente ocupan estes espazos (muíños, pontes, pasadoiros). Hai unha alteración da beleza do enclave de moitos destes elementos, cando non a súa propia destrución. Outra ameaza é a proliferación de pistas nos montes, moitas veces para facilitar a instalación de parques eólicos e explotacións gandeiras que, en ocasións, levaron canda si algún elemento, tal é o caso dun neveiro no Suído.

Na esquerda: Pintadas de protesta pola construción da minicentral sobre o ríoVerdugo no lugar de Abelaído (A Lama). Na dereita, obras de construción da minicentral de Gaxate sobre o río Oitavén.

Ponte Casariño no Suíño. Transformada respecto da traza orixinaria, atópase esquecida ao carón da estrada. Esta ponte formaba parte do Camiño Real de Pontevedra a Ribadavia. Presenza de maquinaria na área do Suído. A proliferación de pistas, ademais da alteración paisaxística, pon en perigo a existencia de restos arqueolóxicos (mámoas) e construcións de tipo etnográfico como os neveiros e sesteiros.

O muíño de Abaixo, o muíño de Arriba e os pasais sobre o río Verdugo están na relación de patrimonio etnográfico afectado polo proxecto da minicentral Boca do Inferno. Este espazo está a ser recuperado por xentes de Taboadelo que anualmente celebran a Festa do Muíño.


Posibilidades, recursos, ideas O monte: Se hai un elemento que define a paisaxe destes tres concellos é a extensa superficie que ocupa o monte. A superficie máis significativa é o Suído. Incluída na proposta de espazos de interese ecolóxico da Rede Natura 2000, está, porén, a padecer algunhas agresións importantes que poñen en perigo a súa integridade. O plan de construción de minicentrais e a instalación de parques eólicos supoñen unha alteración pouco sensible co medio.

As nosas propostas para o Suído son: •

Apostar por manter as actividades agro- silvo- pastoris que, durante tantos anos, cumpriron unha función económica sostible e conservadora do medio.

Acoutar espazos para a produción de biocombustible e de materia prima para abonos orgánicos.

Preservar as áreas de turbeiras, por constituír espazos onde se concentra a flora autóctona con especies que comezan a ser raras noutros montes galegos.

Frear definitivamente a instalación de máis pistas, parques eólicos, canteiras e todo aquel uso que faga insostible a xestión do territorio.

Potenciar e poñer en valor os currais, foxos e outros elementos de interese patrimonial da zona, por exemplo mediante a definición de rutas de sendeirismo ou creación de centros de interpretación da vida no monte. Potenciar un turismo respectuoso co medio natural.


Para o resto da superficie de monte

As nosas propostas son: •

Orientar os usos do monte a algo máis que á produción de madeira, apoiando iniciativas como a explotación de froitos do bosque (castañas, abelás, arandos, abruños), cogomelos ou produción de abono natural.

Explotar racionalmente a madeira, ordenando o monte, recuperando espazos para as especies autóctonas e buscando a ecocertificación.

Crear corredores ecolóxicos que conecten os ríos e o monte para garantir o mantemento da biodiversidade a nivel de flora e fauna e evitar a proliferación de pragas.

Poñer en valor o patrimonio etnográfico existente deseñando algún roteiro ou algunha festa divulgativa.


Os ríos: O Verdugo e o Oitavén veñen padecendo unha alteración sistemática nas últimas décadas. O cambio de mentalidade na sociedade esixe: 1.

RÍOS VIVOS. Paralización da construción de minicentrais.

2.

RÍOS LIMPOS. Instalación e mantemento de sistemas de depuración.

3.

RÍOS PROTEXIDOS. Cumprimento da normativa que protexe as beiras dos ríos.

As nosas propostas para os ríos son: 1.

Converter as beiras dos ríos en verdadeiros espazos públicos, pero sen que isto implique a súa radical transformación. Utilizar as sendas dos pescadores ou a presenza de antigos muíños para promover rutas de turismo activo, ecolóxico, cultural...

2.

Rehabilitar as construcións patrimoniais máis destacadas: pontes, pontellas pasos, presas... Neste apartado queremos animar aos particulares, asociacións ou institucións para que leven a cabo obras de rehabilitación nalgúns destes elementos que non presenten excesivo deterioro e poidan ser mantidos para usos diversos (locais culturais, aulas de interpretación, rutas turísticas..)

3.

Promover actividades didácticas para sensibilizar as novas xeracións sobre a importancia de preservar o patrimonio natural e cultural como parte da nosa herdanza e identidade.


A aldea Unhas ameazadas polo abandono, outras en perigo por transformacións pouco sensibles co contorno e convertidas progresivamente en segundas residencias, as nosas aldeas necesitan a execución dun programa de protección e reactivación de forma urxente.

As nosas propostas neste caso son: 1.

Preservar os sinais de identidade, evitando o descontrol que se está a producir en moitos núcleos rurais en relación con construcións e rehabilitacións.

2.

Apoiar as iniciativas que supoñan un desenvolvemento dos recursos propios: cooperativas, agricultura e gandaría ecolóxicas, agroturismo, etc.

3.

Apoiar a produción de forma tradicional daqueles bens demandados pola sociedade actual. Recuperar os saberes e os oficios artesanais.

4.

Promover o turismo rural integrado con programas de valorización do patrimonio natural e cultural existente na zona

5.

Potenciar e mellorar a oferta gastronómica da zona: caza, troita...

6.

Introducir as novas tecnoloxías no rural, orientadas á formación, comunicación, etc., e á produción e distribución das empresas locais.

7.

Recuperar o patrimonio cultural, involucrando ás comunidades e asociacións veciñais. Preservar os camiños de interese natural e patrimonial, creando rutas temáticas e introducíndoas na rede oficial de sendeiros.

8.

Volver a prestixiar o feito de vivir no rural.


Quen nos axudou? • Fundación Antonio Fraguas. • Dirección Xeral de Patrimonio. • Dirección Xeral do FOGGA • Augas de Galicia. • Sitga. • PLADEVER • Mancomunidade de Ponte Caldelas. • Concellos de Ponte Caldelas, Fornelos de Montes e A Lama. • PRODER de Pontevedra.

• ANPA do IES de Ponte Caldelas. • Veciños e veciñas de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes. • Paula Ballesteros. • Os compañeiros e a Dirección do IES de Ponte Caldelas


Bibliografía consultada:

“As construcións da arquitectura popular”. MANUEL CAAMAÑO SUÁREZ. Ed.Consello galego de colexios de aparelladores e arquitécts técnicos. “Feismo? Destruir un país.VVAA. ED. Difusora de letras, artes e ideas. “Muíños nas terras de Redondela. Estudio etnolóxico dos muíños de auga. MIGUEL ÁNGEL ABRAIRA PÉREZ. Ed.Deputación Provincial de Pontevedra.

“Cultura tradicional e desenvolvemento rural” VVAA. Ed.Xavier Simón Fdez e Xabier Prado Orbán. “ Ponte Caldelas 1500-1936. Memoria escrita dun pobo.”.MERCEDES MARTÍNEZ PLASENCIA E TERESA SÁNCHEZ CORA. Ed. Deputación de Pontevedra. “ As construccións primitivas dos pastores galegos. Chozos da serra do Suído, Montemaior e Faro de Avión”. ESTANISLAO FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA. Ed Asociación galega para a cultura e a ecoloxía.  Artigo de CARLOS MORGADE: “Os muíños da Lama, un tesouro esquecido” na páxina web http://www.concellodalama.com/apedreira.htm  Páxinas web do PRODER da comarca de Vigo,PRODER da comarca de Pontevedra e LEADER de Terras de Montes.


Neste traballo participaron de forma voluntaria alumnos e alumnas de 3º da ESO e 4º da ESO dos concellos de A Lama, Fornelos e Ponte Caldelas. Fotografaron, buscaron información e cubriron as fichas de inventario. Todo isto no seu tempo de lecer. A todos eles MIL GRACIAS

O alumnado avalía:

As maiores aportacións deste traballo:

“Aprendín a valorar uns elementos que estaban aí, pero aos que non lles daba importancia”. “Coñecín recantos fermosos da miña zona que ignoraba que existían”. “Comprendín a dureza dos modos de vida dos nosos avós e bisavós” “Concienceime do estado do noso patrimonio. Unha mágoa estragalo!”.


Coordinaron o traballo: Cristina Ogando Díaz. Profesora de ciencias sociais. Chus Diéguez Rojo. Profesora de lingua galega. Humberto Martínez Gargamala. Profesor de ciencias sociais. Ponte Caldelas, 6 de outubro de 2007


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.