Gentrification na Coruña Miguel Pazos Otón1 Pedro de Llano Neira2
Nos cascos antigos de moitas cidades europeas, entre elas A Coruña, asístese hoxendía a un proceso denominado Gentrification, que ten a súa orixe nos Estados Unidos, vencellado á “Nova Economía”, e ó capitalismo postindustrial. A Gentrification pode ser definida como un proceso con claras implicacións económicas, sociais, culturais e políticas. Transfórmanse así, en diferentes fases, espazos degradados en áreas dinámicas e protagonistas dentro da cidade. Estes espazos soen corresponderse cos centros históricos, nos que con frecuencia pártese dunha situación de degradación e/ou marxinalización, a pesar de albergar notábeis elementos patrimoniais. A primeira fase, de abandono ou desinvestimento dos inmóbeis, vai seguida polo desprazamento da poboación autóctona, a miúdo grupos populares ou colectivos étnicos diferenciados, a novos sectores periféricos (no caso coruñés, cara Matogrande ou ben outros concellos do oeste da Área Metropolitana, como Arteixo, Culleredo, etc). A segunda fase prodúcese pola actuación combinada dos poderes públicos e a iniciativa privada. Os primeiros destinan importantes dotacións económicas á rehabilitación de prazas, parques e inmóbeis (Praza de Azcárraga, Contorno de San Andrés e Rúa do Orzán, Rúa Real, Contorno da Colexiata, San Carlos e Fronte do Parrote). Con frecuencia estas actuacións enmárcanse dentro de plans urbanísticos concretos, como o PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior) da Cidade Vella e Pescadería, aprobado en Outubro de 1998. Mentres, os segundos, captan as axudas públicas e ó mesmo tempo elevan as rendas dos novos apartamentos e baixos comerciais para atraer segmentos de poboación cun nivel adquisitivo máis alto e actividades comerciais cun índice de productividade e valor engadido maior. Ata aquí, a Gentrification comparte moitos dos rasgos específicos dos procesos especulativos xa coñecidos, que tiveron o seu apoxeo na década dos 70 (Agra do Orzán, Os Mallos, Eirís). Naqueles momentos produciuse unha revalorización de antigos terreos residenciais-agrarios rururbanos gracias á construcción masiva de vivendas para acoller á poboación que emigraba do campo. A principal diferencia entre a especulación tradicional e a Gentrification reside na dimensión cultural desta última. En efecto, na “Nova Economía” ou “Economía do Coñecemento”, onde a industria cultural ten un papel axitador clave, os barrios gentrificados son ocupados por unha nova clase puxante formada por xóvenes profesionais liberais que desenvolven traballos creativos (deseñadores, profesores, informáticos e creativos web, arquitectos, artistas, músicos, profesionais do medio audiovisual) e na súa maior parte intelectuais, na súa maioría entre os 30 e os 50 anos. Todos eles forman o cognitariado ó que alude Franco Berardi no seu traballo “A fábrica da infelicidade”. Do mesmo xeito, o contorno urbano que alberga a estes xóvenes, cun estilo de vida característico, estetízase en resposta ós seus patróns de consumo. Así explícase a proliferación de restaurantes (Vania no Orzán, O Vexetariano na Porta de Aires, Casa d´Italia na Costa de Santo Domingo) e tendas (La Base, G3 e 14 OZ. no contorno de San Andrés), en resposta ás necesidades de productos e servizos fortemente culturizados. Nunha liña semellante explícase o xurdimento de dous establecementos de desgustación dun producto en auxe entre este nova clase urbana, como é o té, coa 1 2
E-mail: mipaot@usc.es E-mail: pdellano@eresmas.com