PANESÍA
En Carral hai un alimento moi famoso, sabedes cal é? Pois si! O pan! Necesitamos plantar as sementes de millo, centeo ou trigo na terra, un pouco de auga e sol para que medren as plantas, unha vez estas sexan grandes e dean froitos, debemos recoller os grans e moelos nos muíños para facer fariña. Esta fariña temos que mesturala con auga, sal e fermento e amasar, amasar, amasar ata metela no forno. Así, ben cocido, estará o pan listo para comer! PANESÍA é un libro que mestura as definicións científicas, o pan e a poesía escrito polos nenos e nenas do CEIP "Vicente Otero Valcárcel" durante o curso 2018/2019. Imaxinación e ciencia danse a man nesta obra feita de forma colaborativa por todo o centro dentro do proxecto "DESCUBRINDO CARRAL: TEMOS MOITO QUE CONTAR". Grazas a todos e todas polo voso esforzo e colaboración! Equipo da Biblioteca.
O SOL
DEFINICIĂ“N DE SOL " Estrela principal do noso sistema planetario arredor da que xiran os demais planetas". (Dicionario Xerais da Lingua) "O Sol ĂŠ unha estrela que se atopa no centro do Sistema Solar. A Terra xira ao redor del. O Sol desprende luz e calor" (Dicionario Xerais da Lingua e Wikipedia)
POEMA DO SOL O Sol é unha cara feliz, é a clara dun ovo, é unha candea que alumea aos planetas. O sol é como unha pelota, é unha pelota de tenis. é un pendente dourado. O Sol é un tapón pintado de amarelo, é un xirasol brillante, é o centro dunha margarida é unha colmea chea de abellas é o polen dos nenos e nenas O Sol é redondo como un tomate é amarelo como un limón feito de purpurina é unha tortilla de patacas. O Sol é como unha mazá xigante e madura, é unha lámpada que brilla, é brillante como un diamante.
A AUGA
DEFINICIÓN DE AUGA: " Líquido do que están compostos os mares, lagos e ríos, incoloro en pequenas cantidades, inodoro e insípido". (Dicionario da Real Academia Galega) "A auga é unha substancia cuxas moléculas están formadas por dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno". (Galipedia, a Wikipedia en galego) "Líquido transparente, incoloro, inodoro e insípido en estado puro, cuxas moléculas están formadas por dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno e que constitúe o compoñente máis abundante da superficie terrestre e o maioritario de todos os organismos vivos" Fórmula: H2O (RAE)
POEMA DA AUGA A auga é transparente como un cristal. A auga é onde se reflicte o ceo. As bágoas son a auga que cae dos ollos. A choiva son as bágoas das nubes. A choiva son as bágoas das nubes tristes. As bágoas da lúa regan as flores e a auga é brillante como un diamante. A auga é transparente como un vaso. As fervenzas son as melenas dos ríos. As boliñas de sarabia son como as picaduras das abellas. A auga ven das nubes como as ondas veñen do mar. A auga faime flotar como un astronauta no espazo. Os ríos son os armarios da auga e a auga é brillante como un diamante.
A TERRA
DEFINICIÓN DE TERRA: "Partículas que forman o solo"."Terreo adicado ao cultivo" (Dicionarios e Wikipedia) "Materia orgánica e inorgánica da superficie terrestre non ocupada por auga capaz de soster vida vexetal como, por exemplo, os cultivos" (Dicionario da RAG e www.madrimasd.org)
POEMA DA TERRA Ti es silenciosa como a terra... A terra é como a Terra A terra é como un "o" É onde vive o mundo: a casa dos animais, a manta dos cempés, o paraugas das teupas, a toalla das miñocas, a comida das plantas. A terra é como miguiñas de pan, é como a "Nocilla" das plantas, son as migas dun biscoito de chocolate. . A terra tamén é o hospital das plantas pois as sementes dormen na cama da terra. O perfume da natureza é a terra e as flores maquíllana. Ti es silenciosa como a terra...
O TRIGO
DEFINICIÓN DE TRIGO: "O termo trigo designa a un conxunto de cereais que pertence ao xénero TRITICUM; son plantas da familia das gramíneas cultivadas en todo o mundo. A semente do trigo empezou a ser cultivada en Exipto, Siria, Irak e Turquía. A planta do trigo caracterízase por unha raíz ramificada, un talo oco de entre 0,5 e 2 m de altura, follas lanceoladas, e, na espiga, os grans son ovalados. Pola súa banda a semente do trigo móese, obténdose fariña, que se emprega fundamentalmente nas panadarías, pastelarías e para a elaboración de diversos tipos de pastas, entre outras cousas" (Wikipedia) "Planta alta, de tallo dereito e forte. Dos seus froitos en forma de espiga obtéñense os grans de trigo que se moen para facer fariña" (Dicionario da Lingua Galega Santillana, Obradoiro) "Planta da familia das gramíneas, da cal existen numerosas especies, con espigas de catro ou máis ringleiras de grans, dos que se extrae a fariña máis utilizada na elaboración do pan" (Dicionario da Real Academia Galega)
POEMA DO TRIGO O trigo é amarelo como o sol e fai brillar os campos como o ouro. Ao segar o trigo cae como se fose ouro porque é o ouro dos nosos campos. Os cabelos dourados lémbrannos que se achega a recolleita As trenzas do pelo son trigo nas nosas cabezas. O teu cabelo é marrón claro como o trigo, parece trigo dourado ao sol. O teu cabelo é de trigo e o vento despéinao Os teus ollos tamén brillan tanto como o trigo dourado. As xentes son espigas de trigo que empezan a engraiar o sol e o trigo son irmáns, o vento acaricia o trigo como unha nai aloumiña ao seu bebé. O pai do pan é o trigo O trigo é o sol do pan é a fonte e é o corazón É a vida do pan Fíxose a maia no mes de agosto, chovía trigo coma se fose inverno. No campo, ao meu redor, so vexo dourado a cor da colleita.
O LUME
DEFINICIÓN DE LUME: "Para que se orixine o lume son necesarios tres elementos: un combustible, un carburante (osíxeno) e unha enerxía de activación. Para explicarme mellor poñerei o exemplo dun chisqueiro: coa fricción do xiro da roda do chisqueiro orixínase unha chispa e, ao mesmo tempo, ao manter apertado o botón do chisqueiro ábrese a válvula de gas, o gas alcanza a chispa dando lugar á chama, esta manterase acesa mentres sigamos premendo o botón e mentres esteamos en contacto co osíxeno que nos rodea " (www.aprendoemergencias.es; www.físicosyquímicosdelfuego.es) "É un proceso químico (combustión) de oxidación no que interveñen un combustible e un compoñente e emite calor" (Wikipedia) "Chámase lume ao conxunto de partículas ou moléculas incandescentes de materia combustible, capaces de emitir calor e luz visible, produto dunha reacción química de oxidación violenta. As lapas son as partes do lume que emiten luz visible, mentres que o fume son fisicamente as mesmas pero que xa non o emiten" (Google, Wikipedia e enciclopedias)
POEMA DO LUME O lume é unha persoa mala que sirve de moito É a chama dos bombeiros, unha gota enlouquecida, o espantallo do frío, un forno xigante, o perfeccionista dos minerais. A madeira é a arma do lume e o fume é a súa cantiga. O lume baila na lareira, é o pelo da lareira, o pranto do inferno, o combustible da calor. O lume danos de comer, sobre o lume fanse as mellores sobremesas. É vermello como os pementos, da cor da mandarina madura, a cebola do fume, a laranxa que nos da calor. O lume queima como o sol, o fume é a néboa e as charamuscas son os fogos de artificio. Conta co lume para quentarte porque é a chispa que nos alumea, é unha lámpada sen electricidade, é a calor da vida, é a chispa que hai entre nolos dous.
O PAN
DEFINICIÓN DE PAN: "Alimento que se fai cocendo unha masa elaborada con fariña, auga, sal e lévedo, preséntase en forma de pezas de distintas formas". (Dicionario da Lingua Galega. Santillana) "O pan (do latín panis) é un alimento básico que forma parte da dieta tradicional en Europa, Medio Oriente, India, América e Oceanía". (www.wikipedia.org) "Alimento básico que se elabora cunha mestura, xeralmente de trigo, auga, sal e lévedo, que se amasa e se coce nun forno en pezas de distintos tamaños; o sabor, cor e textura poden variar segundo o tipo de fariña empregada e os ingredientes secundarios engadidos como leite, manteiga, froitos secos, etc." (www.oxfordictionaries.com) (O pan: necesidade é pracer. Editorial Pingüi.)
POEMA DO PAN A masa é o corpo do pan e a codia é a pel O pan é o corazón da salsa é o principio da empanada. A fariña é o po máxico e os panadeiros son os arquitectos. O pan é a riqueza de Carral. A pan duro, dente duro! A falta de pola, pan e cebola! Pan caseiro, de ese quero!
Este libro é o resultado dunha tarefa feita de forma colaborativa entre os nenos e nenas do CEIP "Vicente Otero Valcárcel" durante o curso 2018/2019 como parte dun proxecto máis amplo: Descubrindo Carral, temos moito que contar. Capturade o código QR para ver algúns momentos de como se fixo o libro e outras actividades relacionadas con el.