O boletín 29 indd

Page 1

O Boletín Nº 29 xuño 2015 Edición trimestral

Xuntanza co Conselleiro Educación

Recolle o Premio a vicepresidenta 2ª de COGAMI, Mónica Álvarez

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, reuniuse co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, para abordar posibles vías de colaboración en materia de inclusión no eido educativo. Na xuntanza participaron tamén o secretario xeral da Confederación, Ignacio Rodríguez, e o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

Premiado por la Caixa un proxecto afectivo-sexual que desenvolve COGAMI O proxecto sobre educación afectivo sexual `Aprendendo a coñecernos´ que COGAMI está a desenvolver en catro centros de recursos, resultou galardoado nos Premios la Caixa á Innovación e Transformación Social. Ata Madrid desprazouse a vicepresidenta 2ª de COGAMI, Mónica Álvarez, para recoller o accésit de 5.000 euros na categoría de Transformación Social. `Aprendendo a coñecernos´, que consiste na realización de obradoiros de carácter sexual e afectivo, está dirixido a persoas con discapacidade usuarias dos centros de recursos de Fingoi en Lugo, Mos, Monteporreiro en Pontevedra e Medelo en Silleda, e tamén a familiares e persoal laboral.

www.cogami.es

O obxectivo deste programa é normalizar o ámbito dos afectos e a sexualidade a un total de 40 persoas, permitindo recoñecer a súa identidade sexual, particularidades para que expresen vivencias e sentimentos como parte integral do seu proceso de desenvolvemento persoal e autonomía. `Aprendendo a coñecernos´ vai recoller nunha guía a metodoloxía de intervención elaborada pola profesional Hadriana Ordóñez, docente do curso, e por 4 profesionais dos centros participantes, co fin de que sirva para calquera centro que traballe con persoas con discapacidade. Esta guía rematada poderá descargarse da páxina web www.cogami.es.

Neste número tamén: A Deputación de Pontevedra apoia programa de fisioterapia Entrevista a José Antonio Vázquez e Ramón Sestayo Íntegro conmemora o día da inclusión


NOVAS COGAMI e Grupo EMS presentan as novidades en axudas técnicas

Público asistente durante a presentación

40 persoas do programa Integrado de emprego de COGAMI logran traballar

Actuación do programa Integrado en Santiago

Máis de cen persoas recibirán fisioterapia en Mos

Momento previo á sinatura do convenio entre deputada provincial e o pres. de COGAMI

2

As instalacións de Soluciona Grupo EMS en Santiago de Compostela acolleron o acto de presentación do programa `+Mobilidade´, un conxunto de actividades formativas e talleres que van informar sobre as últimas novidades de axudas técnicas para a mobilidade persoal. Algunhas destas novidades que puidemos atopar expostas durante o acto son: unha manta de presión que mide a través do ordenador o nivel de risco de escaras das persoas, cadeiras de rodas electrónicas que suben e baixan escaleiras de maneira independente, bicicletas que se adaptan á cadeira e se accionan mediante o pedaleo coas mans,

cadeiras de rodas todoterreo, produtos para a práctica deportiva, sistemas de acceso á praia, etc. “+Mobilidade” percorrerá, durante este ano, os distintos centros e asociacións que ten COGAMI por toda Galicia para que as persoas con mobilidade reducida teñan a oportunidade de ver e probar os produtos de apoio novidosos e específicos para cubrir as súas necesidades. As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao correo soluciona@grupoems.es ou ao blog que teñen operativo mais-mobilidade.blogspot.com.es.

O Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI desenvolve o denominado Programa Integrado de Emprego “Emprega con Discapacidade” unha oportunidade laboral para 100 persoas con discapacidade de toda Galicia con problemas para acceder a un posto de traballo. Subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar, desenvólvese durante 12 meses con persoas usuarias procedentes das sete oficinas que ten operativas COGAMI nas cidades, participando 14 persoas en Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol, mentres que 15 persoas participan en A Coruña, Vigo e Ourense. En cada unha das oficinas unha

persoa técnica especializada en inserción laboral encárgase de informar, orientar e asesorar laboralmente ou tamén de formar en técnicas de busca de emprego, a través do deseño dun curriculum vitae ou a utilización de redes sociais e ferramentas 2.0 cara a busca de emprego. Durante este ano, o 40% das persoas que están no programa Integrado logrou atopar un emprego antes do seu remate. Actualmente, 23 están realizando prácticas profesionais en empresas que colaboran con COGAMI. O resto das persoas continúa coa busca de emprego e realizando accións de cara á súa inserción laboral.

Un convenio asinado por COGAMI coa Deputación de Pontevedra, vai permitir o desenvolvemento dun programa de fisioterapia que beneficiará a máis de cen persoas con discapacidade da comarca de Vigo. Así o recolle o acordo que asinaron o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e a deputada provincial, Marta Iglesias. O programa, que conta cun orzamento de 10.000 euros, desenvolverase na sala de fisioterapia que hai habilitada no centro de recursos de Mos e tamén na piscina do concello de O Porriño, co que os profesionais realizarán máis de mil sesións individualizadas, ademais dun cento en grupo.

Dende COGAMI, o seu presidente agradeceu o apoio da Deputación a este programa de fisioterapia por ser “moi relevante” para as persoas beneficiarias, porque reciben tratamentos que complementan as coberturas da sanidade pública e que resultan primordiais para o mantemento da saúde das e dos pacientes crónicos. A sinatura do convenio realizouse na nova sede que COGAMI abrirá en Vigo, no número 13 da rúa Teixugueiras, unhas instalacións de 600 metros cadrados que van acoller tanto formación como atención e fisioterapia.


O Boletín Nº 29/ xuño 2014

Portos de Galicia e COGAMI farán as dársenas accesibles

Anxo Queiruga dálle a man ao pres. de Portos de Galicia

BBVA ofrece condicións vantaxosas a persoas traballadoras de COGAMI

O pres. de COGAMI e o dir. territorial Noroeste de BBVA asinando contrato de colaboración

Obradoiro de emprego para favorecer a inserción laboral no eido das TIC

Presentación do obradoiro de emprego en Lugo

A totalidade das 122 dársenas de titularidade da Xunta que están ao longo do litoral galego vanse facer accesibles a todas as persoas. Así o recolle un acordo asinado entre o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e mailo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán. O convenio recompila a planificación dunha liña de colaboración para incrementar o grao de accesibilidade a todas as instalacións portuarias xestionadas pola Xunta de Galicia, onde que COGAMI realizará as tarefas de asesoramento de adaptación das instalacións ás persoas con mobilidade reducida. Outros das colaboracións entre

COGAMI e Portos de Galicia vai ser a participación da Confederación no Proxecto Europeo NEA3, que promoverá o acceso á práctica da náutica para persoas con discapacidade a través de dotación de infraestruturas adaptadas. A raíz do convenio asinado, COGAMI vai informar a Portos de Galicia das axudas técnicas, ergonomía e supresión de barreiras máis urxentes existentes nas instalacións do ente público. Ambas entidades reuniranse de xeito periódico nunha comisión mixta que permitirá velar polo seguimento do convenio.

Un convenio de colaboración asinado polo director territorial Noroeste de BBVA e o presidente de COGAMI permite que as 800 persoas empregadas da Confederación poidan contratar produtos e servizos en condicións vantaxosas, para apoiar as súas necesidades e as das súas familias. O acordo, que beneficia tanto a persoas empregadas de COGAMI como de GES e empresariado asociado, posibilita ter contas abertas sen cobro de comisións, solicitar préstamos persoais ata 3 meses de nómina a interese cero, e tamén posibilita poder acollerse ao denominado préstamo accesibilidade, que permite sufragar axudas técnicas

con baixo custo de interese. Outros produtos que ofrece a entidade bancaria BBVA é a hipoteca bonificada, sen comisión de apertura, con financiamento de ata o 80% e cun tipo de interese bonificado Euribor+1,70%. Para informarse de calquera destes produtos e servizos, só hai que dirixirse a calquera das oficinas que están abertas ou tamén se pode consultar nun asesor, Javier Maira Calvo, a través do teléfono 900 814 823, tras identificarse como persoa membro de COGAMI, ou a través do correo electrónico: javier.maira@bbva.com.

A Deputación de Lugo, apoiada por COGAMI, solicitou un obradoiro de emprego da Xunta de Galicia sobre novas tecnoloxías para favorecer a inserción laboral formando a un grupo de 24 mozas e mozos desempregados. Así o comunicou a vicepresidenta 2ª da Deputación de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola vicepresidenta 2ª de COGAMI, Mónica Álvarez, e o coordinador do centro en Fingoi, Juan Gude. Para asistir a este obradoiro hai que ter entre 18 e 25 anos, ou 30 no caso de persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, e deben estar inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. As persoas

participantes recibirán 960 horas de formación teórica e práctica durante 6 seis meses, nos que cobrarán o salario mínimo interprofesional de 648,60 euros ao mes. Ao remate do obradoiro recibirán o certificado de profesionalidade. O temario engloba dende instalación e configuración de sistemas operativos e aplicacións informáticas, á xestión das redes sociais en empresas (web, blogs, Twitter, Facebook), é dicir, formación de Communiy Manager e Marketing on line. COGAMI cede á Deputación as súas instalacións de Fingoi, Monforte e Cervo para impartir o obradoiro.

3


ENTREVISTA

José Antonio Vázquez e Ramón Sestayo: 25 anos de COGAMI José Antonio Vázquez Freire e Ramón Sestayo Lestón, dous homes que están en COGAMI dende as orixes. José Antonio formou parte da xunta directiva como secretario xeral durante os inicios, e agora, está a través da asociación que preside, Cegasal. Ramón é vicepresidente de COGAMI, presidente de Adisbismur e conselleiro delegado de GES. Dous pesos pesados dentro da organización, dous loitadores incansables polos dereitos das persoas con discapacidade e dous homes que nos darán a súa visión de cara onde debe ir a entidade. José Antonio Vázquez, presidente de Cegasal

PREGUNTA. Hai vinte e cinco anos, data na que nace COGAMI, cal era a situación que vivían as persoas con discapacidade e/ou enfermidade crónica? José Antonio. Hai 25 anos non existía ningún tecido asociativo orgánico. Si había persoas, pais e nais de nenos con hemofilia, no meu caso, que empezaban a moverse, pero non había un discurso organizado, non había un organismo que canalizara todas as demandas. Moitas familias ocultaban a enfermidade e para poder facer un censo, tiñas que acudir ao médico de cabeceira ou ao concello. No caso de Agadhemo, entidade da que formo parte, non existía un censo, tiñamos que ir porta a porta para saber canta xente había afectada. Ramón. Na miña zona, que colle concellos de ámbito rural como son Mazaricos, Outes, Muros e Carnota, as persoas con discapacidade estaban na casa. Tivemos que chamar ás portas das casas para poder facer un censo das persoas con discapacidade que vivían nestes concellos. Eran persoas invisibles, estaban na casa, cobrando unha pensión irrisoria e practicamente non existía ningún servizo. PREGUNTA. Como chegades a COGAMI? José Antonio. Cheguei a COGAMI a través da Asociación Galega de Hemofilia, Agadhemo, entidade que estaba dentro de Cocemfe. Foi en Cocemfe onde

4

nos animaron a que coñecéramos unha entidade que se estaba formando en Galicia e cremos que a discapacidade orgánica tamén tiña que estar unida á física. Tiñamos moi claro que había que estar moi ben posiconados entre a sociedade e as diferentes administracións públicas. Ramón. Na provincia de A Coruña polos anos 90 xa había asociacións fortes que loitaban polos dereitos das persoas con discapacidade e cremos que tiñamos que crear algo potente, tiñamos que xuntarnos para ser máis fortes e unidos. Así é como nace a Federación COGAMI Coruña. Unha entidade pequena pouco podía facer para que a atenderan as distintas administracións públicas. Sabíamos que unidos nunha federación, que logo ía derivar no que hoxe en día é COGAMI, ía ser máis doado ser voceiros e loitar polos nosos dereitos. Despois da Federación de Coruña fóronse creando as outras federacións ata que se crea en 1990 COGAMI. PREGUNTA. Era necesario que se creara a Confederación, realmente por que iniciou, cal foi o leitmotiv? José Antonio. Unha persoa cunha enfermidade crónica só tiña solucionada a cobertura sanitaria pero non a cobertura social como un traballo, unha formación, unha inclusión social. Para nós COGAMI supoñía unha oportunidade, criamos no que faciamos e por iso


O Boletín Nº 29/ xuño 2015

abrimos camiños como a creación de oportunidades de emprego, a creación de centros de recursos e asociacións de ámbito comarcal, a creación de empresas de economía social. Éramos unha fábrica de soños, non tiñamos nada e tiñamos moi presente o seguinte: reunirse era o comezo, permanecer xuntos o progreso e traballar conxuntamente o éxito. Ramón. Sabiamos que para loitar polos dereitos das persoas con discapacidade tiñamos que crear un órgano potente, era importante ser un grupo forte e unido e para isto tiña que haber unha persoa que tirara deste carro, que foi Domingos Dosil. Así empezamos a solicitar persoal técnico para desenvolver programas de formación e emprego, empezamos a solicitar proxectos europeos para crear empresas. Onde máis incidimos foi na inserción laboral, porque ter un traballo é fundamental para o desenvolvemento da autonomía persoal e para a inclusión. Foron uns comezos moi duros, non tiñamos un peso, andabamos por toda Galicia nun Seat Panda, comendo bocadillos e sen horarios. Pero con moita ilusión porque criamos no que faciamos.

PREGUNTA. Ás veces ás organizacións se nos tacha tamén de estarmos aburguesadas, de estarmos estancadas, de non loitar dabondo polos nosos dereitos. É isto certo? José Antonio. Corremos o perigo de estar máis nos despachos que na rúa. Eu son dos que cren que un político pode rodearse de grandes técnicos pero un técnico non pode crear un político. Creo que é o momento de potenciar a grandes técnicos que temos para que estean máis na rúa e que vexan que necesidades hai e que se desenvolvan seguindo a filosofía da entidade. Ramón. Penso que moitas veces se conseguen máis dereitos negociando que reivindicando. O noso gran éxito foi transmitir proxectos á Administración nos que creron en nós e por iso nolos aprobaron. PREGUNTA. Vós os dous estades máis relacionados co mundo empresarial que co social. José Antonio dende Cegasal e Ramón dende Galega de Economía Social, tedes como parte importante do voso labor convencer ao empresariado de que as persoas con discapacidade somos capaces de traballar. Non desgasta ter que recordar isto constantemente? José Antonio. O tecido empresarial galego non nos coñecía ata que Cegasal, entidade que presido, se posicionou dentro das confederacións de empresarios. Hoxe somos referente das políticas sociais, da ética, de como traballamos, de como desenvolvemos a nosa filosofía, os valores,... isto nolo recoñecen cada día. E cando Cegasal fala da discapacidade, respéctannos sendo os voceiros ante a sociedade. Ramón. Si desgasta pero se tés o convencemento

de que o tés que facer, de que somos capaces de facelo, pelexamos polo que cremos. A estratexia que seguimos é a de concienciar ao mundo empresarial, que nos coñezan, que saiban o que facemos, como traballamos, que poidan saír destas xuntanzas ou ben postos de traballo para persoas con discapacidade ou ben carga de traballo para os centros especiais de emprego que temos. Hai 25 anos ninguén apostaba por nós. Agora aquí estamos.

PREGUNTA. Cara onde ten que ir COGAMI? José Antonio. COGAMI o que ten que facer nestes próximos anos é posicionarse en Galicia como marca galega. Temos que estar en contacto permanente coa sociedade, coas Universidades, por ser o gran foco da formación e do pensamento, que as persoas con grande discapacidade teñan alternativas dende as casas. COGAMI ten que ser un referente, demostrar a nosa calidade na realización de programas que permitan que as persoas con discapacidade se poidan desenvolver en todos os aspectos. Ramón. Eu quería que non existira COGAMI. O ideal sería que calquera persoa con discapacidade tivera as mesmas oportunidades para desenvolverse na vida que o resto, que os servizos xa foran obrigatorios por lei, que non houbera discriminación, que se nos respectaran os nosos dereitos. Eu non quería outros 25 anos máis, sei que é unha utopía, pero é o que me gustaría.

Ramón Sestayo, vicepresidente de COGAMI

5


ASOCIACIÓNS MEMBRO

O pres. de AGL lendo o manifesto

Charla en Vilagarcía no día mundial do linfedema A Asociación Galega de Linfedema (AGL) organizou unha xornada informativa e reivindicativa sobre a enfermidade do linfedema durante a conmemoración do día mundial desta doenza, que se estima que en Galicia a teñen diagnosticada 54.000 persoas. Como a sede central de AGL está en Vilagarcía, foi esta vila a escollida para expoñer nun acto público as reivindicacións que dende a asociación se queren transmitir á sociedade, como a de que moitas das persoas afectadas non seguen un tratamento debido. Baixo o lema “Non queremos ser invisibles para a sociedade”, o presidente da entidade, Juan Lameiro, leu un manifesto no que se pide a creación de unidades de linfedema multidisciplinares en todos os hospitais, a formación de profesionais sanitarios, acceso igualitario e sen discriminación para as persoas afectadas, prestacións ortoprotésicas gratuítas, o subministro de pomadas cutáneas a través da seguridade social e o acceso ao tratamento de mantemento clínico regular. Outras das reivindicacións promulgadas pola Asociación Galega de Linfedema foron o axuste de normas para o recoñecemento de graos de discapacidade para linfedema por parte da Seguridade Social e do resto das administracións públicas, e tamén se solicitou a publicación dunha guía clínica práctica común para todo o territorio nacional, seguindo os consensos internacionais.

6

Momento da inauguración do foro

Momento da marcha pola inclusión

Cegasal reúne a 70 empresas no foro de fomento do emprego

Íntegro celebra o día da inclusión acompañado de cinco entidades

A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego (CEGASAL), en colaboración coa Cámara de Comercio de A Coruña, reuniu a máis de 70 empresas para dar a coñecer as ferramentas de xeración de emprego de persoas con discapacidade e as posibles colaboracións entre o empresariado e os centros especiais de emprego. O acto foi inaugurado polo presidente da Cámara de A Coruña, Marcelo CastroRial Schuler, o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Na apertura, Marcelo Castro-Rial manifestou que “tanto as empresas como as institucións empresariais teñen unha responsabilidade coa sociedade e o entorno no que desenvolven a súa actividade” e trasladou a necesidade de “sensibilizar ao empresariado da valía destes profesionais e dos beneficios que supoñen para as empresas a súa incorporación ao mercado de traballo”. O presidente de Cegasal resaltou que “detrás de grandes discapacidades hai grandes capacidades” e lembroulle aos asistentes que existe unha lexislación que facilita o dereito ao traballo das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través da adaptación de postos de traballo ou con reserva en empresas con cadros de persoal de 50 ou máis persoas, e tamén coa contratación de servizos a través de centros de economía social.

Un ano máis, o mes de maio é o mes no que Íntegro, a asociación de diversidade funcional das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, conmemora o Día da Inclusión, unha xornada festiva e reivindicativa, que avoga polos dereitos das persoas con discapacidade. Ata a vila de Malpica de Bergantiños se desprazaron persoas usuarias de Íntegro e doutras entidades que forman parte de COGAMI: Avante de Val do Dubra, Adisbismur de Muros, Misela de Noia, Ámbar de Barbanza, ademais da entidade A Creba. Alí, tamén se lle uniu alumnado do colexio Milladoiro de Malpica para iniciar unha marcha cun percorrido trazado polas rúas desta vila mariñeira. Baixo cánticos e lemas como “non á discriminación” ou “somos capaces”, realizaron un percorrido de 1 quilómetro que iniciou no centro cívico e rematou na casa do pescador. Durante esta andaina uníuselles o alcalde da localidade malpicá, acompañado por algúns dos concelleiros. A lectura dun manifesto, elaborado conxuntamente polas entidades participantes, foi o que culminou a marcha. Neste documento pedíase un respecto polos dereitos fundamentais das persoas, como son a inclusión dende as escolas e o fomento de valores como a convivencia, a tolerancia e a socialización. Aparte de reivindicativo, o Día da Inclusión é unha xornada lúdica que rematou nun xantar para todas as persoas participantes ao que non lle faltou a música e o baile.


O Boletín Nº 29 / xuño 2015

Representación do grupo Artellar

Obradoiro realizado por Adapta

Xunta directiva de GRUMICO co pres. Federación COGAMI-Coruña

Éxito do grupo de teatro Artellar da asociación Ámbar

Obradoiro de coidadores organizado por Adapta

Dúas novas entidades na Federación COGAMICoruña

O grupo de teatro Artellar, que pertence á asociación Ámbar de persoas con diversidade funcional da comarca de Barbanza, está de xira por todos os colexios de ensino da comarca. Os últimos centros nos que representaron a obra “O pavo fachendoso” foron nos colexios de educación infantil e primaria do concello de A Pobra, despois de tela representada tamén nos centros educativos de Ribeira, Seráns Portosín e Rianxo. Estas representacións están relacionadas co programa de actividades que inclúe a II Semana da Orientación, que se celebra por segundo ano consecutivo nos colexios barbanzáns. Ademais de asistir á obra de teatro, o alumnado realizou actividades de convivencia nas que se puxo en valor a importancia da diversidade, como ferramenta de desenvolvemento dunha comunidade cívica. Ao remate da actuación o grupo de teatro recibiu un agasallo de parte de todo o alumnado que, xunto cos aplausos e a súa boa acollida, lograron a satisfacción por parte do elenco de actores e actrices que participan na obra. O grupo de Teatro Artellar iniciou en 2011 como unha oportunidade para as persoas usuarias de Ámbar con inquedanzas artísticas. Está formado por 13 actores e actrices e 2 directoras que representan obras de humor sen prexuízos, presentadas en pezas de curta duración e escenografía sinxela, que fan que o público non chegue a desviar a atención do escenario.

A sala do centro Asprodico de Ponteareas na que se impartiu o Obradoiro de Formación de Coidadores de Persoas Dependentes resultou escaso para a demanda de solicitudes. As 30 prazas que ofertaba a asociación Adapta de Persoas con Discapacidade de Condado e Paradanta, entidade organizadora, cubríronse tan pronto publicitaron o desenvolvemento deste taller, co que a entidade non descarta ter que repetilo máis adiante para as persoas que non tiveron praza nesta ocasión. Organizado a través da Escola Galega de Administración Sanitaria, o taller estivo dirixido a pacientes, familiares e persoas coidadoras de persoas dependentes, cun claro obxectivo: dotalas de habilidades tanto en mobilización de persoas como en cambios e hixiene postural, actualizar coñecementos en materia de coidados e crear un foro de intercambio de experiencias entre profesionais da sanidade e coidadores. Segundo a propia entidade Adapta, o éxito de asistencia ao obradoiro de formación de coidadores de persoas dependentes estivo relacionado coa realidade demográfica actual, co envellecemento da poboación e co alto índice de persoas maiores dependentes e, ao mesmo tempo, tamén á taxa de persoas con discapacidade que hai na comarca, polo que son as propias familias as que demandan a necesidade de coñecementos no coidado de persoas dependentes.

Boas noticias para COGAMI e o seu movemento asociativo. A Federación COGAMI Coruña incrementa o número de entidades que representa ao entrar a formar parte da Federación o Grupo de Persoas con Discapacidade de A Coruña (GRUMICO), que preside Javier Alonso, e tamén a Asociación Galega de Fibrose Quística, que preside Juan A. Da Silva Irago. A entrada de ámbalas dúas entidades foi aprobada durante a asemblea celebrada no mes de abril, co que incrementa a 21 o número de entidades que forman parte da Federación de A Coruña, sendo 55 a totalidade do movemento asociativo de COGAMI, o que a converte na entidade máis representativa das persoas con discapacidade en Galicia. O traballo en rede, o poder compartir recursos, o incremento da especialización de servizos dirixidos a persoas con discapacidade física e orgánica son algunhas das accións de mellora cada vez que o movemento asociativo incrementa cunha nova incorporación. As entidades que forman parte da Federación, aparte de GRUMICO e AGFQ, son: A XANELA, ACADAR, ACEM CORUÑA, ACEM SANTIAGO, ADISBISMUR, AGADHEMO, AMARAI, AMBAR, ALCER-CORUÑA, AMICO, ANDADE, APROM-CARIÑO, ASPAMITE, ASPANEMI, AVANTE, GRUPO FERROL, INTEGRO, LIREGA e MISELA.

7


PECHE

As ONGs galegas unidas na campaña X Solidario da declaración da renda As entidades do terceiro sector galego xuntáronse en Santiago, representadas por EAPN-Galicia, CERMI-Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, para facer balance das cifras recadadas o ano pasado en Galicia mediante a asignación do 0’7% do IRPF ao recadro de Fins Sociais (Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social). Entre os datos salientables é que 585.396 persoas contribuíntes non marcan ningunha casiña, nin de Fins Sociais nin da Igrexa e, se todas estas persoas marcaran a de Fins Sociais, recadaríanse 26,2 millóns de euros, case o dobre do que se está a recadar. Marcar un recadro do IRPF non significa que se paguen máis impostos nin que se devolva menos do que toca recibir, o Estado permite que a persoa contribuínte decida a quen lle

quere destinar o 0,7% dos impostos que ten obriga de pagar. Proxectos realizados en COGAMI a través do 0,7% IRPF Algúns dos proxectos que se están a realizar en COGAMI cos cartos percibidos do IRPF son as obras do centro de recursos de Mos, que van permitir a apertura dun centro de día, un centro ocupacional e unha vivenda tutelada para persoas con discapacidade de Vigo e comarca. Tamén a Federación Discafis COGAMI de Ourense puido comprar un vehículo de transporte adaptado, mentres que a asociación de hemofilia Agadhemo está remodelando unhas instalacións que ten en Vigo para poñer en marcha un centro de formación permanente para persoas con discapacidade e coagulopatías conxénitas.

www.cogami.es


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.