O Boletín nº 40 / setembro 2018 Edición trimestral
Nace o programa SAVI de vida independente
NOVAS
Pola esq. o Vicepresidente de COGAMI, o Alcalde e a Concelleira de Benestar de Ferrol
O Concello de Ferrol apoia o servizo de emprego de COGAMI O Concello de Ferrol e COGAMI asinaron convenio para contribuír co funcionamento do Servizo de Intermediación Laboral (SIL) que a Confederación ten en Ferrol, onde se atende a máis de 3.000 persoas con discapacidade das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. O concello ferrolá achega 9.000 euros que se destinarán ao mantemento deste servizo de emprego, despois de que fora asinado un convenio polo alcalde, Jorge Suárez, e o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo,
en presenza da concelleira de Benestar Social, Saínza Ruiz. No que vai de ano, o SIL xestionou 120 ofertas de emprego e contribuíu a que 179 persoas empezaran a traballar. Ante estes resultados, tanto o Alcalde como a Concelleira encomiaron o traballo realizado por COGAMI e subliñaron a importancia de apostar pola integración das persoas con discapacidade dende a Administración local, a través de políticas proactivas para acadar este obxectivo.
Á esq. o Deputado Provincial de A Coruña dálle a man ao Vicepresidente de COGAMI
Convenio entre a Deputación de A Coruña e COGAMI para o fomento do emprego O vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, e o deputado e responsable da área de Promoción Económica e Emprego da Deputación de A Coruña, Xosé Luís García, asinaron un convenio para contribuír con 90.686 euros no funcionamento do Servizo de Intermediación Laboral. O Deputado apuntou “o grande traballo que realiza COGAMI en toda a provincia”, e sinalou que colaborar con esta entidade “é unha obriga”, pola súa trascendencia na integración social das
2
persoas con discapacidade. Sestayo agradeceu a colaboración da Deputación de A Coruña, dado que “incide nun dos ámbitos onde as persoas con discapacidade presentan unha maior vulnerabilidade”. Segundo apuntou Sestayo, “a taxa de paro case triplica á da poboación xeral”. Entre os logros do SIL están contribuír na inserción laboral de 527 persoas con discapacidade na provincia de A Coruña durante o primeiro semestre do ano.
Alumnado dun curso impartido en Santiago
Máis de 400 persoas formadas en COGAMI durante o primeiro semestre do ano COGAMI aposta pola formación como ferramenta clave para poder lograr a inserción laboral, por iso imparte cursos adaptados ás necesidades do mercado. No que vai de 2018, formáronse coa Confederación 428 persoas con discapacidade, das que 158 son mulleres e 270 son homes. Con relación a este alumnado formado, a boa nova é que o 35% de asistentes atoparon un emprego tras rematar as prácticas formativas, unhas estatísticas que se agardan superar porque o programa formativo volve estar en activo durante o mes de setembro. Ata o de agora, foron 39 os cursos impartidos nas instalacións que COGAMI ten en A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Mos, Silleda como tamén en Cabana de Bergantiños, Vilagarcía, Xove, Verín, Boiro e Bergondo. As tipoloxías destas accións formativas estiveron relacionadas cos servizos administrativos, tratamento de datos, mantemento de xardíns, atención sociosanitaria, informática básica, servizo de limpeza, xestión de almacén, carretilleiro, artes gráficas, xestión de stocks e atención ao cliente, entre outros. Estas formacións foron financiadas polas Consellerías de Emprego e Política Social, ademais de COCEMFE, Fundosa, o Concello de Lugo a través do programa Empregalia, Fundación ONCE a través do programa Inserta, polo CPAP de Bergondo e o plan formativo de Incorpora de “La Caixa”. No primeiro semestre do ano, COGAMI dedicou 12.858 horas á formación, dato que resulta do sumatorio de todas as horas lectivas dos cursos impartidos.
O Boletín nº 40 / setembro 2018
Momento durante a visita do Director Xeral de Orientación a COGAMI
A Xunta anuncia un aumento no financiamento do servizo de emprego de COGAMI A Xunta vén de confirmar que dos 244 profesionais de orientación laboral contratados para este ano, 27 formarán parte do Servizo de Orientación Laboral (SIL) de COGAMI. Así o anunciou o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, durante a visita que fixo ás instalacións que COGAMI ten en Santiago. Tras este anuncio, o Servizo de Intermediación Laboral contará co financiamento por parte da Xunta de 2 profesionais máis dos que viña xa financiando a Xunta. Alfonso Marnotes foi recibido polo
presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, o vicepresidente, Ramón Sestayo, e a coordinadora do Servizo de Intermediación Laboral, Mari Ínsua. Na xuntanza presentáronse os datos acadados polo SIL, como as 2.652 orientacións realizadas durante o primeiro semestre de 2018. Marnotes anunciou tamén a reserva de 12,4 millóns de euros para apoiar os centros especiais de emprego, ademais doutros programas de inserción laboral destinados a persoas con discapacidade.
Araceli Pereira é unha das persoas inseridas tralo paso polo programa Máis Emprego
Cen persoas traballando través do programa Máis Emprego de Fundación Bancaria “la Caixa” Dende que iniciou o ano pasado, o programa de inserción laboral Máis Emprego que desenvolve COGAMI e que cofinancian Fundación Bancaria “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, logrou a contratación de 50 mulleres e 50 homes en empresas situadas nas comarcas de O Salnés, Pontevedra e Vigo, localizacións coincidentes co ámbito de actuación do programa. Unhas das persoas que logrou inserirse é Araceli Pereira quen, tras formarse nun curso de atención ao
cliente, empezou a traballar nun restaurante da área de descanso da autopista en Vilaboa. Araceli, como o resto de integrantes do programa, cumpría cuns requisitos: ter discapacidade ou incapacidade laboral, ser parada de longa duración ou estar en perigo de exclusión social. Máis Emprego traza itinerarios personalizados e tutorizados por unha orientadora e un orientador laboral de cara á inserción.
Unha das travesías do Laion polas rías galegas
Navegación sen barreiras a bordo do veleiro Laion Aínda que o tempo ao comezo do verán non acompañou moito, chegando incluso a ter que pospoñer a data dalgunha das saídas programadas, o veleiro Laion volveu ofrecerlles ás persoas con discapacidade a oportunidade de achegarse ao mundo da navegación. Durante este verán, foron 178 as persoas que embarcaron nas 23 travesías que realizou o barco polas rías galegas. A primeira das incursións estivais do ano iniciou na ría de Ribadeo a finais de xuño, continuando despois polas rías de A Coruña, Camariñas e Muros durante o mes de xullo. Este ano o proxecto Galicia Vela Adaptada contou co financiamento da Fundación Emalcsa e a colaboración do Club do Mar, ademais doutros clubs náuticos que ceden gratuitamente os amarres, como é o caso do Club Náutico de Ribadeo, o Club Náutico da Ría de Ares, o Real Club Náutico de A Coruña ademais do Club Náutico de Camariñas e Marina Muros. Este proxecto iniciou en 2002, cando o veleiro foille incautado ao narcotráfico pola Audiencia Nacional e, dende entón, teno cedido en garda e custodia a asociación membro de COGAMI Adisbismur (Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros). Dende a posta en marcha do proxecto Gavea, máis de 4.000 persoas puideron experimentar a navegación a vela. Esta actividade de lecer é unha das máis demandadas polas persoas usuarias dos centros e entidades de COGAMI. Este proxecto contribúe na concienciación e inclusión social. Todas as visitas que o Laion efectúa nos diferentes portos nos que atraca serven para amosar a diversidade na que vivimos.
3
REPORTAXE
Nace SAVI: unha aposta pola vida independente das persoas
Lucía Manzano, Lidia Coira e Sonia Rodríguez, técnicas do programa SAVI
COGAMI está de estrea este ano. Dende o mes de xaneiro, iniciou un programa en A Coruña que aposta pola promoción da vida independente das persoas con discapacidade física, onde son as propias persoas que forman parte do programa as que toman as súas decisións sobre que proxecto de vida queren. Así é como nace o Servizo de Apoio á Vida Independente, o proxecto SAVI, que
4
presta servizos de asistencia persoal, de apoio ao desenvolvemento persoal e acceso á vivenda de tránsito. SAVI é un programa que parte das necesidades individuais, trabállase a partir dos intereses que presenta a propia persoa, co que poden ser dende a demanda de formación ata a busca de emprego, o afianzamento das relacións sociais en igualdade de oportunidades, a potenciación da autoestima ou o traballo das emocións propias. As accións que se toman sempre estarán en consonancia coas necesidades manifestadas pola persoa, será esta a que teña a última palabra. O programa SAVI está financiado por COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) a través do IMSERSO, por iso, ademais de en Galicia, estase a desenvolver simultaneamente en Madrid, Castela León e Castela A Mancha. Dende que COGAMI o iniciou a principios de ano, xa levan participado 13 mulleres e 25 homes, procedentes das catro provincias galegas: 13 son de A Coruña, 8 de Pontevedra, 4 de Ourense, 1 da provincia de Lugo e 1 chega de Segovia. Todas estas persoas son usuarias do Centro de Autonomía Persoal de Bergondo (CPAP), centro que depende do IMSERSO. Un equipo interdisciplinar de profesionais formado por dúas Traballadoras Sociais, unha Educadora Social e 6 Asistentes Persoais son as encargadas de conducir este proxecto. Todas estas profesionais encárganse de asesorar, orientar, informar e prestar os apoios necesarios para que as persoas poidan realizar o seu proxecto de vida. A autonomía a través da vivenda Cando falamos de vida independente pensamos na oportunidade de vivir fóra do núcleo familiar. Ao chegar a unha idade, as persoas construímos o noso proxecto de vida encamiñado a abandonar o niño familiar e afrontar a nosa propia traxectoria. Por iso, SAVI ten moi presente a necesidade de contar cunha vivenda
O Boletín nº 40 / setembro 2018
Alba Mariñas realizando unha das tarefas domésticas na vivenda lanzadeira
lanzadeira que permita que as persoas participantes do programa poidan ter a experiencia real de vivir independentes da súa familia. Non foi doado atopar unha vivenda adaptada na área metrapolitana de A Coruña. Cando se empezou a busca, apreciouse unha falta de edificacións adaptadas e, ás que si eran accesibles, tiñan un aluguer pouco alcanzable á realidade socioeconómica das persoas con discapacidade. Pero ao final, despois
dunha busca intensa, atopouse unha vivenda que cumpría as condicións para utilizar como vivenda lanzadeira. Por ela xa pasaron 9 persoas e está previsto que nos próximos meses, ata que o programa finalice en decembro, pasen outras 8 máis. Todas elas permanecerán nesta vivenda durante quince días, onde contarán co apoio da asistencia persoal, recurso imprescindible para desenvolver o seu proxecto de vida.
Potenciando a vida comunitaria SAVI, ademais do piso piloto, contempla outras accións dirixidas á promoción de vida independente e ao fomento da participación a nivel comunitario. Neste senso, están en marcha obradoiros encamiñados a motivar e empoderar ás persoas na toma de decisións, para favorecer o seu desenvolvemento persoal, para que elas mesmas coñezan cales son os dereitos que teñen, para adquirir habilidades sociais para a convivencia ou afondar no propio autocoñecemento. Outras accións que se desenvolven están encamiñadas ao grupo, como son a adquisición de hábitos de vida saudable, habilidades para as relacións afectivas, a práctica de deporte adaptado ou o manexo de novas tecnoloxías. A participación na contorna na que se vive é outra das actividades que se desenvolven no SAVI, como asistir a eventos culturais e de lecer que se organizan pola bisbarra. Ata o 31 de decembro estará en activo este programa que pretende, a través da promoción do servizo de asistencia persoal, da vivenda, da participación inclusiva e da mellora do acceso ao emprego, promover a vida independente das persoas con discapacidade física.
O programa SAVI en primeira persoa Ángeles López Mouriño é unha das persoas que formou parte do proxecto SAVI durante dúas semanas. Conta que a súa experiencia vai ser inesquecible porque, en palabras súas, “aparte de aprender as tarefas domésticas e como se leva unha casa, axudoume a manifestar as miñas inquedanzas sobre un futuro próximo”. Atopar un piso adaptado na comarca coruñesa foi tarefa difícil tanto pola escaseza de vivendas como polo prezo excesivo que tiñan as que estaban habilitadas. Ao final
atopouse pero, na opinión de Ángeles, “é mellorable”, segundo argumentou, “se a vivenda estivera mellor acondicionada, permitiríanos ser máis autónomas e depender menos da asistencia persoal”. Para Ángeles este programa SAVI supuxo abrirse ante ela mesma e ante os demais. Contounos que agora é máis sociable, “vencín o medo, creo en min mesma”, dixo, “non pasa nada se me rompe un prato ou se me corto, porque estou facendo e demostrando que podo facer moitas cousas, que o intento”.
5
NOVAS
Instalacións da nave que Artegalia ten en Padrón
Artegalia busca novas liñas de negocio tralo cambio da lei de consumo de bolsas de plástico O día 1 de xullo entrou en vigor a lei que obriga a pagar as bolsas de plástico, unha medida que pretende minorar os residuos plásticos que chegan aos océanos e prexudican a fauna mariñas. Artegalia, centro especial de emprego, que iniciou en 2007 como empresa comercializadora de bolsas de plástico, notou unha diminución do máis do 50% por mor de que os seus clientes principais están deixando de mercar as bolsas de plástico. Para poder paliar estes efectos negativos, Artegalia está abrindo
mercado a novos produtos, potenciando novas liñas de material de oficina que, se ben polo de agora están dirixidas a empresas, estase traballando para que tamén os poidan mercar persoas particulares. Un dos cambios que xa podemos apreciar está recollido na páxina www.artegaliadistribucion.es onde a pestana denominada Tenda recolle tanto material de oficina como de embalaxe, escolar, mobiliario, informático, seguridade e hixiene, papel e tamén de manipulados expostos á venda.
Operarios de Dixardín realizando traballos de mantemento
Dixardín arranxa as zonas verdes do concello de Muros Dende o 1 de agosto e ata o 31 de outubro, o centro especial de emprego Dixardín é o encargado de levar a cabo os traballos de mantemento dos parques e xardíns do concello de Muros. Esta iniciativa de economía social, despuntou durante o verán cunha carga de traballo a pleno rendemento na contratación de servizos, tras unha primavera moi chuviosa e, polo tanto con menor activdade.
6
Dentro do municipio muradán, Dixardín está arranxando as beirarrúas e a senda de San Francisco, o paseo da praia de Muros, a área verde da zona de Serres, así como a alameda e o parque da zona de Esteiro. Para levar a cabo estes traballos de sega, poda e rexeneración das zonas verdes, Dixardín conta cun equipo formado por 3 persoas que realizan estes labores durante a semana.
Persoal laboral de Combina na oficina
Combina Social quere ser referente de empresa competitiva dentro do sector da prestación de servizos auxiliares Combina Social é un centro especial de emprego que ten por actividade a organización e xestión de servizos auxiliares para empresas que queren externalizar actividades que non están relacionadas directamente coa actividade empresarial, como pode ser o servizo de limpeza, conserxería, control de accesos, montaxe e manipulación, loxística ou control de calidade. Esta iniciativa empresarial durante este ano está a traballar intensamente para consolidarse dentro do mercado, quere ser unha empresa sólida e segura, e por iso están derivando esforzos tanto á organización interna como tamén de cara á clientela que ten. Dentro desta proxección de futuro renovada, ofrecen servizos de outsourcing comprometidos con atención personalizada, seguimento e resposta inmediata a incidencias e consultas nos servizos e cunhas condicións laborais axeitadas. Ademais, como novidade está potenciar a presenza nas redes sociais, na páxina web www.combinasocial.es e asistir a eventos de networking ou ampliación da rede de contactos, que servirán para promocionar a imaxe corporativa e fortalecerse no mercado. Actualmente en Combina Social están a traballar 148 persoas das que 76 son mulleres e 72 son homes. Este persoal traballa prestando servizos tanto para a Administración pública, como a Xunta, Deputacións e Concellos, como tamén para grandes empresas e pemes dos sectores de alimentación, distribución, enerxías renovables, fabricación, comercialización, lácteos, automoción, banca e saúde.
O Boletín nº 40 / setembro 2018
Instalacións en Santiago de Activa Social ETT
Máis de cen persoas con discapacidade traballan a través de Activa Social ETT Activa Social ETT nace en 2013 para ofrecer solucións de contratación temporal ás empresas galegas que buscan integrar persoas con discapacidade aos seus cadros de persoal. No que vai de ano, foron 107 persoas as que se deron de alta para traballar, 63 homes e 44 mulleres. E como se desenvolve o proceso de contratación destas persoas? Pois as empresas contactan con Activa Social cando teñen a necesidade de cubrir un posto de traballo. A ETT, tras escoitar as necesidades, realiza un proceso de selección de candidaturas que encaixen co posto requirido.
En ocasións, a persoa contratada resulta esencial para a empresa e co que decide contratala directamente, como xa ocorreu cun total de 10 persoas que, tras superar un período inicial de proba, a empresa incorporounas ao cadro de persoal. A clientela de Activa Social son tanto empresas grandes como pemes familiares, tendo como denominador común formar parte dos sectores da banca, conserveira e fábricas. Nelas desenvolven postos de traballos de operarias/os, mozas/os de almacén e atención ao público.
Actividade realizada no centro de día de maiores de Porto do Son durante San Xoán
COGAMI xestiona 10 centros de día de atención diúrna para persoas maiores No ano 2010 COGAMI decidiu dar o paso cara á xestión de servizos de centros de día para persoas maiores. Oito anos despois, xestiona 9 centros de día de maiores que pertencen á rede de centros da Xunta de Galicia, situados en Coia e Valadares en Vigo, O Porriño, Rois, Tomiño, Mondariz, Baiona, Pobra do Caramiñal e Vilagarcía. O décimo centro de maiores xestionado é de titularidade municipal e está en Porto do Son. Estes centros son servizos
xerontolóxicos e de apoio ás familias, que durante o día prestan atención terapéutica integral ás persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela. Os centros de día contan cunha ocupación superior ao 90% das 360 prazas que ofertan e para ateder ás persoas que cubren estas prazas, traballan 120 profesionais, das que o 26% son persoas con discapacidade.
Momento da presentación de Di Coruña Accesible
Combina Social traballa nun plan de mellora da accesibilidade na Deputación a través do programa Di Coruña Accesible Di Coruña Accesible, así é como se denomina o proxecto que pretende fomentar a accesibilidade universal nos servizos públicos da Deputación Provincial de A Coruña, e que está a levar a cabo o centro especial de emprego Combina Social S.L. A través deste plan, estanse detectando as necesidades que presenta a Deputación en canto á adaptación da accesibilidade tanto física como cognitiva e sensorial, adoptando as medidas precisas para que se supere a situación de desigualdade que se produce cando non se cumpre. Polo tanto, analízase tanto o medio físico urbano como a edificación, a información, a comunicación, os procesos de xestión e tamén o transporte. Di Coruña Accesible consta de varias fases nas que se analiza, informa, forma e proporciona unha serie de ferramentas ás diferentes áreas da Deputación, segundo marcan os principios de accesibilidade. Logo, tratarase de proxectar e entender contornas, procesos, actividades, bens, produtos, servizos, obxectos, instrumentos, ferramentas e dispositivos de xeito que poidan ser utilizados por todas as persoas, independentemente do seu xénero, idade, capacidades ou cultura. En abril de 2019 será cando Combina lle Social entregue e presente á Deputación Provincial o plan de accesibilidade finalizado.
7
ENTREVISTA Anxo Queiruga: “O compromiso en seguridade e saúde é determinante para unha cultura preventiva no conxunto da Organización” Galega de Economía Social (GES) está a levar a cabo a implantación dunha cultura preventiva na Organización, co fin de velar pola seguridade do persoal laboral e evitar posibles sinistros en calquera dos centros especiais de emprego que xestiona: Trameve, Grafinco, Hornos Lamastelle, Integratex, Artegalia, Dixardín, Coregal e Accede Social, ademais das iniciativas Combina Social e Activa Social ETT. Falamos co presidente de Galega de Economía Social, Anxo Queiruga, para que nos explique como se está a desenvolver esta cultura preventiva. COGAMI. Por que GES decide implantar unha cultura preventiva? A.Q. A prevención é determinante para o bo funcionamento das empresas. O equipo humano é o piar de Galega de Economía Social, sendo o noso deber coidalo e crear cultura preventiva a través da concienciación. É necesario adaptar a xestión da prevención de riscos laborais aos diversos sectores nos que estamos presentes: ambiental, alimentación, artes gráficas, transporte, distribución, téxtil e servizos. Esta adaptación ten que ser acorde ás necesidades das persoas que traballan con nós, non debemos esquecer que máis do 90% temos discapacidade.
8
COGAMI. Que supón esta implantación, cal sería o seu obxectivo? A.Q. O obxectivo non é outro que mellorar o día a día no traballo, estudando o posto de cada persoa por se fora necesaria algunha adaptación para o correcto desenvolvemento das súas funcións, eliminando todos os posibles riscos que puideran presentarse. Debemos fomentar a implantación, premiar a implicación e a creatividade na aplicación e o desenvolvemento das medidas a tomar. COGAMI. Por que é tan importante a prevención? A.Q. Porque a través da prevención é posible eliminar ou minimizar os riscos no traballo, tanto os que afectan á seguridade
O Boletín O Boletín
nº 40 / setembro 2018
nº 39/ xuño 2018
física das persoas, como os que poidan afectar ao estrés laboral e enfermidades profesionais derivadas dos sobresforzos ou movementos repetitivos. Sempre temos que ter en conta a especial sensibilidade das persoas que traballan no conxunto da Organización. No relativo á prevención debemos seguir o camiño da mellora continua, integrar a seguridade e a saúde na nosa vida cotiá así como nos procesos de traballo, xestionar os riscos, aplicar normas e realizar investimentos tanto en tecnoloxía como na definición e integración de sistemas, na formación, na definición de competencias e responsabilidades,... Polot tanto, temos que concentrar esforzos na mellora da nosa cultura preventiva, avaliando os aspectos culturais, os comportamentos, e analizar as causas. COGAMI. Galega de Economía Social xestiona empresas nas que a maior parte do cadro de persoal ten discapacidade, e moitas orgánica. É importante tomar medidas específicas no referente á saúde da persoa traballadora? A.Q. Temos que protexer ás persoas e, se ademais temos unha especial sensibilidade por ter unha discapacidade, a prevención é fundamental a ter en conta. Tomamos medidas especificas para minimizar os riscos, como pode ser a análise e adaptación continua dos postos de traballo ás necesidades das persoas, recoñecementos médicos, educación preventiva,... Precisamente, a educación é unha medida determinante. Educar para crear conciencia, adoptar novas condutas e unha actitude colectiva responsable e de respecto pola protección. Informar e formar para xerar cultura preventiva. COGAMI. Como se está implantando e quen son os profesionais implicados? A.Q. Contamos con coordinacións de prevención de riscos laborais que se encargan de realizar visitas aos distintos centros de traballo sementando cultura preventiva, e xestionando a formación relativa á prevención de riscos. Ademais, en cada centro de traballo existe unha persoa con funcións en materia preventiva do día a día do seu centro. Por outra banda, as persoas de función directiva toman parte e participan do que se realiza en materia de prevención. COGAMI. Como acolle o persoal laboral as medidas que deben tomar para a prevención? A.Q. O compromiso da dirección en seguridade e saúde e a participación das persoas traballadoras son determinantes para unha cultura preventiva
no conxunto da organización. Todas as persoas que traballamos na nosa Organización temos un papel crucial fomentando a asunción de responsabilidades, o compromiso compartido e, por suposto, a participación activa. COGAMI. Nos últimos anos, como foi evolucionado o sector da prevención de riscos laborais e como GES se vai adaptando a esta evolución? A.Q. Evoluciona moi rápido, cada vez se analizan e investigan máis riscos que poidan afectar ás persoas e asistimos a un desenvolvemento normativo constante ao que hai que acollerse nos prazos indicados. Estudamos as diversas normativas e as tarefas dos centros especiais de emprego ás que afectan e establecemos plans de acción ao respecto. Este ano, por exemplo, estamos a traballar na adaptación á normativa de estiba de mercadorías
“Promovemos a posta en práctica de políticas en materia de riscos laborais que conseguen reducir os accidentes laborais” no transporte, de aplicación a partir de maio do 2018. COGAMI. Agora mesmo, en que punto estamos, cales serían as novidades que estamos adoptando nas empresas do grupo? A.Q. Actualmente temos implantado un sistema de xestión baixo a premisa da mellora continua, o que implica a actualización e implantación constante, incidindo progresivamente en aspectos como a formación especifica, estudos de tarefas concretas e desenvolvemento de procesos de xeito seguro, adaptacións normativas, etc. Apoiamos e promovemos a posta en práctica de políticas en materia de riscos laborais que conseguen reducir os accidentes laborais. O compromiso coas persoas implica a promoción da seguridade e a saúde, co que se minimiza a sinistralidade e contribúe ao benestar laboral.
9
NOVAS
Uxía Alfaya é a fisioterapeuta que traballa en Vigo
Duascentas persoas atendidas no servizo de fisioterapia que COGAMI ten en Vigo COGAMI conta cun servizo de fisioterapia en Vigo, situado nas instalacións da rúa Teixugueiras, nº15, baixo. Dende que iniciou en novembro de 2015, este servizo de fisioterapia leva atendidas a 200 persoas. Todas elas pasaron polas mans da profesional Uxía Alfaya, fisioterapeuta especializada en fisioterapia neurolóxica adulta e infantil, e tamén apoiada por profesionais doutras ramas como Traballo Social e Psicoloxía, con especialidade en patoloxías da linguaxe e comunicación. O servizo de fisioterapia de Vigo está dirixido a todas as persoas que
precisen atención, malia que o volume de pacientes está formado por persoas adultas con lesións medulares, esclerose múltiple e lateral amiotrófica, Ataxia e Parkinson, distrofias musculares e amputacións. A elas ofréceselles un tratamento integral, mediante o uso de diferentes técnicas de fisioterapia así como técnicas e métodos de neurorehabilitación onde terapeuta e paciente traballan conxuntamente. A maiores, a modo de prevención, ofrece clases de pilates as tardes dos martes e xoves. Para pedir cita, contactar no teléfono 986 281 893.
O programa de termalismo é un dos servizos financiado coa convocatoria da Deputación
A Deputación de A Coruña destina 300.000 euros a programas do movemento asociativo Un total de 23 entidades membro da Federación COGAMI Coruña recibiron financiamento da Deputación de A Coruña para continuar cos programas e servizos que prestan ás persoas usuarias. A Deputación concedeu as subvencións por un importe de 304.120,79 euros a través de convocatorias que abren durante o ano e ás que teñen posibilidade de presentarse entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de
10
programas sociosanitarios, para o investimento e desenvolvemento de servizos sociais e para o mantemento de políticas de igualdade. Transporte adaptado, fisioterapia, equipamento informático, rehabilitación, adquisición de material, desenvolvemento de programas terapéuticos, de información e sensibilización son algúns dos servizos que prestará COGAMI con estas subvencións.
Xunta Directiva da Federación de Pontevedra
Novas entidades COGAMI: ALCER Pontevedra, ASEM Galicia e AVEMPO A XXV Asemblea Xeral Ordinaria organizada pola Federación COGAMI Pontevedra aprobou, por unanimidade, a incorporación de tres entidades: Alcer Pontevedra (Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril), ASEM (Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares) e AVEMPO (Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra). Alcer Pontevedra Inicia actividade en 2013 para contribuír á axuda social, moral e laboral de persoas e familiares con enfermidades do ril susceptibles de transplante de órganos ou tecidos. A asociación presta servizos de asistencia e información, atención psicosocial, desenvolve programas de atención á muller, maiores, infancia e xuventude, promove o deporte, iniciativas culturais, educativas e de lecer que faciliten a participación e atención sociosanitaria do colectivo. Asem Galicia Entidade que inicia hai 25 anos para mellorar a calidade de vida das persoas que teñen unha enfermidade neuromuscular e tamén para que o resto da sociedade coñeza esta doenza e se implique. Entre os obxectivos da entidade están promocionar a agrupación de pacientes con afeccións neuromusculares, facilitar información, sensibilizar á Administración dos problemas de curación, tratamento e prevención e cooperar con asociacións afíns. AVEMPO Nace en 1996 coa misión de asesorar e informar ás persoas que teñen esclerose múltiple, unha enfermidade neurodexenerativa. Dende AVEMPO préstanse servizos de atención social, rehabilitación fisioterapéutica, logopedia, terapia ocupacional, atención psicolóxica, pilates, ioga e pintura.
O Boletín nº 40 / setembro 2018
Participantes do proxecto de teatro IMPROVavilidades
O centro de recursos de Lugo representou teatro de improvisación na rúa Persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Fingoi, Lugo, saíron á rúa para presentar un taller de improvisación teatral no que estiveron a traballar un total de 25 persoas durante dez meses. Co nome de IMPROVAbilidades, este proxecto consistiu na representación de dúas clases de teatro de improvisación na rúa, sendo esta unha experiencia aberta a todas as persoas que quixeran sumarse á actividade. Improvabilidades foi dirixido por dúas voluntarias europeas, Kallirroi Gentilini e Georgia Ormyliotou, que chegaron a
COGAMI a través do Servizo de Voluntariado Europeo dentro do programa Erasmus+. O teatro de improvisación é unha excelente ferramenta para mellorar a comunicación, o traballo en equipo e a autoestima, ademais de resultar unha actividade moi satisfactoria, nela adquire unha relevancia especial o voluntariado europeo que comparte o día a día coas persoas usuarias do centro, intercambiando experiencias e aprendizaxes.
O Conselleiro de Política Social anunciou o aumento de prazas na visita ao centro de Mos
Aumentan as prazas públicas nos centros de recursos de COGAMI e asociacións membro Durante unha visita ao centro de recursos de Mos, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, informou do aumento de prazas públicas nos centros de recursos. Así, tanto COGAMI como as entidades membro incrementaron este ano en 52 o número de prazas públicas, pasando agora a ter 319 prazas financiadas pola Administración nos 14 centros de recursos. Outras 125 prazas son privadas que, sumadas ás públicas, fan que sexan
un total de 444 as persoas con discapacidade que se benefician dos servizos prestados de rehabilitación, educación básica, formación, obradoiros de emprego, actividades deportivas e de lecer, transporte adaptado e emprego. Os centros de día son os que contan con máis prazas concertadas (244), seguidas dos centros ocupacionais (171), vivenda tutelada (15) e residencia (14).
Unha das embaracións participantes na proba
Éxito da 1ª Copa de Slalom Inclusivo organizado pola Federación de Pontevedra A Federación provincial COGAMI Pontevedra organizou a 1ª Copa ENCE de slalom inclusivo, unha proba deportiva náutica que se desenvolveu no río Lérez a favor da inclusión das persoas con discapacidade nas actividades de deporte e lecer náutico. Financiada por ENCE, esta competición consistiu nunha proba de regularidade na que as persoas participantes tiveron que amosar a destreza no manexo do temón, despois de superar obstáculos como rodear boias, recuperar flotadores e esquivar sinais. A proba realizouse empregando embarcacións a motor adaptadas cunha rampla, o que lles permitía poder acceder á lancha coa cadeira de rodas. Ao posibilitar a anclaxe da propia cadeira á nave tamén se propiciou unha pilotaxe máis segura. Estas embarcacións foron cedidas polo club deportivo Sen Amarras, organismo que traballa pola práctica da navegación inclusiva. Dende a Federación COGAMI Pontevedra, o seu presidente, Ángel Holguera, expresou estar satisfeito polo número de persoas interesadas en participar neste primeiro slalom que “agardamos repetir en vindeiras ocasións”, anunciou. Holguera tamén tivo unhas palabras para falar da accesibilidade porque, segundo dixo “o embarcadoiro contaba cun escalón, co que cómpre eliminalo”. Neste primeiro slalom participaron 44 persoas que competiron en parellas, das que vinte das participantes tiñan discapacidade. Ao finalizar a competición, todas as persoas que participaron asistiron a unha comida de clausura da actividade.
11
PECHE
Contos solidarios a favor de nenas e nenos con discapacidade
Aiuri é unha das nenas que se van beneficiar coa venda dos Contos Solidarios
Dende principios do mes de agosto xa é posible mercar en calquera centro comercial Carrefour un conto solidario cuxo importe irá destinado a colaborar na mellora da calidade de vida de máis de 2.000 nenas e nenos con discapacidade física e orgánica. Esta iniciativa, chamada Contos Solidarios e que desenvolve a Fundación Solidaridad Carrefour en colaboración con Disney, permitiralle á
Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE), da que COGAMI forma parte, adquirir vehículos adaptados e equipamento técnico para a creación de aulas de estimulación multisensorial a favor destes menores, que contarán cunha atención personalizada e axustada ás súas necesidades. A colección exclusiva de contos clásicos Disney comprende 30 títulos
que poderán adquirirse ao prezo de 2,5 euros cada un, dos que 1,25 euros por unidade vendida irán destinados a financiar dito equipamento. A adquisición de vehículos adaptados facilitaranlle o traslado aos milleiros de menores con discapacidade aos centros educativos e á terapia que precisan a diario. Contos Solidarios tamén posibilitará a dotación de equipamento técnico que facilitará o desenvolvemento das súas habilidades motrices ou sensoriais. En palabras do presidente de COCEMFE, Anxo Queiruga, “é de vital importancia ofrecerlle á infancia os recursos especializados que poidan favorecer o seu pleno desenvolvemento en clave de igualdade de oportunidades”. Durante a presentación tamén interviu o pai da menor Aiuri, Pablo Auz, quen explicou que as terapias de estimulación son fundamentais para as dificultades motoras, de comunicación, alimentación ou sociais. Pablo apuntou que para a súa filla “recibir atención temperá é fundamental porque permite optimizar as posibilidades de desenvolvemento cando ten algunha alteración”. Por iso, anima a que se merquen os Contos Solidarios, porque tanto a súa filla Aiuri como outras nenas e nenos máis con discapacidade, van poder recibir tratamentos imprescindibles para mellorar a súa calidade de vida. Títulos de contos solidarios Pinocho, Mulán, Frozen, O Libro da Selva, Cars, Buscando a Nemo, Campanilla, Bella e Bestia, Enredados, Ratatuille, Brave,... e así ata trinta títulos Disney que se poden mercar en calquera dos centros comerciais que ten abertos Carrefour. Unha parte do prezo, irá destinado a nenas e nenos que precisan da nosa colaboración.
www.cogami.gal