Revista Campamento Urbano 2008

Page 1

_Revista xuvenil ourensá. Nº 18_

Amigas e amigos: Desde Amencer preparamos para vós esta pequena publicación da 21ª edición do Campamento Urbano. Para quen estivemos pode ser un pequeno detalle que nos lembre as persoas que coñecimos e os momentos vivi­­­dos e compartidos; para quen non estiveron pode ser unha boa mostra do que fixemos e para quen se anime a participar o próximo ano, un pequeno adianto. Detrás de cada foto hai mil e unha historias; detrás de cada recorte, a emoción por unha experiencia vivida; detrás de cada presentación de cada día, unhas notas para refrescar a memoria; detrás de cada páxina... Detrás de cada páxina están as organizacións, institucións, pequenas e grandes empresas que coas súas achegas nos permitiron facer realidade este proxecto. Están as animadoras e animadores que soñaron con este “Refresco do verán” e fixeron posible levalo a cabo. Están as familias que acolleron esta proposta de ocio educativo libre, aberta e gratuíta e nos confiaron aos seus pequenos. Están todas as rapazas e rapaces que lle deron vida a este campamento na cidade. A todas e todos eles, grazas! Grazas pola confianza depositada en nós. Grazas polo bo facer, polo tempo e a dedicación. Grazas polos bos momentos compartidos e por encher de vida o Urbano. Foron días de diversión, de novas caras, de novas amizades, de reencontros, de ilusión e de festa en compañía, de saídas, de auga, de xogos, de descubertas, de calor... Deles só quedan os recordos e con eles estes textos e fotos. Esperamos que gocedes destas páxinas e que vos animedes (e animedes a outros) a participar no próximo. Feliz lectura!


AXAR Nº 18 | Revista xuvenil ourensá

Campamento Urbano 2008

10, 9, 8, 7, 6, 5, 4, 3, 2, 1... 0! E así comezou oficialmente o Campamento Urbano 2008: “Refresco do verán”. Despois de moitos meses de preparación e de moito traballo previo, o Urbano abría novamente as súas portas o 4 de agosto. Como todos os anos, ao principio cada participante tivo que pasar pola mesa correspondente para facer (ou confirmar) a súa inscrición e tras isto fixéronse os grupos de idade que ían funcionar o resto do Campamento. Antes de nada, presentouse o Urbano, aprendemos o himno e déronse algúns avisos; estabamos quentando motores, todo en marcha.

Presentación feita, avisos dados, grupos feitos... Era o momento de poñer a máquina a pleno rendemento! E alá fomos: Repartímonos entre a Ponte do Milenio, a Ponte Maior (ou Romana) e a Pasarela armados con pancartas e globos de cores. Unha vez alí e, previa sincronización entre os coordinadores do momento, coreamos todos xuntos a conta atrás para soltalos ao aire: 10, 9, 8, 7, 6, 5, 4, 3, 2, 1... 0! Unha nova edición do Urbano comezaba a súa andaina. Trala inauguración oficial, as primeiras actividades libres das “Tardes do Urbano”: ludoteca, xogos de patio, obradoiros, sala de xogos, deportes, tebeoteca, wii e play station, piscina, sala de proxeccións, scalextric xigante, animación á lectura, visitas a entidades e locais da cidade... Sen dúbida, un bo comezo!

o que din os rapaces...

Tras ese primeiro momento de grande grupo xuntámonos nos grupos de idade e comezamos con xogos de presentación para coñecer un pouquiño máis dos compañeiros e amigos cos que iamos estar. Hoxe fomos á Ponte do Milenio. Zeltia e mais eu levabamos a pancarta. Polo camiño sacáronnos fotos. Cando chegamos á ponte fixemos a conta atrás e soltamos a pancarta e mais os globos. Ía moita calor. A canción chamada é moi bonita; é de Kate Rayan, un éxito do verán. Espero que para o ano todo siga igual de ben. Antía Rodríguez Ulla (Grupo 12 A)

Este día estiven con outros 19 nenos na Policía Nacional. Estivemos na sala de tiro. Ensináronnos a sala onde reciben todas as chamadas telefónicas e mais o ximnasio onde adestran.

Andrea Domínguez Vázquez (Grupo 10 B)

Hoxe paseino moi ben. O mellor foi o dos globos, aínda que moita xente perdeunos polo camiño. A pancarta era moi bonita.

Juan Pérez Muñoz (Grupo 12B)

Gustoume moito o día de hoxe. Fixemos moitas cousas. Gustoume a canción chamada e o himno. Paseino moi ben. Se hoxe foi así de divertido non podo nin imaxinar o ben que o pasarei os demais días. Luciano A. González Fernández (Grupo 11 D)

2


Co segundo día chegou a maxia do Urbano ao centro histórico da cidade; rúas e prazas foron ocupadas por saltimbanquis, malabaristas, adiviños... Unha diversión agardaba a cada grupo en distintos recunchos dunha zona da cidade onde hai moito por descubrir. Da base do Campamento fomos andando ata a Praza Maior. Alí xuntámonos todos nas escaleiras de Santa María Nai, presentaron o día, escoitamos as instrucións, cantamos o noso himno, sorrimos para as fotos e... A xogar e pasalo ben polo casco vello! Os animadores dos grupos guiamos aos rapaces polas distintas actividades e pasámolo en grande xogando co paracaídas xigante, atendendo aos adiviños que nos “lían” o futuro, mantendo viva a nosa cultura e tradicións a través dos xogos populares, asistindo a espectáculos de rúa... Unha mañá completiña! Pola tarde, máis actividades de “Tardes do Urbano”, visitas e escapada á piscina de Oira do grupo correspondente.

o que din os rapaces...

Gustoume moito ir hoxe á Praza Maior onde xogamos moito. Xa pola tarde fun á “Casa do terror” e á sala de fotos. Veño todos os anos ao C.U desde Francia. Gústame moito o campamento. Sofia Baba (Grupo 11E)

Xogamos a “O gato e o rato”, a tirar da corda… E agasalláronnos cun libro. Camiñamos moito, pero mereceu a pena porque paseino moi ben. Andrea Blanco Neto (Grupo 10B)

Hoxe fun de excursión á radio. O mellor foi cando nos explicaron como funcionaba e tamén cando nos deron unhas camisetas. O peor é que xa coñeciamos o funcionamento básico da radio. Verónica Oliveira Rodríguez (Grupo13C)

3


AXAR Nº 18 | Revista xuvenil ourensá

E ao terceiro día, excursión a Vigo! Pero non foi unha excursión calquera senón que visitamos a cidade olívica para participar cos outros rapaces de Vigo e Compostela na Xuntanza de Campamentos Urbanos, pois eles tamén estaban gozando das actividades nas súas cidades. Xuntámonos todos na Praza do Rei, presentámonos como grupos de campamento, escoitamos o saúdo dalgunhas autoridades municipais (incluso o alcalde!) e cantamos o himno común. Ao rematar fomos ao patio de Salesianos a deixar as mochilas e dividímonos en dous grandes grupos: por un lado os grandes e por outro os pequenos. Uns fomos de descuberta polo Casco Vello vigués (desde o Concello á Pedra e o porto) e outros marcharon ao Castro tamén a superar as probas que os anfitrións prepararan. Rematamos a mañá coa comida, xogos de sobremesa e marchamos a Praia América. O día non era especialmente caloroso, pero alá chegamos unha recua de rapaces e animadores, apoderámonos dunha grande superficie de praia, deixamos toallas, roupa, mochila e... Á auga! Os animadores fixeron un cordón humano do que non se podía pasar e o resto de “acampados bañistas” aproveitaron as ondas. Auga, toalla, balón, area, risas, merenda e o tempo pasou voando. A media tarde, fila india e a coller os buses de regreso. Só pasaran dous días de Campamento, pero esta saída axudo a crear grupo; e iso íase notar nos días seguintes.

o que din os rapaces... Onte pasámolo moi ben en Vigo, onde nos reunimos cos campamentos de Vigo e Santiago. Regaláronnos unhas gorras moi bonitas. Logo fomos facer unhas probas e comemos todos xuntos. Xa na tarde fomos á praia e merendamos alí. Rodrigo Fernández de Dios (Grupo 12B)

A viaxe a Vigo fíxosenos un pouco longa. Falounos o alcalde ao chegar alí. Logo estivemos polas rúas de Vigo facendo xogos. Despois comemos todos xuntos no polideportivo de salesianos e logo fomos á praia. Borja Blanco Babarro (Grupo 12C)

Hoxe fomos á Praza do Rei en Vigo onde nos falou o alcalde. Logo deixamos as mochilas no patio e fomos ata o Castro e alí fixemos probas. Á tarde fomos á praia, merendamos e logo marchamos. Paseino moi ben. Sabela Ferreiro (Grupo 10B)

4


Campamento Urbano 2008

Chegada dos rapaces, canción chamada, presentación do día e comeza a actividade. Neste día tocou coñecer o traballo da xente que axuda a que vivamos un pouquiño mellor e non nos falte nada: desde os panadeiros aos xuíces, pasando polos médicos e profesores. Todo isto rotando “de profesión en profesión”, facendo preguntas e atendendo ao que nos contaban. Ao rematar na base do Campamento, paseo ata a Praza Maior. Alí saudáronnos o alcalde e máis a concelleira (quen ata puxeron a camiseta do Urbano!); pero tamén estiveron os bombeiros, a policía... Moita da xente que traballa nas cidades ao servizo dos cidadáns. Pero non todos participamos nesta actividade; os máis vellos achegáronse a visitar e coñecer o Centro Quérote e á radio, e os grupos aos que lles tocaba foron á piscina (ao sermos tantos, ou facemos así ou quedamos só con un día de auga, polo que non queda outra que ir por grupos). A verdade é que saír na radio en directo contando o ben que o pasamos no Urbano e cantar a cappella o himno foi toda unha experiencia. Xa pola tarde, “Tardes do Urbano” con actividades varias a modo de parque temático para todos os gustos e cores.

o que din os rapaces... Hoxe foi o “Día da boa xente” e paseino moi ben. Fomos á Praza Maior ver os servizos públicos e alí explicáronnos como funcionan. O alcalde falounos e agasallámolo coa camiseta do Campamento Urbano. Á tarde fomos ao “Fogar do Maior”, onde nos ensinaron as instalacións e como axudan aos anciáns. Grazas ao Urbano por facer posible este día. Aarón Torralba (Grupo 13D)

Hoxe fomos visitar a uns rapaces do centro da “Asociación de axuda ao toxicómano”. Alí contáronnos a orixe do proxecto e visitamos os diferentes perfís das persoas ás que tratan alí, desde toxicómanos ata ludópatas (cunha longa lista). Eles tamén elaboran unha revista. Sandra Suárez Fernández (Grupo 14B)

No “Día da boa xente” fomos á organización “Meniños”, na que se ocupan dos nenos que non poden gozar dunha familia e teñen que ir a un centro de protección do menor. Logo fomos á Praza Maior ver a xente que se ocupa da nosa cidade. Marcos Rivada Domínguez (Grupo 13C)

Hoxe ensináronnos como xogar ao rugby. Estivo un xogador do equipo de Ourense. Ensináronnos como pasar o balón, como xogar, as normas, etc. Démoslles o noso número para que nos chamen para xogar no pavillón. Gustoume moito. Raúl Carausan (Grupo 10B)

No catamarán pasámolo xenial. Ao subir repartímonos todos entre os dous andares. Na parte de arriba había moi boas vistas, no medio ía un fresco moi bo e abaixo víase o río. Logo comemos en Montederramo, na herba, e xogamos. Por último fomos para a casa. Beatriz Nóvoa Pérez (Grupo11D)

5


AXAR Nº 18 | Revista xuvenil ourensá

Campamento Urbano 2008

Este foi outro día enteiro de convivencia e diversión. Pola mañá, acollida con xogos de patio, canción chamada, benvida, explicación do día e avisos. Tras isto, os pequenos marcharon nos buses á Ribeira Sacra e os maiores de ruta de sendeirismo ata o Castro de San Tomé; uns de visita polos canóns do Sil en catamarán, outros camiñando ata chegar aos restos arqueolóxicos... Todos gozando dun estupendo día de sol en contacto coa natureza.

Pola tarde, baño para todos. Os pequenos en Montederramo; os maiores na piscina de Oira. Un día máis de convivencia e novas experiencias para todos. Intenso, sen dúbida; repetible..., xa nin se pregunta!

o que din os rapaces...

A idea do día era pensar en como podemos coidar do medio; a forma de traballalo, cada grande grupo de acordo coa súa idade: explicacións e prantiña de regalo para uns e pequenas representacións teatrais traballadas en pequenos grupos antes de iniciar a andaina e despois de chegar ao destino programado. Á mañá fomos ao castro de San Tomé a pé. Algúns caeron polo camiño. Despois fixemos unha parada e mollámonos con botellas de auga. Logo xantamos e xogamos un pouco. Paseino moi ben, pero o día rematou moi cedo. Samanta González (Grupo 12A)

Hoxe fomos no catamarán polo Sil. Logo fomos a Montederramo e alí deixamos as cousas mentres xogamos. Logo comemos e volvemos xogar. Tamén nos metimos no río; a auga estaba moi fría e sucia, pero aínda así pasámolo moi ben.

Andrea Domínguez Neto (Grupo 10B)

Paseino xenial e nunca esquecerei a noite de pequenos. Xogamos ao “Xogo das cores”. Tomamos un Cola-Cao que estaba moi bo. Logo contáronnos un conto de Jenifer e Yaiza e ao rematar fomos durmir. Pasámolo xenial. Elisa Maria Peña Gómez (Grupo 10B)

6


O “Día da Cultura” agochaba sorpresas para todos. A mañá comezou como as demais, por non perder o costume; pero ao acabar os pequenos foron ao Auditorio a ver a película Los Totenwackers e os maiores ao Teatro Principal para asistir a unha representación teatral sobre o medio, a natureza... Para moitos foi a primeira vez que ían e foi todo un descubrimento; para outros, unha nova oportunidade de gozar coa cultura. Pero a sorpresa non foi esa, a sorpresa agardaba a cada participante na sede do Campamento, pois á volta entregóuselle a cada participante un libro como agasallo que lles lembrara este día e lles permitira abrir unha porta á fantasía a través da lectura. Sen dúbida, unha actividade diferente nunha mañá diferente. Pola tarde retomamos as “Tardes do Urbano” coa oferta habitual de actividades; o plus, as competicións deportivas que xa estaban nun punto interesante de cara á proclamación dos equipos vencedores.

o que din os rapaces...

Comezaba unha nova semana de Campamento e viñamos coas pilas cargadas da fin de semana.

O “Día da cultura” os nenos de 9 a 11 anos fomos ata o Teatro Principal. Foi moi divertido. Vimos unha obra sobre a reciclaxe que foi moi interesante. Ademais puidemos facerlles preguntas aos actores. Carola Marnotes Coronel (Grupo 11D)

Hoxe, no “Día da Cultura” paseino moi ben. Fomos ata o Auditorio a pé. Polo camiño paseino moi ben. Cando chegamos vimos unha película: Totemwackers. Foi moi divertido, aínda que tivemos algo de medo. Espero repetir outro día da cultura. Dana Marcos Fernández (Grupo 12A)

Pola tarde fomos a Oira. As piscinas eran grandes e paseino moi ben. Ademais nunca fora. Bañeime coas miñas amigas, logo merendamos e volvemos ao campamento. Paseino xenial. Alba Areas Iglesias (Grupo 10B)

7




AXAR Nº 18 | Revista xuvenil ourensá

Neste día, tras os habituais avisos, presentación, canción chamada e acollida, xuntámonos en grupos para escoller o nome do noso “partido político do Campamento”, o noso lema, a nosa imaxe corporativa e o noso programa electoral. Ao rematar este primeiro traballo xuntámonos todos e escoitamos as propostas “políticas” dos candidatos e escollemos democraticamente a quen queriamos foran os nosos representantes ese día. Tralas votacións, grandes e pequenos dividímonos para ir ben á Deputación ben ao Concello para aprender como funcionan estas institucións e coñecelas de primeira man. Como xa se traballara sobre isto nos grupos antes de saír, xa postos alí puidéronse facer as preguntas pertinentes así como as peticións que se nos ocorreron para mellorar a nosa cidade.

o que din os rapaces...

Ao rematar a visita volvimos á base do campamento, fomos comer ás nosas casas e a recargar forzas para unha nova “Tarde do Urbano”.

Hoxe, no “Día do Parlamento”, os de 11 anos fomos ata Telepizza. Alí aprendimos a facer unha pizza e despois comemos as que nós fixeramos. Paseino moi ben. Verónica Saco Castro (Grupo 11D)

Hoxe fomos ao Concello, pero antes fixemos partidos políticos. A nosa representante sentou na cadeira do alcalde. Fixémoslle preguntas á persoa do Concello que nos atendeu. O noso partido foi o PCU (Partido Cidadán Urbano). Paseino moi ben. Marta Rodríguez Gómez (Grupo 10B)

Hoxe fomos á Deputación de Ourense. Subimos por unhas escaleiras de madeira. Chegamos a unha sala onde había cadros, unha bandeira de Ourense e uns asentos moi cómodos. O vicepresidente atendeunos moi ben. Tamén lle fixemos preguntas. Noelia Fernández Paradela (Grupo 13B)

10


Campamento Urbano 2008

Este foi outro día enteiro de convivencia e diversión; desta volta unha tarde na auga en Monterrei. Ao chegar, e tras a rutina de acollida, saúdo, explicación e avisos habitual, mochila ao ombro e gorra posta dividímonos nos pequenos grupos e subimos aos buses que nos levarían ás piscinas de Monterrei. Unha vez alí participamos por grupos nunha xinkana de xogos populares. Por quendas fomos pasando pola chave, a ra, o tirasoga, o brilé, as chapas, “un, dous, tres, zapatiño inglés”, etc. Foi divertido aínda que algúns ese día viñan con necesidade de facer un pequeno esforzo por meterse nos xogos. Despois de xogar, comida apetitosa, sobremesa e a dentro, todos ás piscinas! Pasamos toda a tarde na auga quen quixemos: que si piscina con olas, que si tobogán, que si “ti móllasme, eu móllote”... Sorte que saíu o sol e o día quedou redondo.

o que din os rapaces...

Tras o baño, volta á toalla, merenda e volta aos buses. Remataba o penúltimo día do Campamento; comezaba a cheirar a despedida.

En Monterrei estivemos xogando a xogos tradicionais pola mañá. Pasámolo moi ben. Ás dúas da tarde comemos todos xuntos. Despois estivemos cos nosos amigos xogando ao que quixemos e pola tarde estivemos na piscina. Sacáronnos unha foto. Logo viñemos para o a base do Campamento Urbano e merendamos aquí. Sabela Ferreiro Iglesias (Grupo 10B)

Hoxe fomos a Monterrei. Xogamos a moitos xogos e paseino xenial. Logo comemos todos xuntos. Despois, ás 4, fomos á piscina. Antes de entrar sacáronnos unha foto cos monitores. Xa na auga, estiven coas miñas amigas e paseino xenial. Volvemos ao campamento e merendamos todos os grupos. Lucía Dafonte Navaza (Grupo 10B)

11


Campamento Urbano 2008

AXAR Nº 18 | Revista xuvenil ourensá

E aínda que parecía quedar lonxe este día ao comezo, o último día da 21ª edición do Campamento Urbano chegou e había que aproveitalo ao máximo. O día comezou como todos os demais pero na mente de todos estaba que aquela era diferente. Empezamos forte, pois o primeiro que fixemos foi ir a unha discoteca da cidade a bailar e tomar un refresco. Non botamos moito tempo alí, pero o suficiente para botar unhas risas e gozar da música con amigos. Logo baixamos á base do campamento e antes de comer... Festa da escuma! Rápidos puxemos o bañador, calzamos as chanclas, collimos a toalla e a gozar do xa tradicional baño de escuma e “aclarado” a golpe de mangueira. Tras refrescarnos, a comida e xa tamén tradicional sorpresa de doces e pasteis para todos por cortesía das pastelarías e panadarías da cidade. Umm, que ricos! Baile na discoteca, escuma, comida con sobremesa e xa a actividade final: a velada artístico musical que con moito cariño e dedicación prepararon ao longo das “Tardes do Urbano” algúns rapaces e rapazas acompañados polos animadores. Playbacks, coreografías, pequenas representacións teatrais, cancións en directo, actuación dos animadores e o broche de ouro: a entrega dos “urbanitos” aos participantes máis destacados en todas as actividades e días do Urbano, que resultamos ser todos porque os grupos que non eran os mellores en participación destacaban en orde e dilixencia nos desprazamentos; os que non prepararon a mellor actuación da velada alegráronnos coa canción que repetían unha e outra vez nas saídas ou gañaron nas competicións deportivas... Todos fomos protagonistas e todos fixemos posible que o Campamento Urbano “Refresco do verán” fora unha experiencia inesquecible. E rematamos coa foto de despedida: Todos xuntos e saudando á cámara despedíndonos ata o Campamento Urbano 2010.

o que din os rapaces... Hoxe pola mañá fomos á discoteca “La Bull” e paseino moi ben. Bailei moito e tomei unha Coca-Cola. Logo viñemos para a festa da escuma e molleime toda. Ao rematar, comemos e déronnos pasteis. Gustoume moito o Campamento Urbano. Volverei para o ano. Lucía Dafonte Navaza (Grupo 10B)

A canción que nós bailamos foi unha mestura entre free style e break dance. Pasámolo moi ben ensaiando. Houbo tempo para todo. Grazas e ata o ano que vén. Celtia Mouro Vázquez (Grupo 12A)

12


Tamén este ano os maiores de 15 anos puidemos gozar de actividades para nós no Campamento Urbano Xuvenil. Durante o día, as actividades para os pequenos, e pola noite, de 22:30h. a 00:00h., as da xente moza. Duelo de cancións entre mozos e mozas, baño e xogos de auga na piscina olímpica do Pavillón dos Remedios, cinema ao aire libre, concerto ao aire libre, terraza... Unha oferta para gozar con amigos e outra xente da nosa idade das calorosas e apracibles noites de agosto na cidade. Actividades organizadas por xente moza para outra xente moza, así que as probabilidades de acertar eran moitas. Quen participamos aproveitamos ben estas actividades de ocio nocturno alternativas e gozamos a tope delas. Xa van once anos de Urbano Xuvenil e a xulgar polo vivido nesta edición, auguramos moitos máis!

13


AXAR Nº 18 | Revista xuvenil ourensá

Polas tardes, as nosas instalacións convértense nunha especie de parque temático cunha grande oferta de actividades e espazos para que os rapaces escollan libremente aquelas nas que se sintan máis a gusto o nas que máis lles apeteza estar; hai para todos! A esta grande oferta chamámoslle “TARDES DO URBANO”.

BAR-ETO

É o lugar ao que os rapaces e rapazas poden ir para comprar algo de comer ou beber: gominolas, patacas fritidas, auga, zumes, refrescos... Un dos lugares máis frecuentado, sobre todo nas tardes de moita calor.

SALA DE XOGOS

É unha sala atendida por animadores na que hai xogos de mesa (o Trivial, o Tabú, Hotel, o parchís, a oca, barallas...) para que os rapaces que opten por algo máis tranquilo ou queiran facer un pequeno descanso das actividades máis movidas poidan estar xogando cos seus amigos.

TEBEOTECA

Para os amantes da banda deseñada tamén houbo unha sala na que puideron ler e gozar das súas personaxes de cómic favoritas.

OBRADOIROS

Un ano máis, os rapaces gozaron aprendendo a facer marcapáxinas, móbiles de peixes de papiroflexia, figuras de plastilina, carteiras de cómic, tarxetas depregables, marcos para fotos, cometas de fío, formigas, pulseiras, árbores, “caramuecas”... Unha chea de ideas que os rapaces aprenderon a facer coas súas mans.

LUDOTECA

Neste espazo os rapaces poden participar en diferentes actividades dinamizadas polos animadores: un bingo, un karaoke musical...

DEPORTES

Aínda que no mes de agosto vai moita calor, o deporte é un centro de interese moi importante para os rapaces e por iso tamén se lles oferta a posibilidade de facer equipos e participar nunha competición interna

VIDEOTECA

Un espazo no que gozar de proxeccións en pantalla xigante: Mimzy, máis alá da imaxinación, High School Musical, Astérix e os vikingos, Unha casa patas arriba... Unha sala para pasar unha tarde relaxada..., e ao fresco!

VISITAS CULTURAIS

14

En pequenos grupos e de maneira voluntaria, os rapaces e rapazas puideron ir á Aula de Natureza de Oira, á Bibliopiscina, ao cine, a Telepizza, á libraría Zampacontos, á radio, ao centro Quérote... Lugares diferentes nos que os pequenos puideron aprender cousas e coñecer algúns dos recursos que ofrece a cidade.


Campamento Urbano 2008 PLAY STATION E WII

Unha oportunidade de competir con outros rapaces a xogos de videoconsola e tamén de posibilitar que os rapaces que non poden xogar habitualmente con videoconsolas poidan facelo.

SCALEXTRIC XIGANTE

Montamos unha pista xigante de scalextric para que os rapaces puideran poñer a proba a súa habilidade cos coches de pista e medirse cos seus compañeiros.

-

ANIMACION DE PATIO

Toallas de praia, balóns de baloncesto, minibasket e fútbol sala, bádminton, combas, tira soga, hula-hop, xogos tradicionais (aro, pano, zancos, bolos, petanca...), xogos alternativos (ringo gol, indiacas...), paracaídas, baúl de libros e cómics con mantas, balón xigante... Opcións variadas para pasar as tardes de maneira alternativa e en movemento.

TERRAZA

Entre actividade e actividade ou para pasar un tempo agradable cos amigos, os rapaces dispuxeron dun espazo con mesas e cadeiras a modo de terraza para estar, tomar algo...

-

-

FUTBOLIN E PIMPON

Nunha sala colocáronse as mesas de futbolín e pimpón para que os rapaces puideran xogas tamén a estes xogos de sala tradicionais.

GRANDES XOGOS

A casa do terror, o reto, a oca (xigante), xinkana de auga... Xogos para un elevado número de participantes, levados a cabo en grandes espazos e empregando un importante número de recursos.

PINTADA NO MURO

Como xa é tradicional, no Urbano as persoas ás que se lle dea ben a pintura poden deixar pegada das súas habilidades artísticas pintando o muro que pecha as instalacións. -

SALA DE PROXECCIONS

Neste espazo quen quixeran podían ver a montaxe de diapositivas coas fotografías que se tomaban cada día. Ademais de todas estas actividades, os rapaces e rapazas puideron dispoñer de tempo todas as tardes para preparar pequenas representacións para os Bos Días da xornada seguinte e tamén números e actuacións para a velada final. -

EXHIBICIONS

Tamén houbo oportunidade de gozar de exhibicións dirixidas por persoas especialistas no seu: Aeromodelismo, baile, hockey, rugby, tenis... Unha oportunidade para coñecer mellor estas aficións e suscitar o interese dos rapaces por elas. 15



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.