Escultora nacida en Noia no 1943. Iniciouse dende ben pequena no mundo da arte especializándose no deseño de cerámica.
Completou os seus estudos na Escola de Artes e Oficios da Coruña que, posteriormente, ampliou con cursos de cerámica en Barcelona, Girona, Lugo, Altea (Alacant), Faenza (Italia) e na Studio Art University de Minnesota, entre outros. Foi ademais bolseira da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.
É escultora desde 1972. Traballa cerámica, bronce, ferro e escultura de gran formato no exterior. Iniciada na exquisitez espontánea e textural que a cerámica lle ofrece, ensaia despois coa ductilidade do ferro, o bronce e os aceiros, pero sempre dende unha sólida formación filosófica e científica, o que lle permite xogar coa bondade dos materiais e xerar un arsenal maleable e discursivo sempre en constante equilibrio.
Nacida en Ourense no 1974 no seo dunha familia de médicos, a lectura foi parte esencial da súa infancia, xa que contaban cunha biblioteca con máis de 20000 libros.
Coma os seus pais e cinco dos seus irmáns, licenciouse en Medicina. Porén, María non quixo seguir os pasos do seu pai como médico e comezou a mostrar máis interese pola paleo-antropoloxía e a evolución humana. Recibiu o Premio Fundación Caixa Galicia ao mellor expediente de Licenciatura en Medicina ao obter un sobresaliente cum laude. Posteriormente, especializouse en paleo-antropoloxía dental. e completou un Máster en Cooperación Internacional ao Desenvolvemento.
En 1998 pasou a formar parte da equipa de Atapuerca (Burgos), a cal se encarga de investigar os xacementos alí atopados. Actualmente é a directora do grupo de investigación de antropoloxía dental do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH). Asemade, traballa no University College de Londres, motivo polo cal ten o seu domicilio nesa cidade. María é unha das principais expertas en evolución humana e unha das mellores profesionais no ámbito científico do mundo, mais non só sabe de ciencia, escoitala falar é un verdadeiro deleite.
Naceu en 1969 no seo dunha familia de empresarios da Coruña que ocupa o décimo segundo posto na lista Forbes.
Formouse en Dirección de Empresas de Comercio para integrarse nos negocios familiares e foi vicepresidenta de Inveravante e de Fadesa, a compañía inmobiliaria fundada polo seu pai. Foi, asemade, presidenta da firma de moda Caramelo.
Baixo o lema “O segredo do éxito está na humildade”, dirixe o programa Esforza enfocado a persoas con discapacidade. Conta, ademais, cunha fundación que leva o nome da súa defunta irmá, a Fundación María José Jove, que impulsa a acción social a favor da infancia. Por outra banda, desenvolve un proxecto chamado Mirar con Tacto, que axuda a persoas con discapacidade visual, no que se amosa a colección de obras de arte herdada do seu pai. Recibiu unha insignia de ouro concedida pola Sociedade de Pediatría de Galicia e o Premio Nacional a la Mujer Directiva no apartado de Solidaridad y Acciones Humanitarias outorgado por Estrategia Directiva.
Esta deportista de elite naceu en Aldán, Cangas do Morrazo, en 1982. O seu envexable palmarés convértea nunha das mellores deportistas españolas de todos os tempos.
Con 9 anos uniuse ao club de piragüismo da súa vila, onde descubriu a súa vocación. Completou a súa formación académica co grao de Maxisterio en Educación Física e en Fisioterapia. Continúa a adestrarse no Club Ría de Aldán, dirixida por Daniel Brage.
Durante a súa traxectoria profesional, foi quen de acadar 14 medallas no Campionato Mundial de Piragüismo entre os anos 2001 e 2015 e 17 medallas no Campionato Europeo entre os anos 2001 e 2013. Ademais, entre o anos 2000 e 2016 participou en cinco Xogos Olímpicos de Verán, nos que chegou a disputar cinco finais. Acadou un 5º posto en Atenas 2004 (nas probas de K2-500 m e K4-500 m), un 5º posto en Beijing 2008 (K4-500 m), un 4º posto en Londres 2012 (K1-200 m) e un 6º posto en Río de Xaneiro 2016 (K1-200 m).
Naceu no ano 1956 en Santiago de Compostela e foi estudante do IES Rosalía de Castro.
É catedrática de Filosofía, doutora en Filosofía, profesora de Filosofía moral e política da Universidade de Santiago e coordinadora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. A súas liñas de investigación versan sobre filosofía política, teorías da xustiza e teoría crítica feminista.
Dirixiu diversos proxectos de investigación e teses de doutoramento nestas liñas. Na actualidade forma parte do grupo de investigadoras do proxecto: Feminismo, Ilustración y Multiculturalidad: procesos de ilustración en el Islam y sus aplicaciones para las mujeres, dirixido pola doutora Celia Amorós Puente. É autora, entre outros, de Ciudadanía: El debate feminista (2002).
Naceu en Pontevedra no 1928. É a neta do escritor Juan Bautista Andrade e sobriña do empresario, periodista e escritor Valentín PazAndrade. Afirma a familia é sempre moi importante na formación dun individuo.
Doutorouse en Física no 1963 e foi a primeira muller catedrática de Física da USC na especialidade de Termodinámica, a primeira catedrática da Facultade de Física e a primeira profesora agregada da de Química. Nas súas palabras: “Ser muller e competir na universidade é moi duro. Para ser investigador, máis se es muller, hai que ser unha corredora de fondo. Sempre. En Galicia ou en calquera sitio”.
Sempre compaxinou docencia e investigación. Un dos fitos da súa carreira foi a creación e dirección do grupo de prevención e extinción de incendios forestais (grupo THOR), un sistema para predicir o risco de incendios forestais na comunidade galega, no que se inclúen investigadores das tres universidades e do CSIC. Describe o nivel científico de Galicia na actualidade como bo. E é que: “o que queira investigar pode facelo. E se non, sempre nos quedaría saír ao estranxeiro. É un costume sanísimo para a formación científica, intelectual, humana e espiritual” Malia os seus 88 anos segue investigando e acudindo todos os días ao seu despacho da USC. Conta con máis de 300 publicacións científicas ás súas costas. Numerosos premios testemuñan o seu mérito profesional e pertence a múltiples organismos científico-técnicos.
Verónica Codesal, Natalia Codesal, Magali Menéndez e Marisol Palomo, catro galegas residentes en Bruxelas, forman o grupo Ialma. Son fillas de emigrantes e foi nos centros galegos onde se coñeceron e decidiron formar un grupo de cantareiras.
O grupo musical Ialma, referente da música galega na emigración, casa a música tradicional galega con novas versións de cancións actuais levadas ao seu propio estilo. A súa combinación única entre a música pop e a tradición folk galega levounas a crear o que elas denominan como músicas do mundo, conservando unha certa conexión co ámbito celta. Ao longo dos seus 20 anos de traxectoria profesional, cómpre destacar o uso da lingua galega no seu repertorio, que combinan co francés, o inglés, o flamenco... ou incluso unha lingua inventada coa que Verónica Codesal obtivo un segundo posto no Festival de Eurovisión de 2003, pero sempre lembrándose da súa lingua nai. E é que nas súas propias palabras: “Queremos transmitir unha mensaxe positiva sobre o galego como unha lingua que pode ir onde queira".
Naceu no 1965 na Coruña. No 2005 sufriu un ictus cerebral e a súa filla naceu cando ela estaba en coma. Tras unha lenta recuperación, ten que utilizar cadeira de rodas e necesita asistentes para levar a cabo as súas obras.
Estudou Filosofía na Universidade de Santiago. En 1987 trasladouse a Londres coa intención de dedicarse á arte, atraída pola súa actividade cultural. Alí completou a súa formación na Slade School of Fine Art e no prestixioso Goldsmiths College. Na actualidade reside nesta cidade e compaxina a súa faceta artística coa docencia na Oxford University.
Elixida candidata ao premio Turner, na súa obra o lenzo, o bastidor e, ás veces, o marco engúrrase, defórmase, prégase e, finalmente, rompe. Esta profanación deliberada ten unha finalidade: desfacerse da grandiosidade da pintura. Ángela decidiu incorporar obxectos e mobles, moitos deles atopados na rúa, para logo intervir sobre eles. A súa proposta, de forte carga metalingüística, supón un intento de romper o espazo pictórico tradicional. Recorre a unha continua permutación de elementos: lenzos que se utilizan repetidamente, cadros que conteñen outros cadros, pinturas que se converten en obxectos, obxectos que adquiren funcións arquitectónicas... Nos últimos anos, tamén emprega aluminio como material de base para o seu traballo. O material é soldado cunha forma para despois esmagalo, golpealo e distorsionalo.
Filla dun sirio e dunha galega, Leila Nachawati Rego naceu en Santiago de Compostela pero pasou varios anos da súa nenez en Damasco.
Licenciouse en filoloxía inglesa na Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente, viviu tres anos en Kansas (EEUU), onde se formou en crítica literaria. Obtivo a licenciatura en filoloxía árabe na Universidad de Granada e completou un Máster en Cooperación Internacional ao Desenvolvemento.
Na actualidade, exerce como profesora de xornalismo na Universidad Carlos III (Madrid). Como especialista en Oriente Medio, colabora con medios como eldiario.es, El Mundo, Global Voices, Open Democracy ou Al Jazeera English. É, asemade, responsable de comunicación da rede internacional de dereitos humanos Association for Progressive Communications (APC). En 2013 fundou conxuntamente con xornalistas e deseñadores sirios o portal SyriaUntold, no que desenvolve o seu labor como tradutora de textos ás linguas árabe e inglesa. Ambientada na revolución siria de 2011, a súa primeira novela, Cuando la evolución termine, réndelle homenaxe a este pobo que sofre os devastadores efectos da guerra.
Esta doutora en Filoloxía clásica naceu en Betanzos. É profesora titular na Universidade de Santiago no departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana.
Os seus principais traballos de investigación céntranse no estudo da lingua e literatura gregas. Na actualidade é membro activo do Grupo de Investigación de Filoloxía Clásica, que se dedica ao estudo de textos grecolatinos.
Conta con numerosas publicacións, entre as que destacan as súas traducións de obras clásicas ao galego e os seus estudos sobre as pegadas do mundo grego na literatura galega. Dende hai anos é a encargada de xestionar o Festival de Teatro Greco-Latino en Galicia, dependente da Sociedade Española de Estudios Clásicos. O seu labor de coordinación e organización permite que estas xornadas de teatro, que moven a milleiros de alumnos de secundaria a Lugo, a Ourense e á Coruña, se celebren cada ano dende hai xa dezaseis. Grazas ao seu entusiasmo, a un permanente diálogo con institucións, entidades privadas e públicas, concellos e centros educativos, ponse en valor o patrimonio romano en Galicia, e o mundo clásico están máis preto da sociedade galega.
Esta produtora que puxo a Galicia no mapa cinematográfico naceu no Grove no 1975 pero reside e traballa na Coruña.
Levou a cabo parte dos seus estudos de Secundaria e Bacharelato no IES A Pontepedriña. Licenciouse en Historia e Xornalismo na Universidade de Santiago. Cando realizou o Máster Audiovisual de La Voz soubo a que se tiña que dedicar: á produción. Converteuse, así, nunha das poucas mulleres produtoras no noso país.
No ano 2003 Emma Lustres xunto con Borja Pena fundan a produtora galega Vaca Films. A partir de entón son unha referencia no cine galego e nacional con títulos tan significativos como El Desconocido, El Niño, Cien años de perdón, Extinction ou Celda 211, gañadora de oito Goyas e un dos maiores éxitos do cine español. O seu obxectivo é facer cine desde Galicia con películas que poidan competir en calquera mercado internacional. Nas súas propias palabras: “só os soñadores moven o mundo”.
María Lado (Cee, 1979) é titulada en Produción Audiovisual, e cursou estudos de Filoloxía Galega. Comezou a escribir no núcleo do Batallón Literario da Costa da Morte. Colaborou en diversas revistas poéticas galegas e peninsulares (Vieiros, Dorna, Coméntario). É poeta, narradora, tradutora e actriz. Lucía Aldao (A Coruña, 1982) é unha das renovadoras dos recitais en Galicia. Colabora co colectivo Maribolheras Precárias e con Carlos Blanco no seu espectáculo Dillei. É membro de Somos unha Potensia e estrela do circuíto de músicos alternativos en numerosos escenarios do país.
En 2005, xuntáronse para darlle forma ao espectáculo poético denominado Onde estea un cubata que se quite un soneto. Volveron colaborar no proxecto Moita poesía, pouca diversión e, por último, presentaron Con dez poemas por barba, no que nos contan as súas hilarantes experiencias como poetas, rin das súas miserias intimas e cantan as súas cancións preferidas. Para Lucía Aldao e María Lado, a lectura de poesía non pode ser algo que adormeza ao espectador. Por iso, os seus recitais buscan a comunicación aberta co público. Non falta a música en directo, os xogos e as historias pero, sobre todo, hai comunicación poética pura e verdadeira. É un espectáculo para emocionar a aqueles que odian a poesía.
Esta matemática galega naceu en Vigo no 1960. Gústalle definirse a si mesma como nai, profesora e investigadora.
É catedrática de matemática aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) especializada en modelado matemático, análise matemática e simulación numérica en modelos de física, enxeñaría e ciencias aplicadas e directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI). Doutorouse ademais na Universidad Autónoma de Madrid e no Laboratoire Jacques-Louis Lions da Universidade París VI.
Ao longo da súa carreira combinou o ensino coa investigación sobre transferencia e xestión de coñecementos. Desenvolveu importantes estudos de investigación e participou en máis de cen proxectos centrados na translación das matemáticas ao ámbito industrial. A súa investigación en modelos matemáticos centrouse na termodinámica dos sólidos que utilizan leis de comportamento lineal e non lineal, como as de Hooke Norton, e na análise de fendas e a súa detección mediante ondas Rayleigh. Foi coordinadora do CESGA durante tres anos (2009-2012) e directora do Instituto Tecnolóxico de Matemáticas Industriais. No ano 2016 recibiu o Premio María Josefa Wonenburger Castells polos seus avances na transferencia das matemáticas á sociedade, especialmente á industria.
Esta gaiteira referente da música internacional naceu en Ourense en 1980. É a menor de catro irmás e comezou a tocar a gaita cando só tiña catro anos.
Comezou a súa formación musical no Conservatorio de Ourense. Acadou a Titulación Superior de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara no Liceu de Barcelona. Posúe ademais un Máster en Artes Dixitais da Universitat Pompeu Fabra. Anos máis tarde, doutorouse en Musical Arts in Collaborative Piano na Rutgers University (EEUU).
Galardoada coa bolsa Edna Mason e o premio Irene Alm Memorial á excelencia como investigadora e intérprete, foi a primeira muller galega en gravar un disco en solitario como gaiteira en Galicia e en España, ao rexistrar o seu primeiro álbum, Tolemia. Logo virían outros: Xilento (2001), The Galician Connection (2010), Migrations (2013), Rústica (2015) e Latina (2015). Destacan as súas colaboracións con artistas como Evia, The Chieftains ou Yo Yo Ma, con Songs of Joy and Peace (traballo polo que lle outorgaron o Premio Grammy no 2010) e Silk Road Ensemble con Off the Map. Despois de seis anos impartindo cursos de verán, este ano será docente na Harvard University, dentro do programa “The Blodgett Distinguished Artist in Residence”. Co seu grupo, Silk Road Ensemble acaba de gañar o Grammy 2017 ao Mellor Álbum Musical do Mundo, Sing me home.
Naceu en Carrizo de Ribera (León) en 1958 no seo dunha familia humilde. Seguiu o consello paterno segundo o cal: “Se queres ser libre, tes que ser independente e facer o que che gusta”.
É licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela. Posúe un Máster en Farmacia e doutorouse en Tecnoloxía Farmacéutica no 1985. Asemade traballou no Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT) xunto a Robert Langer, o maior especialista en nanomedicina do mundo. Conta con 235 publicacións científicas, que lle permitiron alcanzar o noveno posto no ránking internacional Times Higher Education (Thomson Reuthers).
Impulsou o desenvolvemento de nanoestruturas que sirvan de vehículo para os fármacos de modo que estes poidan chegar ao seu lugar de acción dun xeito máis seguro e directo, avance que permite mellorar tanto as vacinas coma os fármacos empregados na actualidade. Algúns dos seus proxectos máis importantes son a investigación para achar unha vacina nasal para a hepatite B, a busca da vacina para o SIDA e o papiloma humano, o deseño de tratamentos selectivos contra o cancro ou o perfeccionamento do tratamento doutras patoloxías como a diabetes. Múltiples publicacións nas revistas máis prestixiosas do mundo, todos os órganos e institucións das que forma parte e varios premios nos últimos anos ademais de diversas patentes farmacéuticas testemuñan a súa valía profesional.
Estas mulleres merecen recoñecemento porque: Ao elixir estudar unha carreira de índole técnica desafían as estatísticas que indican que as mulleres escasean nesas áreas. Crean, descobren e inventan, polo que fomentan ferramentas clave do desenvolvemento científico, económico e social. A súa meta é superarse e desmontar prexuízos.
Esta ourensá licenciada en informática pola Universidade de Vigo é a directora de bases de datos Oracle na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra.
Naceu en Ourense e licenciouse en física na Universidade de Santiago. Posteriormente, doutorouse na Northwestern University e, tras obter o Research fellowship do CERN, está a traballar no experimento ATLAS do acelerador europeo de partículas.
Nacida en Val do Dubra, doutorouse en Física de partículas na Universidade de Santiago. Dende o Laboratório de Instrumentação e Física Experimental de Partículas de Lisboa, participa nos experimentos do detector ATLAS no grande acelerador do CERN.
Naceu en Ourense e doutorouse en Física na Universidade de Santiago, onde é docente. Forma parte do grupo de Fenomenoloxía que participa no experimento Alice, o grande colisionador de ións.
Son alumnas da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) da Universidade da Coruña. Acaban de ser premiadas nos Emiratos Árabes por idear un prototipo de Dron para transporte de órganos entre hospitais.
“Eu non desexo que as mulleres teñan poder sobre os homes, senón sobre elas mesmas”. (Mary Wollstonecraft) “A proba para saber se podes ou non facer un traballo non debería ser a organización dos teus cromosomas” (Bella Abzug) "Non hai barreira, pechadura nin ferrollo que poidas impoñer á liberdade da miña mente". (Virginia Woolf) “Non son os dous sexos superiores ou inferiores uno ao outro. Son, simplemente, distintos” (Gregorio Marañón) “Chamar á muller o sexo débil é unha calumnia, é a inxustiza do home cara a muller” (Mahatma Ghandi)
Equipa de Dinamización Lingüística