4 minute read
Equipos
Advertisement
BIBLIOTECA SUSO CUBEIRO BIBLIOMARQUIÑOS
Comezo este artigo coa desilusión de non poder centralo no novo espazo da nosa biblioteca. Pero como todas e todos sabedes os tempos nunha obra varían por múltiples razóns, polo que imos ter que esperar a falar desta novidade no blog. Vivir un curso cunha biblioteca sen espazo para a biblioteca supón un gran reto para un equipo, pero ao mesmo tempo unha multitude de posibilidades de cambio e versatilidade. Ao que temos que sumar a experiencia do curso anterior.
Se ben a biblioteca escolar debe ser a alma dun centro educativo, este curso foi a alma e o corpo, xa que os materiais e os proxectos que a conforman estiveron repartidos por todo o centro. Mais isto non impediu que o profesorado seguise coa súa labor de animación á lectura, alfabetización informacional, robótica, radio,… Nin o alumnado perdeu a súa motivación por levar a cabo estas actividades nin por participar nos proxectos que se propoñen.
“A biblioteca escolar ten a palabra” é o lema que a Asesoría de bibliotecas escolares escolleu para este curso 2021/2022. E ben é certo. A biblioteca ten a palabra. A palabra escrita nos libros que cada curso imos escollendo para ampliar os nosos fondos, para encher as mochilas viaxeiras, que este curso puideron volver saír, nas recomendacións de lectura que cada fin de trimestre Marquiños leva ás vosas casas e nas lecturas do club lector, unha das novidades deste ano, así como nos traballos de investigación.
Ten a palabra falada, nas conversas arredor dos libros, do xadrez, na radio, no club da lingua galega, nos debates, na música, nos xogos, no “amigo/a maior”. Nas historias dos nosos maiores, tan importantes para saber de onde vimos e que conforman esa parte imprescindible do noso patrimonio, o inmaterial. Historias, lendas, contos, cantigas, formas de facer e ser que foron chegando até hoxe no quentiño das lareiras e que debemos aprender a recoller e a repectar. Mais tamén é importante que saibamos transmitir para ser quen de conservar.
Pero a palabra, na actualidade, vai acompañada doutras formas e linguaxes. A imaxe, o cine, as artes plásticas, a programación, e todo isto entra na biblioteca a través da robótica, dos retos steam, da creación astística, da danza, dos obradoiros de cine, ...
A biblioteca xa non é o lugar onde gardar os libros. É o espazo de creación, de información e de transmisión. O espazo dos soños, da imaxinación e das palabras.
E xa para rematar, se ben é certo que dende a biblioteca se fan moitas cousas, estas non serían posibles sen o traballo coordinado e interrelacionado dos equipos de dinamización. Aspecto que persegue o equipo directivo dende que comezou a súa andaina neste centro. E se falaba de desilusión ao inicio deste artigo, agora teño que dicir que estou moi ilusionado por este traballo coordinado e pola implicación e acollida por parte do profesorado e do alumnado das actividades da biblioteca así como da colaboración das familias e resto da comunidade educativa. Tamén, porque nas últimas xornadas do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares de Galicia, chamáronnos para contar a nosa experiencia de voluntariado dende a biblioteca escolar, o que supón toda unha honra para o noso equipo.
Sendo conscientes de que nos queda moito por aprender e por facer, e sen perder a ilusión por todo o que poderemos levar a cabo no novo espazo que temos por estrear, despídome de vós en nome de todo o equipo invitándovos a seguir as nosas andanzas no blog e no Twitter.
Diego G. Agilda Pedreira
Leila Alberte Miguélez
Yago Ríos Liz