A LÍRICA
A lírica inclúe as obras nas que un autor expresa o seu mundo de sentimentos. A devandita emoción consiste nun estado de ánimo producido por impresión dos sentidos, determinadas ideas, sentimentos, recordos, fantasías. Aínda que a linguaxe en verso non é exclusiva da lírica, foi sempre un trazo característico. A musicalidade estivo relacionada con ela desde os comezos. A propia palabra lírica remite á orixe do xénero en composicións escritas en Grecia para seren cantadas con lira. LÍRICA DE TRANSMISIÓN ESCRITA
TRAZOS DA LINGUAXE POÉTICA
Sendo a linguaxe da lírica eminentemente expresiva, a maior parte dos recursos da lingua literaria afectan á palabra poética, abundante en tropos e figuras literarias. Tropos e figuras son medios de ordenar as peculiaridades semánticas, morfosintácticas e fónicas que adoptaba a elocución literaria, pero os tropos e as figuras delimitadas espacialmente non crean nin definen un texto nin o carácter literario deste. Obteremos un texto poético cando esa serie de recursos unido a outras relacións que se dan dentro do poema teñan o grao de coherencia e organización interna suficiente para a revelación e expresión da interioridade do poeta. A presentación gráfica do texto seguinte e o coñecemento previo das características sinaladas constitúen as primeiras pistas para estudar os aspectos fundamentais da lírica. Cando penso que te fuches, negra sombra que me asombras, ao pé dos meus cabezales tornas facéndome mofa. Cando maxino que es ida na mesmo sol te me amostras, i eres a estrela que brilla, i eres o vento que zoa. Si cantan, es ti que cantas; si choran, es ti que choras, i es o marmurio do río, i es a noite i es a aurora. En todo estás e ti es todo, para min i en min mesma moras, nin me abandonarás nunca, sombra que sempre me asombras. (Rosalía de Castro, Follas novas)
1. Recursos expresivos do texto poético
Desta primeira lectura podemos observar como o texto poético se distingue de calquera forma literaria por presentar un tipo de organización lingüística moi peculiar, peculiaridade que se consegue mediante repeticións ou redundancias nos distintos niveis da linguaxe. Este procedemento repetitivo obtense emparellando dúas ou máis unidades (fonemas, palabras, sintagmas, etc.) polo que se designa este procedemento como emparellamento (Samuel R. Levin, 1974). Á súa vez, dúas palabras son equivalentes cando pertencen ao mesmo paradigma: así fonemas con fonemas (paradigma fonolóxico: negra sombra que me asombras, facéndome mofa, i en min mesma moras, etc.), substantivos con substantivos, verbos con verbos, etc. (paradigma morfolóxico: estrela que brilla, vento que zoa, etc.) e dúas palabras referidas a unha mesma noción (paradigma semántico: cando penso que te fuches, cande maxino que es ida, etc.). A equivalencia pode ser, como vemos, de son, de sentido ou de ambas á vez en posición comparables (dentro dunha mesma oración) ou