PERSÉPOLIS Persépolis (2007) é un filme de animación realizado por Marjane Satrapi en colaboración con Vincent Paronnaud. Está baseada no cómic do mesmo título, realizado Satrapi e publicado en Francia entre 2000 e 2003.
SINOPSE Persépolis é unha historia autobiográfica que comeza en Irán en 1979, cando a autora ten nove anos e vive un cambio social e político importante: a caída do Sha de Persia e a revolución islámica liderada polo Ayatolah Jomeini. Case na adolescencia, trasládase a Austria para cursar estudios no Liceo Francés de Viena, a instancias dos seus pais, unha familia de clase media que quere que Marjane reciba unha educación máis liberal. En Europa coñece outra cultura e outro modo de vida, pero a súa integración non será fácil. Marjane decide regresar e, xa en Irán, decátase de que a vida baixo un réxime islámico non é doada e que segue a ter problemas de adaptación. Máis información www.guiadelcomic.com/comics/persepolis.htm www.vertigofilms.es/persepolis/
IRÁN, UN POUCO DE HISTORIA A República Islámica de Irán foi coñecida dende o I milenio a. C. ata 1935 como Persia. - III milenio a. C.: Imperio Elamita. Aparece unha forma de escritura en Susa (sueste de Irán). - II milenio a. C.: pobos iranios (indoeuropeos) establécense na meseta de Irán. - I milenio a. C.: - S. VI créase o Imperio Persa baixo o mandato de Ciro II o Grande, da dinastía do Aqueménidas, quen extende o seu poder ata o mar Mediterráneo. - S. V a. C. Darío I reorganiza a administración do Imperio e ataca as cidades gregas de Asia Menor. Teñen lugar as Guerras Médicas entre Persas e Gregos, nas que estes resultan vencedores. - s. III a. C. Alexandre Magno invade e conquista o Imperio Persa e adopta costumes orientais. Na súa campaña queima e saquea a cidade de Persépolis, unha das capitais do Imperio Aqueménida, con magníficas construccións palaciais. Trala morte de Alexandre (323 a. C.), os seus xenerais repártense o seu Imperio, formando parte Irán do Imperio Seléucida. - S. III d. C. créase o Imperio Sasánida, que tenta recuperar a antiga gloria dos Aqueménidas. Prodúcense enfrontamentos co Imperio Romano. Persépolis. IES de Melide. Páx. 1