4 minute read
Novas breves
A acuicultura ecolóxica xa ten a súa sede en Vilanova de Arousa
O Consello inaugurou o 30 de setembro unha nova sede na Pantrigueira (Vilanova de Arousa, Pontevedra). No acto estiveron presentes o presidente do Craega, Francisco López Valladares, e o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida.
Ante o crecemento que ten a acuicultura ecolóxica en Galicia, o Craega apostou por crear este espazo para darlles servizo a todos os agricultores e acuicultores da provincia de Pontevedra e así evitar os seus desprazamentos ata a sede central, situada en Monforte de Lemos. Desde o Consello consideran fundamental contar con este local, “posto que a acuicultura está a crecer moito, a produción de mexillóns, algas e conservas están a ter moita importancia nos últimos anos”, indicou o presidente.
Os alimentos eco tamén estarán nos “Comedores Responsables” nas residencias de maiores
A comezos do mes de outubro, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, deu a coñecer na residencia pública de Campolongo (Pontevedra) a primeira edición da campaña denominada “Comedores Responsables” orientada ás residencias de persoas da terceira idade de Galicia, co fin de impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos ecolóxicos, que serán proporcionados polo Craega, e con indicativo de calidade nestes espazos. Esta iniciativa, que promove a Xunta de Galicia e coordina Slow Food Compostela, ofreceralles formación e asesoramento aos responsables de cociña da man de Agacal.
Polo de agora, beneficiaranse uns 600 residentes dos centros Divina Pastora (Vilagarcía de Arousa), a residencia Hermanos Prieto (O Carballiño), a residencia de anciáns de San Marcos (Santiago de Compostela) e a residencia da terceira idade de Campolongo (Pontevedra).
A mellor agricultura ecolóxica feminina está en España
O 23 de setembro, representantes das institucións europeas e do sector ecolóxico entregaron os primeiros Premios Ecolóxicos da Unión Europea (UE), no marco da celebración do Día da Agricultura Ecolóxica da UE. Oito gañadores de sete categorías recibiron o seu premio nunha cerimonia organizada pola Comisión Europea e celebrada en Bruxelas.
En xullo de 2022 anunciáronse 24 finalistas preseleccionados para 8 premios en 7 categorías. Foron elixidos entre máis de 200 candidaturas procedentes de 26 Estados membros. Cabe destacar o único premio que veu para España, na categoría de Mellor Agricultura Ecolóxica Feminina, que foi para Nazaret Mateos Álvarez, quen dirixe un centro de produción ecolóxica de cogomelos no norte da península. Esta emprendedora desenvolveu un método de cultivo único que maximiza a calidade do produto, á vez que minimiza os insumos e reduce drasticamente o consumo de auga.
Xornadas formativas de outono sobre as axudas da PAC e a gandería eco
A Asociación para o Desenvolvemento Rural da Produción Ecolóxica de Galicia (Deproeco) e Agronovo Ecoloxía, en colaboración coa Caixa Rural Galega, organizan varias xornadas informativas en diferentes concellos da comunidade, en horario de 10:00 a 13:00 h. As temáticas centraranse nas axudas da PAC 2023-2027 e na gandería ecolóxica.
O eixe central destas xornadas é informar aos produtores das novidades da PAC 2023-2027, especificando os requisitos e condicionantes para poder cobrar as axudas neste novo período, así como informar sobre os requirimentos normativos da produción gandeira ecolóxica: como producir, situación actual do mercado e o proceso de conversión á produción ecolóxica.
Inscrición gratuíta a través do correo electrónico asociacion.dpe@gmail.com ou do teléfono 698 956 453
O Craega asiste ao Galicia Fórum Gastronómico e a Expolugo
O 27 de setembro o Craega achegouse ata Galicia Fórum Gastronómico, o grande evento gastronómico internacional que tivo lugar en Expo Coruña, para presentar a degustación elaborada con produtos ecolóxicos e dar a coñecer o que é a certificación eco ante o público asistente. Para elaborar os pratos, aos fogóns estivo José Manuel Mallón, de Espazo Remollo (Ames, A Coruña). Esta actividade formou parte do programa da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Xunta de Galicia.
Por outra banda, na fin de semana do 8 e 9 de outubro o Craega contou cun stand na mostra agrogandeira Expolugo A Rural, que se desenvolveu no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e que coincidiu coa celebración das festas de San Froilán.
O DOG anuncia os requisitos para que os comercializadores retallistas de produtos eco a granel queden exentos de certificación eco
O Diario Oficial de Galicia (DOG) n.º 179 do 20 de setembro de 2022 publicou a Orde da Consellería do Medio Rural (12/09/2022) pola que se establecen normas en relación coa comercialización dos produtos ecolóxicos no mercado retallista e, especificamente, fíxanse determinadas exencións en relación cos requisitos que, con carácter xeral, deben cumprir as persoas operadoras que realizan esta actividade.
Así, todos os operadores que lles vendan produtos ecolóxicos envasados directamente ás persoas consumidoras finais quedan exentos da obriga de notificación da súa actividade ao Craega e de estar en posesión do certificado esixible aos operadores ecolóxicos.