1 minute read

2021 | Vaca Pinta n.º 25 | 3

UN SECTOR

DE CALIDADE

Advertisement

Chega o verán e con el unha nova edición de Vaca Pinta. Como cada mes de xuño, a revista pon o foco na calidade do leite e, con motivo deste especial, queremos aproveitar este espazo para poñer en valor o papel de figuras que foron clave para os grandes avances que se acadaron nos últimos tempos.

Facémolo, fundamentalmente, abordando a traxectoria de Marisa Barreal, quen, ata finais de maio, exerceu como directora técnica do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, pero tamén a través das nosas tradicionais reportaxes e artigos técnicos, e repasando as últimas novidades.

O bo facer e as ganas de avanzar foron o leitmotiv dese grupo de persoas que, xuntas, traballando cada unha no seu ámbito de especialización, lograron que o sector puidese dar, a nivel técnico e de profesionalización, este gran salto de calidade nas últimas décadas. Din que o máis difícil é abrir camiño, e debe ser certo, porque detrás delas, por sorte, chegaron outras tantas que decidiron seguir os seus pasos.

Por suposto, todo isto carecería de sentido se non tivesen ao outro lado produtores abertos a cambios e dispostos a prestar atención a correccións que non sempre foron fáciles de asumir. Escoitástelos, debatestes e presentastes as vosas suxestións cando o considerastes conveniente.

Este sector é exemplo de moito, e nos últimos meses deixouno patente, pero quizais algo que aínda non se valora o suficiente sexa a excelente interrelación que existe entre os seus diferentes membros: sodes conscientes da utilidade e da necesidade de cada un dos elos, respectades o labor do outro e acudides aos axentes precisos para resolver problemas e dúbidas... Xa quixeran moitos gremios ter así de interiorizada esta simbiose tan necesaria.

Sen dúbida, sempre se pode mellorar e aínda queda camiño por andar (especialmente no que respecta ao recoñecemento social), pero é importante valorar o que se conseguiu, non vos parece? Por iso, aquí queda o noso recoñecemento, non só polo voso esforzo por producir un alimento de primeira, senón tamén por darlle forma a un sector profesional e da máxima calidade humana.

This article is from: