10 minute read
Seragro clausurou as súas XVIII Xornadas Técnicas con máis de 900 persoas inscrita Afrile celebrou a oitava edición da súa
Seragro clausurou as súas XVIII Xornadas Técnicas con máis de 900 persoas inscritas
Os módulos 4 e 5 das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, os últimos desta edición, foron emitidos os días 18 e 19 de novembro a través de xornadasseragro.com. O cuarto módulo puxo o foco na saúde da recría, mentres que o quinto se centrou na sustentabilidade da produción láctea.
Seragro apostou este ano por organizar as súas xornadas técnicas de maneira integramente online. Entre a primeira emisión, que tivo lugar o 18 de setembro, e a última, celebrada a mediados de novembro, a cooperativa recibiu máis de 900 solicitudes de inscrición para poder seguir as sesións en directo, as cales se poden volver ver agora en diferido e en aberto na súa web.
A SAÚDE DESDE O PRIMEIRO DÍA
O cuarto módulo centrouse na saúde desde o primeiro día e o encargado de dar comezo á sesión foi Ángel Abuelo, veterinario e profesor de Sanidade e Benestar do Gando na Universidade Estatal de Michigan (EE. UU.). Abuelo falou sobre o primeiro día da recría, que se considera o máis importante. “A saúde da recría comeza co manexo da vaca seca. Ademais, as xatas nacen cun sistema inmunolóxico completo, pero inmaturo”, resaltou durante a súa exposición o experto. Juan José Sánchez, do Servizo de Podoloxía de Seragro SCG, pechou esta cita cunha charla na que abordou a importancia de coidar a saúde podal dos animais desde as primeiras idades. “É moi recomendable incorporar nas granxas un servizo de podoloxía e que este conte cun programa de recollida de datos con técnicos ben formados, que lles dean importancia e os interpreten correctamente para previr e buscar solucións aos problemas podais do rabaño”, expuxo Sánchez.
Despois de finalizar as intervencións dos oradores, tivo lugar unha rolda de preguntas moderada polo técnico do Servizo de Podoloxía de Seragro Francisco González, na que Abuelo e Sánchez responderon as preguntas dos espectadores. Que facer cando non se dispón de pasos para facer os baños na recría, a importancia dos datos de podoloxía, a vacinación intranasal ante as pneumonías, a influencia do material da cama na dermatite, as posibilidades que ofrece o calostro ou como actuar ante casos reiterados de pneumonía nas primeiras idades foron algunhas das cuestións que se puxeron sobre a mesa.
UNHA PRODUCIÓN SOSTIBLE
Fernando Estellés, profesor de Ciencia Animal e Tecnoloxía da Universidade Politécnica de Valencia (UPV), abriu a cita expoñendo a magnitude real do problema que supoñen as emisións nas ganderías de produción de leite. “Esta é unha actividade que ten un impacto sobre o medio, pero está xustificada a presión que está a recibir o sector?“, cuestionou. A pesar dos impactos que presenta a produción animal desde o punto de vista do consumo de recursos e a produción de contaminantes, para Estellés a falta de contexto dos datos que se utilizan pode levar a magnificar o problema. “A gandería ten que contribuír a reducir as emisións de gases e ser máis eficiente ambientalmente, pero sempre desde un punto de vista realista e científico”, expuxo durante a súa intervención.
Ángel Abuelo e Juan José Sánchez interviñeron no cuarto módulo
COMO CLAUSURA, EMITIUSE UN VÍDEO CON IMAXES E FOTOGRAFÍAS DE MÁIS DE MEDIO CENTO DE PERSOAS BRINDANDO COS SEUS VASOS DE LEITE
Seguiuno David Yáñez, investigador científico do CSIC na Estación Experimental de Zaidín (Granada), que explicou que as granxas de leite, sobre todo as ligadas ao terreo cun compoñente de pastoreo e produción de alimentos propios, teñen un rango de posibilidades moi interesante para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. “As actuacións encamiñadas á redución de emisións pódense aplicar tanto na xestión do rabaño como na alimentación do animal e están asociadas na maioría dos casos a unha mellora da eficiencia produtiva da explotación”, recalcou o relator.
Seguindo o fío de Yáñez, Fernando Vicente, investigador do Serida, centrou o seu relatorio nas posibilidades de redución de emisións no campo. Advertiu que “para conseguir un sistema de produción de leite de vacún de calidade e sustentable adaptado ás condicións da cornixa cantábrica, é preciso xestionar a produción forraxeira en liña cos requirimentos da Política Agraria Común da Unión Europea, o Pacto Verde Europeo e as novas demandas sociais”. Para o experto é necesario, por tanto, “fomentar a alimentación dos animais con forraxes producidas na propia explotación co propósito de avanzar no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable de Nacións Unidas incluídos na Axenda 2030”.
Como en cada unha das sesións anteriores, a audiencia tivo a oportunidade de formular as súas preguntas aos relatores. Nesta ocasión, o encargado de moderar foi José Luís Míguez, do Servizo de Calidade de Leite de Seragro, e, entre os temas abordados, atopábanse peticións da audiencia para poder presentar argumentos firmes á hora de defenderse ante os ataques que reciben relacionados coa contaminación. Tamén se fixo alusión aos intereses ocultos tras a mala fama que se lle está dando ultimamente ao sector produtor e falouse da validez do sistema de cálculo da emisión de CO2/vaca. Así mesmo, enumeráronse consellos para mellorar a estrutura franca do chan e aludiuse á utilidade real do cambio da soia por colza para reducir problemas ambientais e á ensilabilidade e as vantaxes de apostar por incluír a faba na alimentación.
Na última sesión participaron Fernando Estellés, David Sánchez, Fernando Vicente e José Miguel Mulet OS MITOS LÁCTEOS E O TRADICIONAL BRINDE DO LEITE, COMO PECHE
Para clausurar esta sesión, presentouse a charla de José Miguel Mulet, catedrático en Biotecnoloxía da UPV e divulgador científico, sobre os mitos sobre a saúde e a sustentabilidade asociados ao consumo de leite. “O leite é un alimento básico e fundamental, a gandería é unha actividade esencial para o mundo rural, ademais de ser un dos motores económicos do país. Como exemplo temos os meses de confinamento, cando, malia estar todo parado, non houbo desabastecemento de alimentos porque a gandería e a agricultura seguiron traballando a pleno rendemento; iso non hai quen o negue”, destacou no seu relatorio.
É tradición destas xornadas que, como peche, a organización convide os asistentes a subir ao escenario para brindar con leite polo sector. Este ano, a pesar de celebrar todo o evento en dixital, non quixeron esquecer esta dinámica, para a que, nesta ocasión, solicitaron a colaboración previa de relatores e inscritos. Deste xeito, como clausura do acto emitiuse un vídeo recompilatorio coas imaxes e fotografías de máis de medio cento de persoas brindando cos seus vasos de leite.
Cales foron os temas centrais dos últimos relatorios de Hipra sobre muxido robotizado?
De setembro a mediados de decembro, en Hipra puxemos á túa disposición La Hora del Robot, un espazo no que veterinarios expertos en calidade de leite e técnicos das principais casas de robots contestan a todas as túas dúbidas sobre os robots de muxido. Estes foron os puntos centrais das últimas charlas emitidas.
CUARTA XORNADA, CON ANA DE ANTA E VÍCTOR JORGE
Os portavoces de Gea Ana de Anta e Víctor Jorge participaron nunha nova emisión, na que se afondou nos puntos fortes do robot e a sala rotativa e se abordaron os factores clave para que o robot funcione correctamente.
ANA E VÍCTOR EXPLICARON QUE…
• Ao enfrontar as características dun robot e dunha rotativa tamén se debe ter en conta que se trata de sistemas de traballo distintos e que haberá que escoller un ou outro en función das expectativas do cliente. Como vantaxe fundamental na comparativa, sinalan que os sistemas robotizados achegan maior control e supoñen un traballo menos físico. • O batch milking –muxido por lotes– pode ser unha boa solución para o muxido en grandes explotacións. • Á hora de poñer en marcha un robot, é clave ter en conta as instalacións nas que se vai a colocar o robot (faremos unha obra nova?, necesitaremos adaptarnos ao que temos?). • Aspectos como ter corredores anchos, chans non esvaradíos, cuadras ben aireadas ou o robot situado nunha zona ben ventilada son aspectos de benestar animal que debe ter en conta calquera granxa. • A saúde podal en robot é básica, polo que o ideal sería deseñar unha zona na explotación na que se poida atender os animais con necesidades especiais neste sentido.
PICA AQUÍ PARA ACCEDER AO VÍDEO RESUMO COS TEMAS CENTRAIS DE TODAS AS EMISIÓNS!
Borja Apellaniz e Jorge Eseverri, veterinarios de Albaikide, foron os quintos participantes de La Hora del Robot. Na súa charla falouse, entre outros temas, de mastite, de patóxenos e prevalencias e dos tipos de camas máis axeitadas para animais que se moxen en robot.
BORJA E JORGE DESTACARON QUE…
• Ao pensar na transición do muxido convencional ao muxido robotizado, débese ter en conta que, ademais de que vai supoñer un incremento na produción de leite, tamén hai que valorar que a man de obra poderá dedicar a súa xornada a atender a outras tarefas da granxa que antes estaban máis descoidadas. • É importante ter claro que a instalación dun robot implica necesariamente un cambio de mentalidade á hora de xestionar a granxa, que vai desde a identificación de animais enfermos, ata a selección dos touros máis apropiados. • Sabendo que todos os animais pasan polo mesmo punto de muxido, débese prestar máis atención ao status sanitario do ubre. • Son máis partidarios dos cubículos porque, segundo a experiencia dos gandeiros cos que traballan, os resultados son moi positivos. Tamén están moi instauradas na súa zona as serraduras e a palla con carbonato, pero, en especial esta última, parécelles un sistema máis sucio e con maior risco de incidencia de mastite. • Segundo a súa experiencia, implantar un separador e aproveitar correctamente a fracción sólida do esterco como material de cama dá bos resultados. • Apenas se toparon coa presenza de patóxenos maiores en granxas con robot. • O concepto de que o muxido robotizado implica un aumento no reconto de células somáticas ou na incidencia de mastite é algo que vén das primeiras xeracións de robots e que xa non aplica.
As porcentaxes de descarte de vacas e os puntos críticos á hora de instalar un robot foron dous dos temas centrais que abordaron os técnicos de DeLaval Antonio Lenza e Juan Carlos López na súa intervención nestes coloquios.
ANTONIO E JUAN CARLOS SUBLIÑARON QUE…
• O número de vacas de refugallo é cada vez menor a medida que os robots se van perfeccionando. • Hai que buscar un equilibrio para que a máquina sexa cómoda para a vaca e que, ao mesmo tempo, sexa fácil para o gandeiro traballar con ela. • É interesante dividir a distribución da nave entre zona de alimentación e zona de descanso. Iso permitirá facer diferentes tráficos no caso de que sexa necesario, posibilitará un mellor manexo e deixará unha maior superficie útil para os animais. • É importante, á hora de instalar o robot, colocalo nunha zona na que non vaia a obstaculizar o crecemento da granxa. • A máquina debe estar situada de tal maneira que se poida modificar o tráfico sen cambiala nin facer grandes cambios na nave. • Se é posible, débese contar cunha sala de espera para un mínimo de seis vacas e dunha área de separación postmuxido para ter a opción de apartalas cando sexa necesario. • Complementos como o arrimador de comida, o pediluvio ou os cepillos rascadores contribúen a que todo funcione de maneira equilibrada na granxa.