A C T U A L I DA D E
GRAZAS!
Seragro clausurou as súas XVIII Xornadas Técnicas con máis de 900 persoas inscritas Os módulos 4 e 5 das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, os últimos desta edición, foron emitidos os días 18 e 19 de novembro a través de xornadasseragro.com. O cuarto módulo puxo o foco na saúde da recría, mentres que o quinto se centrou na sustentabilidade da produción láctea.
S
eragro apostou este ano por organizar as súas xornadas técnicas de maneira integramente online. Entre a primeira emisión, que tivo lugar o 18 de setembro, e a última, celebrada a mediados de novembro, a cooperativa recibiu máis de 900 solicitudes de inscrición para poder seguir as sesións en directo, as cales se poden volver ver agora en diferido e en aberto na súa web.
A SAÚDE DESDE O PRIMEIRO DÍA O cuarto módulo centrouse na saúde desde o primeiro día e o encargado de dar comezo á sesión foi Ángel Abuelo, veterinario e profesor de Sanidade e Benestar do Gando na Universidade Estatal de Michigan (EE. UU.). Abuelo falou sobre o primeiro día da recría, que se considera o máis importante. “A saúde da recría comeza co manexo da vaca seca. Ademais, as xatas nacen cun sistema inmunolóxico completo, pero inmaturo”, resaltou durante a súa exposición o experto.
Juan José Sánchez, do Servizo de Podoloxía de Seragro SCG, pechou esta cita cunha charla na que abordou a importancia de coidar a saúde podal dos animais desde as primeiras idades. “É moi recomendable incorporar nas granxas un servizo de podoloxía e que este conte cun programa de recollida de datos con técnicos ben formados, que lles dean importancia e os interpreten correctamente para previr e buscar solucións aos problemas podais do rabaño”, expuxo Sánchez. Despois de finalizar as intervencións dos oradores, tivo lugar unha rolda de preguntas moderada polo técnico do Servizo de Podoloxía de Seragro Francisco González, na que Abuelo e Sánchez responderon as preguntas dos espectadores. Que facer cando non se dispón de pasos para facer os baños na recría, a importancia dos datos de podoloxía, a vacinación intranasal ante as pneumonías, a influencia do material da cama na dermatite, as posibilidades que ofrece o calostro ou como actuar
ante casos reiterados de pneumonía nas primeiras idades foron algunhas das cuestións que se puxeron sobre a mesa.
UNHA PRODUCIÓN SOSTIBLE
Fernando Estellés, profesor de Ciencia Animal e Tecnoloxía da Universidade Politécnica de Valencia (UPV), abriu a cita expoñendo a magnitude real do problema que supoñen as emisións nas ganderías de produción de leite. “Esta é unha actividade que ten un impacto sobre o medio, pero está xustificada a presión que está a recibir o sector?“, cuestionou. A pesar dos impactos que presenta a produción animal desde o punto de vista do consumo de recursos e a produción de contaminantes, para Estellés a falta de contexto dos datos que se utilizan pode levar a magnificar o problema. “A gandería ten que contribuír a reducir as emisións de gases e ser máis eficiente ambientalmente, pero sempre desde un punto de vista realista e científico”, expuxo durante a súa intervención.
30 | Vaca Pinta n.º 28 | 12.2021
vp028_actualidade_seragro_galego_SABE.indd 30
30/12/21 17:15