7 minute read
Joaquín Ranz, presidente do comité organizador do WBC
En Vaca.tv
O presidente da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe), Joaquín Ranz, foi tamén o encargado de encabezar o proxecto de organizar a última edición do World Buiatrics Congress (WBC). Sobre a súa experiencia á fronte deste evento, así como do labor realizado en xeral por Anembe, fala nesta entrevista.
A pandemia obrigou a atrasar esta reunión ata en dúas ocasións. De que maneira lles afectaron estes cambios de datas?
Un parón tan grande é un problema que che obriga, en primeiro lugar, a volver revisar os contidos (houbo comunicacións orais que nalmente se retiraron porque xa se presentaran noutros sitios) e a contactar de novo cos relatores, porque non sabes se logo de dous anos queren seguir adiante coas propostas ofrecidas nun principio ou se están desactualizadas. Despois de todo, os contidos cientí cos están en constante evolución.
Tamén nos afectou a nivel organizativo. Para a Asociación Mundial de Buiatría, que celebra os seus congresos de maneira regular cada dous anos, facer un parón tan grande supuña unha certa desorde e animáronnos a que o xésemos virtualmente, xa que ese tipo de iniciativas proliferaron durante a pandemia e tecnicamente había posibilidades de organizar o congreso de forma telemática, pero non ía acorde coa forma que temos en Anembe de tratar os congresos. O contacto persoal e as relacións sociais sempre tiveron moito peso para nós. E tampouco era o que queriamos para este evento, unha reunión moi importante na que queriamos amosar ao mundo a calidade da nosa buiatría e como contribuíu Anembe, con toda a nosa carteira de actividades, a pola ao nivel no que está hoxe en día.
Sempre dixeron que querían imbuírlle ao WBC o espírito dos congresos de Anembe. Conseguírono?
Eu creo que si. Na última reunión do equipo directivo díxenlles que fomos unha xunta de plusmarquistas: superamos os máximos de asistencia nos nosos congresos nacionais e para o mundial, que era o gran evento que tiñamos asignado desde que empezamos, sabiamos que sería necesaria unha gran preparación. Desde o primeiro momento estivemos in uenciados polo traballo que teriamos que desenvolver aquí e moito do que xemos estaba orientado a como iamos afrontar o mundial. De feito, a última reunión nacional, que xemos en Sevilla, a cal contou xa con moitas salas en paralelo, foi unha especie de adestramento para o que ía ser este congreso.
Recibiron a máis de 3.000 congresistas. Que factores sinalan como clave para alcanzar estas cifras de asistencia tan notables?
Evidentemente a oferta de contidos é moi atractiva, pero, ademais, eu creo que, dalgunha maneira, é como cando abres unha presa, non? Tras o parón que houbo, a xente tiña ganas de acudir a un evento científico de peso, co cal, unha vez superadas as limitacións da pandemia, foron moitos os que se animaron a asistir. O apoio dos laboratorios tamén foi moi grande a nivel nacional e internacional. Ademais, España é un destino moi atractivo para os congresistas estranxeiros. Un de cada tres asistentes era español; o resto eran estranxeiros, na súa maioría ingleses, franceses e italianos.
Notaron cambios no volume de casas comerciais presentes con respecto a outras reunións que organizaran?
Son practicamente as mesmas. Habitualmente xa contamos co apoio das firmas comerciais máis importantes a nivel farmacolóxico, a diferenza nesta ocasión radica en que a organización por parte dos laboratorios, dos seus stands e da súa xente, non depende tanto das delegacións nacionais, senón dos seus departamentos internacionais.
Estámoslles moi agradecidos porque supuxeron un gran apoio nun momento moi importante. Antes contaba que, durante a pandemia, desde a WAB animóusenos a facer o congreso de maneira virtual e, cando decidimos solicitar o adiamento para poder celebralo de maneira física, secundáronnos. Evidentemente, estes congresos teñen un custo moi elevado, algo do que somos todos moi conscientes, e a WAB deu valor ao respaldo das casas comerciais á nosa solicitude para concedernos ese adiamento.
Que valoración fan do contido técnico ofrecido?
Unha vez que o congreso bota a andar, iso é algo que xa non depende tanto de nós, senón de como sexan capaces de desenvolver os seus traballos os relatores e do ritmo que eles marquen. No entanto, eu creo que o nivel é moi bo porque trouxemos os mellores.
Algo que tamén quixemos facer é retribuírlles o seu traballo. O habitual é que nestes congresos non se lles pague aos speakers (para eles vir xa era unha honra, así que só se cubría a viaxe e a estancia), pero, por primeira vez, démoslles uns honorarios, que eran pechados e iguais para todos. Tamén é unha maneira de asegurar ter os mellores, porque adoitan estar moi demandados.
No que se refire ao volume de traballos recibidos, houbo unha cantidade de investigacións novas tremenda. Recibimos unhas 1.400 comunicacións orais inicialmente, as cales foron revisadas por 97 científicos a pares; desas, aceptáronse 1.200. Presentáronse 527 en salas e exhibíronse en formato póster 764. Por todo iso, estou moi satisfeito, pero, como defensores que somos en Anembe de que non todo pode quedar aí, na investigación, tamén quero lembrar que é necesario baixar ao mundo real, chegar aos veterinarios que pisan as granxas, que poñen as botas e que fan fronte aos problemas da buiatría no día a día.
Déronlle tamén o seu lugar á área máis práctica. Neste aspecto este congreso diferénciase dos organizados con anterioridade?
Si. Tentamos que se parecese bastante aos nosos congresos nacionais, era o noso obxectivo. Tras as visitas que moitos dos socios e membros da xunta fixeramos a outros mundiais, tiñamos a impresión de que se trataba de congresos demasiado académicos, con moitas presentacións e comunicacións orais de universidades, con traballos moi concretos sobre algunha materia e con menos speakers principais aos que, ademais, non se lles daba demasiado tempo.
Nós quixemos aproximar a ciencia e a investigación, que son moi importantes, ao mundo práctico. Despois de todo, Anembe sempre perseguiu axuntar a todos os veterinarios que estamos no campo, a pé de granxa. Criamos que determinados temas excesivamente específicos non eran tan relevantes para solucionar os problemas que xorden no día a día nas ganderías e, tendo isto en conta, quixemos combinar os traballos de investigación, que, por suposto, tamén tivemos moi presentes, con talleres prácticos e mesas de debate onde os congresistas puidesen preguntar e intercambiar opinións tanto con quen ten contacto diario cos animais, como cos investigadores teóricos máis brillantes.
A título persoal, como levou a xestión deste reto?
Persoalmente fago unha valoración positiva; foi unha experiencia que non prevía na miña carreira profesional, que me chegou sen buscalo. Como dixen o día da inauguración, esta foi unha viaxe chea de incidencias, pero sempre tivemos a vontade para saír adiante e todo se foi solucionando. Creo que somos unha xunta de plusmarquistas; batemos todos os rexistros previos: de asistencia, de investigacións, de relatores… nese sentido, estou satisfeito co traballo realizado. “ANEMBE É LÍDER A NIVEL CIENTÍFICO, PERO CREO QUE QUEDA MOITO TRABALLO POR DIANTE A NIVEL INSTITUCIONAL E DE MEDIOS”
O peche deste congreso coincide con tempo de cambios na xunta de Anembe. Incorporaranse novos membros?
Estamos en período de renovación, así é. Pasou xa o prazo de presentación de candidatos e, a verdade, esperabamos que houbese novos socios que se interesasen por formar parte da dirección, aínda que a falta de candidaturas xa é case un clásico de Anembe. Non se animan a sumarse á xunta porque somos unha asociación de veterinarios prácticos, persoas con moita carga de traballo, e isto é un esforzo extra que podo entender que non sempre apeteza.
En resumo, como non houbo candidaturas, a última hora a maioría dos compoñentes da xunta presentamos a nosa. Case todos a presentaron á súa vogalía actual. Eu, que ostentaba a de Medicina, Cirurxía e Podoloxía, cambieime co vogal de Relacións Externas e Deontoloxía. A miña vontade é quedarme nun segundo plano, de aí o cambio.
Antes dicía que a organización do WBC sempre fora o gran reto desta xunta. Cales son os próximos desafíos que deberán asumir?
Anembe é líder no terreo científico, pero creo que queda moito traballo por diante a nivel institucional e de medios. A min, como presidente, tocoume facer ese traballo e, aínda que quero retirarme da presidencia, creo que é unha pena cambiar de caras e empezar de cero; por iso teño a intención de continuar xestionando as relacións institucionais para axudar a que a asociación poida seguir crecendo e gañando o recoñecemento que merece. Sei que aínda temos capacidade de mellorar nese sentido.