ÁLVARO CUNQUEIRO

Page 1

Álvaro Cunqueiro Mora naceu en Mondoñedo en 1911. Na botica do pai tivo a oportunidade de entrar en contacto coas historias e cos tipos populares do país. En 1922 transladouse a Lugo para cursar o Bacharelato, e despois a Compostela para estudar Filosofía e Letras, onde se decantou polas tertulias e as lecturas antes do que polas aulas. Descubriu así a obra de autores como Yeats, Rilke, Breton, Verlaine e outros vangardistas que deixarán pegada nos seus primeiros poemarios. Nas tertulias do Derby e do Español coincidirá con García-Sabell, Torrente Ballester, Carvalho Calero, Luís Seoane, Maside, Colmeiro e moitos outros integrantes do movemento artístico compostelán. Estes contactos estimularon a Cunqueiro a tomar consciencia do país e da lingua. De volta en Mondoñedo, participou no movemento editorial dos anos trinta promovendo a aparición de varias publicacións (Papel de color, Galiza, Editorial Un...) inseridas no ambiente vangardista da época. Na liña vangardista publicou os poemarios Mar ao Norde (1932), Cantiga nova que se chama Ribeira (1933) e Poemas do si e do non (1933). Afiliado á Falanxe desde 1937, Cunqueiro exerceu de mestre en Santa Marta de Ortigueira e de periodista en Vigo, Donostia e Madrid. En 1944 o réxime retiroulle o carné de xornalista e voltou a Mondoñedo. Comezou neses anos a súa andaina como narrador galego: novelas (Merlín e familia i outras historias, As crónicas do Sochantre e Si o vello Sinbad volvese ás illas) e libros de relatos (Escola de Menciñeiros, Xente de aquí e de acolá...). Tamén retoma a escrita de pezas dramáticas, como O incerto señor Don Hamlet Príncipe de Dinamarca (1958). Ingresou na Real Academia Galega en 1961, ano en que fixou a súa residencia na cidade olívica para traballar no xornal Faro de Vigo. Desde 1978, en que gaña unha bolsa vitalicia da Fundación Pedro Barrié de la Maza, e até a súa morte en 1981, sucedéronse as homenaxes: Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela, Pedrón de Ouro do Patronato Rosalía de Castro, homenaxe pública en Vigo... A superación do concepto tradicional dos xéneros, a intertextualidade e coherencia do seu universo literario, a recreación de figuras e mitos, o tratamento do elemento popular e a incorporación de técnicas propias da oralidade serán os trazos que identifiquen a produción do multifacetado escritor, nunha magna obra que conforma un corpus inzado de coñecementos etnográficos, plásticos, musicais, filolóxicos e literarios. O seu extraordinario testamento poético ficou recollido baixo o título de Herba aquí ou acolá (1980).



A orella dereita de Antón de Leivas Antón de Leivas vivía cos seus pais e irmáns en Vilarelle, na casa que está mesmo á beira da fraga de Unces. Era un mozo de vintecatro anos, de mediana estatura, e arroibado, como soen ser os de Vilarelle. Os Leivas tiñan unha boa labranza, e era seu o bosque de Portela, que por derriba do camiño todo é un faiedo. Un domingo calquera, ao saír da misa, un amigo de seu chamou a Antón de Leivas aparte. -Estiven detrás de ti na misa, e non me cansaba de mirarche a cachola, que tes a orella dereita muito máis grande que a esquerda. ¡Antes nona tiñas así! -Pois no servicio militar non me dixeron nada -replicou Antón, levando a man á susodita orella dereita. Xa na casa, consultou coa nai e irmáns, e todos atoparon que a orella dereita lle medrara máis do debido, e engordado embaixo. A orella, asegún o parecer da familia e dos veciños, seguíalle medrando a Antón. Este andaba cismando no choio, e decidiu ir de menciñeiro, a un que había en Liñares, que se chamaba Secundino, e que sempre comentaba que se adiantaba en dar as doencias de Xan ou Pedro aos millores médicos de Lugo. O señor Secundino estudoulle as orellas a Antón, mediullas, e logo de pensalo un pouco, comentou: -¡De boa te libraches! Ibas ter un apostema finchado nos interiores, e nun descuido pasóuchese á orella, donde está benigno.


Antón voltou a Vilarelle máis tranquilo. A orella deixara de medrar, según os que acudían a mirarlla. Un día unha veciña, viúda dun garda forestal, coruñesa ela, mui branca de pel e aínda de bon ver ademirando a orella de Antón, preguntou si se escoitaría algo dentro dela, e acaroando a súa orella esquerda á famosa de Antón, e a súa meixela á meixela do mozo, exclamou: -¡A mar! ¡Escóitase a mar como nas caracolas mariñas! E dende entón muita xente, especialmente nenos, quería escoitar a mar na orella de Antón de Leivas. Hasta quixo María de Don, unha moza mui garrida, que nunca lle fixera caso a Antón. María agora pasaba as horas escoitando a mar na orella de Antón, e sorría. E tal foi a cousa que fixéronse noivos, e casaron. María díxolle a Antón que non quería que a coruñesa, a viúda do garda forestal, volvese endexamais a escoitar na súa orella a mar do Orzán. Nenos, os que quixeran. María tiña un irmán en Venezuela, e ao verán seguinte ao maio da súa voda con Antón, chegou a Vilarelle de vacacións. Moreno, mui elegante, con zapatos brancos e fumando roibo, e con gran variedade de corbatas e sombreiros. Abrazou ao seu cuñado Antón, mirouno e remirouno, comparou as orellas delambas, e levouno a carón do palleiro pra falaren sin seren ouvidos. -¡Oye, chico, esto es una vaina! ¡Tienes las dos orejas iguales! -Pois todo o mundo me ve a dereita meirande que a esquerda… Ademais, escóitase nela a mar. -¡Eso es lo que los periodistas científicos de Caracas llaman “un caso de sugestión colectiva” y nada más. -¿Non llo dirás a ninguén? -inquiría Antón, entristecido. -¡Que vaina, cuñado! ¡Yo como un muerto! Antón respirou, porque lle estaba sacando algúns cartos á orella dereita. As nais traguían os fillos raquíticos ou que non medraban, e frotaban as súas cacholiñas contra a orella de Antón. Este cobraba tres pesos por sesión, e as nais agradecidas deixábanlle de regalo un queixo ou un pito. Antón estaba desexando que o cuñado se volvese pra Venezuela. Porque en canto estaban soios, non facía máis que comentarlle: -¡Un caso célebre de sugestión colectiva! Os otros feirantes. ´´Alvaro Cunqueiro.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.