A NARRACIÓN

Page 1

A NARRACIÓN

LITERATURA GALEGA DO SÉCULO XX E PRIMEIROS ANOS DO XXI

IES ISAAC DÍAZ PARDO. SADA. XOSÉ SEOANE CAO.


Literatura Galega do Século XX e principios do XXI.

2

A NARRACIÓN Narrar consiste en contar ou relatar un feito ou unha sucesión de feitos. Narración é polo tanto o relato dun feito ou conxunto de feitos que lle suceden a un ou a varios personaxes nun tempo e nun espazo determinados. O narrador é a persoa que conta os feitos; cando alguén lle conta aos demais o que fixo o día anterior convértese nun narrador. Na narración literaria, o narrador non debe confundirse co autor: este é un ser real, unha persoa que escribe un libro, que inventa un personaxe para que conte a historia. O narrador maniféstase no texto a través do punto de vista dende o que se envía a mensaxe. Admite diversas clasificacións segundo o aspecto que se tome en consideración: Narrador en primeira persoa (homodiexético): conta unha historia na que el mesmo participa; poden darse os seguintes subtipos: Eu protagonista

O narrador é ao mesmo tempo o personaxe principal da narración.

Eu personaxe

O narrador é un personaxe secundario da narración.

Eu testemuña

O narrador observa os feitos e cóntaos.

Narrador en terceira persoa (heterodiexético): conta a historia desde fóra da mesma; pode adoptar diversas modalidades: Omnisciente

O narrador coñece e conta todos os detalles da historia, incluídos o presente, o pasado e o futuro dos personaxes e os seus pensamentos.

Obxectivo

Conta a historia como se só fose un observador da acción narrativa e polo tanto non coñece dos personaxes máis que o que fan ou din, non o que pensan, por exemplo; conta aquilo que podería recoller unha cámara de vídeo.

Os personaxes son os seres aos que lles suceden os feitos que conta o narrador. Habitualmente son persoas, pero tamén poden ser animais ou incluso obxectos ou seres inanimados ou inventados. Cando unha persoa conta o que lle sucedeu o día anterior, ademais de narrador é personaxe do seu relato. Os personaxes son presentados directamente, facendo a súa descrición física e de carácter, ou ben indirectamente: cando lemos deducimos como é o personaxe en vista de como actúa, das cousas que di ou do que din del os outros personaxes. Os personaxes, descritos a través de prosopografía (descrición física), etopea (descrición moral), retrato (descrición física e moral), ideoloxía (descrición filosófica e política), etoloxía (descrición comportamental ou condutista), hipotipose (descrición sensorial) maniféstanse a través do estilo directo (pensamentos do personaxe expresados a través da propia voz do personaxe), do estilo indirecto (pensamentos do personaxe expresados a través da voz dun narrador distinto daquel), do estilo indirecto libre (pensamentos do personaxe integrados literalmente no discurso do narrador) e do monólogo interior (pensamentos do personaxe tal e como inconscientemente se producen dentro da súa mente).


Literatura Galega do Século XX e principios do XXI.

3

Segundo a forma de evolucionar ao longo da historia distinguimos entre personaxes planos e redondos. Cando un personaxe non varía na súa forma de ser e comportarse no transcorrer da historia dicimos que é un personaxe plano; cando vai cambiando a súa maneira de ser e a súa conduta dicimos que é un personaxe redondo (ou esférico). Un personaxe plano é por exemplo o que representa un tipo social, poñamos por caso un avaro, e sempre se comporta como tal, é dicir, xa sabemos como vai reaccionar en cada nova situación. Tendo en conta a súa importancia no desenvolvemento da acción distinguimos entre: 

personaxes principais; entre eles están:  o/a protagonista: o personaxe máis importante, o que leva o peso da acción,  o/a antagonista: o que se opón ao anterior; personaxes secundarios.

A historia son os feitos que se nos contan, o que lle sucede aos personaxes nun lugar e un espazo determinados. O discurso é a forma de contar a historia. Pensemos por exemplo nun chiste ou nun conto; coñecemos xente que os conta moi ben e outra xente que os "estraga", que non sabe contalos, porque di algunha cousa que non debía antes de tempo, porque non sabe crear a expectativa nos oíntes... A historia que se conta é a mesma no conto, cando está ben contado e cando non o está, pero o discurso varía, é dicir varía a forma de contala. Un autor ou autora decide quen conta a historia, a que personaxes lles dá maior importancia, cando e como os presenta, en que orde conta os feitos etc. Todo isto constitúe o discurso. Toda narración sitúase nun tempo e nun espazo determinados. Polo que se refire ao tempo debemos distinguir:  

o tempo da historia: é o período de tempo no que transcorren os feitos. Cóntase en horas, días, meses ou anos; correspóndese coa secuencia entre o feito máis antigo e o máis recente. o tempo do discurso: é a ordenación e selección que o narrador fai dos momentos da historia para contárnola. Por exemplo, se a historia dura a vida dunha persoa, o narrador pode comezar a contar cando esa persoa xa é vella para despois volver atrás, ao momento do seu nacemento (dáse entón unha ordenación especial con un salto atrás no tempo) e sen dúbida non vai contar todos e cada un dos minutos da vida da persoa, hai momentos sen interese que non se contan (prodúcese entón un salto no tempo, porque o narrador seleccionou só algúns momentos da historia para contala. O tempo, descrito a través da cronoloxía, pode interpretarse segundo o seu ordenamento: lineal ou continuo (ordenamento cronolóxico dos feitos que aparecen no texto), anacrónico ou descontinuo (inversión ou alteración do ordenamento cronolóxico. Á súa vez pode ser retrospectivo -intercalación de feitos pasados-, prospectivo –intercalación de feitos futuros- ou simultáneo –sucesión de feitos qque son simultáneos-). Tamén en canto á súa velocidade (rápido ou lento) e á súa duración con respecto ao tempo real (coincidente, desproporcionado –amplificado ou reducido-, suspendido, omitido).

O espazo narrativo está formado polos lugares nos que se desenvolve a historia. Créao o narrador con descricións ou alusións aos lugares da acción e pode referirse a un sitio xeográfico concreto e real (supoñamos que a acción se desenvolve en Santiago, en Londres, en México ou en calquera lugar existente) ou ben tratarse dun lugar inventado, sen referencia real. A situación no espazo ten importancia porque nos axuda a entender a historia como se fose real; por iso se fan descricións de lugares e edificios que axudan a facer máis crible e verosímil o relato.


Literatura Galega do Século XX e principios do XXI.

4

A estrutura da narración é o conxunto orgánico dos elementos do texto, ou sexa, a disposición e relación dos elementos que o compoñen. Pode ser de dúas clases e adoptar distintas formas. Clases. Todo texto consta normalmente dunha estrutura externa e doutra interna. A externa é a disposición visible e explícita do texto en partes diferenciadas (os capítulos, por exemplo). A interna é a organización ou disposición latente e implícita dos elementos do texto (os acontecementos, as vivencias…). Unha narración componse de dous elementos:  

marco: é a presentación do lugar e o espazo onde suceden os feitos e dos principais personaxes que interveñen nela. Soe coincidir co inicio da narración. trama: é a acción que se desenvolve, o relato dos feitos propiamente ditos. Ten tres partes: o acontecemento inicial: é un feito que vai romper a situación inicial presentada no marco, algo que altera o normal transcorrer da vida deses personaxes, e que vai provocar o desencadeamento da acción. o nó: é a parte máis ampla e está constituída polas decisións que os personaxes toman en vista do acontecemento inicial e as accións encamiñadas a resolver o conflito producido. o desenvolvemento ou solución: é o desenlace da acción, o resultado final da intervención dos personaxes.

Aínda que a organización construtiva dun texto pode adoptar moi variadas armazóns, son frecuentes as seguintes:     

Episódica: conxuntos autónomos que se encabalgan sucesivamente. Aberta: elementos sen organización definitiva que esixe a participación do lector. Pechada: elementos organizados de maneira definitiva e conclusiva. Circular: coinciden o principio e o fin do texto. Enmarcada: un conxunto aparece introducido en medio doutro conxunto que o contén, sendo frecuente que o principio do texto teña continuación ao final.  Iterativa: repetición constante dunhas mesmas disposicións.  Contrapuntística: contraposición constante de elementos que con frecuencia suceden nun mesmo lugar en distintos tempos ou nun mesmo tempo en distintos lugares. As principais características lingüísticas que presentan os textos narrativos son as seguintes: 

O tipo de palabras predominante é o verbo, en especial os verbos de acción.

Mentres que na descricións os verbos máis usados son os atributivos (ser, estar, semellar...) na narración os máis usados son os predicativos(todos os demais).

O tempo máis frecuente é o pasado pois estanse contando feitos xa sucedidos; para expresalo os tempos verbais usados son o pretérito de indicativo e o copretérito; tamén aparece o antepretérito. Con frecuencia aparece tamén o presente con valor histórico, é dicir un presente en lugar dun pasado: Álvaro Cunqueiro nace en Mondoñedo en 1911 (en lugar de naceu).

Son frecuentes as oracións subordinadas temporais: Cando os bombeiros chegaron o incendio xa afectaba a varias casas.

Abundan os conectores temporais, adverbios e frases preposicionais que indican tempo: agora, antes, nos primeiros momentos, a continuación...


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.