Alcumes de Sada e arredores

Page 1

ALCUMES DE

SADA

E ARREDORES

alumnado de 1º da eso

IES Isaac Díaz Pardo

Sada, xaneiro de 2014


AUTORES CURSO 2012/13 Aarón Álvarez Martínez Laura Arévalo Martínez Desirée Alejandra Balboa Vázquez Raúl Barcia Vázquez Berta Cadaveira Regueiro Samaira Carracedo Joglar Gloria Castelo Monteagudo Amanda Fernández Araico Lucía Fernández Fernández Amara Fontao Saavedra Alba García Costoya Alberto Herreras López

AUTORES CURSO 2013/14 Laura González Redondo José Ángel Jarama Díaz Jorge Larrea Liste Alba López López María López Quintás Alejandra Florentina Matei Lucía Mayor González Sara Mosquera Pérez Arturo Pailos Agilda Kenya Pérez-Galmán Varela Martín Portela Pardo Lucas Reinlein García Alejandro Noel Rial Valiño Antonio Salinas Gallego Lucía Sánchez Fernández Miriam Sánchez Sánchez Alejandro Santamariña Varela Helena Seijo Gurdiel Aroa Seijo Martínez Román Souto Sánchez Uxía Taboada Ricoy Ángela Vázquez Mesías

IES ISAAC DÍAZ PARDO SADA, xaneiro de 2014


LIMIAR

O alcume ou alcuño é un sobrenome usado en troques do nome que moitas veces é máis coñecido que o propio nome. Co alcume trátase de establecer unha diferenza ou unha connotación especial ou específica dun individuo ou dunha familia sobre os demais. Moitas veces está referido a unha particularidade da persoa ou da familia, sendo posible un derivado do lugar de nacemento, dun defecto facial, da profesión do pai, por actitudes ou comportamentos sociais determinados, etc. É un fenómeno social de case todas as culturas do mundo, sendo a súa función variadísima. Nas sociedades antigas, antes de se consolidar o sistema de apelidos, rexistros civís e demais, o alcume desempeñaba unha importantísima función de cara a establecer unha individualización de cada persoa ou familia. E mesmo moitos, co tempo, pasaron a ser apelidos e viceversa. Case ninguén se libraba de ter o seu alcume, pois abarcaba a todas as clases sociais e mesmo reis e nobres non se salvaban de ter alcume. Normalmente os alcumes adóitanse establecer durante a infancia ou xuventude da persoa alcumada, e a partir dese momento xa o acompaña de por vida, transmitíndoo, chegado o caso, aos seus descendentes. Uns aceptan o seu alcume de bo grao, outros non tanto; depende da referencia á que faga alusión. Semella ser certo que son máis frecuentes no mundo rural que no urbano, nas clases sociais baixas que nas altas, pero non é unha regra que sempre se cumpra. Son máis usuais en diversos ámbitos, como nos deportes ou nas actividades artísticas e culturais. En Galicia en xeral, e en Sada en particular, hai unha longa tradición de alcumes, e poucas deben ser as familias que non o teñen ou tiveron. Malia estar en desuso o bautismo de alcumes e o seu emprego no transcorrer dos anos, aínda seguen a provocar anécdotas como a que vivín hai un par de semanas cando me interesaba por saber quen morrera na parroquia. O nome e os apelidos non me permitiron identificar o defunto e soamente cando me fixeron referencia ao alcume logrei identificalo e expresar o meu profundo pesar. Os que temos xa unha idade, aínda nos acordamos de situacións cotiás como a que de xeito gracioso refire esta conversa: -E ti, de quen vés sendo, rapaz? -Eu sonlle Manuel, o fillo de Anxo Samel, “o Ferreiro”, e de Angustias, “a Maragata”. Velaí van os alcumes que recolleron os rapaces e rapazas de 1º de eso do instituto nos últimos días do ano 2013 e nos primeiros do 2014 e que completan os xa recollidos polo alumnado do pasado curso 2012/2013. Preguntáronlles aos seus avós e avoas, aos seus pais e nais e tamén aos veciños. Non todos se refiren a persoas ou familias de Sada, xa que bastantes informantes son procedentes doutros lugares, ou como lles chaman os de Sada, “venideros”. Xosé Anxo Seoane Cao


A O Andarín: Un avó que andaba sempre de paseo.

B O Barbeiro: O seu pai traballara de barbeiro. O Bendito: Semellaba un santo ao falar; falaba con moita cerimonia. A Berrona: Unha muller que berraba moito. O Bocinas: Ten varias buguinas no camión e sempre as anda a tocar. O Bolas: Contaba moitas trolas. A Bonecas: Coleccionaba bonecas e tíñaas por toda a casa. O Bordelo: Bailaba vestido de galego. O Borrasca: Polo nome que ten o seu barco.

C O Cabo: Foi cabo no servizo militar. O Caldeireiro: Vendía baldes e caldeiros polas feiras. O Camello: Tiña unha burrica. O Campás: Era o encargado de tocar as campás da igrexa. A Cantareira: Sempre estaba cantando. O Caradura: Arrimábase aos demais para que o convidaran aos viños. Os Caramés: Familia García. Un antepasado apelidábase “Caramés”. O Carolo: Cando debullaba o millo aproveitaba ata os corouchos. O Cascarrabias: Sempre estaba de mal humor. O Caseteiro: Vivía nunha caseta. O Catire: Louro e con ollos azuis. O Chareto: Ángel sempre andaba a xogar cunha corda á que se refería dese xeito.


Chicharra: Berraba igual que as chicharras. O Chino: Tiña trazos chineses. A Chintona: Lola; mandaba calar a todo o mundo. Os Churreiros: Os seus pais foron churreiros. A Chusa: En realidade chámase Carme, pero o seu pai chamábase Xesús e por iso lle puxeron ese alcume. O Cireixeiro: Manuel, de Taboada. De rapaz sempre andaba ás cereixas. O Cirolo: Tiña moitas cirolas na horta. Os Cocheros: Un antepasado era condutor. A Corrilla: Era moi áxil e corría moito. O Coxo: O seu pai era coxo. Os do Cristo: Vivían a carón do cruceiro de Carnoedo. O Cuacuá: Era tatexo. A Cubana: Era un perruqueiro que sempre dicía a cubana, a cubana..., aínda que nunca estivera en Cuba. O Cuco: Pepe, de Taibo. Vivía no medio do monte, como os cucos. O Culilí: Era tatexo. O Curita de Dexo: Estivo no seminario, pero pensouno mellor, casou e tivo fillos.

D O Descalzo: Ramón, de Taboada. Pillárono intentando subir descalzo á ventá da súa moza. O Drácula: Gustáballe moito saír de noite.

F A Faroleira: Chámase Xulia e o seu pai arranxaba farois. O Flaco: De mozo era alto, forte e flaco.


O Fogazas: Era panadeiro. A Fogueteira: Tiñan unha pirotecnia. O Forense: Pepe, o Forense, porque traballaba na “Ford”. O Forneiro: Tiñan un forno de pan. O Foucioso: Non era boa persoa. O Fregona: Tiña o pelo que parecía un estropallo.

G O Gacelín: De rapaz corría moito. O Gaitas: José Antonio. Tiña un antepasado que era gaiteiro. A Gharroucha: Facía paxes de vimbio. O Ghirighai: Javier, de Taboada. Foi a Uruguai e cando lle preguntaban a súa nai onde estaba, ela dicía que no “Ghirighai”. O Ghouíño: Viña de fóra e sempre que podía dicía esa palabra. A Gemela: A súa avoa tiña unha irmá xemela. O Grelo: Levaba os grelos para vender. O Guerrilleiro: Sempre creaba problemas.

H O Habilidades: Sempre facendo inventos.

L O da Leña: Juan, vendía leña e carbón. Lanchiña: Sonia traballou nun local que rexentaban os seus pais que se chamaba Lanchiña. A Lagarta: Sempre falaba mal da xente.


M O Madeiras: Porque se daba moitos “leñazos”. O Manco: Faltáballe un brazo. Manolita de Deus: Era filla de solteira. O Mangueras: José Manuel. Cando cuspía por entre os dentes, saíalle un chorriño. O Mañas: Era moi habelencioso e sabía facer de todo. O Mariñeiro: Porque fixo o servizo militar pola Mariña. Os Martises: O seu pai tiña de apelido Martínez. O Mataperros: Era o que mataba os cans cando non había canceiras. O Morito: Era moi moreno. O da Muiñeira: Era fillo dunha muller que bailaba moito nas verbenas. A Muda: Falaba moito, sempre de currilleo. O Mecha: Está calvo.

N O Naranjito ou o Roxo: Polo seu pelo. O Navallas: Sempre levaba unha navalla. O Neipeiro: Botaba as cartas. As Nenas: É un home, pero tivo catro fillas.

P O Pachaghín: Era unha persoa moi pacífica. O Palano: Veu de Cuba e andaba sempre de traxe branco e sombreiro. A Palomita: Unha moza baixiña e loira. O Papafilloas: Comía todas as filloas que lle poñían no prato e nunca se daba fartado delas.


O Papayé: De pequeno chamáballe ao seu pai dese xeito. O Parado: Era excesivamente tranquilo e non facía nada. O Paragüeiro: Chámase Manolo; cando era mozo arranxaba paraugas. O Pata de pau: Perdeu unha perna en Cuba. O Patachula: Tiña unha perna máis larga que a outra. Os Paxeiros: Familia Fernández. Un antepasado facía paxes. O Pecas: Tiña a cara chea de pencas. A Pega: Unha muller traballadora como o paxaro. O Pegho: Collía os ourizos das castañas descalzo. Pepito do Cine: O dono dun dos cines de Sada. Os Periqueiras: Tiñan na horta unha pereira que daba moitos “perucos”. O Peque: Era moi baixiño. O Persiana: Porque fala moito. O Pibe: Viña da Arxentina. O Picachón: José, Porque tiña a caluga en forma de pico. O Picapedras: O pai traballaba de canteiro. Os do Pintor: Familia Cadaveira. Un antepasado facía murais. O Piollo: Era pequeno e sempre andaba a picar. A Pirata: De cativa tivo un parche nun ollo durante un tempo. O Poisé: Tiña unha tenda e sempre andaba a dicir “pois é”. O Polito: Alcume que empregaban no fútbol. O da Ponte: Vivía nunha casa moi preto da ponte. Os Pontellos: Jesús. Viñan dun lugar chamado Pontellos. A Purple: Ao seren tres amigas que coincidían no nome, a unha delas chamábanlle así porque sempre vestía de morado. O Puskas: Xogaba moi ben ao fútbol.


R O Rana: Nadaba como as rás. O Rancheiro: No servizo militar estaba na cociña e daba o rancho. O Rato: Tiña cara de rato. Os do Recho: Un antepasado era moi peleón. Os Reloxeiros: Os seus bisavós foron reloxeiros. O Roibo: Era o único do barrio que tiña o pelo roibo. O Rompeovos: De nome Ramón, Moncho para os amigos. O alcume vénlle da forma tan particular que ten de andar. O Rosquilleiro: Óscar, de Taboada. Os seus pais vendían rosquillas nas romarías. O Roxo de Lorbé: Porque era louro, e de Lorbé. O Rucaina: Familia Mahía. Viñan dunha aldea situada na beira do río Rucaina.

S O Sangonera: Miguel. Parecíase a un actor dunha serie de televisión. O Setecurvas: Chámase Ramón e é moi alto. O Setemachos: Sempre se chuleaba de ser moi macho. O Sonrisas: Sempre tiña un sorriso na cara.

T O Terrorista: Sempre andaba tirando petardos. O Tiruliro: Claudino, de Taboada. Porque sempre cantaba unha canción que tiña un verso que sempre repetía: “Tiruliro, bota o millo”. O Tránsito: Un que era moi inquedo. O Tranquilo: Era moi pausado. O Trefe: O seu nome de pía é Juan. O alcume vénlle por como pronunciaba o 13 de cativo.


O Tripas de bronce: Podía comer o alimento máis picante do mundo que sempre lle sentaba ben. O Trompeta: Chamábanlle así non porque andase de chispa, senón por tocar nunha orquestra. Os do Tropi: Tiñan un bar que se chamaba Trópico. O Trotacamiños: Vai de... bar en bar. O Trubisco: Herba mala, mala persoa.

V Os do Vinte: Familia Fernández. Porque viñan dun lugar chamado “O Vinte”. As do Vinte e nove: Era o número que lle correspondía á súa casa.

X O Xurelo: Era un bo peixe.

Z O Zumbón: Era un home moi, moi grande. O Zampabolos: Cando era pequeno preguntábanlle que ía ser de maior, e el sempre contestaba “zampabolos”.


Facendo un pequeno esforzo de clasificación, aínda podemos incluír outros alcumes específicos da bisbarra de Sada que non necesitan explicación e que son doados de identificar:

* Os que recordan animais: A Loba, O Raposiño, O Escornapitos, O Lorito, A Mariposa, O Torito, O Teixo, A Kika, O Polo, O Periquillo, O Caracol, O Cabalo do Demo, O Grilo, O Mono, O Choco, O Peixiños, O Galo bobo, La Gallinita, A Rula, O Pingüín, O Araña, A Pega. * Os que fan alusión a características físicas da persoa: A Roxa, A Parda, A Morena, A Negra, A Pelona, O Perillas, O Chosco, A Cachuda, A Cachona, A Xorda, A Coxa, A Cornuda (seis dedos), O Tullido, O Manco, Perna e Media.

* Os que fan referencia a oficios: O Capador, A Modista, O Lagoeiro, O Panadeiro, A Plateira, A Pastora, O Carteiro, O Churrero, A do Músico, A Labradora, A Leiteira, O do Cepillo (carpinteiro), O Zapateiro, O Ferreiro

* Os que os comparan con instrumentos musicais: A Pandereta, O Trombones, A do Bombo, A Corneta, O Trompeta.

* Os que os comparan con produtos do agro, froitas...: A Pataca, Os da Pataca, O Allo, A Cebola (Un da familia da Cebola casou cunha da familia do Allo), A Melones, A Fresita, Os Periqueiras.

* Os “venideros”. O Betanceiro, A Coruñesa, O Arzuán, O Inglés, A Rianxeira, A Gringa.

* Referencias a xerarquías: A Capitana, O Sarxento, A Capatasa, O da Reina, Os de Dios.


* Fan referencia á casa familiar: A Casa Miudeiras, A Casa da Pena, A Casa de Molina, A Casa Grande, Os da Guindimila.

* Curiosos e inclasificables: As do Ghancho, O Cepillo, O Gharrucho, As do Burato, Os de Pis, As do Fresco, Maruja da Morte, José La Hostia, Andrés o Tá, O Manga la pera, A Mamparrola, O Rurú, O Cachupo, Bato Bato, A Pichanca.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.