Campos semánticos (3)

Page 1

A festa dos Maios, tamén coñecida simplemente como os Maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar o 1 de maio, se ben en Ourense faise tradicionalmente o día 3. A Festa dos Maios é a festa da primavera, ben sexa da súa chegada, ben do seu triunfo. Significa o reverdecer das plantas, o comezo do ano agrícola, a ledicia de ver erguerse o sol por riba do horizonte e coller altura e forza. A festa consiste en realizar diversas representacións ao redor dunha árbore ou escultura, chamada maio. Grupos de xente cantan coplas populares (que tamén reciben a denominación de Maios), ás veces dialogadas, mentres camiñan arredor da escultura, acompañados da percusión de dous paus. Era habitual pedir aos asistentes un aguinaldo que, por Lugo e Ourense, adoitaba consistir nunha presada de castañas maiolas (castañas secas), noces ou abelás, substituído hoxe por diñeiro.É costume facer competicións, premiando as mellores esculturas e as mellores cantigas

O Entroido é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera. Nel conflúen rituais cristiáns e pagáns, sendo a época na que se poden romper todas as normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas. É, sen dúbida, a festa máis irreverente do calendario galego. Foi por iso que se prohibiu durante a época franquista, malia que se mantivo vivo nas aldeas. Os entroidos máis famosos do país son, sen dúbida, os ourensáns. Laza, Verín e Xinzo convértense por uns días nas capitais de Galicia. Os peliqueiros e cigarróns centran a atención dos visitantes.

A Semana Santa é unha celebración eminentemente relixiosa. Evócase a paixón e a resurrección de Cristo. Ábrese o Domingo de Ramos; as palmas ou pólas de oliveiras son bendicidas e colocadas nas casas como protección contra os males que poidan presentarse. De igual xeito a auga bendita o Sábado de Gloria lévase ás casas para ser utilizada en rituais curativos. Ferrol e Viveiro son as localidades galegas onde se celebran maior número de procesións, converténdose en festas que transcenden máis alá do noso territorio e tamén máis alá do fervor relixioso.

Ritos e tradicións, crenzas e supersticións mestúranse en Galicia durante a noite do 23 ao 24 de xuño, a de San Xoán. En todos os recunchos se prenden as lumeiradas como símbolo purificador e protector. Este lume, unha vez feito brasa, sáltase ao berro “meigas fóra” para botar fóra os males que poidan achegarse. Ao redor deste lume cántase, cómese, báilase e bébese para amedrentar os malos espíritos.

O dezaseis de xullo de cada ano, festividade da Nosa Señora do Carme, é o día grande dos mariñeiros. É o día das misas de campaña nos portos e das procesións polo mar; dos foguetes e das danzas dos mariñeiros diante da Virxe.

O Nadal é a festa cristiá máis importante. O ciclo comeza o día 25 de decembro co nacemento do neno Xesús en Belén. A noite anterior reúnese a familia nunha cea na que o bacallau con coliflor é o prato máis consumido. Xa no comezo desta festividade, nas casas colocábase o Belén, unha reprodución con figuriñas e maquetas do que debeu ser o nacemento do neno. A noite do 5 ao 6 de xaneiro é o día grande para os pequenos xa que os Reis Magos visitan as casas deixando agasallos para os que se portaron ben ao longo do ano e carbón para os que non o fixeron tan ben.

O Samaín é a festa de orixe celta máis importante. Na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro celebrábase o fin da tempada de colleitas, polo que era considerada como o “Ano Novo” (antes da chegada do Cristianismo). Comezaba a estación escura. É unha festa de transición. A súa etimoloxía gaélica significa “fin do verán”. Nestes días, os nosos antigos lembraban os seus antepasados. Crían que o veo ou a cúpula que separaba o mundo terreal do espiritual desaparecía e así era moito máis doado comunicarse cos espíritos. Era a época na que as tribos celtas se recollían nos castros para pasar o inverno. Adoitaban levar as cabezas dos seus inimigos e depositalas nos muros dos castros para lle dar protección ao castro e nas noites do Samaín iluminábanas con fachos para manter o lugar protexido de visitas perturbadoras. Hoxe no canto de cranios, utilízanse cabazas con candeas no seu interior.

Édelingua. Proxecto didáctico de inmersión lingüística. IES O Mosteirón.

O Magosto é unha das festas tradicionais de Galicia máis significativas, na que os seus elementos máis característicos son a castaña e o lume. Celébrase nos días comprendidos entre o 1 de novembro (Todos os Santos) e o 11 de novembro (San Martiño). A castaña recupera a importancia que foi perdendo coa chegada do millo e as patacas. Ademais das castañas asadas, adóitase consumir viño e chourizos. A xente acostuma saltar a fogueira, tisnar a cara con cinza e cantar e contar contos.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.