COMENTARIO CRÍTICO ÁS VOLTAS COA COEDUCACIÓN Desde que se implantou a Lei Xeral de Educación en 1970 e temos unha escola mixta, xeneralizouse a crenza de que o ensino xa era igual para alumnos e para alumnas: as mesmas materias, o mesmo profesorado, as mesmas aulas. Tamén hoxe a maioría do profesorado está convencido de que trata igual uns e outras. É isto coeducar? A Coeducación non é un fin en si mesma senón que é un dos medios para chegar a unha sociedade máis igualitaria, máis xusta. Pero despois de tantos anos e de varias reformas vai resultar que seguimos impartindo clase en escolas mixtas pero non coeducadoras. O sistema escolar avanzou en dotarnos dunha igualdade formal, pero seguimos transmitindo un modelo sexista na escola. Os libros de texto seguen carecendo de referentes femininos (escaso ou nulo número de mulleres nos manuais de Ciencias, Historia, Filosofía, Literatura...). A linguaxe utilizada nos centros escolares segue sendo discriminatoria e sexista (sala de profesores, reunións cos titores...). Aínda que o ensino é un sector feminizado os órganos de goberno dos centros escolares están maioritariamente en mans dos homes. Seguimos a reproducir estereotipos de xénero nas aulas, tanto na relación que mantemos co alumnado (distinta forma de dirixirnos a eles ou a elas; chamadas de atención, etc) como nos modelos que transmitimos (o profesor de Matemáticas, a profesora de Historia). Algunhas das carencias do sistema escolar poderían solucionarse coa vontade da Administración educativa: Coidar a edición dos libros de texto para que se incluíse mulleres como suxeitos activos e axentes na historia, nas ciencias, nas matemáticas. Evitar o uso dunha linguaxe discriminatoria cara ás mulleres e potenciar unha linguaxe non sexista tanto nos libros de texto coma nos documentos oficiais. Incluír no currículo escolar aquelas materias que por ser propias de mulleres desapareceron (labores do fogar, cociña) e que servirán para que os rapaces adquiran habilidades do ámbito doméstico. Outras pertencen aos retos que hai que enfrontar na formación do profesorado. Xa é hora de que se poñan os medios para que ese profesorado que hoxe é transmisor de actitudes sexistas se transforme en axente de igualdade. Felicia Estévez
(348 palabras)
1. Organización e estrutura do texto. A coeducación é un dos medios para chegar a unha sociedade máis igualitaria, máis xusta. Partindo deste enunciado a autora expón a idea principal deste texto: malia os avances e progresos destes últimos anos en materia educativa, a escola segue a transmitir un modelo sexista na educación. A escola mixta por si soa non é garante de coeducación. Para argumentar a súa idea principal baséase nos seguintes indicadores:
Os libros de texto carecen de referentes femininos. A linguaxe utilizada nos centros escolares segue a ser sexista e discriminatoria. Os órganos de goberno dos centros escolares están maioritariamente en mans dos homes. Séguense a reproducir estereotipos de xénero nas aulas.
Ao final do texto propón as medidas que a Administración educativa debería tomar para contrarrestar os indicadores anteriores, destacando o papel que a formación do profesorado debe xogar para transformar o profesorado en axente de igualdade. (149 palabras)
2. Resumo. Dende a reforma educativa do 1970 xeneralizouse a escola mixta, pero iso non significa que esta sexa coeducadora. A coeducación non é un fin en si mesma, é un medio para chegarmos a unha sociedade máis igualitaria, máis xusta. Estamos ante un sistema educativo mixto, pero non coeducador. Malia que as materias, o profesorado, as aulas son as mesmas para os alumnos e para as alumnas, na escola seguimos transmitindo un modelo sexista. Os libros de texto e a propia linguaxe empregada nas aulas segue a ser discriminatoria e sexista. A pesar de que o número de profesoras é xa superior ao de profesores, os órganos de goberno dos centros están ocupados maioritariamente por homes. Tamén se están a reproducir os estereotipos de xénero nas aulas nas relacións que se manteñen co alumnado e nos modelos que se transmiten.
1