Ramón Antonio Vicente Otero Pedrayo naceu o 5 de marzo de 1888 na rúa da Paz de Ourense. Era fillo único de don Henrique Otero Sotelo, médico liberal, e dona Eladia Pedrayo Ansoar. Catro anos antes nacera no primeiro piso da mesma casa, Vicente Risco, amigo co que xogaba nas tardes de inverno.
O neno Ramón Otero criouse no seo dunha familia fidalga, liberal e culta. De rapazolo andaba a xogar pola rúa da Paz, pola praza do Ferro... no seu Ourense natal. Pasaba tamén longas estadías na casa familiar da aldea de Cima de Vila na parroquia de Trasalba. Dende a solaina vía un grande anaco de chan galego.
De moi pequeniño foi á escola de nenas maiores e de parvuliños das Señoras da Hermida. En setembro de 1898 ingresa no Instituto de Ourense (hoxe leva o seu nome). Alí sente unha especial devoción polo seu profesor de Xeografía e Historia, de quen aprendeu a sentir emoción ante a paisaxe.
Trala morte do seu pai chega a Santiago de Compostela en 1905 para seguir os estudios de Filosofía e Letras, que rematará en Madrid, onde acada a licenciatura en Dereito e o doutoramento en Filosofía. Primitivo Rodríguez Sanjurjo introdúceo no ambiente intelectual da capital.
Cos membros das Irmandades. Otero é o segundo pola dereita na fila do medio.
En 1911, recén rematados os seus estudios, volve a Ourense. Con Risco, Cuevillas e Primitivo Rodríguez fundan “La Centuria”, revista na que publicará os seus primeiros artigos. Participa na vida cultural ourensá e ingresa en 1917 nas Irmandades da Fala, baixo a influencia de Lousada Diéguez.
O 23 de marzo de 1919 toma posesión como catedrático en Burgos. Despois trasládase a Santander onde coñecerá a Josefina Bustamante Muñoz, “Fita”, a que será a súa muller dende o 6 de agosto de 1923. A partir de 1921 instálase definitivamente en Ourense onde exercerá o seu labor docente no mesmo instituto no que cursara o bacharelato.
O 30 de outubro de 1920 aparece a revista “Nós”, que dará nome á xeración de don Ramón Otero Pedrayo. Publicará oitenta e sete traballos sobre xeografía, literatura estranxeira, cultura dos pobos celtas, divagacións sobre Compostela e relatos curtos.
O 12 de outubro de 1923, na casa de Castro de Ortoño, onde Rosalía de Castro pasara os seus anos de nena, asínase a acta fundacional do Seminario de Estudos Galegos. Otero Pedrayo incorpórase a esta institución e dirixe a sección de Xeografía.
Inicia en 1925, ano no que aparece na colección Lar o seu primeiro relato “Pantelas, home libre”, un intensísimo labor literario. En 1928 publica “Os camiños da vida” a grande novela que nos amosa a transformación da sociedade rural galega durante o século XIX.
Os seus amigos Cuevillas e Risco
En 1930 publica “Arredor de si”, novela na que retrata a conversión ao galeguismo dos homes da súa xeración. Adrián Solovio, o protagonista, despois de andar desacougado polas culturas europeas descubre as súas raíces, encóntrase con Galicia e coa súa conciencia nacional.
Otero Pedrayo foi quen mellor describiu a nosa paisaxe; segundo el son tres os elementos fundamentais que actúan nela: o cósmico, o biolóxico e o humano. A paisaxe ten vida propia e determina a do home configurando a súa propia psicoloxía.
De entre a súa producción ensaística, que abrangue estudios xeográficos, semblanzas e biografías, guías e libros de viaxes, hai que destacar o “Ensaio histórico sobre a cultura galega” do 1939, obra na que presenta o desenvolvemento histórico de Galicia dende a prehistoria ata os comezos do século XX.
A actividade poética de don Ramón era considerada por el mesmo coma un divertimento marxinal e improvisado. Ademais de diversos poemas espallados en xornais e revistas, publicou no 1958 un libro de poesías co título “Bocarribeira. Poemas pra ler e queimar”.
“A lagarada” (1929), é a súa primeira peza dramática na que a vendima e o viño espertan as paixóns máis elementais dos personaxes. Intercálanse escenas tinxidas de maxia, fantasía e ambientación poética que poñen o contrapunto aos acontecementos dramáticos.
Cos deputados galeguistas en Barcelona
En abril de 1931, Otero funda con algúns compañeiros do grupo galeguista de Ourense o “Partido Nazonalista Repubricán”. Acada unha acta de Deputado pola provincia de Ourense nas Cortes Constituíntes de 1931. Coincide con Castelao en Madrid e participa na constitución do Partido Galeguista que relanza o Proxecto de Estatuto de Autonomía.
O pobo galego refrenda o Estatuto de Autonomía o 28 de xuño de 1936. O 18 de xullo do 1936 estoura a guerra civil. O 21 de agosto de 1937, Otero Pedrayo é afastado da súa cátedra do instituto de Ourense e dado de baixa no escalafón de catedráticos.
En Buenos Aires con Antón Alonso Ríos e Fita
En xuño de 1947 viaxa a América para dictar unha chea de conferencias. En Buenos Aires atópase con Castelao. En Montevideo encárganlle a dirección da “Historia de Galicia”. En 1952 publica o libro “Polos vieiros da saudade”, crónica da súa viaxe a América.
O 21 de setembro de 1948 é reposto na súa cátedra do instituto de Ourense. En 1950 acada a cátedra de Xeografía da Universidade de Compostela e vive a súa época máis brillante, acompañado dos estudiantes e con moitos amigos. Nunca suspendeu a ninguén.
Alterna os seus labores docentes coas tertulias do café “Español” e coas tarefas literarias. En 1950 participa na fundación da editorial Galaxia. Cando se xubila como catedrático en 1958 volve para Trasalba onde os amigos lle tributan unha merecida homenaxe.
Otero Pedrayo convértese no referente intelectual e cívico de Galicia. É o Patriarca das Letras Galegas. Unha conferencia del era sempre unha lección de oratoria, cunha grande riqueza de recursos culturais e expresivos. En 1962 gaña o premio “Galicia” instituído para galardoar ao escritor galego que máis tivera contribuído á exaltación literaria da súa terra.
Con Fita en Trasalba; detrás a araucaria
En febreiro de 1973 un vendaval arrinca a araucaria que o seu pai plantara o mesmo día do nacemento do neno. En 1975 morre dona Fita. A soidade e a tristura vanse achegando a don Ramón: “Eu sufro moito. Polas mermas da ancianidade, pola morte do agro galego que tanto amei...”
O día 9 de abril de 1976 don Ramón dille aos que o atenden: “Arestora están nas redaccións dos periódicos de Galicia esperando lles deades a nova da miña morte”. Morre ao día seguinte. Foi enterrado en Ourense o luns 12. O seu cadaleito constuíuse coa madeira da araucaria que el chamaba “o meu irmán”.
O coraz贸n de Galicia paralizouse para honrar ao Patriarca das Letras Galegas. En 1988, coincidindo co centenario do seu nacemento, adic谩ronselle as Letras Galegas. No 2001 conmemoramos o vintecinco cabodano do seu pasamento. E sempre estar谩 presente en n贸s, nos galegos e galegas.