Síntese dun comentario de texto para 4º ESO.
¡En pé! ¡Irmáns! En pé sereos a limpa fronte erguida, envoltos na brancura da luz que cae de riba, o corazón aberto a toda verba amiga e nunha man a fouce e noutra man a oliva, arredor da bandeira azul e branca, arredor da bandeira de Galicia, ¡cantémo-lo dereito á libre nova vida!
Validos de traidores a noite de Frouseira á patria escravizaron uns reises de Castela. Comestas polo tempo xa afrouxan as cadeas... ¡Irmáns asoballados de xentes estranxeiras, ergámo-la bandeira azul e branca! E ó pé da enseña da nación galega cantémo-lo dereito á libertá da Terra!
¡Irmáns no amor a Suevia de lexendaria historia, ¡en pé! ¡En pé dispostos a non morrer sen loita! ¡O día do Medulio con sangue quente e roxa mercámo-lo dereito á libre, honrada chouza! ¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca! ¡A oliva nunha man, a fouce noutra, berremos alto e forte: “A nosa terra é nosa”. Ramón Cabanillas, Da terra asoballada, 1917
1. Autor, obra, contexto.
Ramón Cabanillas Enríquez naceu en 1876 en Cambados. Abandona o seminario eclesiástico aos 17 anos e entra a traballar na administración na súa vila natal. En 1910 emigra a Cuba, lugar onde se dá a coñecer como poeta galego coa publicación dos seus dous primeiros libros: No desterro (1913) e Vento mareiro (1915), continuando a liña de poesía social de Curros. En Cuba entra en contacto co movemento agrarista, precisamente Basilio Álvarez, líder de Acción Gallega, prologa o seu primeiro poemario e en Vento mareiro aparece o himno composto para o sindicato labrego liderado polo crego ourensán. En 1915 retorna a Galicia. Colabora coas Irmandades da Fala e escribe no xornal A Nosa Terra. Convértese 1 na principal voz lírica do agrarismo e do galeguismo. Publica en 1917 Da terra asoballada, libro no que aparece o poema que orixina este comentario. Posteriormente ingresa na RAG (Real Academia Galega) e publica novas obras. A obra lírica de Cabanillas manifestase en tres direccións temáticas: * Poesía cívica: Recolle o facho prendido por Curros. É unha poesía influída polo compromiso co agrarismo e o nacionalismo das Irmandades da Fala. Aparece unha exaltación da Aldea fronte á cidade, unha idea de Galicia como unidade colectiva e unha chamada á rebelión. * Poesía intimista: Lembra a Rosalía de Castro. O sentimento amoroso e a conmoción ante a paisaxe son os protagonistas destes poemas. * Poesía costumista: Temática decimonónica, mais con elementos formais do modernismo. A poesía narrativa aparece orientada cara á recuperación das raíces e a creación de mitos como un xeito de mobilizar a conciencia colectiva. En “Na noite estrelecida” (1926) recupera os temas da materia de Bretaña: as lendas de Rei Artur e o Santo Graal. Consciente da importancia do teatro como medio de popularización da nosa historia e da nosa cultura, publicou dúas pezas: “A man de Santiña” e “O mariscal”, esta última, obra posta ao servizo do ideario das Irmandades da Fala.