Exposición papagaio para blog

Page 1

25 ANIVERSARIO


Co gallo da conmemoración do 25 aniversario da creación do Instituto de Ensinanza Secundaria Isaac Díaz Pardo de Sada, a comunidade educativa do dito centro organiza, en colaboración con Maribel Longueira e a Concellería de Cultura de Sada, a exposición “Papagaio”, un conxunto de 80 fotografías de Maribel Longueira e vinte poemas da finada e sempre lembrada Luísa Villalta, na que se retoma a memoria deste singular barrio coruñés, tradicionalmente dedicado á prostitución, derruído hai xa unha ducia de anos. Durante semanas anteriores e nos días que duraron os traballos de demolición deste barrio marxinal, Maribel Longueira permaneceu atenta, rexistrando coa cámara as paredes e os cascallos, presentindo a realidade controvertida dun comercio protagonizado polos corpos das mulleres e do que eran testemuñas as paredes vencidas e os obxectos espallados entre o po e a lama. En principio soa, máis tarde coa complicidade da escritora Luísa Villalta, narraron unha historia sobre a memoria dunha arquitectura xa desaparecida. Os dous eixos temáticos que determinan esta exposición de imaxes e palabras son: por unha banda, a destrución e a ruína; por outra, o mundo da prostitución que albergaban as desaparecidas rúas do barrio.

Fotografía de Maribel Longueira.


MARIBEL LONGUEIRA MIRA Fotógrafa e historiadora da arte. Naceu na Coruña en 1951, onde traballa dende o ano 1972 en actividades de interese plástico, cine, teatro, cerámica e pintura, centrándose na actualidade na fotografía, como investigadora teórica e práctica. Entre as súas publicacións fotográficas destacan portadas e ilustracións de numerosos traballos: o libro homenaxe a Ánxel Casal con textos de varios escritores; Mar de Lira; Alguén agarda que volva alí , ilustrando as palabras de dezanove escritores galegos sobre Cuba ( do que se fixo unha exposición que percorreu Galicia enteira). Destacamos a súa obra Papagaio , “ as vivencias da xente quedan esparexidas polo chan e eu, como unha arqueóloga, recólloas para amosalas”. É a fotografía como denuncia arquitectónica e a documentación visual dun problema social como é a prostitución”. A amizade ten flor que rebenta nas paredes, sobrevive da podremia mutua e só precisa das fiestras abertas onde nace e se deita o sol de dentro. Compartir as cordas de tender a roupa vibrantes de emoción e de necesidade por aquelas cousas que a auga da vida non dá lavado, pola dor que as esfrega deteriora, volve inúteis e entón hai que poñelas a secar ao ar das bocas abertas, xanelas asustadas. Non é amor no sentido estrito da palabra senón amor de luz, esa grande indiferencia que produce estar ao alcance porta con porta, vida con vida, coas cordas frouxas, destensadas máis e máis a medida que a auga do tempo amolece o tecido irreversíbel destes nosos corpos, o único que somos.


LUÍSA VILLALTA GÓMEZ Naceu na Coruña en 1957. Dentro do ámbito da poesía publicou Música Reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) ademais de textos e colaboracións en diferentes medios. A súa actividade literaria esténdese a outros ámbitos creativos como a narrativa, con libros como Silencio, ensaiamos (1992), as novelas Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001) e tamén do teatro, xénero para o que escribiu os textos Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das Esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999). Licenciada nas Filoloxías Galego-Portuguesa e Hispánica, tamén se ten revelado como asidua analista e intérprete da literatura nos libros ensaísticos O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) e O outro lado da música, a poesía (1999). Foi profesora no IES Isaac Díaz Pardo, de Sada. Finou en 2004.

Capa do DVD realizado por Gallaecia Filmes, a produtora de audiovisuais do IES Isaac Díaz Pardo.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.