LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
MANUEL MARÍA O MUIÑEIRO DA PALABRA
COMPROMETIDO CON
GALIZA
1
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
Casa natal e actual casa museo en Outeiro de Rei.
Nacín o 6 de outubro de 1929 en Outeiro de Rei, un concello situado a 11 km de Lugo de algo máis de cinco mil habitantes.
Foto familiar cos pais e irmáns en 1940.
Cando meu avó e padriño te plantou na hora de hortas: eras un cedro noviño de ponlas febles e cortas! Cedro xentil, labarada de delicada elegancia: ti fuches o meu compañeiro nos días da miña infancia! (Terra Chá, 1954)
Son fillo de Antonio Fernández Núñez e Pastora Teixeiro Casanova, labregos acomodados que me educaron nun ambiente familiar tradicional e relixioso xunto cos meus tres irmáns. Estudei na escola de Outeiro de Rei e logo preparei o meu ingreso no instituto cun mestre que me aprendeu a amar a poesía galega, algo que me marcou xa para sempre. Despois iniciei o bacharelato no curso 1942/43 no Instituto Masculino de Lugo e máis tarde na Academia Galicia dos maristas, xa que Con 11 anos. o meu pai faleceu en 1943. O meu tío, párroco de San Froilán e profesor de Filosofía no Instituto Feminino da cidade foi quen se encargou de min, aínda que sempre que podía marchaba a Outeiro de Rei.
2
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
O ano 1949 foi un ano decisivo na miña vida xa que con só dezanove anos pronunciei no Círculo das Artes de Lugo o meu primeiro relatorio. Coñecín a Luís Pimentel, Ánxel Xohán, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro, Carballo Calero… e convertinme en editor da revista Xistral, onde publico os meus primeiros versos en galego. O meu primeiro libro de poemas, Muiñeiro de brétemas, sairá ao ano seguinte na colección Benito Soto, de Pontevedra. É a primeira obra que sae Cando remata o bacharelato.
á luz dun poeta novo e é o texto que marca a aparición dunha nova corrente poética na lírica galega: a Escola da Tebra. A brétema –só miñacoa súa plenitude mareira de desterros éncheme de tenrura nesta morte de saloucos melancólicos e loitos” (Muiñeiro de brétemas, 1950)
Nacen os primeiros versos de Morrendo a cada intre. A morte en accidente do meu irmán máis novo prodúceme unha profunda crise íntima e relixiosa e lévame a escribir Libro de pregos.
3
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
Inicio os estudos e prácticas de Procurador dos tribunais, publico o meu segundo poemario e gaño o Premio Castelao de Poesía do Centro Galego de Bos Aires. No verán de 1953 escribo a primeira redacción de Terra Chá, un verdadeiro reencontro coa vida chairega e coas miñas raigames labregas.
Con Saleta Goi o día da súa voda.
En 1956 coñezo a Saleta Goi e ábrese unha nova etapa persoal na miña vida. Casamos en Lugo tres anos máis tarde e pouco despois instalámonos os dous en Monforte de Lemos, onde exercerei a actividade profesional de Procurador até a miña xubilación. Entre 1959 e 1963 asisto ás primeiras reunións para reorganizar o nacionalismo galego. Intensifico, así mesmo, a miña creación, non só como poeta, senón tamén como narrador e dramaturgo. Desta época cómpre destacar libros como Documentos persoaes (1958) e Mar Maior (1963).
Para escravo o labrador! No inverno móllase. No vrao derréteo o calor. A súa vida é incerta: ó sementar non sabe se acerta ou non acerta. Para lograr unha anada ten que contar co sol, coa auga, coa xeada… Terra Chá, 1954)
4
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
Comezo a miña creación dramática co Auto do taberneiro (1957), a narrativa con Contos en cuarto crecente (1952) e tamén ensaística Notas encol da poesía de Fermín Bouza Brey (1958). Comprométome, máis se cabe, coa defensa da cultura galega e co país: creo a colección de poesía Val de Lemos, gravo os meus poemas recitados e inauguro a libraría Xistral. Cando en 1964 se funda a UPG, Saleta e mais eu ingresamos no partido e centrámonos na actividade cultural.
Participando nun mitin en Monforte de Lemos.
A miña obra poética faise máis combativa: Versos para un país de minifundios (1961), unha chamada á loita anticolonialista.
Os intres que estamos a vivir son, ouh pobo meu! os da verdade. Non cabe facer trampa, porque estamos xogando a nosa supervivencia colectiva. Agora cobran a súa dimensión xusta, verbas arrepiantes como son: “fala materna, emigración, pobreza, economía, conciencia, minifundio, compromiso” Versos para un país de minifundios, 1961
Publico a novela curta As augas van caudales (1965) na que denuncio a construción de encoros. En 1968 escribo o libro de poemas infantil Os soños na gaiola e a peza teatral Barriga Verde. Nos anos 70 viaxo por Portugal, Suíza, Bretaña, País Vasco… e recibo certo recoñecemento internacional e sobre todo fago visible Galicia ante os ollos de moita xente.
5
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
Publico Cancións de lusco e fusco (1970) na editorial Xistral, e Remol no exilio. En 1973 ve a luz o poemario Aldraxe contra a xistra, no que me laio pola inxustiza ante a pasividade. No 1976 Cantos rodados para alleados e colonizadores, en 1977 Poemas para construír unha patria e en 1978 O libro das badaladas. Nestes anos intensifico o meu labor político e social: xa ingresara na Asemblea NacionalPopular Galega (AN-PG) en 1975, que liderará o agrupamento do nacionalismo galego arredor do BNG, no que me integrara xa dende a súa fundación en 1982. Participo en toda canta empresa cultural me propoñen: conferencias, coloquios, recitais… Colaboro no xornal A nosa terra con crónicas viaxeiras. Agora a temática da miña poesía regresa ao amor e aos eidos nativos: Poemas da labarada estremecida (1981), no que Saleta está presente, Versos de lume e vagalume (1982), Escola de poetas de Outeiro de Rei (1982), A luz resucitada (1984), As lúcidas lúas de outono (1988)… “Volto, desde iso que a xente chama vida, á miña intimidade neboenta: traio millós de millós de incomprensiós, de fechados egoísmos feroces, de resentimentos e miserias. Un, que é capaz de comprender a fala das cousas, dos ventos e os paxaros foi incapaz de entender a moitos homes” Versos de lume e vagalume, 1982
6
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
Pouco a pouco vou acadando a miña plenitude creativa tanto na poesía coma no teatro, na narrativa ou no ensaio: Cancioneiro de Monforte de Lemos (1990), Compendio de orballos e incertezas (1991), Panxoliñas (1992), A primavera de Venus (1993), Poemas a Compostela (1993) e Sonetos á casa de Hortas (1997), último libro de poemas que escribo. As miñas obras tradúcense ao bretón, ao ruso, ao inglés, ao francés… Escribo a peza teatral: Unha vez foi o trebón (1992) e dentro do teatro do absurdo: Farsa de Bulubú (1992). Na narrativa publico a triloxía de relatos de Manuel de Paderna: A tribo ten catro ríos (1991), Cando o a mar foi polo río (1992) e Viaxes e vagancias de M.P. (1994). Comecei a recibir homenaxes e premios: Pedrón de Ouro pola miña dedicación e fidelidade a Galicia; a ASPG rendeume unha homenaxe nacional no teatro Rosalía de Castro na Coruña; a Asociación de Escritores en Lingua Galega dedicoume a 3.ª edición de “ O escritor na súa terra” e entrégame o “E” de escritor; recibo o premio Celanova; noméanme Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos, e outras distincións que agradecín de moito corazón.
7
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
En 1995 xubílome como Procurador de Tribunais e no 98 trasládome a vivir na Coruña. No 2003 son nomeado membro numerario da Real Academia Galega e manteño o meu compromiso social: manifestacións da Plataforma Cidadá “Nunca Máis”, actividades populares como a romaría de Santa Isabel, o Correlingua 2001 ou intelectuais como Galeuzca, AELG, AS-PG… Morrín o 8 de setembro de 2004. Despois de ser velado no Panteón de Galegos Ilustres, fun trasladado a Outeiro de Rei rodeado de moitos galegos e galegas que quixeron acompañarme á miña última morada na Terra Chá.
8
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
Autor dunha das obras máis extensas da historia da nosa literatura, Manuel María foi, sobre todo, poeta. Con todo, velaí a relación da súa obra completa.
Obra poética Muiñeiro de brétemas. Pontevedra: Gráficas Torres, 1950. Cinco pequenos poemas. Lugo: Antonio de Ron, 1950. Morrendo a cada intre. Lugo: Imp. La Voz de la Verdad, 1952. Advento. Bos Aires: Ed. Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1954. Terra Chá. Lugo: Celta, 1954. Libro de cantigas. Lugo: [s.n.], 1955. Documentos personaes. Lugo: Celta, 1958. Libro de pregos. Lugo: Celta, 1962. Mar Maior. Vigo: Galaxia, 1963. Versos frolecidos en louvanza de Foz. Foz: Bahía, 1967. Primeiro premio e 'frol natural' nos primeiros Xogos Florais de Foz, celebrados en 1966. Proba documental. Monforte de Lemos: Fénix, 1968. Versos pra un país de minifundios. Bos Aires: Nós, 1969. Versos pra cantar en feiras e romaxes. Montevideo: Patronato da Cultura Galega, 1969. Remol. Bos Aires: Nós, 1970. Canciós do lusco ao fusco. Monforte de Lemos: Xistral, 1970. 99 poemas de Manuel María. Razão Actual: Porto, 1972. Odes dun tempo de paz e de alegria. Razão Actual: Porto, 1972. Aldraxe contra a xistra. Xenebra (Suíza): Roi Xordo, 1973. Informe pra axudar a alcender unha cerilla. Montevideo: Patronato da Cultura Galega, 1973. Laio e clamor pola Bretaña. Xenebra (Suíza): Roi Xordo, 1973. Seis pétalos de rosa en xeito de retrato. Ed. do autor, 1973. Asinado co pseudónimo Xohán Carneiro. Cantos rodados para alleados e colonizados. Monforte de Lemos: Xistral, 1976. Poemas ó outono. Monforte de Lemos: Xistral, 1977. Poemas para construír unha patria. Santiago de Compostela: AN-PG, 1977. O libro das baladas. Santiago de Compostela: Follas Novas, 1977.
9
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
Catavento de neutrós domesticados. Lugo: Alvarellos, 1979. Brétemas do muiñeiro e poema da neboa aferrollada. Monforte de Lemos: Xistral, 1980. Poemas da labarada estremecida. Monforte de Lemos: Xistral, 1981. Versos do lume e do vagalume. Ourense: Galiza Editora, 1982. Cantigueiro do Orcellón. O Carballiño: A. C. Avantar, 1984. A luz ressuscitada. A Coruña: AGAL, 1984. O camiño é unha nostalxia. A Coruña: Arrancada, 1985. Poemas da labarada estremecida. Monforte de Lemos: Xistral, 1985. Oráculos para cavalinhos-do-demo. Ourense: Caixa Ourense, 1986. Ritual para unha tribu capital do concello. Ourense: Follas Secas, 1986. As lúcidas lúas do outono. A Coruña: Vía Láctea, 1988. Sonetos ao Val de Quiroga. Quiroga: Concello de Quiroga, 1988. Saturno. Barakaldo: A. C. Rosalía de Castro, 1989. Ed. Bilingüe galego-éuscaro. Cancioneiro de Monforte de Lemos. Monforte de Lemos: Concello de Monforte, 1990. Homenaxe ao regato do Cepelo. Ed. do autor, 1990. Compendio de orballos e incertezas. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1991. Hinos pra celebrar ao século futuro. Santiago de Compostela: Ed. Compostela, 1991. Panxoliñas. Guitiriz: Asociación Cultural Xermolos, 1992. Antoloxía poética. A Coruña: Espiral Maior, 1993. Poemas a Compostela. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1993. A primavera de Venus. A Coruña: Espiral Maior, 1993. Cantigas e cantos de Pantón. Pantón: Concello de Pantón, 1994. Poemas para dicirlle a dúas lagoas. A Coruña: Espiral Maior, 1994. O Miño, canle de luz e néboa. A Coruña: Espiral Maior, 1996. Antoloxía poética. Vigo: AS-PG/A Nosa Terra, 1997. Sonetos á casa de Hortas. A Coruña: Espiral Maior, 1997. Cantos, coplas e romances de cego. Lugo: Ophiusa, 1998. MiniEscolma. Ed. do autor, 1998. Camiños de luz e sombra (2000). Obra poética completa I (1950-1979) e II (1981-2000). A Coruña: Espiral Maior, 2001. Elexías á miña vida pequeniña. Vilalba: Instituto de Estudos Chaire.gos, 2004
Obra narrativa Contos en cuarto crecente e outras prosas. Lugo: Celta, 1952. O xornaleiro e sete testemuñas máis. Bos Aires: Ed. Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1971. Kricoi, Fanoi e Don Lobonis. Vigo: Castrelos, 1973. Os ontes do silencio. A Coruña: Nova Galicia, 1990. Cando o mar foi polo río. Vigo: S.M., 1992. Novena a Santa Isabel, por un devoto de Outeiro de Rei. Guitiriz: Asociación Cultural Xermolos, 1995. Historias do empardecer. Santiago de Compostela: Laiovento, 2003.
10
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
Obra dramática Auto do labrego: a Ramón Patiño, amigo, pintor e poeta, e mais que nada, galego. Porto: Escola tip. da oficiana de São José, 195? Auto da costureira. Bos Aires: Hogar Gallego para Ancianos, 197? Auto do taberneiro. 4 ventos. Monforte de Lemos: Xistral, 1970. 2ª ed. Auto do mariñeiro (brevísima farsa dramática en tres tempos). Monforte de Lemos: Xistral, 1970. Barriga verde. Vigo: Castrelos, 1973. Auto trascendental do ensino tradicional (1979). Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. Monforte de Lemos: Xistral, 1981. "Auto do Maio esmaiolado", en Cadernos da Escola Dramática Galega, 1985. Abril de lume e ferro. Carral: Concello de Carral, 1989. Auto do Castromil ou a revolución dos baúles. Santiago de Compostela: Castromil, 1992. Farsa de Bululú. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1992. A lúa vai encoberta. Vigo: Diario 16 de Galicia, 1992. Edipo. A Coruña: Universidade da Coruña, 2003. Edición de Miguel Anxo Mato.
Obra infantil e xuvenil As rúas do vento ceibe. Monforte de Lemos: Xistral, 1979. A tribo ten catro ríos. Vigo: S.M., 1991. Unha sombra vai polo camiño. Como desapareceu a Atlántida e apareceron os lagartos. Vigo: Xerais, 1991. Cando o mar foi polo río. Vigo: S.M., 1992. Novos contos para nenos. [Galicia]: Citania, 1992. Viaxes e vagancias de M. P. Vigo: S.M., 1994. As ribeiras son escuras. A Coruña: Everest Galicia, 1997. O bigote de Mimí. A Coruña: Everest Galicia, 2003. Os soños na gaiola: (versos pra nenos). Lugo: Cartonajes ANMI, 1958.
Obra ensaística Notas encol da poesía de Fermínn Bouza-Brei. A Coruña: Real Academia Galega, 1958. Noticia da vida e da poesía de Xosé Crecente Vega. Coimbra: Facultade de Letras da Universidade de Coimbra, 1968. Noticia da poesía galega de posguerra. Lisboa. 1972, Sociedade da Língua Portuguesa). Homes, feitos e palabras. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1996. A Terra Chá: poesía e paisaxe. A Coruña: Real Academia Galega, 2003. Discurso lido o día 15 de febreiro de 2003, no acto da súa recepción na Real Academia Galega. Andando a Terra. Vigo: A Nosa Terra, 1990. Escolma dos artigos publicados no xornal A Nosa Terra co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova, ao coidado de Miguel A. Mato Fondo e Mª Pilar García Negro.
11
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
A POESÍA
MANUEL MARÍA foi o primeiro poeta novo que publicou despois da guerra civil. Foi o máis prolífico e variado, que cultivou practicamente todas as tendencias literarias que se sucederon desde a posguerra. A súa poesía, como a vida mesma, é unha realidade plural e múltiple en todos os planos: temático, formal e actitudinal. As propostas rupturistas do comezo que se centran nas vivencias íntimas do poeta e nunha visión existencialista da vida; o compromiso e a denuncia social que percorren toda a obra; a paisaxe galega e as xentes que a habitan coas súas tradicións e problemas; o amor sempre presente e representado pola súa compañeira, Saleta. Domina todos os rexistros formais: desde o popular da poesía tradicional ata o culto dos clásicos; utiliza con frecuencia a sátira para denunciar a inxustiza e introduce nos poemas distintas linguaxes profesionais como a administrativa e a xurídica. Alleo a modas e correntes poéticas, recolle nos seus versos os soños e o sufrimento do pobo galego. Como poeta galego asume a responsabilidade de tentar transformar o mundo coa súa poesía, que está ao lado dos que sofren nun contexto socio-político moi difícil. Como escritor necesita dar testemuño das súas vivencias e sentimentos. Estes dous elementos, o social e o íntimo, articulan a súa extensa obra poética. Hai catro liñas temáticas fundamentais na súa poesía: Existencial
Paisaxística
Intimista-amorosa
Social
12
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
POESÍA EXISTENCIAL O MOZO Manuel María comeza a escribir os seus primeiros libros a partir de 1949, un tempo marcado pola opresión, o silencio e o medo que seguiu á guerra civil. É unha poesía pesimista e angustiada que reflicte a realidade política, social e cultural dun país onde se asinan ordes de fusilamento e onde se rexeita e perseguen a lingua e a cultura galegas. Méndez Ferrín denominou este tipo de poesía como “Escola da Tebra”, nome bastante ilustrativo. O poeta ergue a súa voz desgarrada e a súa carraxe, séntese orfo nun mundo hostil contra o que loita cunha linguaxe que se aproxima ao surrealismo. Fala consigo mesmo, reflexiona sobre a realidade e ás veces diríxese a Deus, considerado como un ser terrible ou como unha presenza máis amable, que se percibe en distintos momentos da súa longa obra. A sombra, a brétema, a violencia e a dor ofrecen unha visión claustrofóbica da súa terra e do seu tempo. Esta voz inicial que denuncia a inxustiza e o horror irá evolucionado posteriormente cara ao compromiso político .
“ Os meus berros absolutos son o meu acento disolvido en ácido sulfúrico. A angustia, a carraxe e o arrepío é a miña música de paxaros baleiros de garimos que viñeron arrolarme cando tiña mes e medio aproximadamente.”
Títulos: Muiñeiro de brétemas Morrendo a cada intre Advento Libro de Pregos
“ Quixera escribir nun penedo a miña desesperación de león furioso para que as campanas non choren sobre o meu sangue irto derramado nun inútil sacrificio.” “ Mais nós seguiremos mortos nun fracaso de astros afogados.” Morrendo a cada intre “ Entón é cando tedes medo ao anxo dos agoiros. Tedes medo a morrer nun carreiro de sombras, sen auga nin luz pura para os vosos beizos secos de ardimento.” Advento
13
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
POESÍA PAISAXÍSTICA A POESÍA paisaxística rural goza dunha longa tradición na nosa literatura e conta con elementos populares, costumistas e cultos. No caso de Manuel María atopamos influencia da tradición popular que, a través de cantigas, recollen os distintos aspectos da vida rural: traballos, amores, crenzas... Tamén descubrimos a pegada de Rosalía na recreación dunha paisaxe moi próxima aos seres que a habitan e que ten como elemento central a casa- Sonetos á Casa de Hortas-. Están presentes tamén poetas chairegos nesa celebración da paisaxe como algo case íntimo; e unha percepción épica da terra que o viu nacer e que ama profundamente, sentimento que se irá achegando á conciencia política co paso dos anos. O autor recrea a cultura material- a labranza, os animais, a casa, os distintos oficios e personaxes, a familia, as festas... E a espiritualidade-mitos e lendas- do pobo galego cunha fidelidade enciclopédica. Os nomes das aldeas, das árbores, os ríos: O Miño co seu grande caudal enche a obra do poeta e fala do mundo onde comezou a vivir. O regato do Cepelo, de canle reducida e humilde, simboliza a brevidade da vida. En moitas ocasións é unha paisaxe idealizada, o mundo antigo, rural, o refuxio seguro que representa o lume do fogar. Mais tamén aquí hai amargura, medo, sombra simbolizadas polo frío invernal, pola falta de xente que emigrou, que morreu...
Terra Chá A Terra Chá somentes é un pobo aquí, outro acolá, mil arbres, monte raso, un ceo chumbo e tráxico no que andan as aves a voar. O resto é soedá. Dimensiós Ollada a Terra Chá dende as alturas é semellante a un mar en calma. Pra medila só valen dúas mensuras: ¡ferrados de corazón, fanegas de alma! Povos Povos humildes, ciscados pola Chá: Taboi, Cela, Mosteiro, Bonxe, Aguiar, Folgueira, Matela, Sobrada, Arcillá! Despois: ¡ Xustás, Ludrio, Ansemar, San Fiz, Arcos, Bendía, Couto de A, Loentia,Castro, Azúmara e Bazar...!
Títulos: Terra Chá Ritual para unha tribu capital de concello Versos do lume e do vagalume A luz resucitada Oráculos para cavaliños-do-demo
Abadín, Rábade, Cospeito, Guitiriz, Castro de Rei, Xermade e A do Monte! Outeiro de Rei, Moncelos e Mondriz...! Támboga, Trobo, Lanzós e mais Begonte, O Santo, Quintela, Rozas e Goiriz...! ¡En tanta inmensidade e tanto monte, Vilalba, a branca, sorríndose feliz!
14
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
12 O sagro Miño, co seu paso de boi e o seu enigma de deus ignoto e misterioso, deume a súa lenta música solemne, coa que vou iluminando a pobreza das miñas palabras sen luír: herdo vencello revelación da nosa tribo, única chave coa que podemos abrir o noso ser. Diante do pai Miño un queda abraiado. E sinte, no máis fondo, o inefábel. Un non pode ser máis que miñoto: pinga de auga .
7 Feito estás, Outeiro, dunha seda máxica, pesada choiva anterga, auga lene, clara, fuxidía e música lenta, imperceptíbel de solpores que se meten en nós cunha melancolía maina e agridoce. (...)
20 A vella, fermosa carballeira, pon en nós un inquedo tremor respectuoso: cada carballo é un ser vivo que canta, sofre e ama. A súa sombra é un enigma no que non podemos penetrar doadamente. E a súa voz, rouca e cambiante, ten un tremor escuro de salmodia. ¿Que mensaxe nos quere transmitir o seu canto humano e vexetal?
15
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
POESÍA INTIMISTA E AMOROSA AÍNDA QUE a vea amorosa non é a dominante en Manuel María, o certo é que este tema aparece de xeito máis ou menos continuado ao longo de toda a obra, en poemas que expresan o sentimento do amor cara a unha persoa concreta, Saleta Goi, a súa compañeira. A amada como ser que ilumina a vida, que acompaña, que é o único elemento positivo contra a vida cotiá; o amor como experiencia total e compartida dos seres humanos; o sentimento amoroso expresado a través nos tópicos literarios da tradición europea da que o poeta forma parte; a identificación da amada coa terra, coa tribo como unha nova forma de entender a relación: “E os tres-Saleta, a tribo e mais eu/ somos, xa para sempre endexamais,/ a terra pura, carnal e apaixonada.” Os sons dos ríos, das campás, das aves que nos leva outra vez á tradición, o son da terra que se identifica co corpo da amada nunha comuñón cun lixeiro erotismo.
Títulos: Poemas da labarada estremecida Mar Maior A luz resucitada Poemas ao Outono Versos do lume e do vagalume
O teu nome de sal e primaveira feito de asombro, gracia, fermosura, enche os beizos de mel e de tenrura, dunha música maina e feiticeira. O teu nome aluma a noite escura, este meu mar sen porto nin ribeira e pon no corazón luz verdadeira: unha coita de amor calada e pura. O nome teu, amor, ábreme o mundo, ultrapasa a razón, o sentimento e fai o coñecemento máis profundo. Pronuncio o nome teu de xeito lento e pérdome por el, nel me confundo deica facerme anceio, sol e vento.
16
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
Agora que é Outono, miña amiga, miña amante e sinxela compañeira, habémonos chegar deica a ribeira onde a brisa deixou unha cantiga. E que sexa Outono quen nos diga os segredos que ten a sementeira como se foi espindo a carballeira e que promesas granarán na espiga. Nós sabémonos puros e cumpridos ao sentirnos tan un e tan xunguidos nesta paisaxe lene e musical. ¿Non lembras en Outonos xa vividos ao río retratar no seu cristal os soños que coidabamos perdidos?
“ O verdadeiro amor é como a brasa: cintilante robí que nos deslumbra, ensoñación calada na penunbra e ferida feliz que nos traspasa.”(...)
Cando Saleta entrou por vez primeira na casa petrucial dos vellos Hortas abríronse, por si, todas as portas e emocionáronse o cedro e a nogueira. E, con Saleta, chegou a Primaveira e deulle nova vida ás seivas mortas que rebentaron pasmadas e absortas enchendo de luz e neve a horta enteira. E toda a casa sorriu agradecida. Semellaba unha flor a súa sorrisa: a rosa máis ruborosa e acendida. Saleta, silenciosa e conmovida sentiu no corazón a mao da brisa e como entraba a casa na súa vida.
17
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
POESÍA SOCIAL OS LIBROS de contido social e político constitúen unha parte importante da súa obra. Podemos distinguir tres modelos: a) Textos de carácter panfletario e satírico. b) Textos de acento épico. c) Textos nos que o panfletario e o épico se funden co lírico e coa actitude solidaria do poeta. Este discurso social amosa a preocupación polos problemas colectivos e o texto literario achégase ao panfleto político. A lingua é coloquial e prosaica. Utiliza a sátira e a ironía con frecuencia. Incorpora elementos considerados tradicionalmente non poéticos como a linguaxe do cine ou do cómic, vocabulario burocrático e xornalístico, estatísticas, obxectos de consumo para criticar con acidez a sociedade capitalista e consumista, á que opón a memoria do pobo dos oficios tradicionais galegos ; esta é a mesma Galiza da que fala Rosalía. Eleva as mulleres labregas, traballadoras á categoría de heroínas; fai referencia a diferentes problemas políticos e económicos do momento, á loita antifranquista ou á conciencia ecoloxista. Galiza como colectividade será un dos grandes temas da súa obra, xunto coa defensa da lingua galega á que dedica numerosos poemas. O noso autor pertence a unha xeración moi comprometida política e culturalmente e esta actitude está presente en toda a súa obra. Títulos: Documentos personaes Proba documental Catavento de neutrós domesticados Acuso á clase media
“Acuso á clase media-grandes e pequenos burguesesporque eles foron e son os que traizoan o espírito sinxelo, enxebre e antergo de Galiza. Falo en nome dos mariñeiros, dos labregos, dos ferreiros, dos criados de servir, dos zoqueiros, muiñeiros e arrieiros, dos humildes carpinteiros de ribeira.(...) dos que se ven obrigados a emigrar(...) Acuso á clase media de servil, de axeonllarse diante dos que mandan, traizoando aos seus, á xente súa, ao pobo indefenso e aldraxado. Acuso á clase media de imitar as modas que impoñen en Madrid e de pechar covardemente os ollos ás realidades que teñen ante si. (...)”
18
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
Galiza Galiza docemente está ollando o mar: ¡ten vales e montañas e terras pra labrar! Ten portos, mariñeiros, cidades e labregos ¡cargados de traballo cargados de trafegos! Galiza é unha nai velliña, soñadora: ¡na voz da gaita rise, na voz da gaita chora! Galiza é o que vemos: a terra, o mar, o vento... ¡Pro hai outra Galiza que vai no sentimento! Galiza somos nós: a xente e mais a fala ¡Si buscas a Galiza en ti tes que atopala!
Poema do alleado Son un bilingüísta moi apaixonado, un colonialista ben colonizado. Teño lingua nai e unha lingua pai e unha lingua filla que me maravilla. ............................... Son un alleado fino e progresista ben domesticado. ¡Son un castrapista como está mandado!
19
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
A fala
Bando
O idioma é a chave coa que abrimos o mundo: o salouco máis feble, o pesar máis profundo.
Prohíbese, por orde da Alcaldía, que medren porque si as rosas do xardín municipal. Dende agora as pombas teñen que pedir licencia para voar. Prohíbeselle á lúa andar ceiba de noite polo ceo. A lúa é unha tola que anda espida dando mal exemplo ás nenas castas e aos fillos de familia.
O idioma é a vida, o coitelo da dor, o murmurio do vento, a palabra de amor. O idioma é o tempo e a voz dos avós e ese breve ronsel que deixaremos nós. O idioma é un herdo, patrimonio do pobo, maxicamente vello, eternamente novo. O idioma é a patria, a esencia máis nosa, a creación común meirande e poderosa. O idioma é a forza que nos xungue e sostén. ¡Se perdemos a fala non seremos ninguén! O idioma é o amor, o latexo, a verdade, a fonte da que agroma, a máis forte irmandade. Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer. ¡Precisamos a lingua se queremos vencer!
Pagarán trabuco os poetas. Prohíbese soñar de 10 a 11. Prohíbese derramar bágoas Pódese chorar tan só cando hai sequía para que non fiquen baleiros os pantanos. Un só se pode emocionar os Xoves e Domingos cando toca a Banda do Concello no quiosco. Están fóra da lei as estrelas, a Primavera, as flores e os paxaros. Dáse este bando en tal e cal para que se cumpra de orde do Alcalde. Asinado, carimbado e rubricado.
20
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
ESCRITOR POLIFACÉTICO A PRENSA adquire na obra de Manuel María unha grande relevancia non só polas súas colaboracións xornalísticas, senón tamén polas súas contribucións literarias. Así, a súa narrativa breve e a dramaturxia ocuparán durante anos as páxinas de distintas cabeceiras. A súa obra narrativa e teatral é tamén unha arma que o autor chairego emprega para se defender da inxustiza social. Nos relatos breves As augas van caudales (1965), Os alugados (1966) e O xornaleiro e sete testemuñas máis (1971) relata, dende distintas perspectivas, as loitas dos camponeses que se rebelan ante as duras condicións laborais e a precaria situación económica en que se ven inmersos e en que son oprimidos. Máis tarde publica a fábula Krikoi, Fanoi e Don Lobonís (1973). A partir dos anos oitenta vaille prestar un maior interese á súa produción narrativa. Destacamos a triloxía de Manuel de Paderna – A tribo ten catro ríos (1991), Cando o mar foi polo río (1992) e Viaxes e vagancias de M.P. (1994). Na esfera teatral merece subliñarse a súa peza Barriga Verde (1968), que recolle as súas impresións como espectador do grupo teatral do mesmo nome que frecuentaba as festas dos San Froilán lugués. A súa atención ao xénero teatral é debida a varios factores: para evitar que desaparecesen os certames teatrais, así escribe Farsa de Bululú (1992) e A Revolución de 1946 (1989); para fornecer o repertorio de compañías teatrais, Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela (estreada en 1975 e publicada en 1979), e polas posibilidades didácticas que o formato teatral ofrece para a transmisión do seu ideario, a defensa do uso do galego e para fomentar o espírito crítico e reflexivo ante determinadas situacións ou comportamentos sociais, Auto da Costureira (1973), Semente de dramón dos medios de comunicación (1978), Auto do maio esmaiolado (1982) e A lúa vai encoberta (1992).
21
LETRAS GALEGAS 2016
EDLG do IES Isaac Díaz Pardo
A maduración intelectual, o estudo e a reflexión sobre a realidade galega do seu tempo e a lucidez e o rigor dun extraordinario lector converteron a Manuel María nun ensaísta igualmente fecundo. Máis alá das súas colaboracións xornalísticas e da actividade cultural, realizou diversos traballos de grande relevancia en dous períodos separados por unha década de silencio debido ao traballo no plano político e poético desenvolvido neses anos. Así destacamos: 1958 – 1972: Notas encol da poesía de Fermín Bouza-Brei. A poesía galega de Celso Emilio Ferreiro. Noticia da vida e poesía de Xosé Crecente Vega. Noticia da poesía galega de posguerra. A nova canción galega á altura do ano 70. A Terra Chá. 1985 – 1998: A oratoria de Ramón Otero Pedrayo. O tema da emigración na poesía galega. A presencia do mar na poesía galega. Lembranza de Vicente Risco. A recuperación da narrativa en galego: Ánxel Fole. En definitiva, Manuel María, o muiñeiro da palabra, o poeta comprometido e combativo, o que cantou a beleza e fermosura da paisaxe e da xente. O poeta que nos fixo vibrar coas súas delicadas palabras de amor, coas súas rexas palabras de denuncia, coas súas verdadeiras palabras de xustiza e liberdade. El, representa a conciencia popular e cultural de Galicia, o apego á terra, á súa xente e ás súas cousas; o compromiso inquebrantable co noso idioma. Manuel María Fernández Teixeiro, o poeta da Terra Chá, o POETA NACIONAL DE GALICIA. Eu son Manuel María, labrego con algo de poeta. Por iso gardo as albas no fondo dos meus ollos e ando de vagar o meu camiño, e pídolles ás cousas a súa tenrura e aos homes pídolles verdade. Non teño máis tarefa: son unha humilde folla que salaia na noite escura movida polo vento. Eu son Manuel María, un son tan só, lonxano e feble.
22